| Igadi Paper / nº 052 - 17/11/2010 |
||||||||
Unha “Intifada” no Sáhara? |
||||||||
|
a) Introdución Coincidindo co 35º aniversario da célebre “Marcha Verde” de 1975, que certificou a colonización marroquí do territorio do Sáhara Occidental, e en paralelo á rolda de negociacións entre representantes marroquís e saharauís en Manhasset (Nova York), o asalto militar e policial marroquí do pasado 8 de novembro ao campo de refuxiados de Gadaym Izik, ás aforas da capital saharauí de Al Aaiún, supón un grave acontecemento que pode determinar un punto de inflexión decisivo dentro do conflito saharauí, ante o incremento das posibilidades de retorno da confrontación armada. Desde fai varias semanas, no campamento saharauí de Gadaym Izik medraba o malestar contra a ocupación militar e colonial marroquí, así como ante as difíciles e penosas condicións socioeconómicas e sanitarias en que se desenvolve a supervivencia dos seus residentes. Mentres Rabat intensificaba o cerco informativo, a riada de protestas en España e noutros países onde habita unha considerable comunidade saharauí intensificaron a presión por parte de colectivos da sociedade civil contra Marrocos, nun momento en que o país magrebí está negociando un novo acordo pesqueiro coa Unión Europea. Deste modo, o brutal ataque policial e militar marroquí (que segundo diversas fontes deixou entre 10 e 200 vítimas mortais, con centenas de detidos) marca unha situación de practicamente “non retorno” e de imposibilidade de mantemento do actual statu quo. A prolongada paralización das negociacións auspiciadas pola ONU e o malestar social entre os refuxiados saharauís, basicamente determinado polo inmobilismo da comunidade internacional, o duro cerco marroquí, os conflitos políticos e tribais dentro da Fronte Polisario, principal movemento político saharauí, denotan unha situación alarmante que pode renovar o conflito armado con Marrocos, paralizado tralo cese ao fogo desde 1991. Paralelamente, Marrocos tenta incrementar a súa “colonización” do Sáhara Occidental a través das concesións a multinacionais estranxeiras para explotar os recursos pesqueiros e de fosfatos existentes no Sáhara Occidental. Mentres tenta neutralizar as demandas independentistas saharauís e a actividade política da Fronte Polisario, así como a polarización dentro da sociedade civil saharauí, Rabat busca sacar proveito dun plan de relativa autonomía política e descentralización administrativa para o Sáhara Occidental, que conte co apoio da comunidade internacional. Pero os graves incidentes en Gadaym Izik ameazan con espallar, de novo, o conflito armado entre Marrocos e o Polisario. b) O fracaso da ONU Case dúas décadas despois do cese ao fogo entre Marrocos e a Fronte Polisario (abril de 1991), auspiciado por un plan de paz da ONU que permitiu o despregue no Sáhara Occidental da súa misión MINURSO, as posibilidades dunha renovación da confrontación armada entre ambos actores increméntanse ante as constantes paralizacións destas negociacións e a conseguinte radicalización no bando saharauí que pode resultar do recente asalto marroquí ao campamento de Gadaym Izik. O espallamento desta conflitiva situación nun momento en que os representantes marroquís e saharauís reuníanse en Manhasset (Nova York) baixo os auspicios da ONU, certifica a perda de marxe de manobra por parte da principal organización internacional á hora de dar curso a un xiro audaz deste conflito, a fin de encamiñalo pola senda dunha nova rolda de negociacións que impulsen a celebración dun referendo de autodeterminación no Sáhara Occidental, proposto no plan de paz de 1991 e constantemente obstaculizado e postergado por parte da diplomacia marroquí. Precisamente, o representante da ONU para o Sáhara Occidental, Christopher Ross, reiterou en determinadas ocasións que o status quo actual de constantes paralizacións nas negociacións resulta “insostible”, un argumento que cobra maior validez ante os recentes acontecementos no campamento de Gadaym Izik. Polo de agora, Marrocos segue levando a iniciativa. Convencido do tácito apoio de EEUU pola súa condición de aliado incondicional na loita contra o terrorismo, un aspecto que cobra importancia dentro do contexto magrebí, especialmente ante a presumible presenza de células terroristas de Al Qaeda no Magreb, Rabat obtén réditos ante a Unión Europea como “socio estratéxico” en materia pesqueira, de seguridade marítima e de control da inmigración ilegal. Con estas cartas ao seu favor, o monarca marroquí Mohammed VI tenta desactivar a excesiva “politización” do problema saharauí, paralizando as presións da ONU para a tantas veces postergada realización dun referendo de autodeterminación no Sáhara, neutralizando, ao mesmo tempo, o escenario político marroquí e saharauí a través da viabilidade dun plan autonomista e de descentralización administrativa no Sáhara, baixo o estrito control de Rabat, que desactive as presións independentistas e o labor da Fronte Polisario, o principal movemento político dentro da República Árabe Saharauí Democrática (RASD). O rei Mohammed VI acelera o avance da “marroquinización” do territorio saharauí, a través dunha colonización demográfica amparada pola presenza de 150.000 efectivos militares no territorio saharauí e nas súas inmediacións, e un programa de subvencións para a atracción de colonos. Segundo diversas estatísticas, calcúlase nun 3% do PIB marroquí dedicado exclusivamente a impulsar a colonización. Dentro desta perspectiva de atracción de socios e alianzas estratéxicas e de desactivación do conflito saharauí, Rabat acelera un plan de atracción de investimentos estranxeiros, principalmente de multinacionais, cara o territorio saharauí, para a explotación de recursos como o fosfato e a pesca. Destes, o recurso máis apetecible resulta o fosfato, en especial ante a súa escaseza internacional, que potencia a posición marroquí como principal provedor para o seu uso en fertilizantes, deterxentes e baterías de litio. Diversas estimacións consideran que Marrocos é o principal produtor mundial de fosfatos, cun 50% das súas reservas mundiais baixo control da empresa estatal Office Chérifien des Phosphates. Neste sentido, as minas de Bucraa, no Sáhara Occidental, concentran a maior cantidade de fosfatos a nivel internacional. Paralelamente, resalta o manto de silencio e afastamento por parte dos gobernos de José Luís Rodríguez Zapatero e Nicolás Sarkozy en relación aos sucesos en Gadaym Izik, o cal que evidentemente reforza os intereses marroquís. No caso español, onde a opinión pública e a maioría da sociedade civil amosan simpatías polas demandas saharauís, apréciase igualmente a polarización política entre o gobernante PSOE e o opositor Partido Popular (PP) en torno a este problema, con claros matices electorais. c) Tambores de guerra no Polisario Tras os acontecementos en Gadaym Izik e El Aaiún, o Estado Maior do Exército Popular de Liberación Saharauí (EPLS), brazo armado da Fronte Polisario, acusou a Rabat de practicar unha “limpeza étnica” contra o pobo saharauí, polo que elaborou un “plan de acción urxente” onde insta ás súas milicias a reunirse o próximo 21 de novembro no campamento de refuxiados saharauís en Tinduf (Alxeria), a fin de coordinar as accións militares para renovar a confrontación armada contra Marrocos. O pasado 10 de novembro, centos de mozos marroquís enviaron unha carta a Mohammed Abdelaziz, secretario xeral do Polisario, para confirmar “a súa lealdade á patria saharauí” e a súa disposición “a tomar as armas” contra Marrocos. Pola súa banda, Ahmed Boukhari, representante do Polisario ante a ONU, enviou unha carta a este organismo instando a que o Consello de Seguridade condene “a agresión marroquí” e reclamando o envío dunha comisión da ONU para investigar os sucesos de Gadaym Izik e El Aaiún. Boukhari acusou igualmente á ONU de “non facer nada” para evitar a masacre contra refuxiados saharauís, a pesar de que a ONU conta con 200 observadores e un centenar de tropas da MINURSO no Sáhara Occidental. Baixo esta perspectiva, o Polisario formula decididamente a posibilidade de reiniciar as hostilidades contra Rabat. Pero o panorama interno traduce tamén unha forte loita de poder, incluso de carácter tribal, entre diversos cadros e milicias do Polisario, mentres se aprecia unha notable polarización dentro da sociedade saharauí, en especial polos constantes fracasos diplomáticos da ONU e ante a oferta autonomista de Rabat. Esta situación tamén ven provocando determinados “axustes de contas” internos dentro da RASD e do Polisario. Diversas ONGs humanitarias e de defensa de dereitos humanos acusan a altas autoridades do Polisario de practicar unha sórdida represión contra sectores disidentes e saharauís acusados, presuntamente, de colaborar coas autoridades marroquís. Igualmente, apréciase unha maior radicalización política dentro das novas xeracións de refuxiados saharauís no campamento de Tinduf, un aspecto que pode provocar fendas políticas con respecto aos refuxiados existentes en Al Aaiún e campos próximos. Ao mesmo tempo, a problemática saharauí incrementa o clima de confrontación diplomática entre Marrocos e Alxeria, sendo este país o principal valedor rexional da causa saharauí, en especial ante a negativa de Rabat a que Alxer participe directamente como actor clave nas negociacións de Manhasset. Non obstante, o ministro marroquí de Asuntos Exteriores, Taïeb Fassi Fihri, convidou recentemente ao seu homólogo alxerino, Mourad Medelci, para un encontro discreto de alto nivel en territorio neutral, con escasos resultados ata o momento. Con este clima de confrontación e ante a forte represión de Rabat, resulta ineludible establecer certos paralelismos entre as problemáticas saharauí e palestina, en especial en relación á posibilidade de que no Sáhara Occidental estoupe unha “Intifada” contra Marrocos similar á ocorrida nos territorios palestinos de Gaza e Cisxordania entre 1987 e 1992. Por tanto, a frustración saharauí, a represión marroquí e a indiferencia e fracaso diplomático internacional son factores que incrementan este máis que probable escenario de renovación da confrontación armada entre Marrocos e a RASD.
IGADI, 17 de novembro de 2010
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org |
||||||||
|
||||||||