Igadi Paper / nº 076 - 30/11/2011 Volver a TitularesVolver a Igadi Paper

O islamismo político aséntase no Magreb

Versión en PDFVersión para imprimir

 

a) Introdución

Como unha auténtica “revolución política” na dinámica de cambios derivada da “Primavera árabe”, o ascenso ao poder dos partidos islamitas no Magreb confirma un novo escenario, principalmente tralas súas recentes vitorias electorais en Tunisia e Marrocos, así como o seu previsible ascenso no prolongado proceso electoral constituínte en Exipto e a posibilidade de inserción de elementos islamitas, algúns deles de carácter máis radical, na Libia post-Gadafi.

Por anos perseguidos, ilegalizados e reprimidos polos réximes políticos do Magreb e estigmatizados dende Occidente ante unha presunta “radicalización” que, a grandes trazos, ocultaba o temor polo crecente ascenso da aceptación social e a popularidade destes movementos, o islamismo político no Magreb ocupa actualmente o rol protagónico máis decisivo que outorga un novo cariz á denominada Primavera árabe. Este papel relevante do islamismo político ten as súas referencias máis inmediatas nas vitorias electorais do Partido da Xustiza e do Desenvolvemento (AKP) en Turquía, no poder desde 2002, e confirmáronse co triunfo do movemento islamita Hamás nas eleccións lexislativas da Autoridade Nacional Palestina en 2006. De feito, os partidos islamitas no Magreb sinalan ao AKP turco como a súa referencia política mais importante.

No caso magrebí, os casos máis emblemáticos son o movemento Ennahdha en Tunisia e o Partido da Xustiza e do Desenvolvemento (PXD) en Marrocos, ambos vencedores das respectivas eleccións constituíntes e lexislativas neses países; e a exipcia Irmandade Musulmá, movemento precursor desde a súa fundación en 1928 do islamismo político no Magreb e Oriente Próximo, e que encamíñase a desempeñar un papel relevante no proceso de transición constituínte que actualmente lévase a cabo no Exipto post-Mubarak, un país envolto nas últimas semanas nunha serie de tensións políticas e sociais contra o réxime militar transitorio no poder.

Aínda que está por ver qué sucedera ante a repentina aparición de elementos “islamitas radicais” actualmente no poder en Libia, este avance electoral do islamismo político no Magreb non pode considerarse exclusivamente como unha tendencia política orientada cara a “islamización” do Norte de África, senón máis ben como a confirmación destes movementos como actores progresistas e democráticos nunhas sociedades tradicionalmente configuradas en torno ao autoritarismo do poder e, tanxencialmente, á preeminencia política dos factores tribais e sectarios. Un escenario que obrigará necesariamente a Occidente a modificar o seu tradicional rexeitamento do islamismo político, observándoo como un actor clave nos procesos de transición política no mundo árabe.

b) O exemplo tunisiano

O pasado 23 de outubro, o partido islamita Ennahdha (Renacemento) obtivo un espectacular triunfo electoral nos comicios á Asemblea Constituínte en Tunisia, trala caída en xaneiro pasado da autocracia do ex presidente Zine el Abidine Ben Alí. Foi precisamente en Tunisia onde emerxeu a faísca revolucionaria que actualmente se desenvolve no mundo árabe.

O partido Ennahdha obtivo o 40% dos votos, alcanzando 89 dos 217 constituíntes requiridos para elixir unha nova Asemblea Nacional, que en diversos estamentos da opinión pública non dubidan en cualificar como as bases para a construción da IIº República tunisiana trala independencia obtida en 1957. De formación conservadora e cunha base electoral e política basicamente rural, Ennahdha sufriu a represión e persecución política da man dos presidente Habib Bourguiba e Ben Alí, ambos contando co expreso aval occidental.

Non obstante, o partido islamita tunisiano transitou desde a década de 1980 dende unha concepción política labrada polo integrismo relixioso a outra de maior concreción pragmática, a fin de inserirse no sistema político tunisiano. En particular, o islamismo político tunisiano (e por conseguinte no Magreb e no mundo árabe) solidificou a súa popularidade a través da concreción de redes de asistencia social (sanitaria, educativa, etc.), principalmente nos segmentos rurais e populares, tradicionalmente desasistidos pola autoridade estatal.

Trala súa vitoria electoral, o Ennahdha convértese na forza política máis importante de Tunisia, baixo o mando do seu líder e próximo primeiro ministro Rashid Ganouchi, un político condenado a prisión na década de 1980, posteriormente exiliado en Gran Bretaña e que regresou a Tunisia trala caída de Ben Alí. Ennahdha formará agora unha coalición de goberno cos partidos Congreso para a República e Ettakatol, dentro dunha atomizada Asemblea Constituínte que incluirá outras formacións políticas como o Partido Comunista, o Partido Progresista Democrático e o Polo Democrático Progresista, e que estará encargada de redactar unha nova Constitución.

O ascenso electoral do Ennahdha intensificou as preocupacións, principalmente en Occidente, sobre unha presunta axenda islamita que contrastaría coa tradicional andaina secular e laica da Tunisia contemporánea. Non obstante, o acontecer actual semella considerar que o pragmatismo de Ennahdha permite abordar unha importante posición favorable á inclusión da muller na vida pública tunisiana, tendo en conta que a perspectiva de xénero ven sendo un baluarte importante na concreción do progreso social e democrático na Tunisia post-Ben Alí e, particularmente, polo relevante papel das mulleres tunisianas na denominada “Revolución de Xazmín”.

Pero resta por observar cómo evolucionará este pragmatismo de cara á discusión constitucional sobre outros asuntos máis polémicos como o uso do velo, a relación entre o Estado e o Islam ou a educación pública. Un escenario que Ennahdha deberá tomar en consideración á vista da atomización política na Asemblea Constituínte tunisiana, que moi probablemente dará curso a negociacións e equilibrios de poder coas demais forzas políticas.

c) Un islamita no poder en Marrocos

Alentado pola vitoria da Ennahdha en Tunisia, o islamismo político en Marrocos, a través do Partido da Xustiza e do Desenvolvemento (PXD) alcanzou un histórico triunfo electoral nos comicios lexislativos celebrados o pasado 25 de decembro, ao obter 80 dos 395 escanos da Cámara de Representantes. Esta histórica votación permitiu que o PXD superara amplamente a outras formacións políticas como Istiqlal, a Reunión Nacional de Independentes (RNI), o Partido Autenticidade e Modernidade (PAM), a Unión Socialista, o Movemento Popular e a Unión Constitucional.

A fin de aplacar as demandas democráticas derivadas das protestas populares do Movemento 20 de Febreiro (M20F) ao carón da Primavera árabe, o monarca marroquí Mohammed VI anunciou en abril pasado a creación dunha Comisión Consultiva de Revisión da Constitución (CCRN), encargada de redactar un novo texto constitucional que foi posteriormente aprobado por referendo popular en xullo pasado. Nesta nova Constitución, o monarca conserva amplos poderes menos o seu veto en eleccións lexislativas. Por tanto, e trala vitoria do partido islamita, o rei Mohammed VI recoñeceu a vitoria do PXD, nomeando ao seu secretario xeral Abdelilah Benkirán, como o novo primeiro ministro marroquí.

Como no caso de Gannouchi e do Ennahdha en Tunisia, Benkirán e o PXD marroquí deberán agora concretar pactos políticos parlamentarios a fin de garantir un goberno estable, tendo en conta que as forzas políticas máis nacionalistas e promonárquicas, como Istiqlal, RNI e PAM, constituiranse como as principais forzas da oposición ao islamismo político. Baixo o mesmo prisma que no caso tunisiano, Benkirán deberá tamén sortear a discusión de asuntos que poden intensificar a polémica política, como a vestimenta feminina ou a tolerancia cara o consumo de alcohol e a homosexualidade.

A pesar da súa histórica vitoria, o PXD deberá afrontar unha realidade inevitable: que o sistema político marroquí favorece a atomización do voto, a fin de evitar maiorías absolutas parlamentarias, unha perspectiva moi probablemente labrada a fin de evitar unha eventual hexemonía do PXD. Defendendo un programa centrista e pragmático que lle permitiu atraer o voto das clases medias, o PXD deberá igualmente sortear a mobilización do M20F que nestas eleccións instou ao boicot por considerar que o sistema electoral marroquí está “viciado e é fraudulento”. A participación electoral foi do 45%, se ben superior á rexistrada nas anteriores eleccións parlamentarias de 2007 pero denotando un nivel de descontento popular e fastío da sociedade marroquí cara o seu sistema político e electoral.

d) Antagonismos en Exipto, Alxeria e Libia

Nos outros tres países do Magreb (Exipto, Alxeria e Libia), as perspectivas políticas para o islamismo político e, por conseguinte, en relación aos seus futuros escenarios, dilúense nun mar de contradicións, antagonismos e incertezas.
Desde o pasado 27 de novembro, Exipto leva a cabo un complexo e prolongado proceso electoral dividido en tres fases durante seis semanas, para elixir unha Asemblea Constituínte encargada de redactar unha nova Constitución e elixir unha nova presidencia antes de xuño de 2012. Os resultados preliminares na primeira fase da votación outorgan un 40% dos votos ao movemento islamita da Irmandade Musulmá, considerado o partido político máis importante do país.

