Igadi Paper / nº 049 - 26/10/2010 Volver a TitularesVolver a Igadi Paper

Wikileaks acurrala a Washington

Versión en PDFVersión para imprimir

 

a) Introdución

O impacto causado pola filtración, o pasado 22 de outubro, por parte da organización Wikileaks, de case 400.000 documentos do Exército estadounidense nos que se evidenciaban as falacias e violacións de dereitos humanos por parte de EEUU, dos seus aliados e da Autoridade Nacional Iraquí, abre un novo capítulo sobre a posguerra en Iraq que cuestiona severamente a actuación de Washington e das súas forzas armadas.   

A consistencia das revelacións de Wikileaks xa foran confirmadas en abril pasado, cando filtrou milleiros de documentos secretos sobre a actuación de EEUU en Afganistán. No caso iraquí, os documentos filtrados revelan o silencio oficial de Washington ante as investigacións sobre torturas e o rexistro de civís mortos (calculados en aproximadamente 15.000 persoas), así como a implicación de policías e soldados iraquís nas torturas.

Estas revelacións acontecen nun momento político clave para o presidente estadounidense Barack Obama, principalmente de cara ás eleccións lexislativas do próximo 2 de novembro e ante a indefinición dun novo goberno de unidade en Iraq, tralas eleccións parlamentarias de febreiro pasado. O silencio de Obama sobre as filtracións de Wikileaks e os cuestionamentos lanzados contra esta organización por parte da Secretaria de Estado, Hillary Clinton, e do propio Pentágono, confirman igualmente a gravidade desta nova denuncia.

b) Os crimes da posguerra iraquí

Coa discreción necesaria sobre o anonimato das súas fontes, a organización Wikileaks, actualmente con base en Suecia e fundada en 2006 polo xornalista Julian Assange, está afirmándose como unha auténtica “dor de cabeza” para Washington. A filtración de documentos segredos do Exército de EEUU sobre as súas actuacións en Afganistán e Iraq está provocando unha enorme polémica internacional, especialmente no relativo ás violacións de dereitos humanos por parte das autoridades estadounidenses e dos seus aliados.

Esta nova denuncia provocou unha inmediata reacción por parte do Pentágono estadounidense, despregando todo un dispositivo de seguridade pare evitar maiores filtracións de Wikileaks e dos seus “informantes” dentro das forzas armadas estadounidenses. Washington tamén intensificou a presión política cara Wikileaks e os medios que difunden as súas filtracións, a fin de que censuralas.

Como sucedera cos “Papeis de Afganistán” difundidos en abril pasado (un total de 90.000 documentos filtrados), Wikileaks volveu a provocar un gran impacto informativo o pasado 22 de outubro, coa filtración dos “Papeis de Iraq” onde se detallan 391.891 informes que sinalan “Accións Significativas” (SIGACT) sobre o curso da posguerra nese país, documentos redactados polas tropas estadounidenses sobre torturas e execucións de detidos, contando coa colaboración e implicación de soldados iraquís.

Estes informes aseguran que, entre 2004 e 2009, o número de mortos en Iraq ascendeu a 109.032 persoas, entre as que WikiLeaks inclúe a 15.000 mortes non rexistradas polas autoridades estadounidenses e iraquís, sendo un 60% deles civís. Estatisticamente, isto supón 31 civís mortos diariamente durante un período de seis anos.

Como menciona esta organización na súa páxina web (http://wikileaks.org/), “en comparación, os Diarios da Guerra en Afganistán, que cubriron o mesmo período (2004-2009), detallaron a morte de aproximadamente 20.000 persoas. Iraq, durante o mesmo período, foi cinco veces máis mortal cunha poboación equivalente” á afgana. Estes informes certifican o manto de impunidade que encubre a política oficial de Washington en Iraq, resumida na seguinte premisa: “se as forzas da coalición non están implicadas, non importa seguir coa investigación”.

Compre igualmente destacar a rapidez e habilidade informativa de Wikileaks para filtrar inmediatamente estes documentos antes de que Washington puidera reaccionar con presións e intimidacións. Deste modo, os “Papeis de Iraq” foron inmediatamente publicados nos principais medios de comunicación occidentais así como na cadea televisiva árabe Al Jazeera, a fin de ampliar a súa difusión dentro do mundo árabe e islámico.

Do impacto informativo das revelacións de Wikileaks pasouse, inmediatamente, as reaccións políticas. A pesar da desairada resposta do Pentágono e do goberno de Obama desacreditando estas filtracións, a Autoridade Nacional Iraquí, actualmente baixo o mando do primeiro ministro Nouri al Maliki, anunciou a creación dunha comisión especial para investigar as torturas nos cárceres e centros de detención iraquís, coa anuencia ou “vista gorda” de Washington. Esta comisión estará dirixida polo ministro de Xustiza, Dara Nur Eldin.

Pero as revelacións de Wikileaks tamén están conformando un mapa político de maior polarización en Iraq. A coalición relixiosa Iraqiya, dirixida polo ex primeiro ministro Iyad Alawi e gañadora dos comicios parlamentarios de febreiro pasado sen maioría absoluta, instou a investigar se existía algún tipo de conexión entre al Maliki coas acusacións de torturas reveladas por Wikileaks. A seguir, o primeiro ministro iraquí reaccionou iradamente ao considerar que os seus opoñentes utilizan estas revelacións para prexudicalo politicamente.

Os “Papeis de Iraq” tamén revelan a impunidade e implicación dos mercenarios e dos organismos de seguridade privados estadounidenses, especialmente do polémico Blackwater avalado polo ex presidente Dick Cheney, na matanza de civís, nas torturas e na política de aniquilación do “inimigo”. Unha política que afonda a súa intervención incluso dentro dos espiñentos conflitos sectarios que azoutan a Iraq, especialmente entre as comunidades sunnita e xiíta. Wikileaks considera que foi precisamente a guerra entre sunnitas e xiítas a que provocou a maior cantidade de mortes civís nese país, con 66.081 persoas desde a invasión estadounidense de 2003.

c) O labirinto de Obama

Durante unha entrevista publicada posteriormente á revelación dos “Papeis de Iraq”, o fundador de Wikileaks, Julian Assange, certificou a existencia dun “Estado de Seguridade oculto” que está ampliándose “polo Imperio occidental, con centro de gravidade en EEUU”.

Alén destas afirmacións, Assange trata de advertir sobre o enorme poder global do complexo militar e de seguridade de Washington, reforzado durante a presidencia de George W. Bush (2001-2009). Se ben as revelacións de Wikileaks abarcan practicamente o período de goberno de Bush, estas filtracións alertan sobre as ramificacións deste “Estado de Seguridade oculto” que, inevitablemente, salpican tamén ao actual presidente Obama.

O pasado 31 de agosto, Obama anunciou o fin das operacións militares en Iraq e unha progresiva retirada militar dese país, que espera completar para finais de 2011 dentro dunha perspectiva similar de retirada a mediano prazo en Afganistán. Polo tanto, Obama recibe un duro impacto coas revelacións de Wikileaks sobre os crimes na posguerra iraquí, especialmente de cara aos comicios lexislativos previstos para o próximo martes 2 de novembro, onde se renovarán á Cámara de Representantes e un terzo do Senado estadounidense.

Coa hipotética retirada militar de Iraq para reforzar posicións en Afganistán, Obama esperaba reducir o impacto negativo na opinión pública estadounidense dos efectos da posguerra iraquí, en especial de cara aos próximos comicios lexislativos. Incluso, Obama nomeou o xeneral David Petraeus, ex máximo comandante das forzas estadounidenses en Iraq, como novo máximo responsable para comandar a coalición internacional (ISAF) no país centroasiático, nun intento por recuperar a confianza pública cara a súa estratexia de seguridade nacional.

Non obstante, depositar a súa confianza en Petraeus como comandante en Afganistán pode conlevar un claro custe político para Obama, tendo en conta que a maior parte das acusacións de torturas reveladas por Wikileaks en Iraq ocorreron durante o período en que Petraeus lideraba as forzas estadounidenses nese país árabe, entre 2007 e 2008.

Afrontar o descrédito internacional de Washington nunha conxuntura preelectoral suporá para Obama un desafio máis que, paralelamente, incrementará a tensión actualmente existente en Oriente Próximo ante o pulso polo programa nuclear de Irán. Precisamente, Wikileaks revelou tamén unha importante implicación de Teherán nos asuntos iraquís, a través do armamento e adestramento de insurxentes xiítas por parte da poderosa Garda Revolucionaria iraniana, así como a preparación de eventuais ataques terroristas contra funcionarios da Autoridade Nacional Iraquí.

En todo caso, Washington mergúllase nun complexo labirinto de acusacións que desacreditan a súa política exterior e a actuación das súas forzas armadas. Amnistía Internacional, Human Rights Watch e a Comisión da ONU contra a Tortura xa pediron a Obama abrir unha investigación independente sobre estas filtracións de Wikileaks. Polo momento, sen éxito.

 

IGADI. 27 de outubro de 2010

 



 
Volver a TitularesVolver a Igadi Paper



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta