Igadi Paper / nº 017 - 03/08/2009Volver a TitularesVolver a Igadi Paper
Afganistán
Eleccións presidenciais 20 de agosto de 2009

Versión en PDFVersión para imprimir

 

a) Introdución

Afganistán celebrará o próximo 20 de agosto as súas segundas eleccións presidenciais, trala invasión militar iniciada polo ex presidente estadounidense George W. Bush en outubro de 2001 contra o réxime talibán. As eleccións celebradas en 2004 déronlle a presidencia a Hamid Karzai, quen busca actualmente a reelección.

Non obstante, e a pesar do unánime e incondicional apoio occidental á candidatura de Karzai e ás súas posibilidades de reelección, o escenario preséntase complexo para o futuro democrático do país centroasiático.

A imposibilidade da OTAN e dos seus aliados de consolidar por completo a Karzai a nivel nacional, así como o avance das milicias talibán en determinadas rexións afgáns e o seu asentamento na fronteira con Paquistán e en determinadas rexións occidentais deste país onde habitan as comunidades étnicas pashtunas, son factores que determinan un escenario complicado para Karzai e os intereses occidentais, especificamente do presidente estadounidense Barack Obama, quen considera a Afganistán como “o epicentro da inestabilidade global” e un vital escenario xeopolítico.

Polo momento, co apoio exterior e cunha oposición debilitada, Karzai depende dunha volátil rede de apoios internos que involucra a xefes tribais, ulemas relixiosos e os “señores da guerra” que controlan diversas rexións do país, así como unha case absoluta suxeición ao apoio estadounidense e dos seus aliados que forman parte da misión liderada pola OTAN, denominada Forza Internacional para Afganistán (ISAF). Igualmente, Karzai e o seu goberno dependen das decisións emanadas da Comisión Internacional de Doantes para Afganistán, que controla o orzamento de seguridade, as misións militares estranxeiras e o sistema impositivo.

Se ben o goberno de Karzai amosa notorias deficiencias en materia de reconstrución nacional, transparencia administrativa e, incluso, sobre a ampliación dos dereitos humanos, civís e políticos, Washington espera consolidar un proceso de estabilización aínda prematuro e con débiles resortes de lexitimidade no país centroasiático, reafirmando uns intereses concretados na necesidade de asentar a Karzai na presidencia. Non obstante, son notorias as discrepancias e o distanciamento entre Karzai e Obama.

O aparente apoio ruso á estratexia de Obama en Afganistán, evidenciado no recente cumio de Moscova, supón un punto a favor para o presidente estadounidense. A pesar do momentáneo e probablemente táctico alto ao fogo realizado polas milicias talibán en determinadas provincias, o rexurdimento da violencia (con ducias de soldados británicos mortos) e a volatilidade rexional, con especial atención en Paquistán, amosan un escenario repleto de incertezas para Washington e Karzai, con claras repercusións no espectro electoral do próximo 20 de agosto.

 

b) A proba de fogo para Obama

Tras gañar as eleccións presidenciais en novembro de 2008, e pouco antes de asumir a presidencia na Casa Branca o pasado 20 de xaneiro de 2009, Barack Obama comezou a traducir as súas principais liñas de actuación en política exterior e de seguridade, con Afganistán no centro de atención. Obama interpreta que o país centroasiático constitúe “o epicentro da inestabilidade global”, razón pola que a súa estratexia amplía o seu radio de acción cara Paquistán, sendo denominada “Af-Pak”, acrónimo de ambos países.

O pasado 31 de marzo na Haia, Obama e a Secretaria de Estado Hillary Clinton impulsaron unha Conferencia Internacional para Afganistán, como marco de actuación global para garantir a estabilidade do país centroasiático, especialmente ante os retos da súa reconstrución, o avance das milicias islamitas radicais talibáns e a súa posible ampliación no escenario rexional, especificamente en Paquistán. Este é o único país musulmán con potencialidade nuclear e vese ameazado desde principios de 2009 polo avance de milicias islamitas radicais internas, lideradas por Baitullah Mehsud, comandante dos denominados “talibáns paquistanís”.

Para ampliar a súa estratexia cara outros actores, na recente conferencia sobre Afganistán, Washington logrou un notorio avance diplomático ao incluír a Irán como actor central da estabilización afgán. Obama sabe que o escenario afgán e centroasiático posúe importantes eixes de carácter xeopolítico e global, debido á presenza de potencias como China, Paquistán, Irán, India e Rusia.

Paralelamente, o incremento da violencia en Afganistán deu paso a unha escalada de atentados no primeiro semestre de 2009, cun aumento do 46% dos ataques con respecto a anos anteriores, especialmente na provincia de Helmand, ao sur do país, considerado un forte bastión talibán.

Nas últimas semanas, as tropas británicas sufriron grandes perdas de efectivos militares, un feito que aumenta a negativa percepción na opinión pública británica sobre a necesidade de manter tropas no país centroasiático. Estimase que, a pesar das recentes treguas acordadas polo goberno de Karzai e os seus aliados coas milicias talibán, a violencia incrementará o seu nivel a medida que se achegue a data das eleccións presidenciais, o próximo 20 de agosto.

A importancia de Afganistán para Obama é tan estratexicamente importante que foi un tema central no cumio realizado en Moscova co presidente ruso Dmtri Medveded, quen aceptou a estratexia de Obama a cambio de que Washington respecte os intereses rusos no espazo ex soviético. O presidente español José Luís Rodríguez Zapatero tamén sumouse ao “compromiso global” coa estabilidade en Afganistán, incluso prometendo unha ampliación do continxente militar español.

Dentro do escenario electoral afgán, Obama non varia substancialmente os parámetros de apoios acordados polo seu antecesor Bush. Estes consisten en apoiar a reelección de Karzai, aínda que as relacións persoais entre Obama e o presidente afgán son moito máis frías e distantes. Esta perspectiva de distanciamento e frialdade tamén se amplía no escenario paquistaní co presidente Arif Zardari, aínda que a administración de Obama conserve estreitos eidos de cooperación con Islamabad.

Os roces entre a administración de Obama e Karzai deron paso a duras declaracións dende Washington: Clinton chegou a cualificar a Afganistán de “narco-Estado” mentres o propio Obama sinalou o distanciamento co presidente afgán ao considerar que “Karzai debería saír do seu búnker e ocuparse máis do país”, facendo clara referencia as súas dificultades para gobernar.

Incluso, Washington mediu a posibilidade de impulsar unha candidatura alternativa a Karzai, centrada na figura do seu embaixador en Cabul, Zalmay Khalizad, quen conta con determinados apoios locais aínda que estaría constitucionalmente imposibilitado para presentarse, por posuír a nacionalidade estadounidense. Pero a aparente debilidade das candidaturas opositoras a Karzai, así como a retirada de varias delas, afondan a posibilidade de reelección do actual presidente afgán, afastando calquera iniciativa alternativa de Washington.

 

c) Karzai a pola súa reelección  

De cara aos próximos comicios presidenciais, Karzai espera obter a reelección dentro dun clima de irreal estabilidade e control do país. Velaí a súa oferta de ampliar unha serie de treguas cos talibáns, moderadamente acordadas a partir do pasado 25 de xullo, especificamente na provincia de Badghis, preto da fronteira con Turkmenistán.

Karzai vese igualmente beneficiado por outra conxuntura rexional, motivada pola ofensiva do exército paquistaní na súa provincia do Noroeste, onde as milicias talibán comezaron a retirarse das súas posicións, especialmente do estratéxico Val do Swat. Incluso, e baixo o aval estadounidense e británico, Karzai propuxo semanas atrás un acordo político cos “talibáns moderados”, a fin de atraer non só o seu apoio político senón ganancias electorais dentro da maioritaria comunidade étnica pashtuna.

No contexto interno, o actual presidente afgán sabe que, para lograr a súa reelección, debe reforzar unha serie de resortes de poder que lle permitan manter un mínimo de lexitimidade e capacidade operativa. Todo isto tomando en conta que, dentro da poboación afgán, apréciase un nivel de descontento e déficit de lexitimidade cara a súa autoridade, interpretando que o goberno de Karzai está absolutamente manexado dende Washington.

Na carreira electoral presidencial, Karzai terá a dous rivais de importancia, ambos provenientes do seu goberno: o ex ministro de Relacións Exteriores e líder da Alianza do Norte, Abdullah Abdullah; e o ex ministro de Finanzas, Ashraf Ghani. En maio pasado, retiraron a súa candidatura outros tantos candidatos, incapaces de formar unha especie de “fronte electoral común” contra Karzai. Algúns deles, como Ahmed Ali Jalali, posúen a nacionalidade estadounidense.

Para afirmar as súas posibilidades de reelección, Karzai vese na constante obriga de negociar unha rede de apoios que apuntan directamente a dous “señores da guerra” de marcada tendencia anti-talibán. Un deles é Abdul Rashid Dostum, poderoso líder militar do norte do país, quen tamén estivera no goberno de Karzai. Dostum é acusado por ONGs de cometer violacións de dereitos humanos nas provinciais baixo o seu control.

O outro líder é o comandante da Alianza do Norte, Mohammed Qasim Fahim, posible próximo vicepresidente de Karzai. Ao igual que Dostum, diversos organismos internacionais acusan a Qasim Fahim de “sistemáticos abusos aos dereitos humanos e violacións ao dereito internacional”. Así mesmo, Karzai utiliza os seus contactos tribais e étnicos para conseguir apoios de importantes ulemas ou xefes relixiosos, en diversas provincias do país.

Con todo, e a pesar das treguas tácticas acordadas, os talibáns chamaron á poboación afgán a boicotear os comicios, a fin de “alcanzar a independencia das tropas estranxeiras” que controlan Afganistán. A finais de xullo, os talibáns reforzaron os seus ataques en varias provincias do interior, incluso atentando contra o propio Qasim Fahim no norte do país.

A violencia insurxente apareceu tamén na veciña Tadxikistán, durante un cumio rexional en que participaron, o pasado 30 de xullo, Karzai, Medveded, Zardari e o presidente tadxico Emomali Rakhmon.

Se ben Karzai semella posuír as mellores cartas para ser reelixido, o conflito de Afganistán ten poucas perspectivas de solución a curto prazo, coa posibilidade real de incrementar a nivel rexional o seu caudal de inestabilidade.

 

IGADI. 3 de agosto de 2009

 




 
Volver a TitularesVolver a Igadi Paper



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta