Igadi Paper / nº 003-04/2009 de 15 de abril Volver a TitularesVolver a Igadi Paper
Trinidad e Tobago, 17-19 de abril de 2009
V Cumio das Américas

Versión en PDFVersión para imprimir

 

 

Introdución

Practicamente mediatizado pola recente decisión do presidente estadounidense Barack Obama de aliviar as restricións de viaxes e envío de remesas por parte da comunidade cubano-estadounidense á illa caribeña, o V Cumio das Américas a celebrarse en Trinidad e Tobago entre os próximos 17 e 19 de abril de 2009 non só terá a situación cubana como tema prioritario da axenda.

O cumio ten por lema “Asegurar o futuro dos nosos cidadáns promovendo a prosperidade humana, a seguridade enerxética e a sostibilidade ambiental”. As repercusións en América Latina da crise económica global, do problema do narcotráfico e da articulación dos modelos de integración hemisférica constituirán, igualmente, elementos centrais de discusión e debate.

O cumio reunirá a 34 xefes de Estado e de Goberno hemisféricos, coa única e notable ausencia de Cuba. Aquí, Obama pulsará o clima político continental ante a posibilidade de presentar a súa nova estratexia rexional, acaparando persoalmente a atención no que será o seu primeiro cumio hemisférico. Deste modo, o presidente estadounidense repetirá un escenario xa coñecido trala súa recente xira europea, onde foi o centro de atención nos cumios do G-20 e da OTAN.

Non obstante, ao igual que o debate sobre a polémica ausencia cubana neste cumio, o escenario pode estar igualmente determinado polo protagonismo que tente afirmar o presidente venezolano Hugo Chávez, especialmente cara Obama.

Independentemente das conclusións deste V Cumio das Américas, o encontro permitirá a Washington revalorizar o seu interese xeopolítico cara países considerados estratéxicos como Brasil e México. No caso brasileiro, EEUU impulsa un maior achegamento cara un país considerado como a segunda economía hemisférica máis importante e unha potencia emerxente en alza no contexto mundial.

Con México, Washington reitera o seu interese cara un socio clave para a resolución de asuntos bilaterais de gran importancia, como son narcotráfico, a inmigración ilegal e a integración económica. Un día antes da inauguración do cumio, o 16 de abril, Obama realizará unha visita oficial a México, a súa primeira visita a un país latinoamericano desde que está na Casa Branca.

 

Un cumio entre Obama e Chávez

A cita de Trinidad e Tobago pode abrir unha paréntese nas distantes relacións que se veñen rexistrando dende hai varios anos entre Washington e Caracas, danadas trala retirada mutua de embaixadores en setembro de 2008, decisión tomada polo presidente Hugo Chávez dentro do contexto da crise política que vivía Bolivia neses momentos.

A vitoria electoral presidencial de Obama en novembro pasado foi inicialmente celebrada por Chávez, quen amosou a súa disposición a dialogar co novo presidente estadounidense. Non obstante, nos últimos meses, Chávez incrementou o seu nivel de ataques verbais contra o presidente estadounidense, cualificándoo incluso de “pobre ignorante” e asegurando que “afiaba a súa artillería” contra Obama para o próximo Cumio das Américas.

Recentemente, diversos altos cargos do goberno estadounidense referíronse a Chávez e a situación venezolana. Previo ao referendo de reforma constitucional para a reelección indefinida de cargos públicos en Venezuela, celebrado o pasado 15 de febreiro, a secretaria de Estado, Hillary Clinton, amosou a súa “preocupación” pola situación da democracia en Venezuela.

Polo contrario, asesores para política hemisférica como Jeffrey Davidow e figuras de peso no Partido Demócrata como Bill Richardson, aseguraron a vontade de Washington en “abrir canais de diálogo” cos gobernos de Venezuela e Bolivia. “Un Chávez illado non é do noso interese”, chegou a declarar Richardson. Chávez recolleu estas declaracións ao afirmar, a semana pasada, que estaba disposto a “resetear” as relacións con Washington.

A capital trinitaria Porto España recibirá así a Obama no seu primeiro cumio hemisférico e a un Chávez decidido a reforzar o seu protagonismo continental, especialmente como líder impulsor da proposta de integración Alternativa Bolivariana para as Américas (ALBA), que inclúe a Venezuela, Cuba, Bolivia, Nicaragua e Dominica, con Paraguai en negociacións para o ingreso.

Precisamente, o 16 de abril, un día antes da inauguración do V Cumio das Américas, Chávez convocou un cumio do ALBA na cidade venezolana de Cumaná, coa clara vontade de concretar posicións comúns de cara ao encontro hemisférico. Anteriormente, Chávez estivo en Cuba, onde reuniuse co presidente Raúl Castro e o seu irmán Fidel Castro.

O interese de Obama en Brasil e México, solidificando unha relación estratéxica con Brasilia, pode constituír un motivo de irritación para Chávez, quen ansiaba un maior recoñecemento por parte do novo goberno estadounidense. Antes de asumir a presidencia o pasado 20 de xaneiro, Obama reuniuse co presidente mexicano Felipe Calderón mentres o mandatario brasileiro Lula da Silva foi recibido por Obama na Casa Branca en febreiro pasado.

Aínda por coñecerse cal será a oferta real de integración que manteña Obama cara os países latinoamericanos, Chávez aproveitará o cumio para pulsar o seu verdadeiro nivel de influencia continental. Non obstante, e a pesar de contar coa carta do ALBA baixo a manga e un discurso desafiante cara Washington, o V Cumio das Américas ben podería dar curso a un achegamento de posicións entre Chávez e Obama que permitan unha normalización das relacións bilaterais entre Venezuela e EEUU.

 

A “estelar” ausencia de Cuba

O pasado 6 de abril, un grupo de sete congresistas estadounidenses visitaron Cuba, reuníndose co presidente Raúl Castro e altos cargos do goberno cubano como Ricardo Alarcón, presidente da Asemblea Nacional do Poder Popular, e o ministro de Exteriores Bruno Rodríguez, no marco dunha histórica iniciativa levada a cabo por Washington destinada a abrir unha etapa de distensión con La Habana.

A posterior decisión de Obama, realizada o pasado 13 de abril, de eliminar as restricións de visitas a Cuba por parte de cubano-estadounidenses, así como do envío de remesas e a licenza para os provedores estadounidenses de empresas en telecomunicacións para operar na illa caribeña, completou unha iniciativa de gran impacto político, a escasos catro días de iniciarse o Cumio das Américas.

Estas medidas supoñen un claro golpe de efecto de Obama para trasladar unha favorable carta de presentación ante o cumio hemisférico. Así, Washington espera colocar nas mans do goberno cubano (mantendo unha cláusula de claro carácter político para que os funcionarios gobernamentais cubanos non se beneficien das medidas emitidas por Obama) a posibilidade de concretar diversos mecanismos de diálogo.

Cuba estará directamente representada no cumio de Trinidad polo seu aliado rexional mais próximo, o presidente venezolano Hugo Chávez, quen contará igualmente co apoio doutros mandatarios hemisféricos, tales como o boliviano Evo Morales, o nicaraguano Daniel Ortega, o ecuatoriano Rafael Correa, o paraguaio Fernando Lugo e, incluso, o brasileiro Lula da Silva, na iniciativa de premer a Obama a iniciar unha apertura total de relacións con Cuba.

Estas medidas de presión cara Obama por parte de diversos líderes latinoamericanos referiranse, principalmente, á necesidade de finalizar o embargo estadounidense iniciado en 1962, permitir o retorno de Cuba aos organismos hemisféricos como a Organización de Estados Americanos (OEA) e eliminar outras disposicións como a polémica Lei de Axuste Cubano de 1966, que permite a cubanos que ingresen legal ou ilegalmente en EEUU adquirir no prazo dun ano a residencia permanente.

Resulta probable que no Cumio das Américas, Obama acepte un retorno de Cuba á OEA e outros organismos hemisféricos, así como amose a súa disposición para liquidar a Lei de Axuste Cubano. Pero será sumamente difícil a súa aprobación incondicional para rematar o embargo, debido ás consideracións de carácter político existentes: Obama xa anunciou que o embargo non finalizará ata que o goberno cubano non cumpra “cunhas condicións mínimas” como serían mellorar “o trato á oposición e permitir que esta se organice nun partido político”.

 

Cara unha nova relación hemisférica

A preponderancia cubana pode opacar outros temas hemisféricos de interese, especialmente dirixidos a materializar unha estratexia de actuación común para afrontar o impacto da crise económica global para América Latina. O azoute do narcotráfico, especialmente ante o avance dos carteis da droga mexicanos e no contexto andino, supón un serio problema de seguridade hemisférica. Queda por saber cal será o enfoque de Obama de cara á estratexia de integración continental.

A nova administración da Casa Branca deberá así explicitar qué tipo de integración defende: se unha Alianza de Libre Comercio para as Américas (ALCA), estratexia impulsada polos ex presidentes Bill Clinton e George W. Bush; ou ben considera a posibilidade de prestar atención aos procesos de integración de diversos países latinoamericanos, a fin de analizar estas experiencias e escoitar as demandas latinoamericanas.

Os gobernos de países como Arxentina, Brasil, Paraguai, Perú e Chile avogarán por un novo ton de diálogo e entendemento entre EEUU e América Latina. O presidente uruguaio Tabaré Vázquez pedirá avanzar no Acordo Marco de Comercio e Investimentos (AMCI), asinado con Washington en 2007. Colombia, México e Nicaragua esperan concretar unha estratexia continental común para afrontar a crise económica global e a loita contra o narcotráfico.

O presidente ecuatoriano Correa tamén avogará por unha nova relación de Washington cos países latinoamericanos, ao mesmo tempo que revalidará o seu interese na aprobación dun proxecto ambiental sobre a licitación do campo Ishpingo-Tambococha-Tiputini (ITT), relativo á explotación de reservas petrolíferas na Amazonia. Costa Rica anunciou o seu interese de que Washington acepte un embargo á venda de armamento en América Latina mentres países centroamericanos como El Salvador, Guatemala e Honduras esperan contar con medidas de solución á crise económica e os problemas migratorios destes países con EEUU.

O V Cumio das Américas verá así desenvolver tres escenarios: o primeiro, limitado ao protagonismo mediático e político de Obama e Chávez; o segundo, determinado a debater o caso cubano; e o terceiro, configurado en torno a abrir un novo tipo de relación entre EEUU e América Latina. Unha relación que este cumio, desde as perspectivas xeopolítica e estratéxica, seguramente afianzará unha especie de entente política, diplomática e económica entre EEUU e Brasil.

 
Volver a TitularesVolver a Igadi Paper



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta