Igadi Paper / nº 014 - 06/07/2009Volver a TitularesVolver a Igadi Paper
Italia, 8-10 de xullo de 2009
Cumio do G-8

Versión en PDFVersión para imprimir

 

a) Introdución:

Entre o 8 e 10 de xullo celébrase en Italia o Cumio do G-8, enmarcado nun contexto determinado pola crise económica e financeira global e diversos acontecementos na escena internacional: a crise de Irán; a evolución da presidencia estadounidense de Barack Obama; a configuración dun novo momento político en Europa tralas recentes eleccións parlamentarias; e o ascenso de potencias emerxentes como actores de peso no escenario global, tal é o caso do Grupo BRIC (Brasil, Rusia, India e China).

O Cumio do G-8 ven igualmente determinado pola situación política que vive o primeiro ministro italiano Silvio Berlusconi, atenazado ante os escándalos persoais internos que poden afectar o rumbo do seu goberno. A fin de amosar un carácter simbólico tendente a afastar á opinión pública destes escándalos, Berlusconi elixiu a localidade de L´Aquila, na rexión de Abruzzo, preto de Roma, azoutada polo terremoto de hai algúns meses para celebrar a reunión. Diversos sectores sociais critican a Berlusconi pola súa deficiente xestión desta catástrofe natural.

Paralelamente, este encontro pode supoñer a avanzada dunha hipotética ampliación do G-8, máis centrada en outorgar espazos de actuación e decisión para novas potencias globais. Así, cómpre considerar as repetidas demandas de ampliación cara un G-14 que inclúa a países como China, Brasil, México, India, África do Sur, Indonesia, Exipto e Turquía, por citar algúns exemplos.

Un aspecto importante desta xuntanza do G-8 ten que ver coa iniciativa chinesa –secundada por Rusia- de debater a consideración dunha moeda de reserva, en clara alusión á posible substitución do dólar estadounidense como referencia monetaria global. En marzo pasado, o gobernador do Banco Central de China, Zhou Xiaochuan, propuxo a utilización dos Dereitos Especiais de Xiro (DEX) do Fondo Monetario Internacional (FMI) como unha especie de “moeda supranacional”. O DEX é un activo de reserva internacional asignado aos membros do FMI, determinado por unha especie de reserva de dólares, euros, libras esterlinas e iens.

b) A hora da reforma financeira global?

A proposta do gobernador do Banco Central Chinés (BCCh), Zhou Xiaochuan, foi de novo defendida o pasado 3 de xullo, no marco dun Cumio Global de Think Tanks celebrado en Beijing. Na mesma, o presidente do Banco Central chinés salientou unha serie de medidas tendentes a “equilibrar” o crecemento da economía mundial.

Neste sentido, aumentan as perspectivas no sentido de que, no documento final do Cumio do G-8, se contemple a demanda chinesa de potenciar unha nova moeda de reserva mundial, os Dereitos Especiais de Xiro (DEX). Este demanda semella consolidada dentro do denominado G-5 (China, Brasil, India, México e África do Sur), e conta tamén co apoio doutros países como Exipto.

A participación neste cumio deste novo bloque de configuración global pode ser interpretada como unha posibilidade de ampliación do G-8 a un hipotético G-14, que permita ilustrar o cambiante balance de poder dentro do sistema internacional, especialmente no relativo ás economías globalizadas. No relativo ao DEX, Xiaochuan xa realizara esta demanda en marzo pasado, no marco dun cumio global de ministros de Finanzas do G-8. Nese momento, a proposta chinesa non frutificou, basicamente pola falta de respaldo de varios líderes mundiais e funcionarios do FMI.

O recente cumio dos BRIC (Brasil, Rusia, India e China) en Ekaterimburgo (Rusia), realizado o pasado 21 de xuño, amosou o potencial deste novo bloque de poder global, que involucra unha considerable fortaleza tecnolóxica (casos de Brasil, China e India) con potencias enerxéticas como Rusia. Os BRIC conforman algo máis do 12% do comercio mundial, e nel se inclúen os países con maior crecemento e consumo enerxético nos últimos anos (China e India), que constitúen o 14,6% do PIB global e o 42% da poboación mundial.

No hipotético caso de ampliarse o G-8 a un G-14, aumentarán as demandas por modificar os parámetros do comercio global contemplados na Conferencia de Bretton Woods de 1944, todo isto tomando en conta un contexto de crise económica global. Durante o recente Cumio Global de Think Tanks en Beijing, Xiaochuan considerou a posibilidade dunha baixa no consumo nas economías globais, que dea paso a un maior nivel de proteccionismo e a afondar no aforro público como medida central para paliar a crise económica global.

Pero o Cumio do G-8 deberá modelar diversas perspectivas ante a caída do crecemento económico mundial (só un 1,2% de crecemento nos países en desenvolvemento para 2009) así como medir o impacto nas economías globais dos fluxos financeiros públicos colocados nas súas respectivas economías, como políticas destinadas a soster os seus sistemas financeiros.

O G-8 tentará sopesar as medidas de gasto público aprobadas no Cumio do G-20 realizado en Londres en abril pasado, como marco de referencia para o próximo cumio deste organismo, a celebrarse en setembro en Pittsburgh (EEUU). Pero o panorama actual amosa diferenzas de criterio e actuación en EEUU, Europa e Asia, sobre as reformas financeiras, a vixilancia das actividades bancarias e o necesario regulamento do sistema financeiro mundial.

c) Dous temas centrais: o cambio climático e a fame

A preeminencia global dos temas ecolóxicos terá o seu peso neste cumio do G-8, especialmente ante a recente decisión do presidente estadounidense Barack Obama de presentar unha lei no Congreso para establecer restricións aos gases de efecto invernadoiro.

Esta lei deberá ser votada tanto no Congreso como no Senado, con perspectivas políticas incertas. Pero, independentemente da votación final, o xesto de Obama supón unha alteración básica cos postulados defendidos polo seu antecesor George W. Bush, contrario a adoptar medidas sobre o perigo do quentamento global.

No horizonte das políticas de prevención do cambio climático está o cumio mundial a celebrarse en Copenhague (Dinamarca) a finais de 2009. Pero, alén da urxencia do tema climático, o consenso político non semella garantido no próximo cumio do G-8. Obama tentará liderar esta discusión, onde pode confrontarse con duras posicións por parte de China.

 O tema da fame nos países en desenvolvemento, con África como epicentro, terá un espazo relevante neste cumio. A realidade evidencia un elemento sumamente inobxectable: as estimacións mundiais da ONU e da FAO sobre o número de persoas con fame e desnutrición comezan a achegarse aos 1.000 millóns de persoas.

Tomando en conta o incremento dos prezos agrícolas a nivel mundial, especialmente da soia, o millo e o trigo, a ONU advertiu recentemente das potencialidades negativas que terá a fame para a seguridade mundial. África e a rexión de Asia e Pacífico lideran estas estatísticas. Neste sentido, China enviará ao G-8 unha proposta de vinculación do tema da fame co cambio climático, a fin de liderar unha posición conxunta coas potencias emerxentes, que lle permita ter un peso específico de influencia.

Paralelamente, o asunto da fame pode espallar numerosas protestas e mobilizacións de colectivos sociais en Italia, á vista da reunión do G-8 e dos problemas do goberno de Berlusconi no subministro de alimentos e axuda humanitaria na rexión de L´Aquila, azoutada polo recente terremoto. Prevense fortes mobilizacións de colectivos como a “Asemblea Non ao G-8” e a “Rede Non G-8”, que anuncian a proclamación dun “Mapa global de Crise” sobre estes temas.

d) A crítica  xeopolítica global

Finalmente, existen temas xeopolíticos específicos que se tratarán no Cumio do G-8, e que involucran aos actores globais na persecución de mecanismos de actuación ante crises para a seguridade mundial.

Os recentes acontecementos post-electorais en Irán, coa súa consecuente importancia xeoestratética, servirán de marco de discusión importante para países como EEUU, Rusia e China. Igualmente, o recente pulso nuclear lanzado por Corea do Norte, coa activación de probas con mísiles nucleares, determinará unha discusión de gran nivel sobre os perigos da proliferación nuclear e a activación de políticas de actuación, tendentes a controlar as potencias nucleares.

Previo ao Cumio do G-8 celebrouse a reunión en Moscova entre Obama e o presidente ruso Dmitri Medveded, onde analizaron as políticas de seguridade global, un recorte do arsenal nuclear de ambos países e os mecanismos de actuación ante crises nucleares en curso, como Irán, Corea do Norte e Paquistán.

Con menos preponderancia, o Cumio do G-8 tratará temas de maior calado xeopolítico específico, como a piratería en Somalia ou a pacificación dun Oriente Próximo en transformación. Obama chega a este cumio tras iniciarse a retirada militar en Iraq mentres reforza a estratexia occidental en Afganistán, de cara ás eleccións presidenciais previstas para o próximo mes de agosto.

Existen outros escenarios específicos que, se ben non constituirán temas centrais de debate, determinarán un contexto de discusión, tales como o golpe de Estado en Honduras e o seu impacto para as democracias latinoamericanas, así como o espallamento en China das tensións étnicas coa comunidade musulmana uigur na rexión de Xinjiang, tralos recentes enfrontamentos que deixaron centenas de mortos e feridos.

Tendo en conta os diversos temas de discusión, este Cumio do G-8 pode evidenciar o escenario, largamente previsto, de confirmación do pulso de poder para os próximos decenios, concentrado nas demandas e intereses de EEUU e China. Ambos países liderarán determinados polos que modificarán, con case total seguridade, os parámetros da balanza de poder global do Século XXI. No Cumio do G-8, este pulso entre Washington e Beijing cobrará unha maior importancia estratéxica.

 
Volver a TitularesVolver a Igadi Paper



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta