| Igadi Paper / nº 006 - 07/05/2009 |
||||||||
| Consecuencias mundiais da expansión da virus A/H1N1 A globalización das pandemias |
||||||||
|
a) Introdución: A expansión global do virus A/AH1N1, comunmente denominado como “gripe porcina” ou “influenza”, non só mantén en alerta sanitaria ás autoridades mundiais, coutadas por un contexto económico igualmente difícil, senón que está evidenciando unha maior fenda entre o mundo desenvolvido e os países pobres e en vías de desenvolvemento. O foco de atención segue a estar centrado en México, unha economía emerxente que foi o epicentro da expansión viral. Boa parte deste país observa subitamente afectada a súa normalidade, en gran medida motivada polo virus da influenza e as secuelas da crise económica global. O presidente mexicano Felipe Calderón anunciou o pasado 5 de maio un plan de reactivación económica, basicamente orientado a prever os efectos que o virus A/AH1N1 está provocando no seu tecido social e económico. Non obstante, aumenta a suspicacia na sociedade mexicana cara a actuación oficial de prevención sanitaria, tomando en conta que (a datos do 5 de maio) existen 29 mortos e miles de afectados, un escenario que pode suxerir complicacións políticas e electorais para o gobernante conservador Partido de Acción Nacional (PAN) de cara aos comicios lexislativos do próximo 5 de xullo. En EEUU, o presidente Barack Obama enviou unha mensaxe pública de apoio ao seu veciño do sur, en boa medida para aplacar determinadas presións sociais por pechar as fronteiras cara a inmigración ilegal, unha vez se consumara a morte dun neno en Houston, proveniente de México. Europa recibiu tamén os primeiros casos, sen ocorrer decesos, mentres a Unión Europea xa adiantara a EEUU na súa política de opoñerse á prohibición das viaxes a México, a pesar da contraria posición francesa. A aparición dos primeiros casos de virus de influenza en Hong Kong (Asia) espallou as alarmas sanitarias mundiais, toda vez que o virus está aumentando en número de casos nos países do Sur. A Organización Mundial da Saúde (OMS) advirte da expansión desta pandemia cara os países pobres, sumamente afectados pola conxuntura económica global. Con este panorama, os temores cara esta pandemia de carácter mundial lembran a situación xerada coa expansión da denominada “gripe asiática” a finais da década pasada. b) Unha pandemia do século XXI O subdirector xeral interino da Organización Mundial da Saúde (OMS), Keiji Fukuda, advertiu o pasado 30 de abril da expansión do virus do A/H1N1 cara os países do Sur, que concentran a maior parte da poboación mundial. A facilidade da transmisión oral deste virus, así como a proximidade da época invernal nas rexións austrais, contribuíndo a propagar os casos de gripe, incrementou as alarmas nos países máis desenvolvidos e nos organismos globais. A comezos de maio, a OMS rexistrou unha expansión do virus A/H1N1 en once países, con 889 casos de infección. Por mor da posible gravidade desta crise sanitaria, a directora xeral da OMS, Margaret Chan, elevou o pasado 29 de abril o nivel de alerta da fase 3 á fase 5 (nunha escala de seis), nun intento de condicionar aos gobernos e institucións globais a fin de actuar con maior nivel de coordinación. Margaret Chan apelaba así á necesidade de evitar o desconcerto global causado pola expansión en 1997 do virus gripal no sueste asiático, transmitida polas aves aos seres humanos. Nese momento, a cualificada como “gripe asiática” foi identificada como virus H5N1. En 2003, o brote do virus asiático foi identificado como Síndrome Respiratorio Agudo Severo (SRAS), matando a 774 persoas e infectando a mais de 8.000 en 20 países de Asia, Europa e América. Tan só en Indonesia morreron 115 persoas. En 2009 aínda se contabilizan mortos por este virus: a OMS avanza a cifra de 275 decesos desde 2003. Se ben os virus A/H1N1 e SRAS son considerados diferentes, actualmente as autoridades sanitarias mundiais realizan comparacións de ambos virus ao advertir sobre o efecto expansivo do A/H1N1, rememorando pandemias anteriores como a coñecida “gripe española” que, entre 1918 e 1919, matou a 50 millóns de persoas no mundo. O paso á fase 5 indica que a OMS considera que a expansión do virus A/H1N1 está en condicións de converterse nunha pandemia global. A posibilidade de expansión letal a nivel mundial é actualmente maior, tomando en conta que o mesmo se transmite oralmente e por contacto humano. Aínda así, diversos gobernos evitan adoptar medidas restritivas sobre viaxes e contactos con países como México, epicentro da expansión deste virus. Unha xuntanza de emerxencia de ministros de Saúde da Unión Europea, así como a propia OMS e o goberno estadounidense, rexeitaron toda estas medidas cara o país latinoamericano, a pesar de que Francia defendeu unha posición contraria. Non obstante, países como Rusia e China bloquearon a importación de carne porcina de países como España e México. A OMS decidiu a finais de abril eliminar o uso do termo “virus porcina” para identificar a epidemia, probablemente conscientes das enormes perdas económicas que conlevará para as empresas gandeiras e porcinas o espallamento desta crise sanitaria global. Os aeroportos internacionais iniciaron un exhaustivo protocolo de actuación sanitaria destinado a evitar maiores expansións deste virus. c) Dous actores polémicos: Roche e Smithfield O laboratorio suízo Roche, que conta coa patente médica de remedio e tratamento deste virus, denominado Tamiflu, anunciou unha maior colaboración coa OMS no incremento da produción e distribución global deste fármaco, coñecido como “oseltamivir”, especialmente cara países como México. Non obstante, dende diversos medios polemizouse coa posibilidade de que, no actual contexto de expansión global do virus A/H1N1, o laboratorio Roche estivera obtendo ganancias económicas extraordinarias coa venta do Tamiflu, incluso enfiando o seu dedo acusatorio cara o ex secretario de Defensa estadounidense Donald Rumsfeld, como un dos principais beneficiarios. Entre 1997 e 2001, Rumsfeld foi presidente de Gilead Sciences Inc. empresa creadora do Tamiflu. Posteriormente, vendera os seus dereitos de patente a laboratorios Roche. Rumsfeld aínda mantén a propiedade do seu paquete de accións nesta empresa. O incremento mundial das vendas do Tamiflu (cuxo custe é de US$ 10 a unidade) estaría engrosando en millóns de dólares as ganancias de Roche e Gilead Sciences Inc. tomando en conta a suba das accións de Gilead e Roche nos mercados financeiros en aproximadamente 4%. Paralelo a Roche e Gilead Sciences Inc. desatouse outra polémica nalgúns medios pola presunta implicación da empresa estadounidense de cría porcina Smithfield Foods. A comezos de marzo informouse de diversos casos de gripe, bronquites e pneumonía na localidade de Perote, no estado mexicano de Veracruz, onde opera Smithfield en asociación coa empresa Agroindustrias Unidas de México S.A (AMSA). Estes casos de enfermidades en Perote, provocados polos sedimentos tóxicos destas empresas, e as protestas de diversos colectivos foron ignorados polas autoridades locais, sendo escasamente reflectido nos medios de comunicación mexicanos. Incluso, o gobernador de Veracruz, Fidel Herrera Beltrán, saíu publicamente en defensa de Smithfield Foods e da súa filial en Perote, as Granxas Carroll. d) A turbulencia política e social do A/H1N1 Tan só en México se calculan en mais de US$2.300 millóns as perdas económicas motivadas polo impacto do virus A/H1N1, equivalendo a un 0,3% do seu PIB, que podería igualmente acabar caindo un 1%. O presidente Calderón veuse obrigado a pedir aos seus cidadáns que se “quedaran nas súas casas” para evitar unha maior expansión viral. Estas medidas determinaron unha significativa paralización da actividade normal dese país, especialmente nos sectores educativo, administrativo, hostaleiro e turístico. Igualmente, o espallamento do virus está provocando determinados casos de crise social. As violentas protestas do pasado 3 de maio en Exipto contra a prohibición de consumo da carne porcina e a matanza de porcos reforza a sensación de gravidade social no caso de espallamento deste virus, rememorando as escenas de disturbios ocorridas a comezos de 2008 coa crise alimentaria en países como o propio Exipto, Haití e Indonesia. No caso exipcio, estas prohibicións gobernamentais incrementaron as tensións entre a maioría da poboación musulmana e a minoría cristiá copta, que non conta coa prohibición de consumo de porco. Pola súa banda, Israel e algúns países musulmáns xa presentaron os seus primeiros casos de infección, en países onde as respectivas relixións xudía e musulmán prohiben o consumo de carne de porco, aínda que a infección do virus A/H1N1 non se transmite polo consumo alimenticio deste animal. Nun contexto de crise económica global, a expansión desta pandemia sanitaria ameaza con provocar fortes presións sociais en determinados países, con posibles consecuencias políticas, especialmente ante a xestión dos orzamentos públicos para acometer a crise sanitaria e as desigualdades económicas existentes nos países do Sur, atenazados polas medidas económicas dos organismos globais e dos países desenvolvidos. e) Unha fronte alarmante: o Terceiro Mundo A atención mundial está así concentrada na posibilidade de que o virus de A/H1N1 definitivamente afecte o desenvolvemento e a andaina social e política dos países pobres e en desenvolvemento, especialmente no continente africano. Reunida en Etiopía a comezos de maio, a Unión Africana (UA) anunciou medidas de prevención sanitaria, mentres a unidade africana da OMS creou un grupo central de crise no Congo-Brazzaville. O temor está centrado na posibilidade de que o virus A/H1N1 afonde a expansión de enfermidades como a SIDA, a malaria, meninxite e a tuberculose, con dramáticas secuelas socioeconómicas. Países como Senegal, Mozambique, Quenia, Etiopía e Tanzania incrementaron os controis nos portos, especialmente cara o Océano Atlántico. As protestas en Exipto acrecentan os temores cara este país, cruce xeográfico entre o Mar Mediterráneo, Europa, África e Asia. No caso latinoamericano, preocupa a chegada do inverno nas rexións austrais do Cono Sur, como Arxentina, Uruguai, Chile e, incluso, Paraguai, así como nas rexións andina e centroamericana, esta última fronteiriza con México. Un país como Nicaragua está no centro da atención sanitaria, debido á febleza da súa infraestrutura e escasos recursos económicos para afrontar unha expansión do virus. América Central pode verse seriamente afectada pola proximidade da tempada das chuvias torrenciais e os furacáns. A recente morte dun bebé de 22 meses en Houston, proveniente de México, e doutra cidadán estadounidense, aduce un contexto político complicado para as relacións do goberno de Obama cos seus veciños latinoamericanos. Diversos congresistas estadounidenses alzaron as súas voces pedindo restricións migratorias cara cidadáns de México e os países centroamericanos. Precisamente, estando México no epicentro dunha crise que afecta gravemente ao seu turismo e desenvolvemento económico, o presidente Calderón pediu publicamente que se acabara co que considerou “unha campaña de discriminación” que dana a imaxe do seu país, especialmente do seu sector sanitario. No caso asiático, con gobernos que promoveron unha política “draconiana” de restrición sanitaria, existe un maior nivel de optimismo, ao menos desde a perspectiva oficial. Os dez países membros da Asociación de Nacións do Sueste Asiático (ANSEA), é dicir, Birmania, Brunei, Camboxa, Filipinas, Indonesia, Laos, Malaisia, Singapur, Tailandia e Vietnam, manifestaron estar mais preparados para afrontar esta crise sanitaria que cando ocorrera a expansión do virus da H5N1 e do SRAS. Pola súa banda, China e India iniciaron medidas restritivas de importación de carne de porco de México e EEUU. Xapón busca acelerar os remedios sanitarios mentres adapta un plan oficial de paralización de escolas e administración pública, similar ao mexicano, que pensa aplicar en caso de brote social. A expansión global do virus A/H1N1 está amosando outra perspectiva, mais alarmante, do proceso de globalización. Nun contexto caracterizado pola crise económica mundial, a aparición dunha grave pandemia sanitaria podería contribuír a afondar gravemente as desigualdades socioeconómicas entre o mundo desenvolvido e os países pobres e en desenvolvemento, e debilitar mesmo os diversos mecanismos de cooperación, no caso de que os países opten por tomar unilateralmente toda serie de medidas restritivas.
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org |
||||||||
|
||||||||