Igadi Paper / nº 004-04/2009 de 27 de abril Volver a TitularesVolver a Igadi Paper

Obama e Oriente Próximo

Versión en PDFVersión para imprimir

 

 

Introdución

Amplamente sinalada como a prioridade exterior do ex presidente estadounidense George W. Bush, o Oriente Próximo contemporáneo amosa unha preocupante inseguridade, en gran medida derivada da invasión militar estadounidense de Iraq en marzo de 2003. Deste modo, o plan para o Gran Oriente Medio concibido por Bush en 2004, dirixido a espallar “a democracia e gobernos pro-occidentais dende Marrocos ata Paquistán”, veuse paulatinamente desarticulado polos erros de cálculo e as ambicións hexemónicas de Bush.  

Con Barack Obama na presidencia estadounidense, esta rexión agarda un novo momento político. Aínda que relegada por Afganistán como prioridade central da súa política exterior, Obama espera afianzar en Oriente Próximo unha política multilateral, insertando aos gobernos árabes dentro dunha ampla estratexia rexional, así como enviando sinais de apertura cara países “inimigos” como Irán.

Así mesmo, as decisións de Obama de iniciar a retirada militar en Iraq e de pechar o penal de Guantánamo foron definidas como xestos dirixidos a “limar asperezas” co mundo islámico. Sen embargo, Obama considera esencial manter determinados parámetros da loita contra o terrorismo islamita global, razón pola que sinala Afganistán como epicentro da súa política exterior.

Dentro desta estratexia aperturista de Obama en Oriente Próximo, cómpre observar o seu moderado afastamento de Israel, tradicional aliado estratéxico estadounidense, nun momento en que Tel Aviv revlida unha orientación claramente dereitista e antiárabe.

 

Facendo as beiras a Irán e Siria

O pasado 5 de marzo, durante unha xira europea preparatoria do Cumio Internacional sobre Afganistán celebrado a finais dese mes, a secretaria de Estado estadounidense Hillary Clinton, enviou unha inédita invitación ao presidente iraniano Mahmud Ahmadíneyad, para que Teherán participe como actor principal na conferencia sobre o futuro afgano.

A Conferencia Internacional sobre Afganistán celebrada na Haia o pasado 30 de marzo permitiu un histórico encontro entre o enviado estadounidense para Afganistán e Paquistán, o diplomático Richard Hoolbroke, co viceministro de Exteriores iraniano, Mohammed Mehdi Ajundzadeh.

Once días despois, o pasado 16 de marzo, Obama realizou unha histórica alocución televisiva cara “o pobo iraniano”, traducida igualmente en idioma persa. Nesta alocución, Obama eloxiou “a riqueza histórica e cultural” dese país, mentres ofertaba iniciar “unha nova era” nas relacións entre EEUU e Irán. Esta mensaxe foi analizada cun claro contido político pre-electoral, tomando en conta a realización das eleccións presidenciais iranianas previstas para o próximo 12 de xuño.

Obama semella orientado a concibir un achegamento cara Teherán como a clave central para fortalecer unha nova estratexia en Oriente Próximo, trazando con isto unha clara diferenza de enfoque con respecto ao seu antecesor Bush. Este non dubidou en colocar a Irán no seu polémico “eixe do mal”, arrincando con isto un maior caudal de conflitividade.

Apostando polo “soft power” ou “poder brando”, Obama interpreta que achegarse a Teherán permitiría moderar ao seu favor determinadas variables de gran contido xeopolítico para a seguridade global: o ascenso de Irán como potencia rexional, a raíz do avance do seu programa nuclear, e os temores israelís fraguados en torno a esa  potencialidade nuclear de Teherán. 

Acercar a Irán cara unha estratexia multilateral terá repercusións de claro orde xeopolítica para Washington, especialmente en escenarios de alto risco como Iraq, Palestina, Afganistán, Siria, Líbano e o Golfo Pérsico, sen que isto signifique desarticular radicalmente as tradicionais alianzas estadounidenses na rexión.

Ademais de Irán, Washington espera acercar a Siria dentro desta estratexia de apertura. A histórica visita a Damasco en abril de 2007 da presidenta do Congreso estadounidense, Nancy Pelosi, foi ampliada por funcionarios diplomáticos estadounidenses en marzo pasado. Siria, incluída dentro do “eixe do mal” de Bush, significa un actor sumamente importante para concordar unha estratexia de paz rexional, especificamente con Israel. 

Non obstante, o enviado estadounidense para Oriente Próximo George Mitchell iniciou o pasado 14 de abril unha visita por Israel, Exipto, a Autoridade Palestina, o Golfo Pérsico e o Norte de África, que deixou a Siria fora da axenda. Para Damasco, a cautelosa aproximación estadounidense permítelle fortalecer un pequeno lobby en Washington, mais concentrado a asentar as relacións públicas entre ambos países que a concretar aspectos bilaterais de maior peso.

 

Fronte antiiraniano en Oriente Próximo?

Este achegamento estadounidense cara Teherán está tamén provocando unha especie de conformación dun fronte “antiiraniano e antixiíta” na rexión. Recentemente, Marrocos suspendeu as súas relacións con Irán por considerar que este país estaba alentando ás comunidades xiítas para un presunto levantamento popular contra a monarquía marroquí. Exipto, Arabia Saudita e outros países do Golfo Pérsico tamén temen a presunta infiltración iraniana nestes países.

No caso exipcio, causou sorpresa o anuncio do goberno de Hosni Mubarak de desarticular unha presunta célula do movemento islamita libanés Hizbulah, aliado sirio e iraniano, cuxa posible actividade estaría dirixida a prover de asistencia loxística ao seu aliado palestino, o movemento islamita Hamas. A raíz destes sucesos, o líder do Hizbulah, o xeque Hassan Nasrala, recoñeceu que a súa organización mantén operativo unha célula en Exipto “para dar asistencia loxística a Hamas”.

Mubarak ven sendo un activo detractor de Teherán, acusándoo de “ambicións hexemónicas” en Oriente Próximo, de tentar crear unha “república islamita” no territorio palestino de Gaza e de presuntamente planificar atentados terroristas contra centros turísticos exipcios, subministrando armamento e loxística a través de Sudán. O ministro de Exteriores iraniano, Manucher Motaki, acusou a Israel de bombardear un convoi de 40 camións en Sudán, provistos de armamento presuntamente procedente de Teherán. O silencio israelí incrementou as especulacións.

Aínda é unha gran incógnita precisar as repercusións da “rama de oliva” enviada por Obama a Irán, probablemente á espera do que ocorra en Teherán tralas eleccións presidenciais. Tampouco é seguro o impacto do achegamento con Siria, un país que probablemente amosarase ameazado polos grupos islamitas radicais, unha vez se consume a retirada militar estadounidense de Iraq e adopte hipoteticamente unha política de achegamento cara Occidente.

En todo caso, Obama tenta asegurar un discurso conciliador e aperturista cara o mundo islámico. Durante a súa visita a Turquía a comezos de abril, no marco da súa xira europea, Obama descartou que “Occidente estea en guerra contra o Islam”. A estratexia de achegamento cara Irán e países aliados como Siria, así como a posibilidade de fortalecer a Turquía como socio diplomático estratéxico nun hipotético plan de paz para Oriente Próximo, consolídanse como dúas variables de gran importancia para a diplomacia de Obama na rexión.

Un paso adiante pode constituír a invitación de Obama realizada aos líderes de Israel, Exipto e a Autoridade Palestina para ir a Washington en xuño próximo, probablemente definida para revivir unha ata agora moribunda estratexia de paz.

 

Un obstáculo: o novo goberno israelí

A estratexia aperturista de Obama en Oriente Próximo moi probablemente se confrontará cun obstáculo maiúsculo: o novo goberno dereitista israelí, conformado polo primeiro ministro Benjamín Netanyahu e o seu ministro de Exteriores, Avigdor Lieberman, de carácter ultradereitista, nacionalista e anti-árabe.

O reto de Obama cara o novo goberno israelí presenta dous escenarios estratéxicos. O primeiro é Palestina, de claro carácter preponderante para o novo goberno estadounidense. O segundo é Irán, a principal ameaza para a seguridade rexional, segundo Israel.

Netanyahu e Lieberman xa anunciaron a súa disposición a atacar as instalacións nucleares iranianas, incluso sen a aprobación ou axuda estadounidense, negándose a avanzar absolutamente en ningún punto relativo á creación dun Estado palestino. Con esta posición israelí, Obama síntese atenazado desde diversos ángulos, tomando en conta que, durante a campaña electoral estadounidense, chegou a acercarse ás opcións antiiranianas manifestadas polo poderoso lobby xudeu en EEUU.

Outro escenario de alto risco está en Palestina, fragmentada política e territorialmente en dúas entidades: Cisxordania baixo o goberno de Al Fatah e Gaza baixo o mando de Hamas. O silencio de Obama ante a recente ofensiva militar israelí en Gaza, ocorrida entre decembro de 2008 e xaneiro de 2009, espertou determinadas reaccións contrarias no mundo árabe, fomentándose as suspicacias sobre a súa real visión do problema palestino.

Obama e Clinton defenden a fórmula de dous Estados, Israel e Palestina, como elemento central para alcanzar un acordo de paz global en Oriente Próximo. Pouco se espera da posibilidade de incluír a Hamas como actor principal nunha hipotética rolda de negociacións, tomando en conta a reacción contraria que provocaría en aliados estratéxicos de Washington como Israel, Exipto e Xordania. 

Con respecto a Irán, sucesos como o recente xuízo en Teherán contra a xornalista irano-estadounidense Rosana Xaberi por presunta espionaxe a favor de Washington, poden dficultar a evolución do novo marco de relación entre EEUU e Irán. Ao mesmo tempo, a polémica causada polo discurso de Ahmadíneyad, quen acusou de “cruel e racista” ao Estado israelí durante a Conferencia de Nacións Unidas contra o Racismo celebrada o pasado 20 de abril en Xenebra, complicaría aínda mais a política aperturista de Washington cara Teherán, reforzando as opcións de Netanyahu e os denominados “falcóns” israelís.

Aínda así, Obama semella decidido a dar un audaz curso ao panorama xeopolítico en Oriente Próximo. Pero os próximos pasos semellan complicados, razón que motiva a Washington a manter unha estratexia lenta e cautelosa, tentando observar as reaccións dende Teherán. Reaccións que, no plano interno, estarán determinadas polos resultados das próximas eleccións presidenciais iranianas.

 
Volver a TitularesVolver a Igadi Paper



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta