|
a) Introdución:
O cumio da Unión de Nacións do Sur (UNASUR) celebrado o pasado 10 de agosto en Quito (Ecuador) estivo fortemente marcado por unha delicada conxuntura política e militar en Sudamérica, condicionada pola negociación entre Washington e Bogotá da ampliación da súa cooperación militar iniciada en 2000, coa instalación en territorio colombiano de sete bases militares estadounidenses, oficialmente presentada baixo os parámetros da “loita contra o narcotráfico e o terrorismo”.
Esta estratexia de Washington está igualmente determinada polo remate, a finais de 2009, da presenza na base militar en Manta (Ecuador), trala decisión adoptada polo presidente ecuatoriano Rafael Correa. Con resultados ambivalentes, o mandatario colombiano Álvaro Uribe Vélez iniciou na primeira semana de agosto unha ampla xira por sete países sudamericanos (a excepción de Ecuador e Venezuela) para “explicar e xustificar” este novo pacto militar con EEUU.
Por outra banda, a ausencia de Uribe no cumio de UNASUR espallou toda serie de críticas dentro dunha conxuntura diplomática delicada con Venezuela e Ecuador, xunto a Bolivia os principais detratores do acordo militar colombo-estadounidense. As relacións de Quito e Caracas con Bogotá amosaron unha forte crise diplomática entre finais de xullo e principios de agosto, cando o goberno colombiano acusou aos seus similares ecuatoriano e venezolano de proporcionar armamento e recibir financiamento da guerrilla das FARC.
Marcado pola polarización en torno ás bases estadounidenses en Colombia, o novo escenario xeopolítico sudamericano arriscase cara unha carreira de armamentos. Desde 2004, países como Brasil, Colombia, Chile e Venezuela lideran o gasto militar na rexión, tomando en conta que nalgúns deles existen problemas de reclamacións fronteirizas aínda irresolubles. Con isto, o pacto militar entre EEUU e Colombia alteraría radicalmente o equilibrio militar na rexión, con considerables consecuencias políticas.
Para un Uribe inmerso no seu último ano de goberno e volcado en intentos de reforma constitucional para presentarse a un novo mandato no 2010, o pacto militar con Washington pode supoñer a concreción dunha “tenaza” militar e xeopolítica deseñada para amortecer a alianza dos seus veciños, o presidente venezolano Hugo Chávez e o seu homólogo ecuatoriano Correa.
Pero o cumio da UNASUR, lonxe de atopar unha posición de consenso, amosou as controversias e as divisións dentro do contexto sudamericano cara este pacto militar. Así, as tensións entre Colombia e Venezuela dominaron o inicio deste cumio: Chávez anunciou a suspensión dun convenio de subministro petroleiro a Colombia, acusando a Bogotá dunha presunta incursión militar en territorio venezolano. Este delicado contexto deu paso á primeira reunión, con carácter de urxencia, do recen constituído Consello Sudamericano de Defensa
b) Uribe divide á UNASUR
Previo ao cumio do UNASUR en Quito, o mandatario colombiano Álvaro Uribe Vélez realizou unha sorprendente xira por sete países sudamericanos, coa finalidade oficial de “explicar e xustificar” as negociacións que Bogotá adianta con Washington para ampliar a súa cooperación militar.
Uribe conseguiu desiguais resultados nesta xira. Tan só Perú e Chile amosaron sensacións favorables ao pacto militar con Washington, mentres na súa visita a Bolivia, o mandatario colombiano recibiu duras críticas por parte do presidente Evo Morales.
En Bos Aires, a presidenta Cristina Fernández de Kirchner trasladoulle a súa preocupación polas bases estadounidenses. Pola súa banda, o presidente paraguaio Fernando Lugo amosou un apoio moderado, incluso considerando a súa disposición para mediar nas tensións entre Colombia e os seus veciños Ecuador, Venezuela e Bolivia. Finalmente, Uruguai e Brasil adoptaron posicións máis prudentes, con certa preocupación sobre o nivel do pacto militar.
Con este panorama, a ausencia de Uribe no cumio do UNASUR en Quito (finalmente substituído pola súa vicechanceler Clemencia Forero) probablemente estivo orientada a evitar unha confrontación directa con Correa, Chávez e Morales, os principais detractores do pacto militar entre Washington e Bogotá, e que buscan illar rexionalmente a Uribe ante esta estratexia militar.
Previo ao cumio, o anfitrión presidente ecuatoriano asumía dúas grandes responsabilidades: o seu segundo mandato presidencial e a presidencia rotativa do UNASUR, coa misión de solucionar unha crise rexional na que o seu país é actor central e activo. Esta presidencia rotativa, ata este cumio en mans de Chile, ía recaer en Colombia, que finalmente rexeitou.
Pero EEUU e Colombia semellan partir dunha conxuntura diferente no escenario sudamericano. O feito de que actualmente existan relacións diplomáticas suspendidas ou “conxeladas” entre Bogotá, Quito e Caracas (no caso ecuatoriano, suspendidas con Colombia desde marzo de 2008, tralo asasinato en territorio ecuatoriano do ex líder da guerrilla colombiana das FARC, Raúl Reyes), así como a decisión de Correa de decretar o remate da base militar antinarcóticos estadounidense de Manta para decembro de 2009, moi probablemente axudaron a alentar os resortes da cooperación militar entre Washington e Bogotá.
A polarización e preocupación rexional polas bases militares estadounidenses en Colombia persuadiu ao Consello Sudamericano de Defensa, creado en marzo de 2009, a realizar a súa primeira reunión, con carácter de urxencia, para emitir un comunicado durante o cumio da UNASUR. Un día antes deste cumio, a reunión dos ministros de Exteriores da UNASUR estipulou a “necesidade” de non facer mención ao caso colombiano.
Baixo esta perspectiva, o documento final deste cumio en Quito non considerou ningún tipo de posición formal conxunta sobre o pacto militar entre Washington e Bogotá, o cal pode interpretarse como un claro triunfo diplomático para Uribe e, indirectamente, para os intereses estadounidenses, así como a manifestación da polarización sudamericana sobre este asunto.
c) Unha carreira de armamentos en marcha?
Segundo un informe de 2007 do Instituto de Investigación Internacional para a Paz de Estocolmo (SIPRI, polas súas siglas en inglés), Colombia foi o país latinoamericano con maior gasto militar en porcentaxe do PIB (4%), seguido de Chile (3,4%) e Ecuador (2,9%) Países como Brasil e Venezuela achegáronse ao 1,5% e 2,3%, respectivamente.
Desde 2004, o gasto militar sudamericano incrementouse considerablemente. O SIPRI cifra esta cantidade para o 2008 en US$ 34.000 millóns, constituíndo un aumento do 50% na última década, aínda que principalmente destinado a modernizar as súas respectivas Forzas Armadas, substituíndo equipos militares obsoletos.
O pasado 6 de agosto, durante unha alocución oficial en Caracas, Chávez denunciou o pacto militar entre Washington e Bogotá, anunciando que provocaría unha “guerra en Sudamérica”, con Colombia como “teatro de operacións”. Ante esta perspectiva, Chávez anunciou a compra de armamento e equipo militar a Rusia, coa firma dun acordo militar con Moscova para o próximo mes de setembro. Desde 2005, Rusia é o principal provedor de armas a Venezuela, con vendas valoradas en US$ 4.400 millóns, especificamente 100.000 fusiles AK-47 e 24 avións Sukhoi.
Tras anunciarse o pacto militar entre Washington e Bogotá, o presidente boliviano Morales tamén anunciou un novo convenio militar con Rusia por valor de US$ 100 millóns. O arco de clientes ruso pode ampliarse no caso de que o mandatario ecuatoriano Correa certifique tamén unha maior cooperación militar con Moscova, aducindo unha estratexia de contención e disuasión cara as bases estadounidenses en Colombia.
A posibilidade de que a magnitude do pacto militar entre Colombia e EEUU transcenda as fronteiras colombianas supón unha permanente matriz de preocupación para Venezuela, Ecuador, Bolivia e, incluso, Brasil, tomando en conta as recentes declaracións realizadas polo ministro brasileiro de Relacións Exteriores, Carlos Amorim, trala visita de Uribe a Brasilia. Esta visión ten que ver non só coas repercusións transfronteirizas da loita contra o narcotráfico e da posible presenza exterior das FARC senón coa posibilidade de que as bases militares estadounidenses en Colombia constitúan unha medida de disuasión militar cara os intereses xeopolíticos de Chávez e os seus aliados.
Paralelamente, a presenza de China, Rusia e Irán como novos actores externos dentro do escenario xeopolítico sudamericano incrementa tamén os temores de Washington e Bogotá, así como doutros países aliados con menor presenza política en América Latina, como é o caso de Israel.
A finais de xullo, o chanceler israelí Avigdor Lieberman, realizou unha xira por América do Sur, con énfase en Colombia e Brasil, para denunciar os presuntos contactos políticos e militares de Chávez con Teherán e os movementos islamitas Hizbulah e Hamas, considerados por Tel Aviv como “inimigos”. Grazas ao impulso diplomático de Chávez, Moscova e Teherán ampliaron o seu radio de contactos cara Bolivia, Ecuador e Nicaragua, todos eles membros da Alianza Bolivariana para as Américas (ALBA), organismo no que Irán é “membro observador”.
Independentemente destas consideracións, desde 2004 países como Brasil, Perú, Colombia, Venezuela e Chile lideran o gasto militar en América Latina, o cal incrementa as tensións xeopolíticas entre países con problemas limítrofes e fronteirizos, como son os casos de Colombia e Venezuela e Perú e Chile.
d) Pulso á vista entre Brasil e EEUU
Cómpre tamén considerar o rearme dunha potencia emerxente como Brasil, que ansía alcanzar unha maior potencialidade militar, cun sitio propio nun hipoteticamente ampliado Consello de Seguridade da ONU, así como os seus esforzos por construír un submarino nuclear. Segundo o SIPRI, entre 1999 e 2008, o orzamento militar brasileiro aumento un 29,9%, probablemente explicado por factores xeopolíticos: defensa da Amazonía, presenza fronteiriza das FARC e defensa dos recentemente descubertos recursos petroleiros marítimos, entre outros.
Co remate da base militar en Manta, Brasilia interpretaba que a presenza militar de Washington diminuiría na rexión, a favor dunha maior capacidade brasileira como actor xeopolítico, diplomático e militar. Significativas foron así as palabras do presidente brasileiro Lula da Silva durante o encontro de Quito, pedindo a realización dun cumio UNASUR-EEUU para considerar, baixo “unha discusión profunda”, cal é o verdadeiro nivel de relación entre Washington e América Latina.
Velaí que, con case total seguridade, a crise actual provocada pola negociación para instalar bases militares estadounidenses en Colombia afondará toda serie de tensións existentes entre diversos actores rexionais e visibilizará con toda nitidez os diversos intereses xeopolíticos.
IGADI. 12 de agosto de 2009
|