IGADIPaper / nº 044 - 20/09/2010 Volver a TitularesVolver a Igadi Paper

A hora da Cooperación Sur-Sur

Versión en PDFVersión para imprimir

 

a) Introdución

Entre o 21 e 24 de setembro de 2010 celebrarase en Grand-Bassam (Côte d’Ivoire) o I Salón da Cooperación Sur-Sur, baixo o título “A Tecnoloxía e as Finanzas dos Países Emerxentes ao servizo do desenvolvemento industrial de África”, un foro pioneiro que achegará experiencias de desenvolvemento e cooperación dende os países do Sur cara o continente africano.

Organizado polo Africa Invest Concept e o goberno local, neste evento participarán representantes de países árabes, asiáticos, africanos e do Grupo BRIC (Brasil, Rusia, India e China), baixo o patrocinio de institucións multilaterais e internacionais como a Conferencia das Nacións Unidas para o Comercio e o Desenvolvemento (UNCTAD), o Banco Mundial, a Sociedade Financeira Internacional (SFI) e o Fondo Monetario Internacional (FMI). Igualmente estarán presentes Premios Nobel como o economista Joseph Stiglitz e o banqueiro Muhammad Yunus.

Tendo en conta o ascenso das denominadas “potencias emerxentes” e o incremento da cooperación entre os países do Sur, este evento terá como obxectivo principal abrir canais de desenvolvemento cara o continente africano, involucrando a países latinoamericanos e asiáticos. Este contexto confírmase ante a solidez de iniciativas como o Grupo IBSA (India, Brasil e Sudáfrica), os Cumios África e América do Sur (ASA) e os foros América do Sur e Mundo Árabe (ASPA), entre outras experiencias de cooperación Sur-Sur.

b) Un foro de desenvolvemento para África
                                             
O I Salón da Cooperación Sur-Sur a celebrarse en Côte d’Ivoire abordará perspectivas ata agora inéditas sobre os mecanismos de desenvolvemento para África, especialmente en materia de capacitación e intercambio de coñecemento tecnolóxico e coordinación de políticas de asistencia financeira para o desenvolvemento.

Nun contexto marcado pola crise económica global e a expansión nos países africanos de programas de axuste macroeconómico impulsados polo FMI e o Banco Mundial, o obxectivo deste evento oriéntase a concretar marcos de encontro, diálogo e cooperación entre os diversos países africanos, que permitan formular iniciativas de desenvolvemento industrial e económico a nivel rexional, así como a definición dos medios de transferencia tecnolóxica equitativa e demandas para a anulación da débeda externa africana.

Un dos temas principais deste evento é o relativo á necesidade de crear unha Axencia Multilateral de Garantía de Investimentos (MIGA polas súas siglas en inglés), que permita realizar unha xestión eficaz para facilitar o financiamento dos investimentos, non só entre os países africanos senón tamén cos seus parceiros latinoamericanos e asiáticos.

Velaí que un peso considerable deste Salón da Cooperación Sur-Sur atribúase á participación de países considerados “polos emerxentes” no escenario internacional, como África do Sur, Brasil, China, Rusia e India, así como outros con capacidade enerxética (Arabia Saudita, Alxeria, Libia, Emiratos Árabes Unidos, Qatar, Kuwait e México), con sólidos avances tecnolóxicos (Corea do Sur, Malaisia, Singapur) e actores de importancia dentro dos escenarios africano e árabe (Marrocos, Tunicia e Exipto).

Estes países realizarán diversas exposicións en base á temática principal, orientada cara aos avances tecnolóxicos e a cooperación financeira en pos do desenvolvemento industrial de África. Este marco de cooperación ampliarase coa participación de organismos multilaterais, centros de investigación ao desenvolvemento e universidades de diversos países africanos, asiáticos e latinoamericanos.

A cooperación entre África e os países do Sur

(Fonte: http://www.unctad.org/sections/press/img/pr10014f1_en.gif)

 

En xuño pasado, un informe da UNCTAD denominado “Cooperación Sur-Sur: África e novas formas de asociación para o desenvolvemento”, confirmou que China e India constitúen os principais motores do comercio e investimentos cara os países africanos, en especial no relativo á creación dunha sólida industria manufatureira. A estes países se engade Brasil como provedor de transferencia tecnolóxica e I+D.

Segundo este informe, a intensificación da cooperación Sur-Sur con África significou un retroceso no intercambio comercial con socios tradicionais africanos, como Europa e América do Norte.

c) As “potencias emerxentes”

Unha das características esenciais que definen os cambios operativos no sistema internacional da primeira década do século XXI ten que ver co ascenso das denominadas “potencias emerxentes”, establecidas baixo diversos foros e experiencias alternativas de cooperación e integración.

Esta perspectiva recolle o legado transmitido polo Movemento dos Países Non Aliñados (NOAL) e do Grupo dos 77, ambos organismos actualmente vixentes. Dentro dos cambios que actualmente operan no sistema internacional, estes “polos emerxentes” modificarán substancialmente o mapa xeopolítico global deste século.

O caso máis característico de conformación de bloques de cooperación de potencias emerxentes foi a constitución a partir de 2003 do Grupo BRIC, acrónimo que identifica a Brasil, Rusia, India e China.


 
(Fonte: http://finanbolsa.com/wp-content/uploads/2009/09/bric-2050.jpeg)

 

O peso global do Grupo BRIC explicitase ao concentrar o 40% da poboación mundial, case o 15% do PIB global e un 12,8% do comercio internacional. Segundo o FMI, entre 2000 e 2008, os países do grupo BRIC concentraron o 50% do crecemento económico mundial, elevándose en 2014 arredor dun 61%, un dato que resalta a importancia deste grupo en momentos de recesión económica global, en especial en EEUU e Europa.

