| Programas de Investigación /
Guía de Conflitos |
| Guía de conflitos nº 2: Sáhara Occidental |
|
ÍNDICE:
1.- Orixe e desenvolvemento do conflicto 1.1.- Colonización (1910) En 1900, trala partición do norte de África entre as dúas potencias coloniais, Francia e España, o Sáhara Occidental convértese na provincia número 53 do Estado español. 1.2.- Proceso de descolonización (1960) No marco do proceso de descolonización auspiciado polas Nacións Unidas na década dos 60, o Estado español debía proceder, por mandato das Nacións Unidas (NNUU), á devolución do territorio aos saharauis para que estes, a traverso dun proceso de autodeterminación, decidisen o seu futuro. 1.3.- Resolución do Tribunal Internacional de Xustiza de La Haya e invasión marroquí (1975) En 1975, as pretensións marroquís sobre o Sahara Occidental son rexeitadas polo Tribunal Internacional de Xustiza da Haya quen dictamina que non existe ningún lazo de soberanía territorial entre o Sahara Occidental e Marrocos ou Mauritania que puidera modificar a aplicación da Resolución 1.514 (XV) da Asemblea Xeral de Nacións Unidas aprobada en 1960 referente á Declaración sobre a Concesión da Independencia aos Países e Pobos Colonizados. Sen embargo, o 31 de outubro de 1975, co apoio de EE.UU. e Francia e o beneplácito do goberno español, o Rei Hassan II organiza a coñecida como “Marcha Verde”, a invasión do Sáhara Occidental por 350.000 civís marroquís. 1.4.- España cede o Sáhara Occidental a Marrocos e Mauritania: acordos tripartitos de Madrid (1975) A marcha foi condeada por Nacións Unidas por violar o dereito internacional pero na práctica desembocou nos acordos tripartitos de Madrid (14 de novembro) polos que o Estado español, infrinxindo a legalidade internacional, entregou o territorio a Marrocos e Mauritania. Posteriormente, en 1979, Mauritania, derrotada, asinou a paz coa Fronte Polisario e renunciou ás súas reclamacións, mentres Marrocos materializaba a ocupación co apoio financeiro e militar de Estados Unidos. 1.5.- Ocupación e exilio en Alxeria (1975-1976) A ocupación marroquí foi acompañada dunha dura represión contra o pobo saharauí, que incluíu bombardeos sobre a poboación con napalm. Varios centos de miles de persoas lograron fuxir a traverso do deserto até Alxeria, que abriu as súas fronteiras e autorizou a instalación dos campos de refuxiados nos que hoxe, 30 anos despois, continúan vivindo no exilio máis de 150.000 saharauís. 1.6.- Creación da Fronte Polisario e guerra (1976-1991) A Fronte Polisario, recoñecida por Nacións Unidas como movemento de liberación nacional e como único e lexítimo representante do pobo saharauí, constituíu o 27 de febreiro de 1976 a República Árabe Saharauí Democrática (RASD) e fixo fronte á ocupación, iniciándose unha guerra que se prolongou até 1991 cando, baixo os auspicios de Nacións Unidas e da Unión Africana, se logrou un alto o fogo. Durante a guerra, Marrocos construíu un muro de 2.800 Km que separa os territorios ocupados dos territorios liberados do Sáhara Occidental. 1.7.- Plan de Paz de Nacións Unidas (1991) O “Plan de Arreglo” foi aprobado o 29 de abril de 1991 polas dúas partes en conflito e polo Consello de Seguridade da ONU a través das súas resolucións 658 (1990) e 690 (1991). Implicaba o alto o fogo, que se fixo realidade o 6 de setembro dese ano, a creación da Misión de Nacións Unidas para o Referendo no Sáhara Occidental (MINURSO) e a celebración dun referendo de autodeterminación, previsto inicialmente para xaneiro de 1992, trala elaboración previa do censo correspondente. 1.8.- Bloqueo, negociacións, estancamento e enquistamento do conflito (1991-2009) Desde a aprobación do Plan de Paz, a resolución do conflito permaneceu estancada, mentres se teñen sucedido as negociacións entre as dúas partes ao longo de practicamente dúas décadas. A MINURSO elaborou o censo e fixouse no ano 2000 a celebración do referendo. A posición de bloqueo de Marrocos, co entorpecemento primeiro e agora coa súa negativa frontal á celebración dunha consulta, impediu até hoxe a súa verificación. Durante os últimos 18 anos sucedéronse diferentes roldas negociadoras sen que a penas se avanzase nunha solución que, como esixen as resolucións de Nacións Unidas, sexa unha solución política xusta, duradeira e mutuamente aceptable, que prevea a libre determinación do pobo do Sáhara Occidental.