Non obstante o favoritismo da Irmandade Musulmá, no Exipto post-Mubarak increméntanse as tensións e confrontacións nas rúas entre os movementos populares que levaron a cabo a denominada “revolución de febreiro”, e a Xunta Militar transitoria, presidida polo comandante Mohammed Hussein Tantawi, e que deixaron algúns mortos e feridos nas semanas previas ao proceso electoral. Estes movementos acusan aos militares e a líderes do Partido Nacional Democrático (PND) do ex presidente Mubarak, de orquestrar un presunto “pacto político” coa Irmandade Musulmá, a fin de repartirse o poder na próxima Asemblea Nacional resultante do proceso constituínte.

Pola súa banda, en Alxeria, ata agora inmune aos cambios políticos no Magreb, o escenario tórnase incerto de cara aos comicios lexislativos previstos para febreiro de 2012. Moitos observan nestes comicios a materialización da ruptura parlamentaria presidencial xestada desde 2004 polo islamita Movemento da Sociedade e pola Paz (MSP), liderado por Bougerra Soltani; dos nacionalistas da Fronte Nacional de Liberación (FNL), no poder desde a independencia alxerina en 1962; e da Reunión Nacional Democrática (RND), partido do actual primeiro ministro Ahmed Ouyahia, aliado político do presidente Abdelaziz Bouteflika.

O espectro do islamismo político rememora os sucesos máis dolorosos para a sociedade alxerina contemporánea: a Fronte Islámica de Salvación (FIS) gañou as eleccións lexislativas de xaneiro de 1992, sendo descoñecidas inmediatamente pola Xunta militar a través dun golpe de Estado. Isto deu paso a unha prolongada guerra civil que culminou coa derrota do Grupo Islámico Armado (GIA) en 2002 e que deixou aproximadamente 200.000 mortos.

Trala instauración dunha Comisión Nacional de Reconciliación, o islamismo político alxerino concentrouse en torno ao MSP, cunha militancia máis pragmática e menos radical. A carón da Primavera árabe, especúlase que o MSP pode alcanzar importantes cotas parlamentarias nos comicios de febreiro de 2012, aínda que o escenario político alxerino amósase politicamente atomizado.

Finalmente, a Libia emanada da intervención militar da OTAN e da ONU contra o réxime do asasinado coronel Muammar al Gadafi, a través do seu apoio ao enigmático movemento insurxente do Consello Nacional de Transición (CNT), está ofrecendo un escenario inédito nun país onde os movementos islamitas foron case exterminados por Gadafi durante a década de 1990.

A mediados de outubro pasado, o presidente do CNT, Mustafá Abdel Jalil, anunciou a instauración da sharía ou lei islámica como fonte legal inspiradora dun Estado islámico en Libia, incluso permitindo a poligamia e anunciando a prohibición do divorcio. A inexistencia de partidos políticos e, por conseguinte, a case desaparición dos movementos islamitas en Libia intensifican a posibilidade dunha radicalización do seu escenario político, a tenor da presión de diversos líderes de faccións militares dentro do CNT con ideoloxía islamita radical.

O pasado 22 de novembro instaurouse o novo goberno libio do primeiro ministro Abderrahim el-Kib. Non obstante, a preeminencia dos insurxentes armados na CNT, algúns deles pertencentes a movementos islámicos radicais incluso con presuntas conexións co grupo Al Qaeda no Magreb, ameazan con atomizar a fraxilidade estatal en Libia, un escenario absolutamente inesperado para os obxectivos de EE.UU e de Europa, así como da ONU, os principais doantes de axuda internacional á “nova Libia”. Precisamente, o primeiro ministro el-Kib saíu ileso dun atentando recentemente perpetrado en Trípoli, un acontecemento que incrementa as tensións e as incertezas sobre a estabilidade libia.

Se a eventual radicalización na Libia post-Gadafi se traduce nunha violencia sectaria onde os elementos islamitas radicais poden sacar proveito político, confirmarase o fracaso occidental na pacificación deste país e a certificación dun foco de inestabilidade no Magreb, que complicaría o labor político dos movementos islamitas moderados en Tunisia, Marrocos e Exipto. Un escenario que moi probablemente obrigaría a Occidente a mudar o seu enfoque, ante a necesidade de considerar ao islamismo político moderado como un actor fundamental para a democratización e o progreso social do mundo árabe.

IGADI, 30 de novembro de 2011.

 

 
Volver a TitularesVolver a Igadi Paper



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta