a) Introdución:
O pasado 27 de abril reuníronse en Washington sendas delegacións diplomáticas estadounidense e cubana, nun encontro cualificado como “informal” e destinado a explorar as posibilidades futuras de negociación entre ambos países, especificamente en cuestións puntuais como a política migratoria e o tráfico de drogas.
Este encontro en Washington sinala unha nova perspectiva nas habitualmente turbulentas relacións entre EEUU e Cuba. A principios de abril, unha delegación de sete congresistas estadounidenses, todos eles de raza negra, realizaron unha histórica visita a Cuba, para reunirse coas altas autoridades estatais e explorar eses posibles canais de diálogo.
O pasado 13 de abril, catro días antes da inauguración do V Cumio das Américas en Trinidad e Tobago, o presidente estadounidense Barack Obama anunciou un decreto de eliminación de determinadas medidas restritivas sobre as visitas de cubano-estadounidenses á illa caribeña e dos envíos das remesas dende o exterior. Xogando co factor sorpresa, o xesto de Obama obtivo nese momento ambiguas respostas por parte do goberno cubano.
Actualmente semella existir un clima proclive á apertura exterior cara Cuba, do cal o goberno de Obama espera poder medir con cautela a posibilidade de abrir unha “nova era” nas relacións entre ambos países. A “diplomacia inclusiva” cara Cuba ven desenvolvéndose, por diversas vías, principalmente dende Venezuela e Brasil, propiciando unha apertura internacional cara a illa caribeña.
Cuba foi un tema central e prioritario do pasado Cumio das Américas. Ao mesmo tempo, a secretaria de Estado estadounidense, Hillary Clinton, realizou unha inédita declaración o pasado 24 de abril, considerando que as anteriores políticas de EEUU cara Cuba “fracasaron” e que, na actualidade, Washington busca “formas mais produtivas de avanzar”.
O presidente do Consello de Estado cubano, Raúl Castro, respondeu ás declaracións de H. Clinton considerando que Cuba está disposta a dialogar “de igual a igual con EEUU” sobre “todo”. Non obstante, cómpre salientar a cautela e prudencia política actualmente existente tanto en Washington como en La Habana sobre esta posibilidade de apertura de relacións e os canais de diálogo a utilizar.
b) As bases reais do diálogo
En varias oportunidades, Obama afirmou que o obxectivo dun posible diálogo entre EEUU e Cuba era “a consecución dun sistema democrático” na illa caribeña. Esta especie de “cláusula política indirecta”, contemplada no sorprendente decreto realizado polo presidente estadounidense o pasado 13 de abril, supón un elemento esencial para definir as posibles negociacións directas cubano-estadounidenses.
Independentemente das medidas e decretos emanados dende Washington, a esixencia dun “cambio democrático” en Cuba seguirá sendo o eixe principal das demandas estadounidenses cara o goberno de Raúl Castro. Probablemente persuadido do novo momento político hemisférico favorable á apertura con Cuba, Obama impulsa unha estratexia que, en último caso, busca que sexa o goberno cubano quen realice xestos de apertura, que permitan a Washington seguir levando a iniciativa. Dende a visión estadounidense, estes xestos están especialmente relacionados con aspectos concretos (e non menos polémicos) como as liberdades políticas e os dereitos humanos.
Deste modo, Obama destacaba nas súas declaracións públicas que o diálogo, indefectiblemente, estaba condicionado aos “xestos” que La Habana estaba disposta a realizar.
Pola contra, o goberno cubano contempla o diálogo dende diversas perspectivas, pero afrontando con prudencia a resposta formal ao mesmo. A verdadeira apertura que o goberno cubano require de Washington está condensada na fin do embargo, vixente desde 1961 e con aínda poucas perspectivas de ser eliminado a curto prazo. Paralelamente, o mantemento da base militar estadounidense en Guantánamo tamén agrava as friccións existentes entre ambos países.
Eliminar o embargo e propiciar o peche da base de Guantánamo constitúen os piares das condicións demandadas por La Habana, precisamente porque permitirían a definitiva reinserción cubana nos organismos hemisféricos, especialmente na Organización de Estados Americanos (OEA), da que a illa caribeña foi expulsada en 1962.
A fin de concretar unha firme iniciativa, a reacción oficial cubana, en boca de Raúl Castro, considerou que “non era Cuba a que debía realizar xestos”, considerando que o seu goberno “non impedía aos empresarios estadounidenses facer negocios no seu país” nin é Cuba quen “posúe unha base militar en EEUU, en contra da vontade do seu pobo”.
Non obstante, e coa finalidade de facilitar un ton conciliador, Raúl Castro reiterou a disposición do seu goberno “a manter un diálogo sobre todo, en igualdade de condicións”. Anteriormente, trala aceptación pública de Raúl Castro sobre a oferta de diálogo de Obama, foi precisamente Fidel Castro quen falou de “malentendidos” que debían moderarse.
Na actualidade, e dun xeito oficial, as declaracións de Raúl Castro semellan amosar un maior consenso dentro do goberno cubano para afrontar un diálogo baixo os principios de “obxectividade, imparcialidade e non selectividade” sobre temas como “os dereitos humanos, a liberdade de prensa e os presos políticos”, tal e como explicou o presidente cubano. Inclusive, La Habana estaría a favor de propoñer a España e á Unión Europea como posibles interlocutores exteriores.
c) O contexto internacional
No V Cumio das Américas celebrado o pasado 17 e 19 de abril en Trinidad e Tobago evidenciouse o consenso dos países latinoamericanos por reintegrar a Cuba na OEA, manifestándose un consenso internacional por rematar co embargo estadounidense.
Paralelamente, diversos lobbies turísticos e agroindustriais en EEUU están incrementando as súas presións e demandas ante o Congreso estadounidense para acabar legalmente cun embargo que obstaculiza os seus intereses económicos na illa caribeña a curto e longo prazo.
Cuba ven recibindo nos últimos meses unha serie de visitas de mandatarios estranxeiros que clarifican o seu paulatino e progresivo proceso de inserción internacional, acabando cun illamento mantido durante décadas, principalmente pola política restritiva de Washington. En gran medida como consecuencia da activa disposición das diplomacias venezolana e brasileira, o goberno de Raúl Castro recibiu desde finais de 2008 as visitas dos presidentes de Rusia, China, Arxentina, Brasil, Chile e República Dominicana, entre outros.
Non obstante, os aspectos principais do diálogo informal do pasado 27 de abril na sede do Departamento de Estado en Washington entre funcionarios diplomáticos de ambos países permitiu albiscar determinados puntos da relación bilateral de alto interese, alén do fin do embargo e a apertura democrática en Cuba.
En principio, comezando por aspectos concretos e menos polémicos como a política migratoria e o combate ao tráfico de drogas, poderase contemplar, a mediano prazo, a posibilidade de asentar as bases dun diálogo mais fluído que permita, co paso do tempo, a discusión doutros temas mais controvertidos.
d) Chávez entra en escena
Resultaría incompleto obviar o papel que podería xogar o presidente venezolano Hugo Chávez ante o hipotético escenario de diálogo entre EEUU e Cuba. Chávez é o principal aliado xeopolítico hemisférico do goberno cubano, con evidencias traducidas no Acordo de Cooperación subscrito entre ambos países en outubro de 2000 ou nos mecanismos de integración continental impulsados por Chávez a través da Alternativa Bolivariana para as Américas (ALBA), da que Venezuela e Cuba forman o eixe central.
O pasado Cumio das Américas permitiu un achegamento cordial entre Obama e Chávez, nun escenario en que Cuba figurou como eixe prioritario de discusión e, incluso, fricción.
A constante tensión entre o goberno de George W. Bush e Chávez entorpeceu durante anos as relacións diplomáticas entre ambos países, ata o punto de chegar á suspensión temporal das mesmas en setembro de 2008, debido á implicación estadounidense na crise política boliviana que deu paso á mutua expulsión de embaixadores.
En clara referencia á posibilidade de triunfo electoral de Obama, Chávez declarou entón que non ía a enviar outro embaixador a Washington ata que un novo goberno “que respectara a Venezuela e os países latinoamericanos” chegara á Casa Branca. A pesar dos posteriores ataques verbais e críticas do presidente venezolano, o encontro entre Obama e Chávez en Trinidad e Tobago deu a entender que Washington e Caracas semellan agora dispostos a afrontar unha nova etapa de relacións. Recentemente, Chávez nomeou o seu novo embaixador ante o goberno estadounidense, nun xesto que ilustra a disposición a “pasar páxina” nas relacións bilaterais entre ambos países.
Pero está por ver se Chávez terá algún papel máis significativo no hipotético proceso de diálogo entre EEUU e Cuba. A última volta de rosca no goberno cubano, coa destitución de altos cargos como o ex vicepresidente Carlos Lage e o ex ministro de Exteriores, Felipe Pérez Roque, deixaron a Chávez sen dous grandes interlocutores dentro do gabinete da illa. Diversas fontes de información especulan coa falta de sintonía existente entre Raúl Castro e Chávez, a diferenza da que existe entre o mandatario venezolano e Fidel.
Especulacións aparte, Chávez reclamará o seu papel no proceso de apertura cubano-estadounidense. Desde practicamente a súa chegada ao poder en 1999, o líder bolivariano ven aplicando unha activa diplomacia internacional a favor da reinserción de Cuba nos organismos internacionais, condenando publicamente o bloqueo estadounidense. Pero tamén está por ver cómo será a posición do goberno cubano con respecto ao posible papel de Chávez no contexto hemisférico.
A diplomacia cubana modera habilmente a xanela exterior que lle brindan tanto Chávez como o presidente brasileiro Lula da Silva, factores que poden influír, dalgún modo, na evolución do diálogo con Washington. Países como Rusia e China tamén entran en xogo, defendendo a reinserción internacional de Cuba.
En todo caso, Obama iniciou unha “nova era” nas turbulentas relacións cubano-estadounidenses que, ao menos oficialmente, foron ben aceptadas na Habana. Non obstante, o diálogo esperado será lento e non menos provisto de posibles escenarios conflitivos que, ocasionalmente, poden derivar en suspensións temporais das negociacións. As posibilidades reais de entendemento entre Washington e La Habana iranse decantando pouco a pouco.
|