2.- Espazo territorial do conflicto O territorio do Sáhara Occidental, situado no extremo occidental de África, esténdese ao longo de 252.000 km2 e ten uns 270.000 habitantes. A maior parte do territorio, un 70% que inclúe toda a costa atlántica, está ocupado por Marrocos mentres que a parte oriental está baixo control da Fronte Polisario. As dúas partes atópanse separadas por un muro de 2.800 km. construído por Marrocos durante a guerra, que acolle postos militares e amplamente minado na denominada “zona de seguridade”. O Sáhara Occidental é un territorio rico en pesca e fosfatos (conta co maior xacemento do mundo de fosfatos) e agora tamén con posíbeis recursos petrolíferos. Os campos de refuxiados situados en territorio alxerino acollen aproximadamente a 155.000 persoas. Son catro campamentos: Aaiun, Smara, Dajla e Ausserd, localizados no suroeste de Alxeria, perto da cidade de Tindouf, na zona máis inhóspita do deserto do Sáhara, deshabitada até 1975, e onde as temperaturas no verán acadan os 55ºC. Neles, os saharauís instalaron hai máis de 30 anos as súas tendas ou haimas e foron erguendo infravivendas construídas con adobe. A alimentación garántea o Programa Mundial de Alimentos que na actualidade proporciona 125.000 racións alimentarias mensuais e alimentación complementaria para os nenos malnutridos menores de 5 anos. Un informe de maio de 2008 realizado polo Programa e Médicos do Mundo puxo de manifesto que a malnutrición seguía sendo un importante problema nos campamentos. Salvo o campo coñecido como o 27, que dispón de tendido eléctrico dende Tindouf (Arxelia), o resto dos campos contan cunha cantidade escasa de enerxía grazas a pequenas placas solares. Ningunha vivenda conta con auga corrente e todos os campos recíbena en camións cisternas agás o de Dajla, que dispón de pozos e depósitos propios. A meirande parte das vivendas carecen de baño ou espazos para o aseo. Nos campos, e grazas á axuda solidaria internacional e o esforzo dos propios saharauís, creáronse escolas (o 100% dos nenos/as están escolarizados), consultas médicas e pequenos centros de saúde ou hospitais con gravísimas limitacións e carencias.
