| Igadi Paper / nº 010 - 05/06/2009 |
||||||||
| Eleccións Europeas 2009 | ||||||||
a) Introdución: Entre o 4 e 7 de xuño, máis de 375 millóns cidadáns pertencentes aos 27 países membros da Unión Europea estarán facultados para participar nas eleccións para o Parlamento europeo, comunmente coñecida como a Eurocámara. Este proceso electoral permitirá definir a composición deste órgano lexislativo para o período 2009-2014. A actual conxuntura electoral loce particularmente determinada polos efectos da crise económica global dentro das economías europeas, especialmente en materia de desocupación laboral, así como a apatía electoral dos cidadáns europeos que, case con toda probabilidade, reproducirá o nivel de abstención rexistrado nas eleccións de 2004, calculado nun 55%. A pesar de realizarse eleccións parlamentarias europeas desde 1979, o abstencionismo é unha realidade frecuente nos últimos procesos electorais, o cal incrementa a preocupación en Bruxelas sobre o calado cidadán do proceso integracionista. Deste modo, os próximos comicios parlamentarios servirán para pulsar a percepción e confianza cidadán sobre os programas económicos “anticrise” dos respectivos gobernos europeos, así como cara ao Parlamento como institución política e lexislativa. Para confirmar o peso que terá a crise económica nos próximos comicios parlamentarios europeos, a última enquisa de TNS Global, empresa especializada en estudos de mercado, considera que o desemprego ocupa o 75% da atención dos cidadáns europeos, mentres ao 45% preocúpalle o crecemento económico. O presidente do Parlamento, o alemán Hans-Gert Pöttering, do partido demócrata cristián CDU e quen busca a reelección, alertou sobre a apatía da cidadanía europea de cara a estes comicios, que podería diluír socialmente a permanencia do ideal europeísta. “Non puidemos acercar á xente nin á Unión Europea nin ao Parlamento”, explicou un resignado Pöttering. b) O actual Parlamento europeo (2004-2009) Presentando un preponderante nivel de influencia política dentro das institucións comunitarias, un elemento in crescendo nos últimos anos, o actual Parlamento europeo amosa unha composición basicamente desequilibrada en sete diferentes grupos políticos parlamentarios. A pesar de que as campañas electorais e as votacións realízanse dentro do contexto nacional dos respectivos países, os grupos políticos parlamentarios corresponden a plataformas de carácter continental. Dende a súa sede en Estrasburgo, a capacidade de presión e influencia do Parlamento é decisiva para a Unión Europea: desde 2004, aprobou máis de 400 leis e directrices que afectan diversos aspectos da política comunitaria e da cidadanía europea. En canto a súa conformación política, os grupos políticos que ocupan os 785 escanos do actual Parlamento están divididos en: -Grupo do Partido Popular Europeo (PPE-DE): Conservadores e demócrata cristiáns. Ten 288 escanos -Grupo Socialista Europeo (GSE): Socialdemócrata. 215 escanos -Grupo da Alianza dos Demócratas e Liberais por Europa (ALDE): Liberal e centrista. 98 escanos -Grupo dos Verdes/Alianza Libre Europea (Verdes/ALE): Socialdemócratas, ecoloxistas, rexionalistas e nacionalistas. 43 escanos -Grupo Unión pola Europa das Nacións (GUEN): Nacionalistas. 42 escanos -Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GEUE/EVN): Comunistas e ecoloxistas. 41 escanos. -Grupo Independencia/Democracia (GI/D): Cualificados como “euroescépticos”. 24 escanos Existen tamén 28 escanos correspondentes á categoría dos Non Inscritos. Por representación nacional, os escanos están divididos deste modo: Alemaña (99 escanos); Francia (78); Italia (78); Reino Unido (78); España (54); Polonia (54); Romanía (35); Países Baixos (27); Bélxica (24); República Checa (24); Grecia (24); Hungría (24); Portugal (24); Suecia (19); Austria (18); Bulgaria (18); Finlandia (14); Dinamarca (14); Eslovaquia (14); Irlanda (13); Lituania (13); Letonia (9); Eslovenia (7); Chipre (6); Estonia (6); Luxemburgo (6); Malta (5) c) Galicia e as eleccións 2009 Galicia acude ás eleccións parlamentarias europeas con tres candidaturas, integradas dentro dos grupos parlamentarios europeos: Carmen Fraga (PPdG-PPE-DE); Antolín Sánchez Presedo (PSdG-GSE) e Ana Miranda (BNG e Coalición Europa dos Pobos/Os Verdes) O tema central do actual debate electoral está orientado á definición dun rol específico de influencia para a política galega en Estrasburgo e nas demais institucións europeas, así como a reforzar e ampliar os considerados “intereses estratéxicos galegos”, especialmente no caso da pesca, da política marítima, agrícola e gandeira, pero tamén nos eidos lingüístico e cultural. d) Cambiará o mapa político europeo? A atención está definida en cómo quedará politicamente conformado o novo Parlamento ata o 2014, tomando en conta diversos factores como a crise económica actual, os vaivéns na aprobación do Tratado de Lisboa e outros problemas de carácter social, como a desocupación laboral e a inmigración ilegal, que poden influír poderosamente na evolución do voto dos cidadáns europeos. Igualmente, os resultados destas eleccións exercerán unha influencia determinada noutros contextos electorais en Europa, como son os comicios xerais en Alemaña previstos para setembro (que, con case toda probabilidade, perfilarán a reelección da demócrata cristiá Ánxela Merkel) e a posibilidade de adianto electoral en Gran Bretaña, escenario que seguramente concretaría o final da etapa laborista en Downing Street, coa caída do goberno de Gordon Brown, e o ascenso dos conservadores tories. Velaí que diversos líderes europeos afinquen determinadas cartas políticas nos resultados destas eleccións parlamentarias, cifradas estas nos seus intereses de influencia e peso político na política e institucións europeas. Neste sentido, a chanceler alemana Merkel pode reafirmarse como a mais influínte líder dentro da Unión Europea, co presidente francés Nicolás Sarkozy como posible “consorte” político. Un político a tomar en conta sería o líder conservador tory británico David Cameron, que pode aproveitar o presumible fracaso laborista nestas eleccións europeas para reafirmar, aínda mais, o seu favoritismo para converterse no próximo primeiro ministro británico. Dentro da política interna da Unión Europea, as eleccións parlamentarias definirán para Bruxelas dous escenarios específicos a tomar en conta:
Tralos seus comicios parlamentarios, a UE pode tamén experimentar un cambio político no seu principal órgano de toma de decisións, a Comisión Europea. Resalta a posibilidade de que o ex primeiro ministro británico Tony Blair poida converterse no próximo presidente da Comisión, rematando así a etapa liderada polo portugués José Manuel Durão Barroso. Esta elección realizaríase no próximo Consello Europea, a realizarse os próximos 18 e 19 de xuño. Con Blair en Bruxelas podería tamén afincarse a vocación “atlantista” en Bruxelas, especialmente nun momento de definición de compromisos co novo presidente estadounidense Barack Obama. Igualmente, a hipotética ratificación e posta en marcha do Tratado de Lisboa será un reto ineludible para o próximo presidente da UE. Non obstante, e dentro do contexto do clima electoral, apreciase escasa atención nos cidadáns europeos, potenciando á abstención como un factor electoral e político seriamente a tomar en conta por Bruxelas, debido a que ningunha enquisa prevé unha participación electoral que supere o 50%. Por unha banda, os efectos da crise económica e as pouco convincentes reaccións por parte dos gobernos, incrementan este nivel de desánimo. Por outra, existe certo descontento cara o marcado bipartidismo personificado por conservadores e socialdemócratas no seo Parlamento europeo afincado en Estrasburgo. e) Cortexando cos radicais Existe a posibilidade de que estas eleccións parlamentarias potencian certas candidaturas alternativas e, incluso, radicais, dentro dos diversos espectros políticos da dereita e da esquerda, especificamente enfocados nas críticas cara o modelo económico, as dificultades do Estado do benestar e outros temas sensibles como a inmigración ilegal e a percepción que teñen sobre este asunto os cidadáns europeos. Precisamente, milleiros dos cidadáns europeos comezan a manifestar o seu cansanzo cara o modelo económico a través de folgas e manifestacións en países como Italia, España e Francia. De igual modo, os actuais escándalos políticos acaecidos nos gobernos de Silvio Berlusconi en Italia e Gordon Brown en Gran Bretaña, co caso dos salarios dos parlamentarios británicos, aumentan unha sensación de fastío e indignación dos cidadáns europeos cara as súas respectivas elites dirixentes. Así, resulta moi posible que o próximo Parlamento europeo amose unha configuración fortemente atomizada e manifestada pola diversidade política, incluso dificultando a concreción de consensos políticos e lexislativos. Neste sentido, especial atención deberá observarse ante o aumento electoral de posicións máis a esquerda, como o Partido Anticapitalista do líder trotskista francés Olivier Besançenot, así como o partido alemán Nova Esquerda (fusión dos partidos Die Linke, Partidos do Socialismo Democrático, PDS e a Alternativa Electoral polo Traballo e a Xustiza Social, WASG), liderado por Gregor Gysi e o ex ministro Oskar Lafontaine. Paralelamente, obsérvase a conformación dunha dereita conservadora euroescéptica, liderada polo líder dos tories ingleses David Cameron, dentro dunha coalición cos seus aliados, o católico Partido da Lei e da Xustiza (PiS) de Polonia, do ex primeiro ministro Jaroslaw Kaczynski, e o Partido Democrático e Cívico Checo (ODS), do tamén ex primeiro ministro Mirek Topolanek, quen renunciou recentemente ao seu cargo en medio dunha crise política no seu país. Tanto como os euroescépticos, a extrema dereita de carácter xenófoba e antiinmigración pode alcanzar significativos avances electorais en países como Gran Bretaña (especialmente o Partido Nacional Británico, BNP), Austria (FPÖ), Polonia (populistas católicos), Holanda (Vlaams Blok), Italia, Dinamarca e Hungría, incluso algún deles con posibilidades de ingresar ao Parlamento europeo a través de diversas coalicións. Resta tamén por observar cómo influirá a composición do novo Parlamento ante outros temas de gran importancia, tales como a aprobación do Tratado de Lisboa, as negociacións para unha futura ampliación da UE cara o Leste de Europa (especialmente no caso de Turquía) e a Política Exterior e de Seguridade Europea (PESC), principalmente ante temas de seguridade global como a reestruturación da OTAN, as relacións europeas con Rusia e os compromisos militares europeos no exterior, especificamente en Afganistán. Con este panorama, e eleccións parlamentarias mediante, o final da presidencia semestral da República Checa, país que será substituído por Suecia a partir do próximo 1º de xullo, determinará un período de posible gran turbulencia política, tamén determinado pola discusión sobre a ampliación europea e a viabilidade do Tratado de Lisboa.
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org |
||||||||
|
||||||||