| Igadi Paper / nº 019 - 24/08/2009 |
||||||||
| O Congreso de Al Fatah, Hamas e o futuro da política palestina | ||||||||
|
a) Introdución: O VI Congreso do partido Al Fatah, celebrado en Belén entre o 4 e 10 de agosto por vez primeira en 20 anos, deu paso a importantes cambios na súa cúpula dirixente que deixa abertos diversos escenarios no contexto político palestino. b) O Congreso de Al Fatah: renovación ou “cambio de faciana”? Un total de 2.241 membros de Al Fatah reuníronse na cidade de Belén (Cisxordania) a principios de agosto, para levar a cabo un congreso que permitira a renovación dos cadros dirixentes do partido.O último congreso de Al Fatah realizouse en Tunicia en 1989, estando no exilio a cúpula da Organización para a Liberación de Palestina (OLP), entón liderada por Yasir Arafat. Polo tanto, este VI Congreso celebrado en Belén sería o primeiro en celebrarse en 20 anos en territorio palestino, reunindo aos residentes en Cisxordania e os membros da diáspora, e sería tamén o primeiro congreso da “era post-Arafat”, trala morte do líder histórico palestino no 2004. Precisamente, o peso da rama cisxordana de Al Fatah é evidente, tamén evidenciado nos obstáculos trazados por Hamas para impedir a máis de 400 membros de Al Fatah en Gaza que acudiran ao congreso de Belén. Non obstante, estes membros puideron participar vía electrónica. Unha primeira aproximación ao VI Congreso de Al Fatah indica a consolidación da fortaleza política do actual presidente da ANP, Mahmud Abbas, así como dos intereses políticos expresados por EEUU e Israel. A reelección de Abbas como presidente supón un evidente paso a favor dos plans de Washington para reactivar o proceso de paz en Oriente Próximo e, principalmente, contribuír ao illamento de Hamas en Gaza, reforzando unha nova autoridade en Al Fatah que lle permita recuperar a súa popularidade na sociedade palestina, descontenta coa corrupción, burocratismo e debilidade política da ANP ante EEUU e Israel. En segundo lugar, debe matizarse o alcance real da denominada “renovación xeracional” dentro de Al Fatah. O congreso veuse na obriga de ampliar a súa duración debido aos duros debates políticos entre diversas faccións do partido, especialmente ante o impulso das bases máis mozas, que premeron pola remoción de diversos líderes da “vella garda” proveniente do exilio, afastados durante décadas dos territorios ocupados e, probablemente, menos conscientes das súas realidades. A renovación dun 70% do Comité Central de Al Fatah amosou situacións un tanto contraditorias: a reelección consolida o poder do septuaxenario Abbas, beneficiado da sensible remoción do ex negociador e ex primeiro ministro Ahmed Qureia, tradicional rival político. Igualmente, pode apreciarse que as bases de Al Fatah, ao alentar unha renovación tan contundente do Comité Central, estaban castigando ao liderado tradicional polos seus erros dos últimos anos. Pero a denominada “nova xeración” non resulta tan clara: o líder máis votado para o Comité Central foi Mohammad Gheneim, de 71 anos, fundador de Al Fatah en 1965 xunto a Arafat e Abbas, mentres a maioría dos novos elixidos están en idades comprendidas entre os 50 e 60 anos. A diferencia estriba en que son liderados nados nos territorios ocupados e na loita armada contra Israel, a diferenza de Abbas e a alta cúpula relegada ao exilio entre 1967 e 1994. Os nomeamentos máis significativos dentro do novo Al Fatah son Marwan Barghouti (50 anos), preso no cárcere israelí desde 2002, e Mohammed Dahlan, (47 anos), ex gobernador de Nablús e ex responsable dos servizos de seguridade. Incluso, hai quen acusa a Dahlan de ser o “home da CIA” en Cisxordania. Pode concluírse que este congreso afianzou a autoridade e o poder político de Abbas, permitiu a reinserción dun Dahlan anteriormente defenestrado e afastado do poder; e consolidar a posición de Barghouti, aínda que a súa facción política non tivo unha gran representación na elección do novo Comité Central de Al Fatah. c) Hamas e Israel Tras definir a súa nova dirección, Al Fatah presentou un novo programa político, especialmente orientado cara as súas relacións con Hamas, Israel e EEUU, dentro do novo contexto político existente: confinamento e reforzamento de Hamas en Gaza; un novo goberno ultradereitista en Tel Aviv, reticente ante as negociacións de paz; e o goberno de Obama na Casa Branca, cunha posible visión alternativa para Oriente Próximo. d) Os dilemas de Obama Resta por considerar a posición do “novo Al Fatah” ante o plan de paz que deseña o presidente estadounidense Barack Obama para Oriente Próximo. No contexto interno, Abbas semella persuadido a apoiar a negociación exipcia con Hamas para posibilitar un adianto electoral en Palestina, un plan probablemente avalado por Washington.Obama espera concretar un acordo de paz que recupere os principios básicos da Folla de Ruta de 2003, que recrea a idea de “dous Estados”, un israelí e outro palestino. Pero a fragmentación xeopolítica en Cisxordania e Gaza, a polarización dos palestinos cara este plan e as reticencias do goberno de Netanyahu dificultan a estratexia deseñada por Obama. A polarización entre Al Fatah e Hamas non deben ser descoidadas por Obama. Na actual cúpula dirixente de Al Fatah, Barghouti manifesta unha posición proclive a atopar canais de entendemento con Hamas, mentres Dahlan é un radical opositor ao movemento islamita, con quen tivo fortes enfrontamentos armados en Gaza. Finalmente, o descontento dos palestinos, a súa desilusión cara a ANP, os sucesivos fracasos dos acordos de paz e a asfixia provocada pola crise económica, son factores que poden dar curso a outra Intifada ou levantamento popular. Polo tanto, o único claro no escenario palestino é o “lifting” realizado no liderado político no último congreso de Al Fatah.
IGADI. 24 de agosto de 2009
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org |
||||||||
|
||||||||