| Igadi Paper / nº 046 - 28/09/2010 |
||||||||
Un novo mapa político en Venezuela: |
||||||||
a) Introdución As eleccións de representantes para a Asemblea Nacional do Poder Popular (ANPP), realizadas o pasado 26 de setembro para o período 2011-2016, delimitaron unha nova ecuación política en Venezuela. Tras boicotear os anteriores comicios de 2005, a oposición afrontou estas eleccións baixo a plataforma da Mesa da Unidade Democrática (MUD) que, segundo datos preliminares do Consello Nacional Electoral (CNE), obtería 65 dos 165 deputados da ANPP, correspondendo a un 40% do total. Cunha contundente participación electoral calculada nun 66,45%, estes resultados confirman o avance electoral da oposición á hora de conformarse como alternativa política á hexemonía do presidente Hugo Chávez e do seu Partido Socialista Unido de Venezuela (PSUV), en alianza co Partido Comunista de Venezuela (PCV). Con 98 deputados, o partido de Chávez confirmou a súa maioría parlamentaria, quedando a un escano de alcanzar a maioría cualificada necesaria para posibilitar unha Lei Habilitante que lle permitiría gobernar por decreto en determinados ámbitos. O obxectivo do PSUV era conseguir 110 deputados, as 2/3 partes, que lle darían a maioría absoluta. Con este novo mapa, o panorama político en Venezuela abre diversos escenarios, moitos deles abertamente incertos. Chávez e o PSUV vense na necesidade non só de consolidar os seus apoios políticos senón de recuperar un evidente desgaste popular da imaxe presidencial, ante a irresolución de problemas moi sensibles como a inseguridade e a crise económica. Igualmente, tentarán recuperar espazos políticos recentemente perdidos en determinados ámbitos da esquerda. No fondo sitúase a consolidación do proxecto socialista de Chávez ante unha perspectiva marcada por unha ANPP onde a oposición terá un peso político decisivo para vetar todo tipo de leis e proxectos. Neste sentido, estímase un aumento da tensión e da conflitividade política a medio prazo entre o goberno e a oposición. Por contra, a oposición tentará rendabilizar este impulso electoral para afirmar a unidade e consolidación dun MUD conformado por 32 partidos e movementos políticos de diverso cariz ideolóxico. A partir do próximo 5 de xaneiro de 2011, cando comece a lexislar a nova ANPP, o obxectivo da MUD será frear a sanción lexislativa do proxecto socialista de Chávez; recuperar espazos de poder a través dun programa político alternativo; e afondar no panorama interno para decidir unha eventual candidatura presidencial unitaria que lle permita derrotar a Chávez nos comicios de 2012. Non obstante, sectores principalmente opositores temen que nos próximos tres meses de duración da actual ANPP case absolutamente controlada polo PSUV, o presidente Chávez acelere unha serie reformas e medidas estratéxicas que afondarán a crise política, tales como a conformación dos “consellos comunais”, maiores estatizacións económicas e expropiacións e a creación dun tecido institucional paralelo que amorteza o peso que terá a oposición dentro do poder lexislativo, diluíndo a súa capacidade para lexislar. Igualmente, a excesiva tardanza na publicación dos resultados por parte do CNE xerou todo tipo de suspicacias cara este órgano e o sistema electoral. Asegurando obter o 52% dos votos, a MUD denunciou as trabas da reforma da lei electoral aprobada pola ANPP en 2009, que resta poder aos votos populares ao redistribuír as circunscricións electorais para presuntamente favorecer as áreas rurais gobernadas polo PSUV e onde a popularidade de Chávez é moito maior. b) A nova Asemblea Nacional Os resultados das eleccións lexislativas do 26/S definen un panorama enormemente polarizado no hemiciclo, similar á composición da Asemblea no período 2000-2005. Segundo cifras do CNE, o PSUV obtivo un total de 5.399.574 votos (48%) e 95 deputados, mentres a MUD alcanzou os 5.312.293 votos (45,48%) e 63 deputados. Pola súa banda, o Partido Patria para Todos (PPT), quedou con 2 escanos e 330.260 votos (2,6%). Composición da Asemblea Nacional do Poder Popular 2011-2016 (Fonte: http://www.el-nacional.com/www/site/p_contenido.php?q=med/157351) Igualmente, a MUD, en coalición con outros partidos como Opina, Movemento Ecolóxico de Venezuela, Forza Liberal, Solidariedade e Poder Laboral, venceu nas eleccións ao Parlamento Latinoamericano, co 48,33% dos votos, que se traducen en 7 dos 12 escanos en disputa. A coalición conformada polo PSUV, PCV e Unidade Popular Venezolana (UPV) quedou co 46,71% dos votos. A participación electoral foi das máis elevadas na historia contemporánea venezolana, cifrándose nun 66,45%. c) Quen gaña e quen perde Dende a perspectiva política, estes resultados influirán nas estratexias tanto do PSUV como da MUD, así como na configuración de liderados e candidaturas. Unha lectura preliminar aborda a potencialidade de ambas plataformas dentro dun panorama político moito máis plural: o PSUV segue consolidándose como o maior partido político a nivel nacional, afirmando unha hexemonía que será equilibrada ante o aumento da capacidade política da MUD, alentada polos resultados positivos alcanzados na súa primeira proba electoral. Compre, igualmente, considerar outra perspectiva: se ben os resultados do 26/S anuncian outro momento político en Venezuela, menos hexemónico e máis plural, é necesario considerar que tras case doce anos no poder e 15 comicios de diversa índole, Chávez segue obtendo importantes triunfos electorais. Con diversos matices, a súa popularidade semella seguir sólida a pesar do consecuente desgaste político tras varios anos no poder, os vaivéns dun modelo de desenvolvemento aínda incerto e unha incesante oposición dentro e fóra de Venezuela, con evidentes síntomas de campañas internacionais na súa contra. c.1) O PSUV Pero, ao mesmo tempo, é evidente que se aprecia unha perda de apoio electoral para o PSUV, un desgaste que pode pasar factura tanto a Chávez como a algunhas visibles figuras do “chavismo”, favorecendo outros liderados. Este escenario obrigaría a Chávez e ao PSUV a encarar os erros en temas tan sensibles, tales como os alarmantes índices de inseguridade cidadá e a necesidade de afrontar os problemas de deterioro dos servizos públicos e da crise económica, en especial os casos de desabastecemento alimentario. Paralelamente, Chávez debe pulsar ata qué punto o seu modelo socialista está calando na sociedade venezolana, en especial no relativo á propiedade privada ou a conformación dos consellos comunais. A nivel de liderados, os resultados do 26/S poden reforzar o papel de Aristóbulo Istúriz como xefe do comando nacional do PSUV, ao igual que a vitoria de Diosdado Cabello en Monagas, cun contundente 59% dos votos, afirma as súas posibilidades políticas, especialmente tendo en conta a súa popularidade entre un número importante de deputados do PSUV. O triunfo oficialista en estados como Yaracuy, Lara, Portuguesa, Barinas, Delta Amacuro, Mérida, Cojedes e Guárico, pode igualmente asentar os respectivos liderados rexionais do PSUV. Por contra, veríanse potencialmente afectados o gobernador do estado oriental e petroleiro de Anzoátegui, Tarek William Saab, unha das figuras máis relevantes do “chavismo”, quen sufriu unha sensible derrota: a MUD obtivo 5 deputados por só un do PSUV. De igual forma, as derrotas do PSUV en estados estratéxicos como Táchira, Zulia, Anzoátegui, Aragua, Nueva Esparta e Amazonas e o empate técnico en Miranda, poderían provocar unha forte remoción de liderados rexionais dentro do PSUV. c.2) A oposición No bando opositor, o avance da MUD incluso en estados gobernados polo “chavismo” consolida a fortaleza política de tres partidos: Primero Justicia (PJ), Un Nuevo Tiempo (UNT) e Acción Democrática (AD). Resalta o rexurdir de AD dentro do escenario político actual, sendo o partido que máis deputados aportará á MUD, con 22 representantes, por riba de PJ (15 deputados) e UNT (12 deputados). Paralelamente, este escenario abrirá posibilidades para determinados líderes que poden rendabilizar electoral e politicamente os resultados do 26/S, especialmente de cara a futuras contendas electorais. Compre así observar os casos de María Corina Machado (Movemento SÚMATE), electa deputada por Miranda coa maior votación da xornada electoral (85,28%) e que semella erixirse como a voceira máis importante da MUD dentro da ANPP. Por outra banda, cabe sinalar o gobernador do estado Miranda, Henrique Capriles Radonsky (PJ) e, nun caso máis modesto, Pablo Pérez (UNT) mandatario do estratexicamente importante estado petroleiro de Zulia. Tanto Capriles Radonsky como Pérez consolidaron as súas posicións políticas dentro da MUD, asestando sensibles derrotas electorais ao PSUV. Se ben en Miranda foi un empate técnico (6 deputados respectivamente), en Zulia a derrota do “chavismo” foi contundente: 12 deputados para UNT e só 3 para o PSUV. Tras estes resultados, determinadas figuras da oposición xa adiantaron as posibilidades presidenciais de Capriles Radonsky. Queda no aire o futuro político do gobernador do estado Lara, Henri Falcón, disidente do PSUV que presentouse como candidato do PPT, movemento tamén escindido do PSUV. O PPT só obtivo 2 deputados para a próxima ANPP cando esperaba fortalecer a súa tolda política, erixíndose como a alternativa de centroesquerda nun hipotético “chavismo sen Chávez”. Igualmente, o partido Proxecto Venezuela (PV), gobernante no estratéxico e industrial estado de Carabobo a través de Henrique Salas Feo, pode quedar sensiblemente golpeado de cara a futuros comicios, tales como as eleccións municipais de 2012, tras rexistrarse unha vitoria do PSUV con 6 deputados por 3 da MUD nese estado. d) Crise política de cara a 2012? Coa mirada posta nas eleccións presidenciais previstas para decembro de 2012 e cunha Asemblea Nacional máis plural que obrigaría a goberno e oposición a dialogar en practicamente todos os aspectos da vida pública nacional, compre observar qué escenarios se abrirían agora para Venezuela a curto e medio prazo. En primeiro lugar, e a pesar de non obter a maioría absoluta parlamentaria na próxima ANPP, Chávez e o PSUV interpretarían os resultados a favor como un aval para afondar aínda máis no modelo socialista, en especial neste último trimestre de actividade da ANPP actualmente baixo control hexemónico do PSUV. Pero este escenario pode dar curso a un serio debate interno dentro do “chavismo”, que afonde nas razóns polas que non obtivo a maioría parlamentaria. d.1) “Radicalización” do socialismo bolivariano Deste modo, entrarían na axenda a normativa para a aprobación dos “consellos comunais” como órganos básicos de expresión da “sociedade socialista”, así como o modelo económico, con posibles expropiacións de empresas privadas que pasarían a control estatal, proceso impulsado a partir de 2007. Chávez pode así intensificar a “radicalización” da fase de construción do socialismo. A oposición teme que o goberno aplique con carácter de urxencia unha especie de “axenda paralela” que acelere a curto prazo toda serie de decretos e medidas para consolidar o proxecto bolivariano, marcando así as pautas da próxima lexislatura da ANPP. O propio Aristóbulo Istúriz, xefe do comando nacional do PSUV, xa avaliou esta posibilidade de cara aos próximos meses, antes de constituirse a próxima Asemblea. Baixo esta perspectiva, a tensión e a polarización política entre o goberno e a oposición incrementará o nivel de conflitividade social, toda vez que ningún destes actores acceden finalmente a recoñecer os avances electorais respectivos. Na súa primeira aparición pública trala publicación dos resultados por parte do CNE, Chávez ignorou levemente o avance electoral da oposición. Pola súa banda, a MUD aseguraba dispoñer de cifras que lle outorgaban o 52% dos sufraxios a nivel nacional, ao tempo que denunciaba as “irregularidades” do sistema electoral. Velaí que a tensión política pode espallarse a curto prazo: tras presentarse os primeiros resultados do 26/S, algúns líderes opositores como o gobernador do estado Táchira, César Pérez Vivas (Partido COPEI), instaron publicamente a constituit a nova ANPP nas próximas semanas, asegurando que os resultados do 26/S “cuestionan” a lexitimidade da actual Asemblea. No novo momento político venezolano, a MUD tentará utilizar todos os seus recursos lexislativos para frear a consolidación deste modelo socialista, ofrecendo unha alternativa máis centrada en preservar a descentralización administrativa, as bases da “democracia representativa”, a propiedade privada e denunciar o “fracaso gobernamental” ante problemas alarmantes como a inseguridade e a crise económica. Isto pode dar curso a unha especie de “enfriamento” do proceso revolucionario, obstaculizado polo peso da oposición na ANPP. d.2) Cara o 2012: Paralelamente, deberase apreciar a consistencia unitaria da MUD. Alentados polos resultados electorais, diversos candidatos internos avaliarían un escenario favorable para os seus intereses presidenciais, co cal diluirían a manifesta “unidade” da MUD. Aquí cabe citar os casos dos anteriormente mencionados María Corina Machado, Capriles Radonsky e Henri Falcón, así como outros “aspirantes” como o Alcalde Maior do Distrito Capital, Antonio Ledezma, do partido Alianza al Bravo Pueblo, ABP, que poden abrir fendas dentro da MUD, complicando súas aspiracións ante a unidade manifestada por Chávez e o PSUV. Os resultados electorais do 26/S certificarían tamén un cambio de visión por parte da oposición, mais persuadida a transitar polos mecanismos legais e democráticos para tentar desprazar a Chávez do poder. Aínda que non semella unha posibilidade completamente factible, diversos sectores opositores especulan coa posible realización, entre 2011 e 2012, dun novo referendo revogatorio contra o mandato de Chávez, tal e como se realizou en 2004 na metade do seu primeiro mandato presidencial. Segundo evolucione a situación, especialmente a resultas do actuar da próxima ANPP, deberá considerarse a posibilidade de “traspaso” de apoios parlamentarios entre o PSUV, a MUD e o PPT, dependendo das circunstancias políticas e da situación económica e social, que pode fortalecer, ampliar ou ben erosionar os apoios populares tanto para Chávez como para a oposición. En todo caso, Venezuela inaugura un novo tempo político que, se ben non diminúe a polarización, si aprecia un reforzamento dos seus mecanismos institucionais e democráticos.
IGADI. 28 de setembro de 2010
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org |
||||||||
|
||||||||