3.- A legalidade internacional A legalidade internacional aplicable ao conflito do Sáhara Occidental arranca da resolución 1.514 (XV) do 14 de decembro de 1960 da Asemblea Xeral de Nacións Unidas referente á Declaración sobre a Concesión da Independencia aos Países e Pobos Colonizados. A resolución da Asemblea Xeral 2072 (XX) do 16 de decembro de 1965 pediu ao goberno de España “como potencia administradora, que adopte inmediatamente todas as medidas necesarias para a liberación dos territorios do IFNI e do Sáhara español da dominación colonial”. Por petición da Asemblea Xeral da ONU, o Tribunal Internacional de Xustiza, nun ditame xurídico do 16 de outubro de 1975, sinalou que non existe ningún lazo de soberanía territorial entre o Sáhara Occidental e Marrocos ou Mauritania que puidera modificar a aplicación da Resolución 1.514 (XV). A ocupación do Sáhara Occidental por parte de Marrocos o 31 de outubro de 1975 desembocou nunha resolución do Consello de Seguridade de Nacións Unidas (resolución 380 do 6 de novembro de 1975) que ordenaba a Marrocos a retirada do Sáhara Occidental. Malia dita resolución, o 14 de novembro de 1975, España, Marrocos e Mauritania asinan o coñecido como “Acordo de Madrid” polo que España transfería os seus dereitos e obrigas como potencia administradora do territorio a unha administración formada por España, Marrocos e Mauritania. A resolución 3.458 da Asemblea Xeral das Nacións Unidas, do 10 de decembro de 1975, considerou inválido ese acordo e só o admitía se se levaba a efecto o referendo de autodeterminación. Todas as resolucións aprobadas pola Asemblea Xeral e o Consello de Seguridade anualmente, e de maneira case ininterrumpida desde 1965, teñen reafirmado o dereito do pobo saharauí á súa autodeterminación, clamando pola necesidade de verificar dito dereito a través da celebración do correspondente referendo. Dacordo coa Carta de Nacións Unidas, a forma de levar a cabo o referendo é ou ben o acordo entre as partes ou a imposición ás mesmas da solución. Até hoxe tense optado só pola primeira das posibilidades. Logo de anos de negociacións, na súa resolución 1.495 (2003), o Consello de Seguridade aprobou o coñecido “Plan Baker”, que prevía, unha vez máis, a celebración dun referendo de autodeterminación que non se chegou a celebrar, por rexeitamento de Marrocos. Segundo o dereito internacional, o status xurídico do Sáhara Occidental é o seguinte: desde 1965 forma parte da listaxe de Nacións Unidas de Territorios non Autónomos, é dicir, dos territorios que non se gobernan a si mesmos e que se atopan baixo a supervisión do Comité de Descolonización de NNUU, cun proceso de descolonización interrompido pola invasión e ocupación marroquí de 1975. Marrocos é a potencia ocupante –unha ocupación que non recoñece ningún Estado no mundo- e administradora de facto, mentres que España ten a condición de potencia colonial administradora de iure. Un informe solicitado polo Consello de Seguridade ao asesor xurídico das Nacións Unidas deixou o anterior clarificado e ditaminou que os acordos de Madrid non fixeron a Marrocos nin a Mauritania potencias administradoras do territorio nin transmitiron a soberanía, polo que este sigue sendo, a efectos xurídicos, un territorio non autónomo (documento S/2002/161 do 29 de xaneiro de 2002). A explotación dos recursos naturais e a legalidade internacional Un apartado especial merece o relativo á explotación dos recursos naturais dos territorios ocupados. En 2002, o asesor xurídico da ONU, Hans Corell, interveu para sinalar que a “exploración e saqueo dos recursos mariños e outros recursos naturais dos territorios coloniais e territorios non autónomos por parte de intereses económicos foráneos viola as resolucións relevantes de Nacións Unidas e é unha ameza para a integridade e a prosperidade de ditos territorios”. A pesar disto, Marrocos, ademais de explotar os recursos naturais do Sáhara Occidental, outorgou licenzas de prospección petrolíferas a empresas de EEUU e Francia e asinou en 2005 un acordo de pesca coa UE polo que Marrocos recibe unha importante cantidade de diñeiro por permitir pescar a barcos europeos nas augas do Sáhara Occidental. A Unión Europea actuou así facendo caso omiso da declaración da ONU sobre a inviolabilidade dos recursos naturais do Sáhara Occidental. A maioría do Parlamento Europeo rexeitou incluír no acordo de pesca unha cláusula, promovida por varios eurodeputados, que excluíse as augas do Sáhara Occidental. En contraste, en 2004 o goberno norteamericano aclarou que o Acordo de Libre Comercio con Marrocos se aplicaría ao comercio e investimentos no territorio de Marrocos internacionalmente recoñecido e non incluiría ao Sáhara Occidental. Fronte a estas actuacións contrarias á legalidade internacional, o 22 de xaneiro de 2009, a Fronte Polisario declarou o establecemento dunha Zona Económica Exclusiva para o Sáhara Occidental que se estende até unha distancia de 200 millas mariñas da costa do territorio, baseándose no dereito do pobo saharauí á libre determinación e na súa soberanía permanente sobre os seus recursos naturais e exhortou á Unión Europea a suspender o acordo de pesca que subscribiu con Marrocos en 2005.
