| Igadi Paper / nº 009 - 29/05/2009 |
||||||||
| Eleccións presidenciais e contexto xeopolítico Novos tempos para Irán? |
||||||||
a) Introdución: Ahmadíneyad xógase a súa reelección ata 2013 nun contexto complexo. A crise económica global, a caída dos prezos petroleiros e o reforzamento de determinadas sancións cara Irán, tomando en conta o avance do seu programa nuclear, crean un escenario aberto para as eleccións presidenciais. A dinámica de determinados conflitos rexionais, dende Iraq, Palestina, Líbano ata Afganistán, e a posibilidade e apertura estadounidense cara Teherán, condicionan en gran medida a etapa electoral que vive o país. Tres novos candidatos presidenciais asoman como retos para Ahmadíneyad, sendo os tres pouco coñecidos no exterior: o ultraconservador Mohsen Rezai e os reformistas Mehdi Karrubi e Mir Hossein Musavi, este último considerado o candidato con maiores opcións de derrotar a Ahmadíneyad. A retirada de candidaturas con opcións de poder, como a dos ex presidentes Mohammed Jatami e Alí Akbar Rafsanjani, traducen tamén un novo momento no panorama político iraniano, cuxas próximas eleccións presidenciais probablemente volverán a estar sumamente determinadas polas circunstancias do contexto xeopolítico internacional. b) Un desafío para Ahmadíneyad Resulta claro que as eleccións presidenciais iranianas 2009 suporán un reto para definir a popularidade da presidencia de Mahmud Ahmadíneyad (53 anos), no poder desde xuño de 2005. O actual presidente iraniano asume un reto político interno de gran calado, tomando en conta a súa desafiante posición exterior, especificamente no aspecto do programa nuclear e os seus polémicos ataques contra Israel. A caída dos prezos do cru, as duras secuelas da crise económica internacional dentro da economía iraniana e un paulatino e abrupto ton en determinados aspectos da súa política exterior, son factores que veñen afectando nos últimos tempos a popularidade interna de Ahmadíneyad, quen incluso chegou a ser considerado un “estorbo” político en altas esferas do poder en Teherán. Co fin de superar estes obstáculos de popularidade, Ahmadíneyad afianza os mecanismos “populistas” de repartición de fondos durante a súa campaña electoral, reforzando o seu discurso cara os sectores máis populares e pobres do país. Pero as críticas dos seus candidatos rivais cara este estilo populista e a política económica do actual goberno, pode determinar un xiro audaz nas preferencias electorais destes sectores e doutros máis conservadores, descontentos con Ahmadíneyad. Neste sentido, débese analizar con minuciosidade a decisión do Consello de Gardiáns da Revolución de elixir a tres novas candidaturas para as próximas eleccións presidenciais, porque poden significar cambios políticos de importancia dentro do contexto iraniano. Tomando en conta o filtro político que supón a aceptación electoral por parte do Consello dos Gardiáns (formado por seis clérigos nomeados polo Guía Supremo Alí Jamenei e outros seis xuristas establecidos polo Poder Xudicial), todas as candidaturas presidenciais iranianas recaen en liderados completamente formados dentro do sistema. Así, un total de 471 candidatos foron anteriormente vetados por este poderoso órgano. c) Tres candidatos rivais Os contendentes presidenciais de Ahmadíneyad son os seguintes: - Mohsen Rezai (54 anos). Ex comandante do grupo de elite Gardiáns da Revolución (Pasdarán). A pesar de ser considerado un ultraconservador, promete un goberno con alto nivel de pragmatismo. Actualmente ocupa o cargo de secretario do Consello de Discernimento, un órgano de consulta co líder supremo da Revolución islámica, o aiatolá Alí Jamenei. A excepción de Ahmadíneyad e en comparación cos seus rivais, a súa idade pode descifrar o ascenso dunha nova xeración de líderes no país. - Mehdi Karrubi (72 anos). Defínese como reformista, aínda que non estea vinculado exactamente aos sectores tradicionalmente definidos como tal dentro do país, probablemente persuadido pola baixa percepción popular en torno a este sector político, debido á corrupción de determinados cargos durante a presidencia de Mohammed Jatamí (1997-2005). Ex voceiro do Parlamento, Karrubi avoga pola defensa dos dereitos humanos e da condición das mulleres dentro da sociedade iraniana, dúas demandas que o achegan cara os imperativos occidentais. Non obstante, é partidario de reformas “moderadas” que non afecten o poder do establishment conservador. - Mir Hossein Musavi (67 anos). Presidente da Academia Iraniana do Arte, ex primeiro ministro, defínese como independente, aínda que estivo moi vinculado ao ex presidente reformista Mohammed Jatamí, quen recentemente pediu ao electorado votar por este candidato. Avoga por mellorar a relación de Irán con Occidente, co cal estaría vinculándose a unha corrente de gran aceptación no exterior. A pesar de manterse aberto o panorama electoral, as perspectivas semellan considerar unha dura votación entre Ahmadíneyad e Rezai, con posibilidades de definir a próxima presidencia iraniana nunha segunda volta. Moito dependerá do voto dos indecisos e do xiro de preferencia electoral que suporía achegarse a unha segunda volta, especificamente en relación coa elección que adopten os votantes das candidaturas que queden fóra. Non obstante, e a pesar de que Ahmadíneyad logrou reforzar os eidos estratéxicos da política exterior iraniana cara os seus tradicionais aliados Rusia e China, así como ampliar as perspectivas de carácter enerxético e xeopolítico cara outros actores como Venezuela, Bolivia e Nicaragua