Igadi na Rede / Igadi Paper - A crise uigur en China
 
 
A crise uigur en China

 

a) Introdución:

A apertura das mesquitas en Urumqi, capital da rexión occidental chinesa de Xinjiang, o pasado venres 17 de xullo puxo fin á fase máis aguda que seguiu aos graves disturbios ocorridos a principios de mes coa comunidade musulmana uigur. A normalidade aínda non é plena, pero o forte dispositivo de seguridade presente na zona e a continuación das actividades habituais aventuran unha pronta normalización, aínda que as secuelas do sucedido probablemente durarán moito tempo.

O último balance dispoñible eleva a 197 as persoas mortas, das cales as tres cuartas partes, segundo fontes oficiais, pertencen á etnia han. Hai case dous mil feridos, algúns graves, polo que a cifra final de falecidos pode superar as dúas centenas. Os danos materiais foron cuantiosos. Fontes do exilio uigur cifran os mortos entre 600 e 800 persoas, ata se falou de milleiros nas primeiras horas, cifras que non puideron confirmarse. Esta vez, os datos oficiais parecen obter máis crédito internacional. 

A secuencia da revolta recorda o acontecido en marzo de 2008 en Lhasa, capital do Tíbet, aínda que en Xinjiang a violencia foi moito maior e máis concentrada. As autoridades chinesas atribúena á presenza de “matóns” perfectamente organizados e procedentes doutros lugares da zona co único propósito de provocar un gran disturbio que atraese a atención da comunidade internacional, pondo en dúbida a súa política coas nacionalidades minoritarias.

China insistiu en separar o episodio de violencia do problema nacional. Trátase dunha acción premeditada e planificada desde o exterior, polo Congreso Mundial Uigur (CMU)  e a líder separatista Rebiya Kadeer, pero que non responde a motivacións reais de desacordo coa política aplicada polo goberno central en materia de nacionalidades minoritarias. Ao mesmo tempo, recoñécese certa improvisación na condución do incidente xa que as autoridades nunca imaxinaron que unha simple manifestación de varios centos de persoas puidese derivar nun incidente tan violento.

Pero é evidente que non se trata só dun problema de orde pública, ou de terrorismo. O feito de que un “rumor infundado” (o conflito entre comunidades han e uigur nunha fábrica de xoguetes de Guangdong) puidese provocar tal catástrofe evidencia que existen tensións ocultas e facilmente manipulables para canalizar un descontento, interesado ou non, aproveitando o foso que separa as diferentes comunidades. A falta de claridade sobre o incidente e a expansión dos rumores a través do móbil e Internet pon de novo en cuestión a política de transparencia do réxime.

b) O independentismo uigur

Cómpre considerar as demandas principais da comunidade uigur radicada en Xinjiang. Os uigures forman parte das 56 nacionalidades recoñecidas oficialmente por Beijing, integrando un total de nove millóns de persoas, de lingua e cultura túrquica, tradicionalmente sedentarios e de relixión musulmana sunnita.

Existen comunidades uigures en países veciños ou próximos a China como Kazajstán (300.000 uigures); Kirguizistán (40.000); Uzbekistán (35.000) e Turquía (15.000), así como comunidades da diáspora uigur en Alemaña, Suecia, Australia, EEUU e países do Golfo Pérsico. Os seus principais organismos no exterior son o Congreso Mundial Uigur (CMU), con sede en Múnich (Alemaña) e a Asociación Uigur Americana (AUA), con sede en Washington.

O independentismo uigur comezou a coller pulo a principios da década de 1990, particularmente pola constante afluencia de chineses da etnia han á rexión de Xinjiang a partir da constitución da República Popular China en 1949. Seis décadas despois, os 300.000 membros orixinais da etnia han en Xinjiang pasaron a cerca de oito millóns de persoas, un aumento demográfico propiciado por Beijing que contribuíu a polarizar as relacións entre ambas comunidades en Xinjiang.

Desde 1990, o independentismo uigur comezou a mobilizarse coa aspiración de constituír un “Turquestán oriental independente”. A súa condición de nacionalidade minoritaria provoca que os uigures teñan dificultades á hora de incrementar a súa participación política e as oportunidades socioeconómicas, por constituír unha etnia diferente e minoritaria co respecto á maioritaria comunidade han a nivel estatal.

Buscando a secesión territorial do Xinjiang, o independentismo uigur conserva, igualmente, diversas particularidades que Beijing relaciona coas “tres forzas maléficas”: o separatismo, o extremismo e o terrorismo. En 1990, o independentismo uigur foi liderado por Zahideen Yusuf, inspirado nas loitas dos muyahidín afgáns contra a invasión soviética. Considerase que os independentistas uigures combateron en Afganistán durante os últimos dous decenios (incluso existen 20 uigures presos no cárcere de Guantánamo) así como en Chechenia, dentro da estratexia do “yihadismo salafista” global inspirado por Al Qaeda.

En parte co propósito de amortecer ao independentismo uigur, Beijing puxo en marcha en 2001 un programa denominado “Desenvolvemento do Oeste” co que tenta fortalecer a integración económica das súas provincias occidentais, colocando a Xinjiang como eixe de desenvolvemento das súas rexións máis afastadas e situando a Urumqi como centro neurálxico desa estratexia. Esta rexión concentra riquezas minerais como ouro, uranio e 40.000 millóns de barrís de petróleo, necesarios para a seguridade enerxética chinesa. Así mesmo, a importancia estratéxica de Xinjiang deriva da súa conexión cunha rede de infraestruturas e subministros enerxéticos cara Kazajstán, Turkmenistán e o Mar Caspio.

c) A reacción de Beijing

A reacción do liderado chinés foi desconcertante: o presidente Hu Jintao regresou apresuradamente de Italia, onde ía participar no Cumio do G-8, para reunir ao Comité Permanente do Buró Político, quen se preocupou de emitir circulares esixindo maiores responsabilidades a quen manexen incorrectamente as protestas de masas. En paralelo, o anuncio de que non haberá cambios na política de nacionalidades parece deixalo todo igual, aínda que as discusións internas proseguen.

A fin de non repetir o sucedido coa rebelión tibetana en 2008, China mellorou a xestión da comunicación co exterior, ao facilitar a presenza de xornalistas estranxeiros na zona desde o primeiro momento, aínda que houbo algunhas restricións, xustificadas por razóns de seguridade. Pola súa banda, a resposta dos países occidentais foi comedida: condena dos feitos, preocupación polo sucedido, pero gardando as distancias cos “revoltosos”.

As mobilizacións ante as representacións diplomáticas, especialmente en Alemaña, que conta coa comunidade uigur máis importante de Europa, tiveron eco en EEUU, Turquía, Australia, Xapón, Suecia e Holanda. O Parlamento europeo desoíu a petición de condena do uso da forza por parte de China para restaurar a orde. Pola súa banda, a comisión de liberdade relixiosa do Congreso de EEUU pediu ao presidente estadounidense Barack Obama a imposición de sancións contra Beijing por este suceso.

d) As consecuencias políticas

Trala rebelión uigur en Xinjiang, cómpre considerar as consecuencias políticas para Beijing, especialmente en materia de política de nacionalidades  minoritarias. Apostar pola represión e negarse a admitir unha política de maior respecto das nacionalidades minoritarias contribuirá a espallar violentamente o problema a mediano e longo prazo entre as comunidades uigur e han.  

Isto leva a considerar o custe político para o Partido Comunista Chinés (PCCh) e o propio Hu Jintao. Ao PCCh abríuselle unha nova fronte de preocupación que debería encarar con prudencia. No entanto, a maior parte dos cidadáns chineses teñen outras prioridades entre as súas preocupacións e, no inmediato, esixirán contas ao PCCh en función delas (corrupción, dificultades económicas, etc.). Por outra banda, sorprendeu a “ausencia” de Hu Jintao na crise. Nin unha soa vez compareceu ante a cidadanía para dar explicacións do sucedido, un xesto inédito e desconcertante.

Igualmente, debe medirse o impacto da represión chinesa en Xinjiang dentro do mundo musulmán. Facendo apoloxía solidaria cunha comunidade relixiosa, cultural e étnica similar, o primeiro ministro turco Recep Tayip Erdogan cualificou como “un tipo de xenocidio” a represión de Beijing contra os uigures. Non obstante, Beijing recibiu o apoio de numerosos gobernos árabes, aínda que debe observarse con maior minuciosidade cal será a percepción dentro das respectivas opinións públicas e os movementos políticos de corte radical no mundo musulmán.

Aquí cumpre observar, incluso, as ameazas terroristas proferidas contra China en diversas páxinas web de corte islamita radical. Pero o problema central está no tratamento de Beijing cara as súas nacionalidades minoritarias, un tema que debe ser central na súa axenda política, so pena de perpetuar por moitos anos as variables deste conflito interno. As opcións son dúas: repensar a política para construir novos equilibrios que favorezan tanto o autogoberno como a lealdade como poder central; ou acentuar a represión, a sinización e o dominio han a todos os niveis. Por desgraza, todo indica que o Comité Permanente do Buró Político do PCCh na súa xuntanza do 8 de xullo inclinouse pola segunda opción.




 
Volver a TitularesVolver a Igadi Paper
 
 
 
27/07/2009 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org
http://www.igadi.org/ipaper/016_a_crise_uigur_en_china.htm