4.- Evolución e situación actual do conflicto: negociacións e territorios ocupados 4.1.- Negociacións. O punto de partida é o “Plan de Arreglo” de 1991 aceptado polas dúas partes que contempla a celebración do referendo. En 1997, Marrocos formula un proxecto de rexionalización que despezaba o Sáhara en tres rexións sen recoñecer a súa especificidade. Tamén en 1997, baixo os auspicios de James Baker, enviado especial do Secretario Xeral de Nacións Unidas, mantivéronse novos encontros con acordos limitados e sen ningunha saída política (Acordos de Houston, asinados en setembro de 1997). 4.2.- Territorios ocupados: Intifada e dereitos humanos.
5.- Os actores e as súas posicións Pobo saharauí, representado pola Fronte Polisario e constituído en República Árabe Saharauí Democrática (RASD) desde 1976: A posición da Fronte Polisario parte das resolucións de Nacións Unidas que recoñecen ao pobo saharauí o seu dereito á autodeterminación, no marco do proceso de descolonización. Para a Fronte Polisario, ese dereito é irrenunciable ao tratarse o conflito dun problema de descolonización pendente, tal e como recoñece Nacións Unidas. Non obstante, a Fronte Polisario ten amosado disposición a negociar os aspectos relativos á celebración do referendo, tense comprometido a aceptar os resultados e ofrecido garantías para os residentes marroquís no caso de prosperar a independencia. Ademais, a Fronte Polisario aceptou as propostas de Nacións Unidas que contemplan a celebración do referendo de autodeterminación e, en particular, o Plan Baker. Marrocos: O Estado marroquí considera o Sáhara Occidental como parte do seu territorio, ao que inclúe nas chamadas Provincias do Sur, e polo tanto sometido á súa soberanía. Marrocos aceptou en 1991 perante Nacións Unidas a celebración dun referendo. Inicialmente, a posición e estratexia de Marrocos plantexouse a longo prazo, en termos de desgaste político, e orientouse a dilatar e bloquear o proceso que debía conducir á celebración do referendo, pospoñéndoo indefinidamente para manter o actual status quo e para inflar o censo a través da colonización do territorio ocupado. España: España é legalmente a potencia administradora do Sáhara Occidental, aínda que de facto ese papel o desempeñe a potencia ocupante, Marrocos. O Estado español é responsable directo da situación por non ter descolonizado o Sáhara Occidental conforme aos mandatos da ONU e por telo entregado, vulnerando a legalidade internacional, a Marrocos e Mauritania en 1975. España mantivo durante estas décadas unha actitude de apoio formal e teórico ao proceso de autodeterminación e chegou a apoiar en 2003 o chamado “Plan Baker” aprobado polo Consello de Seguridade da ONU, aceptado pola Fronte Polisario e rexeitado por Marrocos. Sen embargo, desde 2004, o goberno español presidido por Zapatero ten adoptado unha posición de claro apoio ás posicións marroquís. É o primeiro goberno democrático español que, rachando a liña seguida por todos os anteriores gobernos, apoiou a proposta de autonomía marroquí e rexeitou a celebración do referendo acordado por Nacións Unidas e as partes en conflito. Alxeria: É o principal aliado do pobo saharauí e da Fronte Polisario. Non acepta ningunha outra solución que non pase pola celebración do referendo de autodeterminación do pobo saharauí. O goberno alxerino considera que calquera solución en termos distintos aos da descolonización estará condenada ao fracaso. É a mesma posición mantida ao longo dos últimos trinta anos. A influencia que Alxeria exerce sobre a Fronte Polisario púxose de manifesto cando este aceptou, a petición de Alxeria e malia a posición inicial crítica dos saharauís, o Plan Baker. Ademais Alxeria proporciona aos refuxiados non só o territorio, senón tamén recursos como o gas natural. Como parte interesada no conflito participa nas negociacións que impulsa NNUU. Mauritania: Inicialmente ocupou a parte sur do Sáhara Occidental trala sinatura dos acordos de Madrid. Posteriormente, derrotada na guerra, renunciou ás súas reclamacións. Como parte interesada no conflito (no norte de Mauritania viven miles de saharauís que forman parte do censo de votantes) tamén participa nas negociacións que impulsa a ONU. Francia: Como antiga potencia colonial en Marrocos tense convertido no principal valedor deste país e das súas pretensións, no contexto dunha política exterior gala na que a monarquía alauíta marroquí ocupa, en opinión de moitos analistas, un lugar desorbitado. Unión Africana (UA): A Unión Africana basea a súa alianza no respecto á soberanía e á integridade territorial de cada Estado, a intanxibilidade das fronteiras herdadas da colonización e o seu dereito inalienable á existencia independente. En 1984, aceptou a integración da RASD na Unión, o que derivou na negativa de Marrocos a se integrar na mesma. A UA ten unha delegación observadora perante a MINURSO e presta apoio e cooperación á mesma. EEUU: Para a principal potencia mundial o conflito do Sáhara Occidental é un asunto menor. No contexto de “guerra fría” no que se iniciou o conflito, EEUU apoiou a Marrocos cando os temores dos estadounidenses radicaban en que o Sáhara Occidental se puidera converter nun país aliñado co bloque soviético. Xa no contexto actual de “guerra contra o terrorismo”, Marrocos foi quen de atraer cara ás súas posicións á administración Bush, quen deu o seu apoio explícito á proposta de autonomía. Para o Departamento de Estado, Marrocos é un dos aliados máis tradicionais e estreitos de EEUU na rexión, considérano unha nación árabe moderada e estable en proceso de democratización, un actor importante na “guerra contra o terrorismo” e unha forza construtiva na búsqueda da paz en Oriente Medio. En 2004, Bush outorgou a Marrocos o status de aliado preferente fora da OTAN. Con todo, en decembro de 2007 aprobouse unha lei que condicionou a asistencia militar dun millón de dólares a Marrocos aos avances en materia de dereitos humanos, especialmente no campo da liberdade de expresión con respecto ao tema do Sáhara Occidental. Os cambios operados no 2008 coa chegada de Barack Obama á Casa Branca abren unha incógnita sobre a posición estadounidense. A aposta pola legalidade internacional como medio de solución dos conflitos anunciada por Obama podería implicar unha nova posición respecto ao Sáhara Occidental. De momento, o actual presidente norteamericano desmarcouse da administración Bush e non deu o seu apoio á proposta de autonomía marroquí. A nova actitude da administración norteamericana preocupa a Marrocos. Unión Europea (UE): Non ten un papel activo en relación ao conflito. Ademais mantén unha relación privilexiada con Marrocos. A UE tense limitado a convidar a Marrocos a salvagardar a liberdade de asociación e reunión, sobre todo no territorio do Sáhara Occidental, pero ao mesmo tempo ten asinado acordos económicos con Marrocos que vulneran a legalidade internacional ao significar a explotación de recursos naturais saharauís (Acordo de Pesca de 2005). Os Estados membros da UE, pola súa banda, acostuman, ao igual que outros Estados da comunidade internacional, especialmente hispanoamericanos, a adoptar a posición que ao respecto manteña España como antiga potencia colonial. Pola súa banda, o Parlamento Europeo ten sido máis belixerante e esixente con Marrocos en relación á situación nos territorios ocupados e a falta de respecto aos dereitos humanos. Outros actores: - A Organización de Nacións Unidas (ONU). O seu papel no conflito comeza cando coa resolución da Asemblea Xeral 2072 (XX) do 16 de decembro de 1965 pide ao goberno de España “como potencia administradora, que adopte inmediatamente todas as medidas necesarias para a liberación dos territorios do IFNI e do Sáhara español da dominación colonial”. O 10 de decembro de 1975, a Asemblea Xeral, na súa resolución 3.458 (XXX), rexeita os acordos tripartitos de Madrid e reafirma o dereito inalienable do pobo saharauí á súa autodeterminación. - A Misión de Nacións Unidas para o Referendo no Sáhara Occidental (MINURSO): foi establecida o 29 de abril de 1991 pola resolución 690 (1991) do Consello de Seguridade. O seu mandato é o de supervisar a cesación do fogo, verificar a redución de tropas de Marrocos no territorio, supervisar a restrición das tropas de Marrocos e a Fronte Polisario aos lugares sinalados, tomar medidas coas partes para asegurar a liberación de todos os prisioneiros políticos ou detidos do Sáhara Occidental, supervisar o intercambio de prisioneiros de guerra, facer efectivo o programa de repatriación, identificar e rexistrar ás persoas con dereito a voto e organizar e asegurar a realización dun referendo libre e xusto e dar a coñecer os resultados. Ademais, desenvolve actividades conxuntamente coas partes de remoción de minas. Conta, segundo o último informe de 2009, con 213 efectivos entre compoñentes militares e persoal administrativo e sanitario. Dispón de nove bases de operacións. Realiza, ademais, informes de vixilancia da lagosta para a Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO, polas súas siglas en inglés). Neste ano, o seu orzamento é de 53 millóns de dólares. Moitas voces críticas co papel da ONU, entre elas a do ex vicepresidente da MINURSO Frank Ruddy, consideran o seu papel no conflito do Sáhara Occidental como un dos fracasos colosais e tremendamente custosos (estimados en case 150.000 dólares ao día) que teñen desacreditado á ONU. Contra os seus dirixentes téñense vertido, por parte de Ruddy, acusacións de ceder a Marrocos o control do referendo, de calar perante a violación dos dereitos humanos nos territorios ocupados, de consentir abusos das autoridades marroquís no proceso de identificación dos votantes e mesmo de silenciar a intervención por parte de Marrocos dos teléfonos das sedes da MINURSO. Ademais, numerosas voces, como a Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR), o Parlamento Europeo ou a ONG Human Rights Watch, teñen reclamado, sen éxito, que a MINURSO se encargue tamén da vixilancia sobre o respecto aos dereitos humanos nos territorios ocupados e nos campamentos de refuxiados. Outros actores son organismos internacionais, gobernamentais e ONGs. Destacan o Programa Mundial de Alimentos que distribúe alimentación entre a poboación nos campos de refuxiados para asegurar a súa supervivencia e a ACNUR que proporciona aos refuxiados alimentos complementarios e, xunto co goberno de Alxeria, o gas necesario para cociñar, sistemas de abastecemento de auga, libros de texto, indumentaria deportiva e uniformes para escolares e mestres, colchóns e mantas e equipo de cociña, prestando apoio á capacitación dos profesionais do dereito e da sanidade e colaboración na construción de equipamentos sanitarios, ademais de levar a cabo as medidas de fomento da confianza, os intercambios de visitas familiares e o sistema de comunicacións telefónicas. Outros organismos internacionais e ONGs que desenvolven labores humanitarias cos refuxiados saharauís ou actividade en defensa dos activistas saharauís nos territorios ocupados son o Comité Internacional da Cruz Vermella, que colabora coas partes e as familias das persoas desaparecidas como consecuencia do conflito; a Organización Mundial da Saúde (OMS), a Oficina de Axuda Humanitaria da Comisión Europea, a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), Médicos del Mundo, Reporteiros Sen Fronteiras, Amnistía Internacional ou Human Right Watch. Mención especial merecen as numerosas ONGs de apoio ao pobo saharauí, especialmente radicadas en España. Existe un variado e amplo número de organizacións que asumen como principal actividade a información e sensibilización social, organización de viaxes aos campos de refuxiados e axuda humanitaria a través de caravanas de alimentos e a realización do programa “Vacacións en Paz” que recibe, a través de familias acolledoras e durante dous meses ao ano, a miles de nenos/a saharauís. Ademais, é de reseñar o papel do Centro Internacional de Desminado Humanitario de Xenebra e da ONG Landmine Action no traballo de desminado da coñecida como zona de seguridade. Os accidentes na zona minada aumentaron segundo o último informe da MINURSO (18 accidentes en 2008 fronte aos 8 de 2007). Até hoxe limpáronse de minas máis 2.500.000 m2 de zonas de grande prioridade, na maioría dos casos municións en racimo. En 2009, Landmine Action detectou 199 zonas perigosas e 412 lugares infestados de artefactos explosivos sen detonar e outras fontes (National Geographic, xuño de 2007) calculan en 10 millóns as minas existentes. Até hoxe non se valou nin sinalizou ningunha das zonas minadas no lado oriental da berma aínda que está previsto para 2009-2010, se hai recursos.
6.- Incidencia na estabilidade, integración e desenvolvemento da rexión e entre os diferentes actores O contexto político internacional, as alianzas e os movementos xeoestratéxicos das grandes potencias e dos países directamente interesados no conflito (Alxeria, Mauritania, España, Francia) son claves para entender a evolución do conflito e as hipóteses de resolución do mesmo. En 30 anos pasouse do contexto da “guerra fría” ao marco actual explicado en termos de democracia versus fundamentalismo islamita e terrorismo internacional. En 1975, ás potencias como EEUU e Francia interesáballes un Sáhara Occidental na órbita das potencias occidentais e, polo tanto, baixo o control marroquí e a influenza francesa, que quería reforzarse no Magreb fronte a Alxeria. EEUU, logo do seu apoio a Marrocos na década de 1970 e 1980, mudou a súa posición e, desde mediados dos anos 1990, mantén unha aparente neutralidade e equidistancia, só alterada puntualmente co apoio da administración Bush á proposta de autonomía marroquí. No novo contexto internacional, Alxeria, vista nos tempos da “guerra fría” como unha ameaza, compite con Marrocos no xogo de alianzas coas potencias mundiais, coa avantaxe do seu maior potencial económico. Así, tense achegado nos últimos anos a EEUU ofrecéndose como fonte de subministro de petróleo seguro e exemplo de derrota do islamismo coa democracia. Tamén hoxe Rusia e China están máis próximos a Alxeria, se ben esta última concede unha grande importancia á súa relación con Marrocos, intercambiando apoios en relación a litixio político-territorial que Pequín mantén con Taiwán. Ao mesmo tempo, Marrocos ten avanzado timidamente no proceso de democratización, pero é visto desde Occidente como un país cunha monarquía que ofrece unha fiabilidade relativa e cunha situación sociopolítica interna inestable con risco de que o fundamentalismo se reforce. Estas novas claves poden abrir expectativas a unha Fronte Polisario, até hoxe moi illada internacionalmente e coa vía da guerra practicamente pechada. - A estabilidade do Magreb Desde a descolonización, as relacións entre Marrocos e Alxeria teñen sido tensas e difíciles, con acusacións mutuas de ansias expansionistas e pretensións de dominio rexional. Alxeria considera a Marrocos o factor de inestabilidade número un na rexión ao manter conflitos territoriais con todos os seus veciños e, en particular, pola ocupación do Sáhara Occidental e por desafiar á ONU e á Unión Africana en flagrante violación do dereito internacional. Marrocos, pola súa banda, considera que o apoio que Alxeria brinda á Fronte Polisario busca, ademais de aspiracións expansionistas, dar unha saída a este país ao Océano Atlántico. Todos coinciden que é imposible unha estabilidade no Magreb mentres non se resolva o contencioso do Sáhara Occidental e a propia Fronte Polisario, na súa última proposta de 2007, ten apostado explicitamente por traballar estreitamente con Marrocos e demais países da rexión para culminar o proceso de integración do Magreb así como para preservar a paz, a estabilidade e a seguridade en toda a rexión. Con todo, nos últimos anos téñense producido acontecementos e decisións en clave de distensión mutua entre Alxeria e Marrocos explicables fundamentalmente por razóns de índole socioeconómica. En resumo, o conflito do Sáhara Occidental é unha fonte de inestabilidade no Magreb polos seguintes motivos:
