Observatorio Galego da Lusofonía (Ogalus) Volver a TitularesVolver a Observatorio Galego da Lusofonía (Ogalus)
Timor Leste precisa axuda
Por Ângelo Gonçalves Vicente (igadi.org, 24/02/2008)
 
 

  Funeral de Alfredo Alves Reinado en Dili; clic para aumentar
O propio Alkatiri referiu recentemente que Alfredo Reinado foi matado unha hora antes de Ramos Horta ser ferido, o que choca coas primeiras informacións, que apuntaban que o rebelde tería sido alcanzado nun intercambio de disparos despois de ter atentado contra o xefe de estado. (Foto: Funeral de Alfredo Alves Reinado en Dili o 14 de febreiro de 2008).
 
O pasado 11 de febreiro acordabamos sobresaltados ao saber que no Timor Leste se tiñan producido dous atentados contra as máximas autoridades políticas do país: Ramos Horta, xefe da república, e Xanana Gusmão, primeiro ministro, sendo gravemente ferido o primeiro e saíndo sorprendentemente incólume o segundo.

Os atentados resultaban inesperados, a priori, pois o país tiña vivido en relativa calma desde o encerramento da fase de violencia máis aguda derivada da crise de 2006 en que varios centos de militares das Falintil (Forzas de Defensa de Timor Leste), lideraban protestos alegando tratos discriminatorios no exército en función da pertenza á etnia loromonú ou lorosae. Crise que terminaba por supor o afastamento de Mari Alkatiri e o seu partido, a FRETILIN, do poder que viña exercendo desde a independencia do país en 2002.

Após eleccións presidenciais e lexislativas, Ramos Horta e Xanana Gusmão asumían a liderenza dun dos estados máis novos e pobres do mundo. Ficaba, deste modo, configurado un tándem de poder pro-australiano que a non poucos facía pensar que o obxectivo principal da crise desenvolvida durante 2006 tiña sido cumprido: a Australia e os Estados Unidos podían ficar descansados, pois que Timor Leste, fundamental polos seus recursos enerxéticos e situación xeoestratéxica, estaba so control e non había perigo de que continuase a súa temida deriva chinesa. O factor desestabilizador dos militares rebeldes, convenientemente liderados por Alfredo Reinado desde poucas semanas despois do inicio da revolta, deixaba de ser necesario e só restaba encontrar aos seus cabezas unha saída airosa. Neste sentido, efectivamente, mantíñanse conversas ao máximo nivel entre Xanana Gusmão, Ramos Horta e Alfredo Reinado, chegándose, segundo algunhas fontes, a un acordo en xaneiro deste ano para a rendición.

Como se pode explicar, entón, o duplo atentado? En primeiro lugar, hai quen apunta que a posición de Reinado sería algo máis independente dos intereses australianos e, por tanto, máis complexa e dificilmente previsíbel. Deste modo, podería estar a defender verdadeiramente os anceios dunha parte do exército timorense. Mais os datos que pouco a pouco vamos coñecendo son cada vez máis coherentes coa versión inicial, que colocaría Reinado do lado de Gusmão e Horta e, conseguintemente, lonxe de os querer atacar: os dous máximos dirixentes do país tíñanlle dado liberdade de movementos desde finais de agosto de 2006, chegando mesmo a impedir a execución de ordes de detención; o pai aseveraba recentemente que Reinado non tiña a máis mínima intención de atentar contra Horta, con quen tiña mantido numerosos encontros pacíficos nos últimos meses; o propio Alkatiri referiu recentemente que Reinado foi matado unha hora antes de Ramos Horta ser ferido, o que choca coas primeiras informacións, que apuntaban que o rebelde tería sido alcanzado nun intercambio de disparos despois de ter atentado contra o xefe de estado.

Mais, se isto é así, se Reinado facía parte da estratexia australiana para o control do Timor Leste e isto xa estaba conseguido desde a mudanza gobernamental, como se poderían explicar os atentados? Nas últimas horas ficouse a saber que Ramos Horta pretendía adiantar as próximas eleccións presidenciais e lexislativas para o 2009, o que abría a posibilidade da volta da FRETILIN de Alkatiri, nada partidaria dos intereses australianos, ao poder. Isto situaría a Ramos Horta como un actor incómodo para os australianos. Neste sentido debe acrecentarse que os familiares do xefe de estado teñen reiterado insistentemente que as tropas internacionais en Timor Leste, dirixidas polos australianos, non auxiliaron o presidente timorense de modo inmediato despois de ter sido ferido. Tivo que esperarse a que chegase a Guarda Nacional Republicana portuguesa até o lugar; a única tropa estranxeira que conta coa confianza da populación timorense. Doutro lado, varias autoridades timorenses teñen manifestado nas últimas horas que non é comprensíbel que Xanana se salvase da emboscada que lle foi colocada en plena viaxe por estrada, e da que saíu completamente ileso. Un Xanana que se manifestara contrario ao adiantamento de eleccións.

A Australia está interesada no control do Timor Leste, isto é sabido. E para tal válenlle dúas opcións: un estado ordenado so un goberno amigo, ou un estado desordenado que lexitime a ollos da comunidade internacional a presenza das súas tropas na illa.

É importante que moitos outros países teñan presenza no Timor, para axudar o xove país a superar os seus problemas internos e para vixiar e evitar a desestabilización que se poida derivar dos intereses externos. O auxilio é necesario en moitos ámbitos diferentes: policial, económico, asistencial, educacional, institucional... A Galiza podería e debería ter un papel nese sentido.

 
 

Ângelo Gonçalves Vicente,
director de Actividades da
Fundación Via Galego
e colaborador do Igadi.

Ângelo Gonçalves Vicente, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Observatorio Galego da Lusofonía (Ogalus)



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 24/02/2008
Fernando Pol


Subir