Outra experiencia relevante é a do Grupo IBSA (India, Brasil e Sudáfrica) establecido en Brasilia en 2003, e que ven incrementando a súa preponderancia política e económica a través da participación en foros internacionais, como a Organización Mundial do Comercio (OMC). O IBSA tamén demanda a reforma e ampliación da Asemblea Xeral e do Consello de Seguridade da ONU, co énfase en outorgar maior peso político aos países do Sur.

O ascenso das potencias emerxentes verificouse anteriormente coa creación do G-20 en 1999, que reúne ás principais potencias industriais (EEUU, Xapón, Canadá, Alemaña, Reino Unido, Francia, Italia e Rusia), con países emerxentes como China, India, Brasil, Arabia Saudita, Arxentina, Australia, Corea do Sur, Indonesia, México, Sudáfrica e Turquía, así como a Unión Europea.

 

(Fonte: http://www.diarioperfil.com.ar/edimp/0381/img/G-14-mundo.jpg)

A preponderancia global do G-20 fortaleceuse a partir da reunión celebrada en Washington en decembro de 2008, principalmente ante a necesidade de concretar mecanismos de solución para a crise económica. Deste modo, países como Brasil, China e India constituíronse en auténticos polos de poder dentro do G-20, demandando un cambio equitativo na arquitectura financeira global e nas relacións Norte-Sur.

d) O mundo dende o Sur

As experiencias de cooperación dende o Sur comezan a trazar a súa pegada nos últimos anos. Un exemplo é a Alianza Bolivariana para os Pobos da Nosa América (ALBA), conformado desde 2004 a partir da cooperación bilateral entre Venezuela e Cuba, logrando subscribir o Tratado de Comercio dos Pobos (TCP). Abertamente confrontado coa Alternativa de Libre Comercio para as Américas (ALCA) impulsada por EEUU, a ALBA-TCP opera como mecanismo de loita contra a pobreza e a exclusión social.

Este organismo logrou ampliarse como foro de cooperación cara outros sete países latinoamericanos: Bolivia, Nicaragua, Ecuador, Antiga e Barbuda, San Vicente e as Granadinas, Dominica e Honduras (este último finalmente retirouse a comezos de 2010). A ALBA-TCP avanza nas súas pretensións por ofrecer unha alternativa de integración plenamente latinoamericana a través de experiencias como o Banco do Sur, PETROCARIBE e PETROSUR.

Dentro do ámbito sudamericano, creouse en Brasilia en maio de 2008 a Unión de Nacións Sudamericanas (UNASUR), que integra aos doce países sudamericanos dentro dun marco de integración política e económica cuxa efectividade supera incluso a tradicionais organismos hemisféricos, como a Comunidade Andina, o MERCOSUR e a Organización de Estados Americanos (OEA).

No caso africano, o foro supranacional máis relevante constitúe a Unión Africana (UA), creada en 2001 en Libia, e que reúne á maioría das nacións africanas a excepción de Marrocos, Eritrea, Guinea, Madagascar e Níxer, separadas por razóns de carácter político. Inspirada no proceso de integración da Unión Europea, a UA basea os seus obxectivos no fortalecemento da democracia e da integración económica rexional. Desde 2004 conta cun Parlamento Panafricano.

Dentro do espazo asiático existen mecanismos de cooperación xa consolidados, como o Foro de Cooperación Económica Asia-Pacífico (APEC), creado en 1989 e con amplitude alén desta área xeográfica cara países como EEUU, Canadá, Rusia, México, Perú e Chile. Outro caso é a Asociación de Nacións do Sueste Asiático (ASEAN), creada en 1996 e que tamén amplía a súa perspectiva xeopolítica cara EEUU, Rusia, Xapón, Corea do Sur, Canadá, Australia, India e a Unión Europea. Paralelamente, estúdase a formación da Comunidade do Leste Asiático (CLA).

Compre igualmente observar a consolidación da Organización de Cooperación de Xangai (OCX), creada en 2001 e que actualmente reúne a China e Rusia con países da Asia Central ex soviética, como Kazajstán, Quirguizistán, Tadxikistán e Uzbekistán.

A nivel birrexional, o achegamento entre África, América Latina e os países árabes tamén constitúe un aspecto relevante dentro da cooperación Sur-Sur. En 2005, en Brasilia, celebrouse o I Cumio América do Sur e Países Árabes (ASPA), que reúne aos doce países sudamericanos e 22 nacións pertencentes á Liga Árabe (LA). En 2009 celebrouse en Qatar o II Cumio ASPA mentres está previsto para febreiro de 2011 a realización do seu terceiro cumio en Lima.

Dentro deste concepto de cooperación apréciase igualmente o Foro América do Sur e África (ASA), conformado por 54 países africanos membros da Unión Africana (UA) e os 12 países membros da UNASUR. Ata agora celebráronse dous cumios ASA,  o primeiro en novembro de 2006 en Abuja (Nixeria) e o segundo na Illa de Margarita (Venezuela), en setembro de 2009. En 2011 está prevista a celebración do seu III Cumio en Libia.

En marzo de 2010 estableceuse en Caracas a Secretaría Permanente do Foro ASA mentres en agosto pasado, tamén en Caracas, celebrouse unha reunión da Mesa Presidencial Estratéxica do Foro de Cooperación América do Sur e África (ASACOF), para sentar as bases dunha asociación estratéxica no período 2010-2020, co énfase en propiciar a cooperación en materia tecnolóxica, económica, institucional, social (saúde, educación, xénero e comunicación) e de seguridade e paz.

 

IGADI. 20 de setembro de 2010



 
Volver a TitularesVolver a Igadi Paper



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta