| Igadi Paper / nº 015 - 17/07/2009 |
||||||||
| Ás portas dunha alternancia histórica? Xapón |
||||||||
|
a) Introdución: A derrota do gobernante Partido Liberal Democrático (PLD) nas eleccións para a Asemblea Metropolitana de Tokio o pasado 12 de xullo, coloca a Xapón ás portas dunha histórica alternancia política. O primeiro ministro Taro Aso anunciou para o próximo 21 de xullo a disolución do Parlamento nipón, ao mesmo tempo que convocaba a eleccións xerais para o próximo 30 de agosto. Este panorama anuncia cambios políticos importantes no país asiático que deben, igualmente, ser medidos dentro do contexto rexional. Por vez primeira desde 1955 (a excepción do período 1993-96), o PLD, de tendencia conservadora e centrodereita, podería perder a súa hexemonía política a favor do Partido Democrático de Xapón (PDX), nun momento en que se presenta unha conxuntura delicada para a seguridade no sueste asiático, tomando en conta o pulso nuclear de Corea do Norte e os rumores (aínda non confirmados) de crítica saúde do seu líder Kim Jong-Il. De concretarse a alternancia política en Xapón, o país ingresará nunha dinámica moito máis complexa, incerta e determinante, dentro dun contexto manifestado pola prolongada recesión económica que sofre o país desde 1998, co desafío de modificar os parámetros tradicionais do seu modelo económico, así como superar unha etapa de certa incerteza política, que deu paso a diversas caídas de gobernos nos últimos anos. Paralelamente, e a pesar da súa configuración política centrista, resta observar cal será a política exterior xaponesa no caso de que o PDX gañe as próximas eleccións xerais. Este escenario debe calibrarse nun momento en que, en determinados estamentos de poder e da sociedade xaponesa, florece unha posición máis nacionalista, o cal pode espallar as posibilidades de afirmar, aínda con maior fortaleza política, as súas demandas de remilitarización e de incremento dos seus imperativos de corte xeopolítico, especialmente de cara a países veciños como China, Corea do Sur e Corea do Norte. Todas estas variables configuran factores estratéxicos importantes para un país que tenta posicionarse ante os cambios que se esperan dentro do sistema internacional. Os efectos da crise económica global, así como a prolongada inestabilidade gobernamental experimentada por Xapón nos últimos anos, manifestan diversos escenarios a tomar en conta. En todo caso, o país asiático está a piques de concretar unha mais que probable alternancia política, con directas consecuencias para o seu futuro a mediano prazo. b) O momento do PDX Tralas eleccións para a Asemblea municipal de Tokio, o PDX, partido fundado en abril de 1998, amosase como a forza política máis votada dentro do electorado nipón. De posuír 34 concelleiros, o PDX pasou agora a posuír unha maioría absoluta de 58 dun total de 127 escanos na Asemblea Metropolitana de Tokio, deixando á coalición conformada polo PLD e o partido conservador Novo Komeito, con 38 escanos en total, sen maioría municipal. O PLD conservaba a hexemonía nesta asemblea desde 1969. O ascenso do PDX ven anunciando a posibilidade de cambios políticos importantes dentro do contexto xaponés, deixando ao gobernante PLD ás portas dunha histórica derrota electoral de cara aos comicios xerais previstos para o próximo 30 de agosto. Nas últimas eleccións municipais celebradas no país asiático, manifestouse con claridade o ascenso do PDX, tras lograr vitorias en cidades como Nagoya, Saitama e Chiba que, engadidas ás últimas realizadas en Tokio, colocan a este partido como o mais que probable vencedor das próximas eleccións xerais. Igualmente, o PDX gañou a principios de xullo as eleccións realizadas na provincia de Shizuoka. Neste sentido, o PLD perdeu ante o seu principal rival as cinco últimas eleccións celebradas en Xapón. Este escenario coloca ao goberno de Taro Aso ante unha forte disxuntiva, tomando en conta a baixa da súa popularidade, estimada en índices inferiores ao 20% nos últimos meses. Do mesmo xeito, apréciase un descontento interno dentro do PLD respecto á candidatura de Aso, con posibilidades de propiciar unha posible rebelión interna no partido, escenario largamente anunciado nos últimos meses. Con este panorama, o líder do PDX, Yukio Hatoyama, incrementa as súas posibilidades de converterse no próximo primeiro ministro xaponés. O seu partido conforma a disidentes do PLD, así como outras faccións de esquerda e socialistas. De cara aos próximos comicios xerais, cuxa campaña electoral comezará o próximo 18 de agosto, o PDX tentará mobilizar o descontento social cara Aso e o PLD, así como monopolizar as cada vez maiores demandas populares de cambio electoral e político en Xapón. Con isto, a axenda do PDX para o cambio en Xapón pasa por combater a corrupción (aspecto no que este partido non está exento de responsabilidades) así como propiciar unha maior eficiencia administrativa nun país salpicado pola elevada burocratización do seus aparatos estatais. Igualmente, as presións populares para un cambio no modelo económico tamén condicionan a oferta electoral do PDX, que xa anunciou maiores beneficios para a clases obreira e profesional, en detrimento das grandes corporacións que controlan os resortes do poder empresarial con determinados niveis de influencia política dentro da burocracia, a través de faccións familiares e políticas. No contexto da actual crise económica mundial, o PDX ven anunciando a posibilidade de aumentar a débeda pública para afrontar un gasto social mais equitativo. A situación resulta así crítica para Aso e o PLD. O pasado 14 de xullo, o Senado xaponés aprobou unha moción de censura non vinculante contra Aso, impulsada pola oposición liderada polo PDX, a fin de bloquear determinadas leis parlamentarias pendentes, sendo a máis importante a lei das Forzas de Autodefensa que permitiría ao exército xaponés realizar inspeccións en barcos norcoreanos sospeitosos de violar o embargo armamentístico decretado polo Consello de Seguridade da ONU. c) Crise económica e malestar social Así mesmo, debe observarse con maior atención o incremento da participación da mocidade xaponesa en manifestacións públicas de claro cariz social e económico, escenarios onde comeza a manifestarse un malestar cara as elites políticas e económicas, unha conxuntura que pode ser aproveitada electoralmente polo PDX. Recentemente, as protestas dos mozos acusaban ao goberno de Aso de prestarlles pouca atención en materia de axudas económicas profesionais e de emprego, ante a énfase gobernamental no gasto social cara as pensións sanitarias. Precisamente, a xestións das pensións de xubilación xa provocou no pasado recente unha forte crise política, con amplas repercusións cara a administración destes fondos por parte da Axencia de Seguridade Social (ASS). Esta entidade detectou en 2007 graves irregularidades na tramitación das pensións de 730.000 xaponeses, un escándalo que derivou na dimisión do entón primeiro ministro Shinzo Abe. Aínda así, Xapón amosa niveis de desemprego pouco elevados (5% da poboación economicamente activa, segundo datos de abril de 2009), pero a súa economía rexistrou no primeiro trimestre de 2009 unha caída do 14,2%, debido principalmente á baixa das exportacións, principalmente pola recesión económica global. A derrota electoral do PLD e o anuncio de adiantamento das eleccións xerais deu paso a unha caída significativa da Bolsa de Tokio, cifrada o pasado 13 de xullo en 2,55%, arrastrando con isto ás demais bolsas de valores asiáticas. Os mercados financeiros temen unha maior potenciación da incerteza política en Xapón de cara aos próximos comicios xerais, un escenario que obrigará ao PDX a tentar atraer o apoio dos grandes conglomerados empresariais nipóns e orientar unha política de maior confianza cara os mercados financeiros. d) O escenario rexional O que sucederá en Xapón no caso de que o PDX se converta, por vez primeira, en partido de goberno o próximo 30 de agosto, esperta as preocupacións e expectativas en materia de política exterior. Ademais de dar curso a unha histórica alternancia política, a hipotética vitoria do PDX pode ofrecer varias lecturas dentro do contexto rexional do sueste asiático. O momento resulta estratexicamente importante, tomando en conta o recente pulso misilístico establecido por Corea do Norte así como as informacións, aínda non confirmadas, do suposto cancro de páncreas do líder norcoreano Kim Jong-Il. En cuestión está o equilibrio nuclear rexional entre China, Xapón e as dúas Coreas, tomando en conta o estancamento das negociacións sobre o programa nuclear norcoreano. Nos últimos anos, Xapón tentou revitalizar o seu sector militar e empresarial á vista da necesidade de fomentar un rearme importante que lle dera perspectivas de poder non só a nivel rexional senón global. A participación de tropas niponas na estratexia occidental en Afganistán e Iraq supón un claro exemplo a considerar. Desde 2004 establecéronse os parámetros principais do Programa de Defensa Nacional de Xapón, que estipula a necesidade de potenciar o sector militar como unha baza importante para propiciar o retorno de Xapón como potencia global. As presións pola remilitarización en Xapón levan, directa e indubidablemente, a barallar perspectivas de posible confrontación cara actores rexionais como Corea do Norte e China. No caso norcoreano, o réxime de Pyongyang recea das intencións niponas, especialmente fraguadas en torno á súa estratéxica alianza con EEUU. En Tokio xustifican este proceso de rearme no marco dunha perspectiva destinada a amortecer ou ben disuadir a Pyongyang da súa ameaza nuclear. Os cambios políticos que se anuncian en Tokio, coa posible vitoria do PDX nas próximas eleccións xerais, determinarán en gran medida a evolución desta nova doutrina militar nipona. Tradicionalmente de centroesquerda e pacifista, un goberno do PDX deberá cotexar con maior exactitude as presións políticas, sociais e militares internas, destinadas a concretar unha maior potencialidade xaponesa en materia militar e xeopolítica, que lle permita levemente afastarse do tradicional escudo de protección estadounidense. Estas variables influirán na definición dun novo equilibrio militar e xeopolítico no sueste asiático e no entorno da ASEAN, con claras consecuencias nas relacións niponas con países como China, Corea do Norte e Corea do Sur, así como ante potencias emerxentes, como pode ser o caso de Australia. Por outra banda, están por ver as implicacións do cambio na relación coa Administración Obama en Washington e as ambicións dunha maior autonomía global da política nipona.
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org |
||||||||
|
||||||||