Igadi Paper / nº 081 - 15/03/2012 Volver a TitularesVolver a Igadi Paper

Eleccións presidenciais en Timor Leste:
entre a polarización e a estabilidade

Versión en PDFVersión para imprimir

 

a) Introdución

Baixo un tenso clima político, a República Democrática de Timor Leste celebrará o próximo 17 de marzo a súa terceira elección presidencial para un período de cinco anos, tras a proclamación da súa independencia de Indonesia en 1999 e o seu recoñecemento formal internacional en maio de 2002. En xuño próximo, Timor Leste celebrará eleccións lexislativas.

O décimo aniversario da independencia timorense vese salpicado pola polarización electoral derivada das fortes rivalidades políticas. Na actual contenda  enfrontaranse o actual presidente José Ramos-Horta (63 anos), cunha candidatura independente, tendo como principal rival ao líder opositor Francisco Guterres (popularmente coñecido como “Lu Olo”, de 58 anos), candidato da Fronte Revolucionaria para un Timor Leste Independente (FRETILIN).

O cadro electoral presidencial timorense complétase coas candidaturas do xeneral José María Vasconcelos, popularmente coñecido como “Taur Matan Ruak” (56 anos), ex comandante do FALINTIL-Forças de Defesa de Timor Leste (F-FDTL),  quen tamén se presenta como independente. Outras candidaturas son as de Fernando de Araújo (“La Sama”, de 49 anos), presidente do Parlamento Nacional de Timor Leste e do Partido Democrático; e José Luís Guterres (“Lugo”, de 58 anos), viceprimeiro ministro e líder da Fronte Mudança, unha fracción escindida do FRETILIN.

Parcialmente afastado da atención internacional, a andaina política independente de Timor Leste da conta dun melloramento da súa estabilidade e fortalecemento institucional pero tamén dos imperantes retos de superación das desigualdades socioeconómicas nun dos países cos índices de pobreza máis elevados de Asia-Pacífico. Na actual conxuntura electoral, a tensión política rebrotou en diversas localidades da capital Dili e do interior do país, con ataques ás dependencias da Comisión Electoral e que levaron ao goberno de Ramos-Horta a solicitar a intervención de forzas internacionais da ONU, con medio milleiro de efectivos.

Precisamente, a presenza militar da ONU como garante da estabilidade timorense constitúe un tema clave a curto prazo, e mais no actual contexto de renovación da tensión e da violencia política. A ONU mantén máis dun milleiro de policías e militares na illa e ten prevista a súa retirada o próximo 31 de decembro, tal e como decidiu en febreiro pasado o seu Consello de Seguridade. Pero tanto o presidente Ramos-Horta como o seu primeiro ministro Xanana Gusmão (Consello Nacional da Reconstrução de Timor Leste, CNRT), son partidarios de que a retirada militar e policial da ONU se efectúe antes de rematar 2012.

b) Polarización electoral no décimo aniversario da independencia

En 2012, Timor Leste celebrará dous importantes procesos electorais: os comicios presidenciais previstos para o próximo 17 de marzo; e os comicios lexislativos en xuño. Ambos procesos coinciden coa conmemoración do décimo aniversario da independencia de Timor Leste, tras converterse no 191º Estado membro da ONU en setembro de 2002.

Paralelamente, ao finalizar 2012 rematará a Misión Integrada de Nacións Unidas en Timor Leste (MINUT), cunha permanencia constituída como garante principal da estabilidade do país e cun mandato que expirará o próximo 31 de decembro. Tralos violentos disturbios políticos e étnicos de 2006 (que incluíu unha rebelión militar), a MINUT, que conta con 1.397 efectivos militares en Timor Leste, a maioría provenientes de Australia, Nova Zelandia, Portugal e Malaisia, impulsou a partir de 2007 a creación da Policía Nacional de Timor Leste (PNTL), órgano principal de seguridade do país e garante da estabilidade dos próximos comicios presidenciais e lexislativos.

Se ben a estabilidade timorense mellorou notablemente trala violencia política de 2006, o escenario electoral de 2012 da conta dun contexto de profundas rivalidades persoais que non só condicionan o panorama político senón que anuncian unha eventual atomización parlamentaria como resultado dos comicios lexislativos de xuño próximo, alterando así o marcado bipartidismo trazado nesta última década entre o Consello Nacional da Reconstrução de Timor Leste (CNRT) e a Fronte Revolucionaria para un Timor Leste Independente (FRETILIN).

Esta atomización política vese manifestada pola proliferación de candidaturas independentes presidenciais (trece en total) a pesar de que varias delas contan co apoio explícito ou tácito de diversos partidos e movementos políticos. Así mesmo, un total de 24 partidos e formacións políticas están rexistrados para presentarse nos próximos comicios lexislativos. As súas posibilidades electorais van depender igualmente dos resultados previamente alcanzados por estes partidos políticos nos comicios presidenciais.

De cara ás eleccións presidenciais do próximo 17 de marzo, a preferencia electoral semella centrarse na confrontación política entre o actual presidente José Ramos-Horta, candidato independente elixido nos anteriores comicios presidenciais de 2007 con apoio da CNRT; e o líder opositor Francisco Guterres (Lu Olo), principal candidato da FRETILIN, aínda que este partido comparece coa limitación engadida da candidatura de José Luís Guterres (Lugo), líder da facción Fronte Mudança.

A candidatura do FRETILIN pode verse igualmente condicionada pola do popular xeneral Taur Matan Ruak, ex comandante do FALINTIL-Forças de Defesa de Timor Leste (F-FDTL), quen se presenta tamén como independente. Retirado das Forzas Armadas en outubro de 2011, Taur Matan Ruak mantén aínda unha sólida base de apoio político en diversos estamentos do FRETILIN así como entre os militares veteranos da loita independentista contra Indonesia (1975-1999), un factor clave para definir os apoios e simpatías no actual panorama político timorense.

Esta polarización política CNRT-FRETILIN define en gran parte a radiografía sociopolítica do Timor Leste independente. A CNRT constitúe unha especie de “paraugas” de partidos e movementos historicamente ligados á figura do actual primeiro ministro Xanana Gusmão. Conta actualmente co apoio de diversas clases medias e empresariais beneficiadas polos contratos gobernamentais (especialmente na explotación de petróleo e gas natural) así como de diversos estamentos sociais simpatizantes coa integración en Indonesia, e que finalmente mantivéronse leais a Gusmão unha vez este instaurara a Comisión de Reconciliación Nacional tras a independencia. Por tanto, a base electoral da CNRT ten na capital Dili e nas provincias centrais os seus referentes esenciais  e pode que os seus votantes se decanten pola reelección presidencial de Ramos-Horta, tal e como ocorrera nos anteriores comicios de 2007.

Pola súa banda, o FRETILIN conserva o legado histórico da loita revolucionaria e independentista timorense contra o dominio indonesio, mantendo unha forte simpatía política nas provincias do Leste do país. Neste sentido, o legado da loita revolucionaria e independentista constitúe unha credencial política clave nun FRETILIN fragmentando e erosionado por diversos liderados con forte arraigo popular, como son os casos dos actualmente candidatos Lu Olo, Taur Matan Ruak e Lugo.

Finalmente, compre salientar a posibilidade de que o candidato Fernando de Araújo (La Sama), actual presidente do Parlamento Nacional de Timor Leste e líder do Partido Democrático (PD), se configure nunha especie de “candidatura bisagra” entre Ramos-Horta e Lu Olo. De cara á conformación do próximo Parlamento Nacional, e tendo en conta a proliferación de partidos e formacións políticas, a diversidade de coalicións albíscase como vía mais certeira para redefinir o mapa político timorense para os próximos anos.

c) Marcando os retos para o futuro

Se ben as próximas eleccións presidenciais e lexislativas timorenses, así como a retirada da misión da MINUT, condicionarán o mapa político inmediato do país, outros factores de carácter económico e social terán unha influencia clara na súa estabilidade.