Desde o punto de vista rexional, a Unión do Magreb Árabe podería aportar estabilidade política e desenvolvemento económico á zona, pero novamente a descolonización pendente do Sáhara Occidental convértese en freo a este proceso de integración rexional. - As implicacións da posición española Para o Estado español, Marrocos é un dos problemas máis acuciantes da súa política exterior pola súa condición de fronteira sur e, polo tanto, límite de Europa cunha área do planeta sumida no subdesenvolvemento socioeconómico mais tamén democrático, e exportadora e canalizadora de inmigración clandestina. Unha área do planeta onde a diferencia de riqueza afóndase cada vez máis e onde a canalización do descontento popular artéllase de maneira preocupante a través do fundamentalismo islamita nun contexto de inestabilidade e enfrontamento entre os países que conforman esa área e, en particular, o Magreb. As relacións entre España e Marrocos teñen sido historicamente conflitivas. As causas teñen sido moi variadas e responden a diferentes claves e dinámicas políticas, tanto de carácter interno como exterior, dos dous países. Pero o conflito do Sáhara Occidental e a descolonización pendente é un asunto omnipresente á hora de explicar e avaliar as relacións e as tensións entre os dous Estados. O Sáhara é o grande quebradeiro de cabeza de Marrocos en política exterior e por iso Fassi-Fihri, ministro adxunto de Asuntos Exteriores marroquí, ten afirmado que a boa marcha das relacións entre España e Marrocos dependen, nun 90%, do que diga España do Sáhara, unha afirmación corroborada tamén, entre outros, polo propio ex ministro de Asuntos Exteriores español, Josep Piqué. O Sáhara non é só o asunto que determina as relacións entre España e Marrocos senón que, ademais, é o asunto de política exterior que máis directamente interesa aos españois, o que se ten traducido nun amplo movemento social de solidariedade e apoio ao pobo saharauí e de presión sobre o goberno en Madrid. A política con Marrocos explica en boa medida a evolución que na política de alianzas internacionais experimentou o Estado español no último decenio: baixo o goberno de Aznar, ademais das tensións continuas con Marrocos, deterióranse as relacións coa Francia de Chirac (a quen se chega a acusar de alentar a ocupación da illa de Perejil); xurde unha nova alianza con Alxeria e, neste contexto, EEUU ocupa o espazo de mediación deixado por unha Francia volcada con Marrocos, o que favorecería aínda máis o estreitamento de lazos entre Aznar e Bush. Xa ao comezo do seu mandato, Zapatero deixou ben claro que Marrocos era unha das súas prioridades na política exterior e converteuse no principal valedor de Rabat para frear declaracións sobre o Sáhara ou condenas sobre a violación dos dereitos humanos. Agora, esa nova política exterior española xera tamén novas alianzas: Francia avala a nova liña co Sáhara do goberno Zapatero ao tempo que se deterioran as relacións coa Fronte Polisario, mais crítico ca nunca cun goberno español, e con Alxeria. Efectivamente, a Fronte Polisario cre que a actitude de España e Francia alenta a reanudación da guerra e acúsaos de hipocrisía e dobre linguaxe ao militar na defensa dos dereitos humanos e ter posicións claras respecto á cuestión palestina ou á guerra de Iraq na defensa da legalidade internacional. A Fronte Polisario considera que os actores principais son EEUU, Francia e España, e que este último debe ser o promotor da solución internacional, sobre todo aproveitando a súa futura presidencia da UE en 2010. Sen embargo nada indica que a posición do goberno español vaia mudar no futuro inmediato.
-ALONSO, Fran, "Territorio ocupado", Vigo, Eds. Xerais, 1998. - DIEGO AGUIRRE, José Ramón, "Historia del Sáhara español. La verdad de una traición", Madrid, Eds. Kaydeda, 1999. Para referencias académicas ao problema xurídico:
IGADI. Agosto de 2009. |
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 31/08/2009
|