| Igadi Paper / nº 051 - 05/11/2010 |
||||||||
Obama desbastado polo “novo republicanismo” |
||||||||
|
a) Introdución A contundente vitoria do opositor Partido Republicano nas eleccións lexislativas celebradas o pasado 2 de novembro en EEUU, alcanzando a maioría na Cámara de Representantes, ilustra un novo mapa político de cara á segunda metade do mandato presidencial de Barack Obama, impoñendo así un duro correctivo político e electoral para a súa xestión. Os republicanos obtiveron 239 escanos parlamentarios por 185 do Partido Demócrata, que perde así a súa hexemonía parlamentaria alcanzada en 2006. Non obstante, nas eleccións para o Senado, os demócratas renovaron a súa maioría por unha escasa marxe de 52 senadores por 46 dos republicanos. Deste modo, o republicano John Bohner substituirá á demócrata Nancy Pelosi á fronte da Cámara de Representantes, converténdose nunha figura política central no actual mapa político. Este rexurdir dos republicanos a través das eleccións lexislativas estaba anteriormente anunciado polas enquisas, en especial á vista dos problemas do presidente Obama para dar un xiro convincente fronte a crise económica. O desemprego estímase nun 10% da poboación economicamente activa mentres sectores opositores critican o elevado gasto público de Obama, así como algúns dos seus proxectos sociais como a ampliación gratuíta do sistema de saúde pública nun país cunha forte cultura de privatización. Neste novo mapa político, a aparición e o protagonismo adquirido por movementos ultraconservadores dentro do Partido Republicano como o polémico Tea Party, connota unha nova orientación política dentro da dereita estadounidense, centrada nun maior énfase na redución do papel do Estado e o reforzamento de valores de carácter relixioso, baixo unha confusa perspectiva de “patriotismo constitucional”. O peso da crise económica foi o tema decisivo nestas eleccións lexislativas, un aspecto que Obama deberá acometer con maior celeridade nun momento político complicado ante a hexemonía republicana no Congreso. Outro aspecto importante destas eleccións foi o triunfo electoral de gobernadores provenientes de minorías, principalmente hispanos dentro do Partido Republicano, un aspecto que está propiciando unha nova configuración sociolóxica política en EEUU. b) Unha nova fase política EEUU estase adentrando nun novo momento político, no que o renacemento do Partido Republicano trala súa vitoria hexemónica na Cámara de Representantes sinala un mapa moito máis complexo para o presidente Barack Obama. Tras certificarse a vitoria electoral republicana nestes comicios, popularmente coñecidos como “mid-term” (metade de mandato), o novo presidente do Congreso estadounidense, John Bohner, así como diversos líderes republicanos, declararon que estes resultados supuxeron “un referendo popular sobre as políticas de Obama”. Se ben o propio Obama e Bohner comprometéronse inmediatamente a traballar de forma conxunta para superar a crise económica, trasladando unha perspectiva de cooperación entre os partidos Republicano e Demócrata, a futura axenda política definirá un difícil equilibrio de poderes e unha complexa cohabitación entre a Casa Branca e o novo Congreso con maioría republicana, onde comezarán a manifestarse os bloqueos lexislativos aos proxectos de Obama. Cos seus 239 deputados, os republicanos terán peso suficiente para dar curso á aprobación de novas leis por maioría propia. Pero a “ofensiva” republicana deberá moderar o ascenso do movemento ultraconservador Tea Party, o cal seguramente intensificará a súa andaina de cara aos comicios presidenciais de 2012. Creado a partir de 2008 a partires dunha variada plataforma de grupos e movementos sen unha aparente dirección unificada, o Tea Party anhela converterse na “estrela política” do panorama estadounidense na segunda metade do mandato de Obama. Salvo en dous estados (Nevada e Delaware), o Tea Party logrou siuar practicamente a todos os seus candidatos no Congreso, a través das listas do Partido Republicano. Con forte raíces relixiosas, herdeiro da visión neoconservadora propia dun “reaganismo” ilustrado nesa visión de “menos Estado” e fortalecido politicamente neste seu primeiro test electoral, o Tea Party tamén deberá agora balancear estes resultados lexislativos. A súa principal valedora, a senadora Sarah Palin, reforzará o seu peso entre os republicanos debido a que practicamente logrou colocar no Congreso aos candidatos apoiados persoalmente por ela mesma, salvo no caso das polémicas Sharron Angle (Nevada) e Catherine O´Donnell (Delaware), prexudicadas por un discurso extremista que probablemente afastou ao electorado republicano e independente. Deste modo, o “novo republicanismo” post-Bush, disposto a amosar unha “nova faciana” que amorteza o polémico legado do ex presidente, tentará equilibrar as súas demandas (basicamente orientadas a reducir o gasto público, fortalecer as medianas empresas e combater o desemprego), coa axenda política do Tea Party, un aspecto que pode dar lugar a fortes disputas no seo do Partido Republicano, en particular de cara a configurar as candidaturas presidenciais de 2012. Diversas enquisas aseguran que un 40% dos votantes republicanos e, incluso, dalgúns indecisos, independentes e demócratas desilusionados con Obama, amosan simpatías polos postulados do Tea Party. Xunto a Palin, os líderes políticos máis visibles deste movemento e do “novo republicanismo” moi probablemente serán os senadores John DeMint (Carolina do Sur) e Marco Rubio (Florida), este último descendente de cubanos e que pode erixirse como posible candidato presidencial, grazas ao impulso do gobernador estatal Jeb Bush. c) O peso das minorías Outro aspecto relevante deste novo mapa político estadounidense é o relativo a ascenso das minorías étnicas, en particular pola comunidade hispana e os afrodescendentes, algúns deles elixidos como gobernadores nas eleccións paralelas de 37 dos 50 estados da Unión. Ao mencionado Marco Rubio en Florida debe engadirse o triunfo republicano de Susana Martínez (Novo México), elixida como a primeira muller gobernadora de orixe hispana na historia estadounidense. Igualmente cabe citar a Brian Sandoval, primeiro gobernador hispano en Nevada; e a Nikki Haley, descendente de hindús e elixida primeira muller gobernadora en Carolina do Sur. No bando demócrata, Terri Sewell foi elixida a primeira gobernadora afrodescendente polo estado de Alabama. Tradicionalmente simpatizantes do Partido Demócrata, as eleccións lexislativas 2010 forzaron unha inédita configuración política definida por esa crecente presenza de diversos candidatos de minorías étnicas agora enrolados e reforzados politicamente nas fileiras do Partido Republicano. Este incluíu nas súas listas electorais a 14 candidatos afrodescendentes, o dobre dos presentados nos comicios lexislativos de 2006. Deste modo, o ascenso electoral de candidatos provenientes das minorías étnicas, como os hispanos e afrodescendentes, certifica o peso dos cambios demográficos que está experimentando a sociedade estadounidense e, en especial, dunhas consecuencias políticas que abren novas perspectivas. d) Dilúese o “efecto Obama”? A pesar de manter a maioría demócrata no Senado e de preservar aínda certas cotas de popularidade, estes resultados lexislativos marcaron un duro golpe político para o presidente Obama, sumamente acosado polos efectos da crise económica. Tras dous anos de recesión e débil recuperación económica, cun desemprego do 10% da poboación economicamente activa e un elevado déficit público federal, a sociedade estadounidense actual expresa un nivel de pesimismo que desactiva a esperanza ilustrada por Obama en 2004: hoxe, 4 de cada dez cidadáns aseguran sentirse peor economicamente que hai dous anos, cando Obama gañou as eleccións presidenciais. Velaí que nas lexislativas de 2010, unha considerable porción do voto independente, centrista e demócrata optou finalmente pola opción republicana. Obama ingresa así nunha difícil etapa política, determinada polo reforzamento político e electoral da oposición republicana e notables niveis de frustración e descontento popular ante o incumprimento das súas promesas políticas. Incluso, está por ver cal será o futuro de “proxectos estrela” como a ampliación da reforma sanitaria gratuíta, rexeitada frontalmente polos republicanos e o Tea Party, aínda que a maioría demócrata no Senado e o dereito a veto presidencial son factores ao seu favor para manter esta reforma. A preponderancia dos asuntos domésticos nas recen celebradas eleccións lexislativas opaca o esforzo de Obama por conceder certa notoriedade á política exterior, con escasa influencia nestes comicios lexislativos. Este escenario pode complicarse se a súa diplomacia comeza a manifestar sinais de debilidade e situacións críticas, en especial ante as programadas retiradas militares en Iraq e Afganistán, a renovación dos atentados terroristas contra obxectivos estadounidenses ou, incluso unha hipotética crise nuclear con Irán. Diversos sectores republicanos e, en especial, o Tea Party acusan constantemente a Obama de certificar a perda de poderío e influencia de Washington no contexto internacional. Así, Obama e o Partido Demócrata interpretaron os recentes resultados lexislativos como unha importante advertencia electoral e un “toque de atención” cara a súa xestión. Á espera de observar cómo se conducirán os equilibrios políticos ata finalizar o seu mandato en 2012, o presidente estadounidense afrontará unha etapa moi probablemente determinada pola crispación e a polarización política e social, atizada por un Partido Republicano renovado e politicamente fortalecido que alberga no seu seo a un ascendente movemento ultraconservador como o Tea Party, imbuído dunha misión salvadora que esixe como premisa previa “derrocar” electoral e politicamente a Obama.
IGADI. 5 de novembro de 2010
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org |
||||||||
|
||||||||