A falta de definir este novo mapa político, o país debe considerar importantes retos a curto e medio prazo que influirán na súa estabilidade institucional e social. Ademais da seguridade e da fortaleza institucional, un destes retos é o relativo aos aínda relevantes índices de pobreza, as desigualdades socioeconómicas xeradas pola reconstrución nacional e un elevado desemprego que, principalmente, afecta á mocidade timorense, en especial na capital Dili. Incluso en diversos estamentos sociais da capital aprécianse alarmantes datos de desnutrición infantil e analfabetismo.

Timor Leste é un dos países máis pobres da área de Asia-Pacífico. No Índice de Desenvolvemento Humano 2010 elaborado polo Programa de Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD), o país situouse no posto 120 entre 169 países. Segundo datos do Banco Mundial, a agricultura representa o 30% do PIB timorense e o 75% do emprego nacional. Non obstante, nos derradeiros cinco anos o país ven ascendendo posicións na escala do IDH, incluso con perspectivas de alcanzar o ranking de países de renda media na próxima década.

Outro factor a ter en conta son os plans de desenvolvemento e as infraestruturas, aínda escasas nos dez anos de independencia e de reconstrución nacional. O goberno timorense adiantou un ambicioso plan de investimentos en infraestruturas para o período 2011-2030 que, inexplicablemente, non ten un impacto político relevante na campaña electoral de 2012, a pesar de que constitúe un baluarte esencial para apuntalar o desenvolvemento socioeconómico do país.

Precisamente, a actual campaña electoral timorense dilúese nunha infrutuosa “guerra” de rivalidades e confrontacións políticas entre os diversos liderados, incluso algúns deles manipulados a través dun discurso incendiario, que non só pode espallar socialmente estas rivalidades políticas (e incluso étnicas) senón que opaca un necesario debate público sobre a importancia dos programas sociais, principalmente en saúde, educación e desenvolvemento local. Incluso, a discusión sobre os programas de asistencia social vese obstaculizada pola pretensión de asegurar e primar os fondos de pensións para militares retirados involucrados na loita independentista, un propósito  con obvia intencionalidade electoral.

Dentro dos programas de desenvolvemento, é igualmente relevante o papel do Fondo Petroleiro e a importancia para a economía timorense da explotación de petróleo e gas natural no mar de Timor, un escenario onde Australia mantén o predominio dos contratos e das áreas de exploración e explotacións. A pesar da corrupción administrativa emanada dos contratos, denunciada por diversas ONGs e a propia ONU, diversos organismos internacionais celebraron a transparencia na xerencia dos recursos financeiros dun Fondo Petroleiro que mobilizou, a finais de 2011, un monto de US$ 8 mil millóns.

Finalmente, resulta necesaria un alargamento do plan de reconciliación nacional trala independencia que permita reverter a impunidade xudicial persistente ante os crimes cometidos durante a guerra entre 1975 e 1999 contra a dominación indonesia, e que causaron aproximadamente 200.000 civís mortos e desaparecidos.

Así e todo, Timor Leste pode exhibir relevantes logros, con principal énfase na seguridade e estabilidade nacional. Segundo datos da ONU, un 50% dos votantes rexistrados na Comisión electoral para estes comicios son mulleres, un aspecto que reforza os programas de participación feminina. Paralelamente, o país lexitima a súa presenza internacional como membro do Banco Mundial, do Fondo Monetario Internacional, do Movemento dos Non Aliñados, da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa, do Foro Rexional da ASEAN e como observador do Foro do Pacífico. 

IGADI, 15 de marzo de 2012

 

 
Volver a TitularesVolver a Igadi Paper



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta