Igadi Paper / nº 008 - 25/05/2009Volver a TitularesVolver a Igadi Paper
Crise política en Guatemala

Versión en PDFVersión para imprimir

 

a) Introdución:

A peor crise da democracia contemporánea guatemalteca e unha ameaza inminente para a súa estabilidade institucional, política e social. Así vense explicando nos principais medios de comunicación o estraño incidente provocado por un vídeo do avogado Rodrigo Rosenberg, presentado o pasado 9 de maio, no que acusaba directamente ao presidente Álvaro Colom, a súa esposa Sandra Torres de Colom e ao secretario privado da Presidencia, Gustavo Alejos, entre outros, do seu posterior asasinato, ocorrido un día despois.

O vídeo de Rosenberg colocaba no centro da atención a situación do Banco de Desenvolvemento Rural (BANRURAL), de capital mixto e o segundo máis importante do país, no que presuntamente existía un estado de corrupción que involucraba directamente ao goberno. Rosenberg acusou igualmente a Colom e Alejos de perpetrar o asasinato do seu cliente, o empresario Khalil Musa e da súa filla Marjorie, cometido por sicarios o pasado 14 de abril. Musa ía a asumir a dirección de Banrural.

O presidente Colom, quen conta cun notable apoio popular ademais de recibir o respaldo dos principais gobernos estranxeiros, argumenta a súa inocencia, manifestando a existencia dunha conspiración na súa contra e síntomas de golpismo detrás do vídeo de Rosenberg. Colom e os seus aliados políticos acusan a Mario David García e Luis Mendizábal -coñecidos no mundo político guatemalteco polos seus chamamentos ao golpismo en tempos da presidencia de Vinicio Cerezo Arévalo (1986-1990)- como os “cabezas visibles” desta presunta conspiración.

Dende entón, Guatemala ven acreditando unha polarización social e política, manifestada polas diversas manifestacións a favor e en contra de Colom, que incluso evidencian unha fractura de carácter social e racial. Se ben o presidente está no centro da polémica, non menos importante resulta ser a posición da Comisión Internacional contra a Impunidade en Guatemala (CICIG), organismo independente encargado de esclarecer os crimes cometidos nun país que aínda sofre as secuelas dunha prolongada guerra civil (1960-1996), dos estragos da criminalidade cidadán, do sicariato e da actividade dos carteis da droga.

Segundo fontes da ONU, o 98% dos crimes cometidos neste país centroamericano quedan impunes. O labor independente e transparente do CICIG, organismo presidido polo xurista español Carlos Castresana, estará seriamente medida e pulsada dentro e fóra do país.

b) Unha trama escura e perigosa

Con absoluta incredulidade, os guatemaltecos e o resto do mundo observaron o pasado 9 de maio un vídeo de 18 minutos realizado polo entón prestixioso avogado Rodrigo Rosenberg (48 anos), quen acusaba anticipadamente ao socialdemócrata presidente Álvaro Colom, do partido Unidade Nacional da Esperanza (UNE), ao seu secretario Gustavo Alejos, funcionarios do goberno como Gregorio Valdéz (financeiro da campaña electoral de Colom en 2008) e diversos empresarios, de cometer un asasinato na súa contra.

“Boas tardes, chámome Rodrigo Rosenberg Marzano e lamentablemente se vostede (en referencia aos que observaban o vídeo) está vendo ou oíndo esta mensaxe, é porque xa fun asasinado” foron as enigmáticas e lapidarias palabras de Rosenberg. Neste vídeo, o avogado se mergulla nunha serie de incidentes e situacións das que presuntamente tivo coñecemento. Cun ton fatalista e martirizador, aseguraba  posuír vídeos e documentos no seu poder que involucraban ao presidente Colom e, especialmente, a Gustavo Alejos, en tramas de asasinatos, corrupción e vínculos co narcotráfico. Contra estas persoas, Rosenberg utiliza duros cualificativos como “ladróns”, “asasinos”, “covardes” e “desgraciados”.

Rosenberg consideraba que o Banco de Desenvolvemento Rural (BANRURAL) era unha “cova de ladróns” destinada a financiar presuntos “proxectos pantasmas” que involucran a Colom, a súa esposa e a Alejos. Ao mesmo tempo, o avogado realizaba unha frontal defensa do seus clientes asasinados Khalil Musa e a súa filla Marjorie. Rosenberg xustificaba a súa acción na necesidade de defender a un país que consideraba estaba “secuestrado polo crime organizado e a corrupción”.

BANRURAL é o segundo maior banco de Guatemala, con activos que superan os 3.000 millóns de dólares, do que o Estado posúe unha participación do 21% e o 79% restante pertence a uns 5.000 socios. Esta entidade constitúe un activo imprescindible para canalizar e viabilizar os programas sociais do goberno de Colom, polo outorgamento de créditos para pequenos e medianos empresarios, así como a cooperativas rurais.

Un día despois da emisión do vídeo, o domingo 10 de maio, o avogado guatemalteco aparecía morto. A convulsión política posterior, con claros síntomas de inestabilidade institucional e polarización sociopolítica, colocou no centro ao presidente Colom, o seu asesor Alejos e a unha dinámica de actores políticos, sociais e empresariais, dentro dun pulso público entre simpatizantes e opositores ao goberno.

Pero, ao mesmo tempo, o vídeo dirixía a atención cara un grave problema do Estado guatemalteco, cifrado na actuación das mafias criminais, do narcotráfico, da corrupción e a inseguridade cidadán, incluso con visos de alentar un proceso de remodelación e reforma do seu sistema político.

c) Os actores e as súas reaccións

Tras tímidas reaccións inmediatas, matizadas posteriormente cunha firme defensa do seu goberno, o presidente Colom argumentou que non ía a renunciar, defendendo a tese da “conspiración” e do “golpismo” detrás do vídeo, así como dos intereses de determinadas persoas e sectores por desestabilizar e provocar a caída do seu goberno.

A oposición, liderada principalmente por partidos conservadores e de dereita, así como de determinados sectores empresariais, pediron inmediatamente a destitución de Colom e un xuízo na súa contra. Outros actores, como a Unión Europea e a ex Premio Nobel da Paz, a indíxena Rigoberta Menchu, argumentaban a necesidade dunha investigación transparente e independente dos asasinatos cometidos.

Colom recibiu o inmediato apoio de diversos partidos e movementos simpatizantes co seu goberno, entre os que se atopaban a ex guerrilla Unión Revolucionaria Nacional de Guatemala (URNG), así como movementos campesiños e de esquerda, 250 alcaldes a nivel nacional, gobernadores e deputados, e dos gobernos de México, Cuba, Brasil, España e o Grupo de Río.

Colom e os seus aliados políticos internos dirixiron as súas palabras contra Mario David García e Luis Mendizábal, a acusándoos de ser “os autores intelectuais” do vídeo e, incluso, dando a entender que poderían estar detrás do asasinato de Rosenberg, utilizándono como suposto señuelo. En realidade, García foi quen gravou o vídeo de Rosenber mentres Mendizábal encargouse da súa distribución.

Tanto García como Mendizábal foron acusados por Colom e o líder da URNG, Miguel Ángel Sandoval, como instigadores dun “golpe de Estado”, tomando como referencia experiencias anteriores onde estas personaxes presuntamente estaban involucradas en chamamentos ao golpismo na década de 1980, así como en violacións de dereitos humanos contra disidentes políticos e comunidades campesiñas e indíxenas, cometidas durante os anos da guerra civil por “escuadróns da morte”.

d) Unha crise para “dúas Guatemalas”

Tras varios días de protestas que ameazaron a integridade do seu goberno, Colom reiniciou unha ampla axenda social con claro carácter defensivo, como os denominados “comedores solidarios” e, especialmente, unha política oficial dirixida a resarcir ás vítimas das matanzas ocorridas durante a guerra civil, en particular poboacións campesiñas e indíxenas.

As manifestacións a favor e en contra do seu presidente chegaron ao seu clímax o domingo 17 de maio, onde a capital Cidade de Guatemala presenciou grandes mobilizacións, estimadas en decenas de miles de persoas. Inmediatamente, os sectores opositores a Colom iniciaron unha recollida de asinamentos a nivel nacional para pedir a destitución de Colom que, nos seus primeiros días, lograron recadar máis de 35.000 firmas. Paralelamente, o sector empresarial guatemalteco, baixo o manto do Comité Coordinador de Asociacións Comerciais, Industriais e Financeiras (CACIF) pediu unha “auditoría forense” de BANRURAL.

Independentemente da veracidade das acusacións, esta crise política está removendo gran parte dos cimentos nos que se constitúe o tecido socioeconómico, racial e étnico guatemalteco. As clases medias e os grupos étnicos brancos e de orixe europea, xunto a outros grupos mediáticos e empresariais, manteñen unha política opositora e de crispación contra Colom. Pola súa banda, o goberno conserva os seus apoios nos partidos de esquerda, as clases populares e, especialmente, os movementos campesiños e indíxenas. Igualmente, a posición internacional semella mais inclinada a defender a lexitimidade de Colom, dentro dunha conxuntura onde o propio presidente falaba de “dúas Guatemalas”.

Non obstante, o centro da atención que permita equilibrar os contrapesos, solucionar a crise existente e salvagardar a estabilidade institucional e democrática guatemalteca, está no labor da Comisión Internacional contra a Impunidade en Guatemala (CICIG). Este actor non gobernamental e independente posúe agora a enorme responsabilidade de esclarecer os asasinatos de Rosenberg, Musa e a súa filla, así como os demais crimes que se realizan nun país onde, segundo cifras da ONU e diversas ONGs, se cometen 17 asasinatos diarios.

A CICIG recibiu a axuda de axentes do FBI estadounidense para colaborar coas investigacións, un síntoma que foi analizado como a posibilidade de que Washington concrete unha posición próxima a Colom, desacreditando a veracidade das acusacións do vídeo. Non obstante, a CICIG deberá agora medir a súa real fortaleza e transparencia en dous escenarios: ou ben reunir as presuntas probas que poderían incriminar a Colom e os seus achegados, tomando en conta as acusacións de Rosenberg no seu vídeo; ou, polo contrario, observar que non existen probas que incriminen ao presidente.

Sexa cal sexa o resultado final das investigacións, a CICIG verase inmersa nunha difícil situación que pode incluso afectar a súa credibilidade, tomando en conta as percepcións e intereses dos actores políticos involucrados, da sociedade guatemalteca e da comunidade internacional, que observa á CICIG como o único actor capaz de canalizar a crise.

Esta preocupación hemisférica exterior vese manifestada polas visitas realizadas a Guatemala, a partir do 18 de maio, do subsecretario de Estado de EEUU para Latinoamérica, David Robinson; do secretario xeral da Organización de Estados Americanos (OEA), José Miguel Insulza; e dunha comitiva do Grupo de Río.

Todo dependerá do ditame da CICIG, que podería levar á destitución legal de Colom, a retirada da súa inmunidade e o adianto electoral presidencial, todo isto dentro dun marco de polarización política e social que podería deslizarse cara unha situación de violencia. A tormenta desatada polo vídeo de Rosenberg da a entender que a crise política guatemalteca só acaba de comezar, sen albiscar un escenario de consenso e equilibrio a mediano prazo.

 
Volver a TitularesVolver a Igadi Paper



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta