Igadi Paper / nº 066 - 14/06/2011 Volver a TitularesVolver a Igadi Paper

Turquía: hexemonía suave para Erdogan

Versión en PDFVersión para imprimir

 

a) Introdución

A incontestable vitoria do islamita moderado Partido da Xustiza e o Desenvolvemento (AKP, polas súas siglas en turco) nas eleccións lexislativas celebradas o pasado 12 de xuño, confirman a hexemonía política do seu líder e actual primeiro ministro Recep Tayyip Erdogan, quen alcanza así tres vitorias electorais consecutivas (2002, 2007 e 2011) por maioría absoluta, un feito histórico que marca decisivamente o curso da política turca no último decenio.

Con 326 deputados dos 550 escanos da Asemblea Nacional turca, o AKP confirma o seu predominio alcanzando o 49,9% dos votos, aínda que obtivera 15 deputados menos ca nos comicios de 2007. Pola súa banda, o opositor, republicano e de centroesquerda, Partido Revolucionario do Pobo (CHP) confirmou a súa “resurrección política” baixo un novo liderado, pasando de 122 a 133 deputados, co 25,6% dos sufraxios. Os outros dous grandes partidos con representación parlamentaria serán o Partido de Acción Nacionalista (MHP), que baixou de 71 a 57 deputados (13,2% dos votos), e o pro-curdo Partido da Paz e a Democracia (BDP), o cal sumou 36 deputados, superando en 15 os alcanzados nas eleccións de 2007.

A principal lectura dos comicios lexislativos turcos confirman un escenario de “suma variable”, onde os principais actores políticos obtiveron notables ganancias. Por unha banda, confirmouse a incuestionable hexemonía política do AKP de Erdogan, non obstante, matizada cunha lixeira caída en número de escanos que lle obrigará a promover unha dinámica de negociación e busca de consensos, especialmente no referido á posible aprobación dunha reforma constitucional que afianzaría o presidencialismo. Neste sentido, estes comicios supuxeron un lixeiro freo para as pretensións de Erdogan en aras de propiciar un maior consenso democrático.

Paralelamente, o CHP volve á palestra política cun liderado renovado, tras superar diversos escándalos políticos que erosionaron a imaxe da súa cúpula dirixente. Pola súa banda, o ascenso do pro-curdo BDP obrigará a Erdogan e o AKP a tomar con maior consideración a espiñenta cuestión curda, visiblemente afastada da atención política nos últimos anos, a pesar das promesas de apertura impulsadas por Erdogan. Finalmente, o ultranacionalista MHP, aínda perdendo escanos, tamén obtén réditos políticos ao non quedar fóra do Parlamento turco, superando o limiar do 10% de representación, cuestionado a xulgar polas expectativas de diversas enquisas.

Os comicios lexislativos ilustran o cambio de paradigma político no país, mais tendente á horizontalidade e ao pluralismo, así como a consolidación dun rumbo autónomo na súa política exterior, implicándose decisivamente nos asuntos rexionais e con pretensións de consolidarse como polo emerxente global. Nese sentido, a Turquía do AKP afástase da súa ata agora incuestionable orientación pro-occidental, incluso rebaixando as expectativas nas súas relacións coa Unión Europea, un tema sensiblemente marxinado do debate político turco actual.

b) Cara 2023?

Coa renovación da súa hexemonía electoral e política nos comicios lexislativos do pasado 12 de xuño, Recep Tayyip Erdogan e o seu partido AKP marcan unha pauta inédita na historia republicana turca, tras converterse no segundo político turco en lograr  lexitimarse pola vía democrática por máis de dous períodos presidenciais, tras o ex primeiro ministroAdnán Menderes (1950-1960), posteriormente deposto por un golpe militar.

Deste modo, o actual contexto modifica sensiblemente a extrema volatilidade do mapa político turco presente na década anterior, entre 1993 e 2002, ano da chegada do AKP ao poder. A pesar dos temores das elites políticas e militares turcas, así como de varios sectores en Occidente, pola consolidación dun partido islamita no poder en Ankara, o AKP logrou afirmar unha forza política sumamente plural, coa inclusión de diversos sectores dunha boiante clase media e de sectores populares que observan a este partido como o avatar dos cambios progresistas e democráticos que necesita Turquía.

Alén da súa hexemonía electoral e da potenciación dunha pluralidade de actores e temáticas dentro do escenario turco, o logro politicamente máis importante do AKP foi o afastamento do poderoso estamento militar turco, incluso superando diversas crises políticas con notorios intereses golpistas, como a presentada en abril de 2007, previa ás anteriores eleccións lexislativas. A manifestación dun necesario pero non menos delicado equilibrio entre o AKP e os militares constitúe o aspecto político máis importante e esencial para explicar os cambios experimentados pola política turca nos últimos anos.

Non obstante, seguen a proliferar as suspicacias en torno ás reais intencións de Erdogan e do AKP, especialmente de cara á próxima década. Diversos sectores en Turquía critican o estilo “autoritario e arrogante” de Erdogan, considerando que a súa pretendida reforma constitucional (parcialmente freada polos resultados electorais do pasado 12/X) deixaba entrever a súa intención de dar curso á reelección indefinida que lle permitira presentarse como candidato tantas veces como fora posible. Un dato importante que reflicte esta pretensión resumíase nun dos lemas da campaña electoral do AKP, que consideraba gobernar “ata o 2023”, ano que conmemorará o centenario da proclamación da República turca.

Con 326 deputados, Erdogan quedou ás portas de alcanzar os 330 necesarios para impulsar parlamentariamente o seu programa de reforma constitucional e, ao mesmo tempo, lonxe da maioría de 367 escanos que lle permitiría aprobala sen necesidade de consulta popular. Co novo escenario político, dificilmente Erdogan logrará alcanzar os pactos políticos necesarios para dar curso ao seu programa de reformas: o CHP, con 133 deputados, eríxese como o principal contrapeso político do AKP no Parlamento, xunto ao pro-curdo BDP e os ultranacionalistas MHP. Precisamente, o CHP atizou durante a campaña electoral a presunta intención de Erdogan de “perpetuarse no poder” e desmontar os principios laicistas da República turca, a través dunha presunta “axenda islamita oculta”, unha acusación reiteradamente formulada polas elites e o estamento militar turco contra o AKP nos últimos anos.

Restando escanos parlamentarios ao AKP, resalta o ascenso electoral do CHP liderado por Kemal Kilicdaroglu (63 anos), precisamente cando este partido, que se abroga o legado republicano kemalista, transitaba por unha especie de “deserto político”, trala dimisión en 2010 do seu anterior presidente Deniz Baykal, acusado de escándalos sexuais.

Kilicdaroglu, popularmente denominado o “Ghandi Kemal” polo seu parecido físico co líder pacifista hindú, logrou transformar ao CHP dunha formación fortemente nacionalista, anti-europea, pro-militarista e ás veces irracionalmente anti-AKP e anti-islamista, nun partido de cariz socialdemócrata e progresista, moi probablemente coa pretensión de restar apoios políticos ao AKP dentro da ascendente clase media e nas clases populares. Kilicdaroglu ven denunciando diversos casos de corrupción no entorno de Erdogan, que ben puideron erosionar levemente a súa popularidade.

Neste escenario, Erdogan e o AKP entran nunha fase de análise dos resultados electorais antes de ponderar os pasos necesarios para unha negociación política que amplíe a súa maioría parlamentaria. Cunha forte oposición do CHP, Erdogan dificilmente consolidará os apoios políticos necesarios para dar curso á reforma constitucional e á reelección presidencial indefinida, aparcando parcialmente o considerado “obxectivo 2023”. Así, deberá abrir paso á etapa dos consensos políticos con outras formacións, ao tempo que pode presentarse a medio prazo un debate interno no AKP sobre a súa sucesión política para os comicios de 2015.

c) Un novo contexto para a cuestión curda

Coa consabida oposición do CHP, Erdogan orientará a súa atención cara a cuestión curda, que entra agora nunha nova dimensión política ante o relevante ascenso electoral do BDP no Parlamento turco. Pero aquí o terreo resulta igualmente difícil e espiñento para o primeiro ministro.

O resultado electoral do BDP confirma o ascenso da influencia política dos partidos nacionalistas curdos, desencantados de Erdogan e co AKP nos últimos anos ante a contención (e nalgúns casos represión) dos seus lexítimos dereitos. O apoio curdo foi esencial para consolidar a vitoria electoral do AKP en 2002, aínda que con menos repercusión nas anteriores eleccións de 2007.

Dende entón, Erdogan só avanzou na promesa de propiciar unha televisión en lingua curda, pero a ensinanza do curdo segue ausente, principalmente nas escolas oficiais do sueste de Turquía, onde asenta a enorme maioría da comunidade curda. Igualmente, milleiros de activistas pro.curdos foron encarcerados nos últimos anos, ao tempo que se ilegalizaban diversos movementos. Considérase que Erdogan consentiu estes feitos para non entorpecer o clima de “equilibrio político” co influente estamento militar turco.

Pero o novo mapa electoral cambia considerablemente este escenario. O BDP, formación fortemente influída por movementos de extrema esquerda e algúns independentes, tentará agora converterse nunha especie de “bisagra” no Parlamento turco entre o AKP e o CHP. É posible que Erdogan tente abrir xanelas de negociación co BDP, a fin de conseguir un apoio parlamentario que achegue a posibilidade de colocar a reforma constitucional como tema político principal dos próximos anos. Pero non será doado, tendo en conta a visible contrariedade do BDP coas promesas incumpridas de Erdogan. En todo caso, o BDP negociaría unha reforma constitucional que consolide definitivamente os dereitos culturais e políticos dos curdos, incluso con posibilidades dunha autonomía política.

Este escenario radicalizaría aínda máis os sectores nacionalistas anti-curdos presentes no CHP e, principalmente, na ultradereita do MHP. Paralelamente, os violentos enfrontamentos postelectorais na localidade de Diyarbakir, no sueste turco, aventura unha etapa de maior crispación e violencia política. O propio líder curdo Abdullah Oçalan (en cadea perpetua desde 1999) e algúns sectores do Partido dos Traballadores do Curdistán (PKK) anunciaron antes das eleccións a posible reactivación da guerra de guerrillas contra o Estado turco no sueste do país. Non obstante, algúns medios informativos dan conta de indirectas negociacións entre Oçalan, o AKP e altos cargos estatais sobre asuntos políticos importantes a favor da cuestión turca.

d) Máis global, menos occidental

Debido ao elevado crecemento da última década, a Turquía de Erdogan converteuse na 16º potencia económica a nivel global. A súa ascendente inserción nas novas estruturas de poder mundial, como o G-20, engadido ao estratéxico valor xeopolítico na OTAN, confirman a importancia deste ascenso turco no contexto rexional e internacional.

A política exterior de Erdogan, habilmente dirixida primeiro polo actual Presidente da República Abdullah Gül e, posteriormente, polo actual ministro de Asuntos Exteriores Ahmet Davitoğlu, implica unha maior presenza turca en escenarios anteriormente inéditos, como África e América Latina, así como un reforzamento do equilibrio rexional no Cáucaso, Asia Central e Oriente Próximo.

Precisamente, a denominada “primavera política” do mundo árabe observa á Turquía do AKP como unha referencia política esencial para a transición democrática, sendo principalmente notorio no caso exipcio. Este equilibrio diplomático turco tamén se manifesta nas monarquías petroleiras do Golfo Pérsico. O AKP estase convertendo nun modelo político de islamismo moderado para outros movementos rexionais, como a Irmandade Musulmá exipcia, o Hamas palestino ou o Hizbuláh libanés.

Ankara ven xogando un papel xeopolítico esencial en Oriente Próximo, estreitando importantes lazos comerciais e enerxéticos con Iraq e Irán, incluso apoiando o programa nuclear iraniano a través da troika conformada con Brasil. Outro caso é Siria, coa que Turquía viña mantendo relacións estables ata que a recente represión do réxime de Bashar al Asad contra as demandas de apertura democrática obrigaron a Turquía a condenar a Damasco e recibir a milleiros de refuxiados sirios, arrefriando seriamente as relacións bilaterais.

Estes pasos fortalecen a posición autonomista e globalmente emerxente da nova política exterior turca, contrastando a súa tradicional orientación pro-occidental, reducindo sensiblemente o peso e influencia de EUA, Europa e incluso un aliado estratéxico como Israel. As negociacións sobre a admisión turca na Unión Europea, anteriormente clave nos procesos electorais turcos, pasaron case absolutamente desapercibidas nestas últimas eleccións lexislativas, incrementando así os receos e a caída de expectativas no seo da sociedade turca sobre a súa eventual adhesión á UE: segundo unha enquisa realizada a comezos de xuño polo instituto turco de investigación TESEV, só un 36% dos turcos cre que realmente Bruxelas acelerará a admisión turca nos próximos dez anos.

A adhesión á UE ocupou un espazo practicamente marxinal nos programas electorais do AKP, do CHP e moito máis nos do MHP e do BDP. Se ben Erdogan subscribe un proceso de admisión plena, critica enormemente a paralización do proceso de admisión, así como o bloqueo político dentro da UE, propiciado por Francia e Alemaña, en especial ante temas sensibles como a cuestión chipriota.

A pesar da importancia das alianzas con Occidente, a Turquía de Erdogan semella persuadida a avanzar cara outros polos de poder, como China, Brasil, Rusia e outras potencias emerxentes, defendendo a perspectiva dun mundo multipolar. Así, a “nova Turquía” desestima a tradicional e excesiva preponderancia occidental, un aspecto que pode intensificarse no curso da próxima década, con ou sen o AKP no poder.

IGADI, 14 de xuño de 2011.

 

 
Volver a TitularesVolver a Igadi Paper



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta