Igadi Paper / nº 007 - 13/05/2009Volver a TitularesVolver a Igadi Paper
Os retos da presidencia de Jacob Zuma

Versión en PDFVersión para imprimir

 

a) Introdución:

A contundente vitoria electoral de Jacob Zuma nos comicios lexislativos e presidenciais sudafricanos celebrados o pasado 22 de abril abre unha nova etapa política en Sudáfrica, caracterizada pola consolidación da transición cara un goberno democrático en 1994, trala vitoria de Nelson Mandela e o fin do sistema racista do apartheid.

Esta etapa de transición política consolidou a hexemonía do gobernante partido fundado por Mandela, o Congreso Nacional Africano (CNA), que tivo continuidade co seu sucesor político e presidencial Thabo Mbeki. Paralelamente, a enorme transformación política e económica sudafricana permitiulle constituírse nunha “potencia emerxente” no eido internacional, afondando un indubidable liderado no contexto africano. Son os factores que permitiron consolidar o denominado “milagre sudafricano”.

Zuma, non obstante, presenta un perfil diferente a Mandela e Mbeki: carismático, de gran oratoria, un alto ingrediente populista no seu programa político, ademais de asuntos polémicos como a súa poligamia e as acusacións de corrupción na súa contra. Así, Sudáfrica adéntrase nunha etapa marcada polas incertezas e complexidades propias dos sistemas políticos que consolidan e superan a fase da transición democrática.

Con Zuma na presidencia, Sudáfrica pulsará a súa estabilidade e firmeza política, social e institucional, nun contexto igualmente marcado polas dificultades propias da crise económica global e as necesidades internas de diminución da fenda socioeconómica.

b) O enigma Zuma

Aos seus 68 anos, Jacob Zuma abre unha nova etapa política en Sudáfrica. A súa maioritaria e contundente vitoria electoral lexislativa e presidencial do pasado 22 de abril non deixa dúbidas sobre a súa fortaleza política. Zuma e o gobernante Congreso Nacional Africano (ANC) obtiveron un 65,9% dos votos, cunha elevada e exemplar participación electoral.

De orixe étnica zulú, Zuma foi investido como presidente polo Parlamento o pasado 9 de maio, con 277 dos 327 votos emitidos. Pero a súa personalidade esperta todo tipo de sensacións e incertezas, feito que marcará, sen dúbida, a evolución do seu goberno.

A traxectoria política de Zuma corresponde á loita da ANC e do seu histórico líder Nelson Mandela por acabar co racista sistema do apartheid imperante en Sudáfrica desde 1948. Zuma coincidiu con Mandela en prisión durante a década de 1960, con quen aprendeu a ler e escribir. Posteriormente, sufriu o exilio en Mozambique e Zambia a mediados da década de 1970, mentres contribuía a organizar politicamente o ANC. En 1990 participou nas negociacións de liberación de Mandela ante o goberno de Frederik de Klerk. Entre 1997 e 2005 ocupou os cargos de vicepresidente da ANC e, posteriormente, da república sudafricana.

Pero existe outra historia de Zuma, que acrecenta as inquietudes de diversos sectores dentro e fóra de Sudáfrica. É aquela que da conta de imputacións por presunta corrupción en xuño de 2005, que deron paso á súa expulsión do goberno por parte do entón presidente Thabo Mbeki. Outra acusación, en maio de 2006, referíase a un presunto caso de violación, cargo do que finalmente resultou absolto. Non obstante, a acusación na súa contra en materia de corrupción por suborno sigue o seu curso xudicial:  Zuma, xa investido como presidente, espera a apertura do procedemento xudicial para o próximo 25 de agosto, trala decisión adoptada en febreiro pasado polo tribunal de Pietermaritzburg.

De estado civil polígamo, casado en catro ocasións e con 22 fillos, Zuma ten actualmente tres esposas oficialmente recoñecidas, o cal incrementa as especulacións sobre cal delas terá a responsabilidade de ser a Primeira Dama sudafricana. A tradición cultural de diversas comunidades étnicas sudafricanas, especialmente entre os zulús, permiten a poligamia, un factor que alentou unha maior conexión popular con Zuma.

Outros sectores afondan as inquietudes cando sinalan o estilo populista e ata truculento de Zuma, amosado durante as súas aparicións públicas na campaña electoral. Outro tanto acontece co seu personalismo político, que algúns interpretan como un estilo presuntamente autoritario, ofrecendo dúbidas sobre a súa integridade moral. Estes factores amosan as grandes diferenzas que Zuma posúe cos seus antecesores Mandela e Mbeki, considerados políticos mais austeros, cultos e discretos.

Como mecanismo de desprestixio político, diversos sectores dentro e fóra do país consideraron a Zuma como unha especie de “versión sudafricana” de Robert Mugabe, o polémico presidente de Zimbabwe. De igual modo, a rivalidade interna entre Zuma e Mbeki polo liderado dentro da ANC desde 2007 foi un factor moi criticado durante a campaña electoral. Sen embargo, tanto a maioría dos delegados da ANC que votaron en decembro de 2007 pola candidatura de Zuma como, posteriormente, os electores sudafricanos nas pasadas eleccións lexislativas, preferiron apostar polo estilo directo e popular de Zuma.

A pesar da diversidade de enfoques e perspectivas sobre a súa persoa, Zuma terá a responsabilidade de presidir un país en crecemento, consolidada a súa transición política democrática e con pretensións de converterse nunha “potencia global emerxente” como líder e voz firme das demandas do continente africano.

Existe outra Sudáfrica que incrementará as súas demandas e que, a grandes trazos, observa a Zuma con ilusión e esperanza. É a realidade dun país con 28% de desocupación laboral (datos oficiais do Banco Mundial de 2008) e un 50% de poboación por debaixo do nivel da pobreza, con 2,2 millóns de persoas habitando en barrios periféricos e marxinais.

Todo isto sen contar as secuelas e o peso social e económico que ten a propagación do virus de HIV/SIDA entre a poboación sudafricana. Segundo datos do Banco Mundial, un 18,2% da poboación entre 15 e 49 anos está infectada, calculándose en mais de cinco millóns de persoas. Aproximadamente, mil persoas por día morren neste país a causa desta enfermidade. O factor HIV/SIDA tamén inflúe nas crecentes demandas da sociedade civil para que o próximo goberno sudafricano adopte unha política equitativa en materia de xénero.

c) Cara unha segunda transición sudafricana?

O equilibrio da diversidade étnica, racial e lingüística como proxecto de unidade nacional sudafricana, así como a súa estabilidade política, social e institucional tras quince anos de transición democrática, estarán definitivamente a proba co mandato de Jacob Zuma. En diversos medios, comeza a cualificarse esta nova etapa como “a segunda revolución sudafricana”.

Con Zuma na presidencia poderá observarse unha variante mais de esquerda dentro do escenario político sudafricano, con síntomas de pragmatismo por parte do novo presidente. O apoio electoral do Partido Comunista Sudafricano e da maioría dos sindicatos, en especial do politicamente influínte Congreso Sindical Sudafricano (COSATU, polas súa siglas en inglés) da a entender o calibre dos apoios políticos que recibiron Zuma e o novo liderado do CNA.

Igualmente, está por ver se Zuma reforzará o tradicional peso da etnia zulú dentro da CNA e da política sudafricana, ou se ben iniciará un proceso de maior pluralidade étnica e racial. O excesivo reforzamento da identidade cultural zulú como arma electoral espertou determinadas inquietudes nas demais comunidades étnicas, raciais e lingüísticas.

Outro factor a tomar en conta é o ascenso electoral dos partidos de oposición, especialmente o Congreso do Pobo (COPE), formado por partidarios de Mbeki que se separaron do CNA amosando a súa contrariedade pola elección de Zuma como candidato presidencial do partido.

A pesar da contundente maioría do CNA na Asemblea Nacional, a COPE obtivo un modesto 7,42% dos votos, podendo conformar un fronte lexislativo coa Alianza Democrática (AD), que obtivo 16,6% dos votos. Este escenario é significativo tomando en conta as pretensións de Zuma e do CNA por reformar a Constitución, debido a que necesitaría os dous terzos de aprobación parlamentaria.

Non obstante, considerase que Zuma non variará substancialmente o legado político recibido de Mandela e Mbeki. Un dato revelador será a conformación do novo gabinete, onde Zuma manterá como “home de confianza” a Trevor Manuel, ministro de Finanzas durante os últimos dez anos e un coñecido rival político. O ministro Manuel, considerado un favorito leal a Mbeki e dos investidores estranxeiros en Sudáfrica, ocupará o cargo de ministro da Presidencia, encargado da Comisión Nacional de Planificación, un posto de gran relevancia para o próximo goberno sudafricano. Zuma amosa así unha posición política orientada cara o pragmatismo.

Os temores dos sectores financeiros e económicos sobre o presunto peso do Partido Comunista no goberno de Zuma, quedaron sorprendentemente disipados unha vez se conformara o novo gabinete. Zuma elixiu como ministro de Educación superior ao xefe do Partido Comunista, Blade Nzimande, mentres que para carteira de Finanzas colocou a un aliado do ministro Manuel, Pravin Gordhan, por quen os comunistas non senten especial simpatía. Non obstante o calculado e hábil equilibrio, estas diferenzas poden marcar a estabilidade do goberno de Zuma.

Igualmente, pode que Zuma adopte un enfoque mais centrado na política interna sudafricana que nas relacións exteriores, materia onde os seus antecesores Mandela e, especialmente, Mbeki, volcaron gran parte da súa actividade política.

Transformar o mapa sudafricano cun novo estilo político pode ser un trazo distintivo da presidencia de Zuma.  Moitos consideran que, ante o énfase na promoción exterior do país dos seus antecesores, Zuma adopte unha política de maior “africanización”. Paralelamente, as esperanzas das masas sociais sudafricanas mais pobres cara Zuma baséanse na súa capacidade para diminuír as enormes diferenzas socioeconómicas que lles separan das tradicionais elites brancas e dos sectores negros que se enriqueceron nos últimos anos. Igualmente, a consolidación do proceso de reconciliación nacional post-apartheid será un reto ineludible para os próximos anos.

d) Unha política exterior mais “africana”

Se ben o novo presidente sudafricano aparentemente non semella posuír ambicións de liderado dentro do contexto africano nin intencións de promoción persoal no contexto internacional, a súa política exterior moi probablemente seguirá mantendo os parámetros observados nos derradeiros anos tanto por Mandela como por Mbeki: potenciación das relacións Sur-Sur; presión para a reforma democrática e apertura equitativa do Consello de Seguridade da ONU; e consolidación de Sudáfrica como potencia emerxente no contexto global.

Non obstante, resta observar cal será a súa real posición ante casos puntuais e polémicos para a diplomacia sudafricana, como é o tratamento e a relación co seu homólogo Mugabe así como do pequeno reino de Swazilandia, situado entre Sudáfrica e Mozambique, e separado do territorio sudafricano de KwaZulu-Natal, de onde procede o propio Zuma. Así, o novo presidente sudafricano moi probablemente optará por inserir aínda mais ao seu país dentro da dinámica política e de integración persistente no continente africano, afastando levemente a orientación cara o exterior, determinante durante a presidencia de Mbeki.

Especulacións aparte, Zuma inaugura unha nova etapa na política sudafricana, que pecha unha era marcada pola histórica figura de Nelson Mandela e a consolidación da transición adoptada polo discreto Mbeki. Con isto, Sudáfrica evoluirá entre dous escenarios clave: o relativo á complexidade política propia dos países en vías de modernización, con todos os seus retos de desenvolvemento económico, estabilidade democrática e inclusión social; e os desafíos que, nun mundo en transformación e con crise económica, planearán sobre un país considerado “potencia emerxente”, que posúe un indubidable liderado no contexto africano. 

 
Volver a TitularesVolver a Igadi Paper



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta