Igadi na Rede / Igadi Paper - Golpe militar en Honduras
 
 
Golpe militar en Honduras

 

Introdución:

A destitución o pasado domingo 28 de xuño, vía golpe e intervención militar, do presidente hondureño Manuel Zelaya, o mesmo día no que estaba previsto celebrarse unha consulta popular que, hipoteticamente, permitiría a reforma constitucional e a posibilidade de aprobarse a reelección presidencial, retrotrae un pernicioso síntoma que se imaxinaba superado no concerto político latinoamericano: o relativo ás intervencións e golpes militares, coa súa consecuente ruptura da legalidade e lexitimidade institucional e presidencial.

O mesmo día da destitución e expulsión do país de Zelaya, o Congreso hondureño, que días atrás había considerado a ilegalidade desta consulta popular, nomeou ao seu presidente Roberto Michelletti (do gobernante Partido Liberal) como novo mandatario nacional, lexitimando así un golpe militar igualmente aprobado pola Corte Suprema de Xustiza.

Este golpe viña labrándose desde que Zelaya destituíra a semana pasada ao xeneral Romeo Vázquez, aberto detractor da celebración do referendo, así como á cúpula militar. A primeira medida de Michelletti foi decretar un “toque de queda” para impedir a mobilización e protestas dos simpatizantes dun Zelaya expulsado e acollido en Costa Rica.
Tras este golpe militar en Honduras, xurde un escenario desfavorable no contexto hemisférico e internacional a apoiar ou lexitimar os golpes de Estado. Todos os países latinoamericanos, EEUU, os organismos hemisféricos (OEA) así como a Unión Europea, condenaron inmediatamente o golpe militar contra Zelaya, pedindo a súa restitución no cargo presidencial.

Mentres se activaba unha reunión de urxencia da Asemblea Xeral da Organización dos Estados Americanos (OEA), os países membros da Alianza Bolivariana para as Américas (ALBA), da que forma parte Honduras, reuníanse en Nicaragua, coa presenza do destituído Zelaya, para adoptar unha serie de medidas contra o golpe militar.

Aínda que a crise hondureña está tamén determinada por factores de índole xeopolítica, os seus efectos moi probablemente reflectirán unha influencia perniciosa para afirmar unha saudable consolidación democrática na rexión, nun momento en que outros presidentes consideran a posibilidade de reelección. Ábrese agora un tenso compás de espera, determinado polo pulso de poder entre a destitución ou restitución de Zelaya e a andaina do goberno de Michelletti, non recoñecido internacionalmente.

Unha consulta afogada polo golpe militar

A crise política hondureña obriga a realizar determinadas matizacións e puntualizacións. En principio, a consulta popular prevista para o pasado 28 de xuño suporía un referendo non vinculante, para preguntar sobre a posibilidade de crear unha asemblea constituínte que reformase a Constitución e que, hipoteticamente, permitira a reelección presidencial.

Honduras estaría a celebrar eleccións presidenciais, lexislativas e locais o próximo 29 de novembro, rematando o mandato de Zelaya o próximo 27 de xaneiro de 2010. Neste sentido, non estaba asegurada a súa participación como candidato presidencial nas próximas eleccións, fora ou non aprobada a consulta popular. Incluso, en determinadas entrevistas e alocucións públicas, Zelaya deixou entrever que, aprobada ou non a consulta, non se presentaría como candidato presidencial.

Independentemente dos factores e intereses en curso, a posibilidade de reelección presidencial era un tema que mantiña polarizado ao país centroamericano nos últimos meses. O gobernante Partido Liberal non posúe a maioría parlamentaria, aínda que o presidente mantén considerables apoios nos sectores populares do país que lle permitiran saír adiante coa consulta. Os sectores de clases medias, empresariais e outras institucións, entre as que se contan as Forzas Armadas e o Poder Xudicial, amosaron nas últimas semanas o seu frontal rexeite á consulta.

O Congreso hondureño, onde Zelaya está en minoría, entrou no centro do escenario tras aprobar, o pasado martes 23 de xuño, determinadas leis que regulan os plebiscitos populares, considerando como “ilegal” a consulta prevista para o domingo 28 e aducindo a posibilidade de investigar e, incluso, destituír a Zelaya do cargo presidencial. Finalmente, unha vez se consumara o golpe militar e a expulsión de Zelaya, o Congreso aprobou a súa destitución no cargo, nomeando a Roberto Michelletti como novo presidente.

Neste sentido, o “ruído de sables” comezaba a erixirse como unha posibilidade real de golpe militar toda vez que diversos continxentes militares saíron ás rúas o pasado 25 de xuño, nun momento en que Zelaya regresaba ao país, tras asistir en Maracay (Venezuela) ao VI Cumio da recen nomeada Alianza Bolivariana para as Américas (ALBA). Ese mesmo día, o ministro da Defensa, Romeo Vázquez, renunciaba ao seu cargo, en clara alusión á súa contrariedade pola celebración da consulta popular.

Os acontecementos posteriores levaron á intervención militar na vida política e á expulsión de Zelaya do país. A fin de lexitimar a súa acción anticonstitucional, o Congreso e os militares golpistas presentaron unha carta onde, presuntamente, Zelaya asinaba a súa renuncia, unha situación que fixo retrotraer o acontecido en Venezuela con Hugo Chávez durante os momentos do golpe de abril de 2002. Dende o seu exilio en Costa Rica, Zelaya negou calquera renuncia ao seu cargo, pedindo ao pobo hondureño que rexeitara “pacificamente” o golpe militar.

Dous actores incómodos: Chávez e o ALBA

Pero as variables da crise política hondureña en curso semellan estar moi vinculadas a factores externos. Non deixa de chamar a atención o feito de que a crise hondureña emerxera logo da celebración do VI Cumio do ALBA en Venezuela, organismo do que Honduras forma parte desde principios deste ano. Igualmente, Zelaya incluíu a Honduras en PETROCARIBE, organismo de integración enerxética impulsado Chávez.

Este contexto pode explicar, en gran medida, as reaccións en determinados sectores en Honduras contra a celebración da consulta popular defendida por Zelaya. A recente ampliación do ALBA, que agora integra a 9 países, entre eles Ecuador e outras illas caribeñas, amosa unha importante perspectiva de xiro xeopolítico para Honduras, tradicionalmente orientada cara os mecanismos de integración estipulados dende Washington.

Aos tratados de libre comercio subscritos polos gobernos anteriores a Zelaya se suman unha serie de acordos en materia de inmigración e combate á delincuencia, tomando en conta a potencialidade de grupos delitivos como son os Mara Salvatrucha, e as súas conexións dentro do escenario centroamericano e, incluso, cara EEUU.

Zelaya, terratenente, membro da oligarquía local e líder dun partido historicamente considerado como liberal e de centrodereita, manifestou un radical cambio de orientación na política exterior do seu país desde que chegou á presidencia no 2005. Achegouse cara Cuba e Venezuela, pedindo incluso desculpas persoais diante de Fidel Castro pola concentración no seu país dos coñecidos “contras” antiinsurxentes na década de 1980, ata vincularse a Chávez como simpatizante do “socialismo do século XXI” e adherirse ao ALBA.

Estes factores levaron a duras críticas e consideracións en diversos sectores do seu país e, incluso, dende Washington, especialmente por parte do ex asesor para a política hemisférica do goberno de George W. Bush, o coñecido anticastrista Otto Reich. Aínda que o cambio de goberno na Casa Branca abrira unha nova etapa, esta perspectiva de preocupación cara a orientación xeopolítica e económica dun país clave en materia de inmigración para EEUU cobra importancia ante a crise actual, aínda que non existan aparentes razóns para inculpar a Washington na participación do golpe militar.

Velaí que a perspectiva dunha influencia chavista en Honduras causaba evidente preocupación en diversos sectores sociais e políticos dese país centroamericano. Os beneficios enerxéticos e económicos alcanzados por Honduras tralo seu ingreso no ALBA teñen, en gran medida, certo tipo de conexión coas pretensións de Chávez de crear núcleos xeopolíticos hemisféricos dispostos a frear a influencia estadounidense e do ALCA.

Igualmente, e tendo en conta que Daniel Ortega goberna en Nicaragua (outro país membro do ALBA) e Mauricio Funes e a ex guerrilla do FMLN acaban de asumir goberno no Salvador, para Washington resultaría complexo asumir que Honduras poida constituír unha nova perda de influencia dentro do contexto centroamericano, rexión onde ven atando tratados de libre comercio desde mediados dos anos noventa.

Non obstante, as declaracións oficiais da Casa Branca foron de condena ao golpe a Zelaya, instando a un compromiso político para restituír a súa lexitimidade presidencial. O mesmo tratamento ofreceron a Unión Europea, o MERCOSUR, a UNASUR, o Grupo de Río, o Sistema de Integración Centroamericano, a ONU e a OEA, condenando o golpe, recoñecendo como única autoridade lexítima a Zelaya e instando a alcanzar un acordo político que permita a súa restitución presidencial.

Co golpe militar perpetrado, o contexto hemisférico será igualmente complexo e notoriamente contrario para o novo goberno de Michelletti, tomando en conta a posibilidade de activación da Carta Democrática da OEA, asinada en Lima o 11 de setembro de 2001, que rexeita calquera ruptura violenta da orde legal e constitucional. Así, a actual crise hondureña probablemente termine dirimíndose no seo da OEA, moi probablemente persuadida a non recoñecer o goberno de Michelletti e activando unha serie de mecanismos políticos e diplomáticos destinados a alcanzar un acordo político no país centroamericano.

Os efectos dun golpe“posmoderno”

Resta saber se o preocupante exemplo hondureño non terá repercusión noutras partes do hemisferio, especialmente en casos onde a pretensión presidencial reeleccionista comeza a cobrar forma en países como Colombia, Ecuador, Bolivia e Nicaragua, por tomar algúns exemplos.

A conxunción que se deu en Honduras, na que os Poderes Xudicial e Lexislativo avaliaron e lexitimaron un golpe militar, afronta unha perspectiva perniciosa para o desenvolvemento democrático dos países latinoamericanos, así como para o seu equilibrio institucional. Se o golpe militar en Honduras finalmente se consolida e Zelaya é apartado do seu cargo, noutros contextos latinoamericanos podería reproducirse unha intervención similar, alterando a legalidade institucional e as formalidades propias dun sistema democrático.

Igualmente, o golpe militar en Honduras coloca no epicentro de atención as delicadas relacións que, nun marco democrático, poden ocorrer entre os estamentos militares e civís, enmarcados nun contexto de crise política. O exemplo hondureño ven así a retrotraer unha vella pantasma que se consideraba afastada da realidade política latinoamericana: o espectro do golpismo militar. A diferenza co pasado é que o actual escenario hemisférico xa non semella proclive a aceptar, directa ou indirectamente, a viabilidade dos golpes de Estado e das rupturas legais e constitucionais.

 

 

 
Volver a TitularesVolver a Igadi Paper
 
 
 
30/06/2009 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org
http://www.igadi.org/ipaper/013_golpe_militar_en_honduras.htm