dentro do hemisferio occidental, a crise económica e as duras secuelas do illamento internacional definirán un posible cambio de estilo na política iraniana. Así, a irritación que causa Ahmadíneyad no exterior, especialmente en EEUU, Europa e Israel, dificilmente permitirá unha maior apertura para o país. Velaí que os tres candidatos restantes tenten concentrar ao seu favor varios aspectos relativos á apertura diplomática cara Occidente e a necesidade de atraer investimentos estranxeiros cara o país, debido aos enormes problemas de desemprego. Incluso, Rezai, Karrubi e Musavi chegaron, lixeiramente, a recoñecer o Holocausto xudeu, en clara contraposición á radical posición negacionista do mesmo por parte de Ahmadíneyad. No caso de perder Ahmadíneyad, o próximo presidente iraniano terá un duro test en materia de política exterior, tomando en conta a nova conxuntura internacional, evidenciada no xesto de apertura diplomática realizado polo presidente estadounidense Barack Obama, polo pulso nuclear con Occidente e polos imperativos xeopolíticos occidentais dende Afganistán ata Oriente Próximo que, paradoxalmente, colocan a Irán nunha primordial posición para poder negociar unha apertura de relacións con Occidente, sendo considerada como unha necesaria potencia ascendente, con peso rexional. d) O poder do aiatolá Jamenei Ninguén dubida que o verdadeiro factor de poder en Irán está na persoa do Guía Supremo da Revolución, o aiatolá Alí Jamenei. Os asuntos relativos á política interior e exterior, o seu peso como figura histórica da revolución islámica como herdeiro do Gran Aiatolá Ruhollah Jomeini (o cal lle confire unha incuestionable autoridade moral, relixiosa e incluso xudicial dentro da Asemblea de Expertos, órgano que reúne aos 86 grandes aiatolás e o único capacitado para destituír ao Guía Supremo), así como o seu control dos mecanismos de seguridade (en especial o grupo de elite dos Pasdarán e a súa milicia dos Bassidji, da que provén o propio Ahmadíneyad) configuran en torno a Jamenei practicamente todos os resortes principais do poder en Irán. Con todos estes factores de poder nas súas mans, todo indica que a vontade electoral e popular dos iranianos sobre o próximo presidente deberá estar finalmente determinada pola aprobación que Jamenei outorgue ao mesmo. Ata agora, Ahmadíneyad posuía un determinado ascendente político, favorecido polo apoio de Jamenei. Pero, nos últimos tempos, obsérvase un distanciamento entre ambos, factor que pode influír na percepción política do electorado iraniano de que Ahmadíneyad perde fortaleza política ante os aiatolás. Definida esta preponderancia do aiatolá Jamenei e conscientes do peso electoral que terá o programa nuclear, ningún dos tres candidatos opositores a Ahmadíneyad ousaron criticar o programa nuclear iraniano, defendido vehementemente por Jamenei. Incluso, o candidato Karrubi chegou a declarar que o programa nuclear supón unha competencia directa do aiatolá Jamenei, elemento que reforza o seu case absoluto poder. e) Outro factor de peso: Israel As eleccións presidenciais iranianas 2009 veñen marcadas por un particular contexto exterior en relación aos dous principais “inimigos” do país persa: EEUU e Israel. Con Obama na Casa Branca e o seu xesto aperturista cara Irán, o próximo presidente deste país deberá xestionar unha situación absolutamente diferente ao tratamento outorgado polo ex presidente George W. Bush, quen colocou a Teherán no polémico “eixe do mal”, desenvolvendo unha decidida política de fustigamento e con claros intentos de derrube do réxime iraniano. Tralas eleccións de febreiro pasado, o caso israelí é distinto. O retorno ao poder do dereitista partido Likud da man do actual primeiro ministro Benjamín Netanyahu completou o peche do círculo antiiraniano en Tel Aviv, co nomeamento do ultradereitista Avigdor Lieberman como ministro de Asuntos Exteriores. Esta deriva cara a ultradereita en Israel ven manifestada pola necesidade de amortecer o que considera a ameaza nuclear e militar iraniana. Os temores israelís están especificamente cifrados nos últimos exercicios militares iranianos, como o lanzamento do mísil Sejil-2, con capacidade de atinxir territorio israelí (2.000 km), cun sistema superior ao do seu mísil Shahab-3, con capacidade de acadar os 700 km. Aos anuncios de programas militares israelís de ataques directos contra as instalacións nucleares iranianas, que contaron co beneplácito da administración Bush pero que están actual e parcialmente aparcados con Obama no poder, debe engadirse que os recentes exercicios militares iranianos poden supoñer unha estratexia de Ahmadíneyad para reforzar internamente as opcións de defensa-ataque contra Israel, especialmente agora que Netanyahu está no poder en Tel Aviv. Non obstante, a recente reunión de Netanyahu e Obama na Casa Branca, enmarcada na nova política aperturista estadounidense cara Teherán e un novo enfoque en Oriente Próximo, momentaneamente disuadiu ao primeiro ministro israelí de adiantar calquera iniciativa militar contra o país persa. Aínda así, Netanyahu logrou concretar con Washington o financiamento da ampliación do sistema de defensa misilística israelí Arrow-3, un proxecto valorado en US$800 millóns. Con todos estes factores en xogo, ás próximas eleccións presidenciais iranianas estarán claramente influenciadas polo novo contexto internacional, un elemento que pode condicionar decisivamente a orientación do péndulo político nese país.
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org |
||||||||
|
||||||||