Igadi Paper / nº 012 - 22/06/2009Volver a TitularesVolver a Igadi Paper
Arxentina: Eleccións Lexislativas 2009

Versión en PDFVersión para imprimir

 

a) Introdución:

Arxentina celebrará o próximo domingo 28 de xuño unhas decisivas eleccións lexislativas que definirán o seu mapa político a mediano e longo prazo, especialmente de cara aos comicios presidenciais de 2011.

En total, están en xogo a renovación da metade do Congreso dos Deputados (127 congresistas, renovables cada catro anos), así como un terzo dos membros do Senado (24 senadores, para un período de seis anos), especificamente nas provincias de Catamarca, Córdoba, Corrientes, Chubut, La Pampa, Mendoza, Santa Fé e Tucumán. Paralelamente, a provincia e a Cidade Autónoma de Bos Aires celebrarán comicios para elixir os seus funcionarios provinciais e municipais.

En principio, estes comicios estaban previstos para o próximo 25 de outubro, pero o Consello Nacional Electoral decidiu o seu adianto, probablemente persuadido pola presión da presidenta Cristina Fernández de Kirchner. A crise económica mundial, as secuelas do recente conflito entre o goberno e os produtores agrícolas e os problemas presidenciais en materia de popularidade, especialmente ante a perspectiva dos comicios presidenciais de 2011, probablemente exerceron influencia na decisión do adianto electoral.

Estes comicios suporán un claro pulso político para o gobernante matrimonio dos Kirchner, así como o primeiro reto electoral da actual presidenta desde que asumiu o goberno en 2007. Neste sentido, a presidenta Fernández de Kirchner e o seu esposo, o ex presidente Néstor Kirchner (que se candidata como primeiro deputado pola provincia de Bos Aires) medirán a súa popularidade e aceptación electoral, en caída segundo as últimas enquisas. Paralelamente, o proceso electoral ven enmarcado por unha serie de desercións dentro do sector oficialista do “peronismo”, que esgotan tanto a imaxe como a capacidade de manobra dos Kirchner.

Se ben o pulso político entre “os Kirchner”, os disidentes do peronismo e a oposición tradicional resulta notorio, os comicios medirán tamén o grao de confianza dos arxentinos sobre o curso do seu país. O incremento da inseguridade cidadán, a desconfianza cara a clase política e as secuelas da crise económica en materia de xeración de emprego e crecemento económico, dominan a axenda electoral e a preferencia dos votantes. Paralelamente, apreciase unha sensación de apatía e desgaste cidadán, ante as estimacións de que case un 40% dos arxentinos non saben se acudir ás urnas ou ben non teñen seguro por quen votar.

b) Rupturas no “kirchnerismo”

Dentro do contexto electoral, os próximos comicios lexislativos constituirán para a presidenta Cristina Fernández de Kirchner e o seu esposo Néstor Kirchner, un verdadeiro reto político, que medirá non só o labor gobernamental senón a súa fortaleza e hexemonía dentro do volátil espectro electoral do “peronismo de esquerdas”.

 Néstor Kirchner controla actualmente a presidencia do gobernamental Partido Xusticialista (PX), participando nestas lexislativas baixo a sigla electoral do Fronte Xusticialista para a Vitoria (FXPV), claramente definido en torno a súa figura. A FXPV manifesta unha variada conformación de partidos políticos, basicamente orientados cara a esquerda, que van do peronismo histórico ata o centrismo e a esquerda radical, neste último caso especificamente manifestado no táctico apoio político emanado dos grupos dos “piqueteiros”.

O “kirchnerismo”, politicamente volátil, afronta tamén unha variada oposición, en gran medida orixinada polas desercións existentes dentro deste movemento e polo reforzamento de candidaturas xa tradicionais no escenario político arxentino.

En febreiro pasado, oficializouse a deserción de diversas figuras políticas do goberno de Néstor Kirchner (2003-2007) e do actual de Cristina Fernández de Kirchner, presidenta desde 2007. Felipe Solá, ex gobernador da provincia de Bos Aires; e Francisco de Narváez, un millonario de orixe colombiana e candidato a deputado peronista pola capital, desertaron das filas do peronismo “kirchnerista” para anunciar as súas candidaturas pola provincia de Bos Aires dentro da plataforma Unión PRO.

As rupturas e desercións dentro do peronismo “kirchnerista” e do oficialismo manifestáronse, principalmente, tralo denominado “conflito do campo” que, entre 2007 e 2008, concentrou a case totalidade da atención política dos Kirchner. Así, nestas eleccións lexislativas xorde outra figura disidente do peronismo, o ex gobernador de Santa Fé, Carlos Reuteman, quen se presenta como senador por unha lista independente. Segundo diversas fontes, Reuteman perfilase como un duro rival para Néstor Kirchner dentro da candidatura peronista para as presidenciais de 2011.

No bando opositor, causa preocupación no “kirchnerismo” a popularidade do actual Xefe de Goberno da Cidade de Bos Aires, Mauricio Macri, empresario e ex presidente do popular club de fútbol Boca Juniors. Macri conta co seu propio movemento, unha plataforma de partidos de centrodereita englobados na Fronte para a Vitoria (FP).

Macri manifesta claras pretensións de candidatura presidencial para o 2011, aínda que as mesmas poden verse afectadas polo ascenso do ex vicepresidente Julio Cobos, quen rompeu con Kirchner o ano pasado e eríxese como un duro contrincante dentro da fronte “antikirchnerista” e independente.

Igualmente, a oposición acude aos comicios co centro dereita da Unión Cívica Radical (UCR), liderada por Gerardo Morales, a Coalición Cívica (CC), de Elisa Carrió, e o Partido Socialista (PS), liderado por Hermes Binner, entre diversos partidos e formacións de alianzas políticas e electorais.

c) Personalismo, nepotismo e atomización electoral

Pero o escenario político arxentino deixa dúas variables claras: a excesiva atomización de candidaturas, partidos e movementos; e o marcado personalismo político e electoral dos candidatos, que superan incluso á esencia ideolóxica e política dos partidos. Tanto no “kirchnerismo” como na oposición, moitas candidaturas foron seleccionadas en auténticas “listas pechadas” e reunións de amigos, sen mobilización nin votación interna das bases, o cal determina un claro déficit democrático dentro dos partidos e movementos políticos.

De igual modo, apréciase unha marcada tendencia cara o nepotismo nas candidaturas electorais, especialmente nas provincias. Diversos familiares de coñecidos alcaldes, gobernadores provinciais, políticos e sindicalistas, foron incluídos nas listas electorais, probablemente coa finalidade de apuntalar un elevado nivel de identificación personalista cara determinadas candidaturas.

Neste sentido, chaman a atención as candidaturas da esposa do líder piqueteiro Luis D´Elía, dunha irmán do líder sindicalista Luis Barrionuevo, da esposa do ex presidente Eduardo Duhalde e das esposas dos gobernadores de Santa Cruz e Córdoba. Exemplos específicos que apuntalan a tendencia á conformación de “clans familiares” como os verdadeiros motores da política arxentina.

d) Horizonte 2011

No que si parecen coincidir tanto a clase política como a opinión pública arxentina é que o escenario electoral máis disputado e decisivo estará na cidade de Bos Aires, que concentra o 40% do voto a nivel nacional. Velaí a necesidade de que as toldas políticas fortaleceran as súas respectivas candidaturas coa presenza de auténticos  “pesos pesados”: Néstor Kirchner, Felipe Solá, Francisco de Narváez, Mauricio Macri, Julio Cobos e Elena Carrió, entre outros.

Nesta campaña electoral, os Kirchner afondan na concreción de apoios electorais nos suburbios de Bos Aires, que concentran a 13 millóns de votantes tradicionalmente orientados cara un “peronismo de esquerdas” actualmente identificado no matrimonio presidencial.

Dependendo dos resultados das próximas lexislativas, o horizonte está claramente deseñado de cara aos comicios presidenciais de 2011. No campo oficialista, Néstor Kirchner espera consolidar a súa propia plataforma electoral pero dentro dun panorama difuso, debido a que as rupturas de liderados, a caída na popularidade (últimas enquisas cifran un 50% de rexeite aos Kirchner) e o esgotamento político afectan a súa ata agora incontestable hexemonía dentro desta plataforma.

Xunto a isto, o tema da inseguridade cidadán (que afecta maioritariamente ás poboación pobres dos suburbios), incrementa a preocupación dos votantes arxentinos. Segundo cifras do Ministerio de Seguridade de Bos Aires, no 2008 cometéronse 90.000 delictos considerados de carácter previsible. No primeiro trimestre de 2009, as cifras do Ministerio de Xustiza afirmaban a existencia de 3.095 delictos por cada 100.000 habitantes. A crise económica, a corrupción policial, a proliferación de bandas criminais, principalmente dedicadas á industria dos secuestros, e a falta de políticas efectivas de prevención e combate ao delicto, incrementan estes niveis de inseguridade. Unha enquisa de maio pasado deducía que o 61% dos arxentinos consideran que a situación do país empeorará nos próximos meses.

No campo electoral, a atomización e volatilidade política arxentina esboza un  escenario manifestado por todo tipo de tendencias e unha especie de loita de “todos contra todos”. As claves electorais non están exactamente identificadas na dicotomía “kirchnerismo-antikirchnerismo” senón que encerran varias disputas en toda clase de alianzas, movementos, partidos e plataformas. Así, os próximos comicios lexislativos determinarán un pulso interno no peronismo entre Néstor Kirchner e Reuteman. Pola súa banda, as loitas políticas e persoais dentro da oposición concretaranse entre Solá, Narváez, Cobos, Macri e Carrió.

e) O contexto rexional das eleccións arxentinas

Cómpre resaltar tamén o contexto rexional no que se desenvolverán as próximas eleccións lexislativas arxentinas, especialmente en materia de alianzas e afinidades políticas explicadas polos diversos procesos de integración dentro da área sudamericana.

Consolidados electoral e politicamente os gobernos orientados cara a esquerda en Venezuela e Ecuador, resta por saber a situación electoral e política en países como Bolivia, Chile, Uruguai e Brasil, que celebrarán eleccións de carácter xeral entre 2009 e 2010. Estes países constitúen socios importantes para a Arxentina, dentro dos marcos de integración do MERCOSUR, UNASUR e doutros mecanismos de integración, como o eido enerxético.

Uruguai celebrará comicios presidenciais o próximo 25 de outubro, onde o movemento progresista de esquerdas Fronte Ampla do actual presidente Tabaré Vázquez (quen non pode presentarse á reelección) podería renovar a presidencia co seu candidato, o ex guerrilleiro José Mújica.

Os próximos 6 e 11 de decembro celebraranse, respectivamente, eleccións presidenciais en Bolivia e Chile. No caso boliviano, o presidente Evo Morales concorre a novas eleccións tras aprobarse en xaneiro pasado a reforma constituínte, con amplas posibilidades de vitoria a pesar do polarizado ambiente político boliviano. Caso contrario semella ser Chile, onde tras varios anos de gobernos socialdemócratas, a dereita conservadora e centrista liderada polo empresario Sebastián Piñera puntea nas enquisas, acaparando o favoritismo.

Pero a clave xeopolítica electoral sudamericana estará cifrada nas presidenciais brasileiras de 2010, onde constitucionalmente o mandatario Lula da Silva non pode presentarse para unha segunda reelección. A elección de candidaturas implica un duro proceso para o gobernante Partido dos Traballadores e os seus aliados políticos, especialmente ante a designación de Dilma Roussef como a súa candidata. A posibilidade dun triunfo da dereita conservadora, aliada cos partidos socialdemócratas baixo a candidatura de José Serra, suporá unha alteración da orientación cara a esquerda presentada na rexión nos últimos anos. Velaí diversos esforzos do oficialismo, aínda prematuros e de incerto futuro político, por habilitar legal e constitucionalmente unha nova candidatura de Lula.

Todas estas claves e variables exercerán un efecto indirecto, a mediano e longo prazo, nas próximas eleccións lexislativas arxentinas. As mesmas contribuirán a definir a orientación do péndulo electoral da rexión sudamericana para os próximos meses e anos, así como os seus equilibrios xeopolíticos en materia de integración.

 

 
Volver a TitularesVolver a Igadi Paper



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta