IGADIPaper / nº 041 - 05/08/2010 Volver a TitularesVolver a Igadi Paper

A Lei de Arizona e a inmigración ilegal en EEUU

Versión en PDFVersión para imprimir

 

a) Introdución

Parcialmente en vigor dende o pasado 29 de xullo no estado de Arizona, a polémica Lei SB1070, oficialmente denominada “Apoie as nosas forzas da orde pública e vecindarios seguros” (Support our Law Enforcement and Safe Neighborhoods Act), impulsada pola gobernadora republicana Jan Brewer, está provocando unha forte batalla política sobre o tratamento da inmigración ilegal dentro e fóra de EEUU, incrementando as perspectivas de converterse nun “tema estrela” de cara ás eleccións lexislativas de novembro próximo nese país.

Un día antes da súa oficial entrada en vigor, a xuíz Susan Bolton “suavizou” a aplicación desta normativa ao bloquear parcialmente os seus artigos máis restritivos orientados a “criminalizar” a inmigración ilegal. A gobernadora Brewer apelou inmediatamente ante instancias xudiciais este fallo de Bolton, a fin de retomar a esencia desta lei.

Paralelamente, milleiros de inmigrantes, principalmente hispanos de orixe mexicana, mobilizábanse na capital Phoenix e noutras cidades de Arizona, protestando enerxicamente contra a súa aplicación. Igualmente, dende México e diversos organismos rexionais como a OEA e MERCOSUR se condenaba a súa aplicación.

Pola súa banda, o presidente Barack Obama, quen criticou anteriormente esta lei caracterizándoa como “pobremente concibida” e “irresponsable”, afronta agora un duro debate político a nivel nacional sobre a aplicación e validez desta lei. Outros estados amosaron o seu apoio á lei SB1070, argumentando a posibilidade de aplicala.

Paralelamente, esta norma está fortalecendo aos sectores máis duros dentro do Partido Republicano en materia de inmigración, e facilitando o ascenso de novas formacións políticas de extrema dereita, como o polémico Tea Party, escenarios que poden presentar serios problemas para Obama e o gobernante Partido Demócrata de cara a manter a súa maioría lexislativa en novembro próximo.

b) A polémica lei SB1070

A Lei SB1070 pode converterse nunha polémica referencia en materia de inmigración ilegal dentro e fóra de EEUU. Tras ser aprobada legalmente en abril pasado pola gobernadora de Arizona Jan Brewer (Partido Republicano) entrando en vigor o pasado 29 de xullo, a pesar do bloqueo dalgúns dos seus artigos por decisión da xuíz de Phoenix, Susan Bolton, esta lei deberá agora ser debatida nos tribunais de xustiza, á espera de que o presidente Barack Obama manifeste unha resposta oficial á mesma, moi probablemente en contra.

Tralo bloqueo realizado pola xuíz Bolton, a gobernadora Brewer impugnou este fallo ante o IX Tribunal de Apelacións de San Francisco (California), a fin de revocalo. O contido principal deste lei asenta nos seguintes argumentos:

  1. Será considerado un “delicto menor estatal” que un estranxeiro circule por Arizona sen levar consigo os documentos de rexistro requiridos pola lei federal.
  2. As forzas de seguridade de Arizona terán a potestade de esixir a calquera persoa na rúa os documentos que proben  a súa estancia legal. Caso contrario, poden ser encarcerados ata seis meses, multados con US$2.500 ou eventualmente ser expulsados do país.
  3. Se tomarán “duras medidas” contra aquelas persoas que acollan, contraten e transporten a inmigrantes ilegais.
  4. Se permitirán demandas contra axencias gobernamentais que obstaculicen a aplicación das leis de inmigración

En EEUU, ningún organismo policial ou de seguridade ten a potestade legal de pedir documentos de identidade a calquera persoa, salvo no caso de tratarse dun sospeitoso de cometer algún delicto. Igualmente, ningún documento de identidade é obrigatorio, polo que os inmigrantes dese país proban a súa legalidade portando o selo de entrada impreso no seu pasaporte ou ben un permiso de circulación.

Polo tanto, e trala súa parcial entrada en vigor, a batalla política e xudicial está servida, colocando no centro de atención a situación de entre 15 e 20 millóns de inmigrantes indocumentados en EEUU. Esta situación pode ter efectos políticos de gran alcance de cara a futuros procesos electorais, como as eleccións lexislativas para renovar ao Congreso e unha parte do Senado estadounidense o próximo mes de novembro.

O presidente Obama cualificou esta lei de “irresponsable” mentres diversas ONGs, organizacións de inmigrantes, a Igrexa católica, sindicatos e grupos cívicos manifestan a súa frontal repulsa por considerar que “criminaliza” a inmigración ilegal e salienta argumentos de carácter racista, debido a que permite que a policía de Arizona deteña para interrogar a inmigrantes de orixe hispana.

O propio presidente mexicano Felipe Calderón, así como organismos hemisféricos como a OEA, MERCOSUR, UNASUR e a ALBA, manifestaron  oficialmente a súa contrariedade. Igualmente, diversos empresarios estadounidenses en estados fronteirizos como Arizona, Texas, California e Novo México, vense agora afectados ao ter que prescindir de man de obra barata.

Pola súa banda, a gobernadora Brewer lexitima esta lei argumentando “a incapacidade do goberno federal para asegurar as nosas fronteiras”. Esta lei foi aprobada polo 70% do electorado de Arizona, mentres diversas enquisas, principalmente manexadas polo Partido Republicano, acreditan a súa popularidade. O espectro de marxinalidade social, o aumento da criminalidade e do contrabando de armas, persoas e drogas son os factores máis identificables de apoio a esta medida.

Precisamente, no condado de Maricopa (Arizona) causa polémica a actuación do seu sheriff Joe Arpaio, acusado de violar os dereitos humanos das familias inmigrantes con métodos intimidatorios, así como de recluír a inmigrantes ilegais en campos de internamento, sometidos a condicións degradantes. Segundo datos oficiais, se calcula que en Arizona existen aproximadamente 460.000 inmigrantes ilegais, a maioría deles mexicanos. A principios de agosto enviáronse 1.200 soldados da garda nacional para labores de vixilancia fronteiriza.

c) Arizona: unha referencia antiinmigración?

Paralelamente, o senador republicano por Arizona e ex candidato presidencial John McCain, así como a maioría dos voceiros e dirixentes do Partido Republicano, apoian decididamente esta lei. Ao igual que a senadora republicana Sarah Palin, McCain estase convertendo nun duro defensor desta norma e da necesidade de aumentar a seguridade fronteiriza. Deste modo, a lei de Arizona estase impoñendo como un símbolo e un modelo político clave para os republicanos e os sectores conservadores en EEUU.

McCain, quen perdeu as eleccións presidenciais ante Obama en 2008 e que se xoga o seu posto de senador nas eleccións primarias de Arizona do 4 de agosto, chegou a comparar a violencia do narcotráfico nas fronteiras sur de EEUU como “unha violencia similar á de Bagdad”. O mesmo día en que entraba parcialmente en vigor a lei SB1070, McCain presentou xunto ao senador republicano por Arizona Jon Kyl, unha medida destinada a desembolsar máis de US$ 700 millóns adicionais para aumentar a vixilancia fronteiriza.

Ademais do Partido Republicano, estas medidas contan co apoio do polémico movemento patriótico de extrema dereita Tea Party (creado en 2009) e do denominado “Proxecto Minutemen”, con referencias míticas á “pureza racial e ética” dos habitantes das Trece Colonias que crearon os EEUU. Desde 2005, e co apoio de diversos liderados políticos e sociais principalmente nos estados fronteirizos, os “Minutemen” veñen conformando unha especie de “milicias de vixilancia fronteiriza”, sendo acusados de prácticas racistas contra os hispanos de orixe mexicana.
     
Desde esta perspectiva, e segundo a Conferencia Nacional de Lexislaturas Estatais, outros estados como Virxinia, Pensylvania, Minnesota, Rhode Island, Michigan, Tennessee e Carolina do Sur especulan coa posibilidade de ampliar a Lei SB1070 ás súas respectivas xuridiscións.

O ministro de Xustiza de Virxinia, Ken Cuccinelli (Partido Republicano) emitiu recentemente unha opinión legal argumentando que os policías dese estado poden requirir na rúa o estado legal e migratorio das persoas que crean conveniente. Pola súa banda, lexisladores de Tennessee, encabezados polo senador republicano estatal Bill Ketron, prevén reunirse cos lexisladores estatais de Arizona para entregarlles unha resolución de apoio á Lei SB1070.

d) A batalla política e electoral

Ninguén dubida que a parcial aplicación da Lei SB1070 en Arizona constituirá unha das claves políticas máis agudas de cara ao inminente pulso electoral, os comicios de novembro próximo, así como a batalla lexislativa sobre a aprobación dunha nova Lei de Inmigración.

O Partido Republicano espera rendabilizar politicamente esta lei reforzando a perspectiva política da gobernadora Jan Brewer, en particular ante a necesidade de concretar apoios electorais de movementos como o Tea Party. Deste modo, Brewer pode aumentar a súa influencia política dentro da dereita estadounidense de cara aos comicios lexislativos de novembro. Tras coñecer a decisión da xuíz Bolton de bloquear aspectos sensibles da Lei SB1070, Brewer non dubidou en declarar que “esta guerra non fixo máis que comezar”.

Por contra, o presidente Obama e o Partido Demócrata tamén tentarán sacar proveito desta norma. O fallo da xuíz Bolton pode afianzar moralmente a Obama e aos demócratas para impulsar no Congreso unha necesaria Lei de Inmigración, con claras perspectivas electorais principalmente de cara ao cada vez máis influente voto hispano en EEUU. Recentemente, o senador demócrata Harry Reid,  quen se xoga o seu escano ante o voto hispano en Nevada, prometeu que será aprobada unha Lei de Inmigración este ano no Congreso estadounidense.

Pero a lei de Arizona tamén pode facilitar o incremento dos grupos de extrema dereita e dos denominados “cazainmigrantes” en EEUU. Segundo o Centro Sureño de Estudos Legais para a Pobreza, nos estados de Texas e Arizona, ambos fronteirizos con México, está aumentando a popularidade de grupos de extrema dereita e odio racial, como o Ku Klux Klan (KKK), neonazis, os Minutemen e os Gardiáns da Fronteira. Cada ano aumentan nun 20% os ataques contra inmigrantes en EEUU.

Este estudo sinala que existen en todo EEUU un total de 602 grupos racistas ou  “cazainmigrantes” e que en Arizona se concentra o maior índice de atentados contra inmigrantes mexicanos e centroamericanos, moitos deles cometidos por rancheiros pertencentes aos Minutemen e os Gardiáns das Fronteiras. Un activista de dereitos humanos de orixe mexicanoa Enrique Morones Careaga, cualificou a situación en Arizona de “odio e tensión”.

 

IGADI. 05 de agosto de 2010



 
Volver a TitularesVolver a Igadi Paper



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta