| Igadi Paper / nº 002-02/2009 de 7 de
abril |
||||||||||||
| Afganistán Obama impulsa unha nova estratexia |
||||||||||||
|
Afganistán volve a estar no centro da atención internacional, especificamente trala celebración de dúas citas de alto nivel: a Conferencia Internacional sobre Afganistán organizada pola secretaria de Estado estadounidense, Hillary Clinton, celebrada o pasado 31 de marzo na Haia (Países Baixos) reunindo a 93 países; e o Cumio do 60º aniversario da OTAN en Praga, celebrado o pasado 4 de abril. Ambas citas deseñaron, a grandes trazos, un compromiso internacional coa nova estratexia impulsada polo presidente estadounidense Barack Obama de colocar a Afganistán no epicentro de atención para a seguridade global, aínda que esta estratexia non estea explicitamente definida por imperativos militares. As prioridades están dirixidas a afianzar un amplo programa de desenvolvemento social, reconstrución de infraestruturas e das novas institucións do goberno de Hamid Karzai, así como dar curso a unha audaz variante de orde xeopolítico, que permita incluír nesta estratexia a actores tradicionalmente considerados por Washington como rivais e inimigos. Neste apartado, a inclusión de Irán como actor primordial desta estratexia de Obama cara Afganistán supón un interesante e inédito enfoque da diplomacia estadounidense, cunhas implicacións xeopolíticas de suma importancia para o marco xeo-estratéxico de Oriente Próximo e Asia Central. Incluso, Washington pulsa a posibilidade de atraer a efectivos das milicias talibáns a esta estratexia. Paralelamente, o compromiso do goberno de Zapatero coa estratexia de Obama é notorio, especialmente tralos roces causados pola recente retirada militar española de Cosova. A recente reunión entre Zapatero e Obama en Praga serviu para abrir unha nova etapa nas relacións entre Washington e Madrid, tras cinco anos de irritación e friaxe. Non obstante, o panorama interno afgano asume unha complexidade que se acelera de cara á celebración das próximas eleccións presidenciais, previstas para o vindeiro 20 de agosto de 2009. Nesta cita electoral, o actual presidente Karzai porá a proba a súa autoridade e lexitimidade. Pero diversos factores debilitan as súas perspectivas políticas: a consolidación de posicións estratéxicas para as milicias talibáns na fronteira afgano-paquistaní; diversos escándalos de corrupción gobernamental; a aprobación dunha polémica lei represiva contra as mulleres, concibida para gañar adeptos políticos e electorais; débil e volátil apoio e lexitimidade social; e excesiva dependencia das tropas internacionais da OTAN en materia de seguridade.
A principios de febreiro de 2009, Barack Obama anunciou o reforzamento do continxente militar estadounidense baixo o mando da OTAN en Afganistán, denominado Forza Internacional de Asistencia á Seguridade (International Security Assistance Force, ISAF). Neste momento, Obama prometeu o envío de 17.000 efectivos cara o país centroasiático, así como outros 4.000 para labores de instrucción do incipiente exército dese país. Este anuncio corría case en paralelo ao posterior anuncio de Obama de propiciar unha retirada militar en Iraq. Esta variante estratéxica e xeopolítica condiciona un radical cambio de prioridades para a Casa Branca: o ex presidente George W. Bush trasladou tropas de Afganistán a Iraq para fortalecer a invasión militar de 2003. Agora, Obama tenta realizar unha operación xeopolítica e militar á inversa, pero con parámetros e escenarios distintos. Unha misión que estará militarmente concentrada nas mans de David Petraeus, encargado de configurar o volátil Iraq de posguerra e agora comisionado para dirixir o Mando Central de EEUU en Afganistán. Desde a campaña electoral presidencial estadounidense, Afganistán xa ocupaba un eixe central na visión de política exterior de Obama, quen identificou a seguridade afgana como a clave estratéxica na loita antiterrorista contra Al Qaeda. Compartindo as mesmas prioridades que o seu antecesor Bush, Obama non dubidou en sinalar a Afganistán e o seu veciño Paquistán como “o epicentro da inestabilidade global”. Non obstante, para Obama resultaba primordial afincar unha estratexia mais multilateral que a adoptada por Bush, a fin de lexitimar unha nova forma de actuación global en Afganistán, sen que isto signifique alterar o apoio ao presidente afgano Hamid Karzai e ao mantemento da seguridade militar a cargo da ISAF. Con estes parámetros, Obama delineou esta nova estratexia a través da Conferencia Mundial de Alto Nivel para Afganistán, concibida para modificar, en gran medida, as pautas establecidas por Bush na anterior conferencia internacional de decembro de 2001. Para consolidar esta estratexia, o pasado 5 de marzo a Secretaria de Estado Hillary Clinton enviou unha inédita mensaxe persoal ao mandatario iraniano Mahmud Ahmadíneyad, a fin de invitar a Teherán a participar nunha conferencia internacional sobre Afganistán, a realizarse a finais de marzo. Irán respondeu positivamente enviando ao seu viceministro de Asuntos Exteriores, Mohamed Medhi Akhunzadeh. O compromiso internacional coa visión de Obama para Afganistán completouse no Cumio do 60º aniversario da OTAN celebrado o pasado 4 de abril en Praga, nun marco destinado a reestruturar as prioridades globais do organismo atlántico. Deste xeito, Washington e a OTAN asumen que a pacificación e reconstrución en Afganistán será necesariamente unha misión a longo prazo, que requirirá da activación dunha visión máis compartida e de consenso, a fin de remontar a falta de coordinación existente ata agora. Neste cumio, a OTAN prometeu o envío provisional de 5.000 soldados adicionais, ademais de 370 millóns de euros para a reconstrución e o apoio do Exército e dos organismos de seguridade afganos. Neste apartado, EEUU seguirá sendo o principal achegador, con 21.000 soldados.
Con esta estratexia en curso, Irán semella converterse nun actor clave para a actual diplomacia estadounidense. Trala invitación de Hillary Clinton á conferencia internacional sobre Afganistán, Obama reforzou o achegamento a Teherán a través dunha mensaxe televisiva o pasado 20 de marzo, traducido ao persa, na que instaba ao “pobo iraniano” a “un novo comezo” nas relacións entre ambos países. Aquí se observa outro cambio radical de enfoque con respecto a Bush, quen acentuara aínda mais a rivalidade e o clima conflitivo entre Washington e Teherán ao incluír ao país persa no polémico “eixe do mal” en xaneiro de 2002, meses despois de impulsar a breve guerra en Afganistán. Non obstante, e a pesar deste polémico eixe concibido por Bush, Irán aplicou unha política construtiva en Afganistán, recibindo no seu territorio a mais de tres millóns de refuxiados afganos que fuxían tras anos de guerra civil entre o réxime talibán e os coñecidos “señores da guerra”, líderes de comunidades étnicas e tribais uzbekas, tadyikas e kirguizas. Un millón deses refuxiados aínda segue en territorio iraniano. Obama tenta agora incluír a Irán como actor clave na pacificación e estabilización non só de Afganistán senón dun espazo territorial estratéxico que engloba a Asia Central e Oriente Próximo. Incluso, indirectamente, a súa estratexia semella estar dirixida a influír a conduta electoral dos iranianos de cara aos comicios presidenciais a celebrarse o próximo 12 de xuño, onde Ahmadineyad pelexará pola súa reelección. Atraer a Teherán dentro desta estratexia multilateral suxire diversas consecuencias para Washington, que poderían resumirse en tres escenarios hipotéticos:
Non obstante, o achegamento de Obama a Irán provocará consecuencias de gran importancia dentro do xadrez xeopolítico de Oriente Próximo, especialmente de cara á tradicional e estratéxica alianza de Washington con Israel. Con plans de guerra elaborados en Israel contra as instalacións nucleares iranianas, a “rama de oliva” de Obama a Teherán é un factor que cobra maior importancia ante a actual conformación en Tel Aviv dun goberno dereitista con gran compoñente de partidos ultraortodoxos e de extrema dereita, liderados polo primeiro ministro Benjamín Netanyahu.
A estratexia de Obama cara Afganistán configúrase nun momento delicado para a pacificación e estabilización do país. Entre 2006 e 2008, a posguerra desatada entre o goberno de Karzai e a ISAF contra a insurxencia talibán e determinados “señores da guerra” causou, aproximadamente, 15.000 vítimas mortais, ampliando un espectro de violencia, segmentación étnica e territorial e dificultades de gobernabilidade que afonda a súa complexidade a pesar da presenza de máis de 55.000 soldados de 41 países baixo o mando da ISAF e dos esforzos occidentais por afirmar a autoridade de Karzai. En paralelo á inestabilidade política e militar, afróntase o problema da produción de opio. En 2008, Afganistán produciu 7.700 toneladas de opio, o que equivale a un 7% do seu PIB e o 93% da produción total mundial. Case un 10% da poboación afgana participa nunha actividade que concentra 157.000 hectáreas para o cultivo de heroína e morfina, con gran concentración nas provincias sudoccidentais de Kandahar, Helmand e Farah. En 2001, esta actividade ocupaba unhas 8.000 hectáreas. A debilidade do goberno de Karzai e a aproximación das eleccións presidenciais previstas para agosto e lexislativas para setembro, obrígalle a realizar todo tipo de malabarismos políticos para manter un mínimo de lexitimidade e poder gañar apoios electorais. Un caso particularmente relevante foi a recente aprobación da “Lei para o Status Persoal Xiíta”, mantida no mais absoluto segredo, e que foi consentida por Karzai atendendo a presión da comunidade xiíta afgana. Esta lei levantou grandes protestas a nivel internacional debido ao seu carácter abertamente violador dos dereitos das mulleres, retrotraendo á memoria os escuros anos de dominio do réxime talibán (1996-2001). Karzai veuse obrigado a aceptar esta lei a fin de conseguir apoios políticos e electorais dentro dunha comunidade, a xiíta, que conforma aproximadamente un 15% da poboación afgana. Se ben os aliados occidentais de Karzai fixeron literalmente a “vista gorda” ante a aprobación da lei, a Conferencia Internacional sobre Afganistán puxo esta situación na mesa de debate, provocando unha forte polémica dirixida a derogala. Foi especialmente significativa a posición da chanceler alemana Ánxela Merkel condicionando o apoio occidental a Karzai á eliminación desta lei, condenada igualmente pola ONU e diversos organismos de dereitos humanos. Precisamente, Merkel realizou o pasado 6 de abril unha visita sorpresa a Afganistán, na que logrou escapar dun atentado con mísiles, presuntamente lanzados por milicias talibán, na base militar de Kunduz, ao norte do país. O presidente afgano respondeu considerando como “inapropiadas” as críticas occidentais, explicando que as mesmas debíanse a unha “mala tradución” da lei. Pero a forte presión obrigouno a prometer unha revisión da mesma, o cal evidencia a súa febleza, sometido a fortes presións, dentro e fóra do país. Outro elemento político relevante é o aparente achegamento de determinados caudillos e “señores da guerra” cara os talibán, especialmente no Sur de Afganistán, que diluirían aínda mais a autoridade de Karzai. Diversos caudillos militares e tribais utilizan esta estratexia para premer ao goberno de Karzai e obrigalo a pactar concesións e demandas de claro carácter político.
Non debe tampouco esquecerse o escenario xeopolítico conformado por Paquistán, Afganistán e India. As dificultades do presidente paquistaní Asif Alí Zardari para prover de estabilidade política a un goberno con dificultades para manterse en pe, debido a diversas crises gobernamentais provocadas por polémicas decisións xudiciais de inhabilitación política contra determinados liderados, como o caso do ex aliado de Zardari, Nawaz Sharif, da Liga Musulmana de Pakistán-Nawaz (LMPN). Paquistán presenta un cadro sumamente delicado, tomando en conta a súa volátil conformación étnica, relixiosa e tribal e da persistencia dunha insurxencia musulmana con presuntas conexións cos talibán afganos, que reta constantemente a autoridade de Islamabad. Todo isto sen esquecer o estratéxico asunto que supón manter estable a un país provisto de armamento nuclear. A inestabilidade paquistaní salpica tamén á India, que acusa a diversos movementos islamitas paquistanís dos atentados terroristas de Bombai de novembro pasado, que provocaron centenas de mortos. Unha confrontación política entre Paquistán e India obrigaría inmediatamente a unha maior implicación internacional a fin de desactivar a posibilidade dun conflito militar entre dúas potencias nucleares. O perigo de inestabilidade nos escenarios afgano e paquistaní increméntase ante a concentración de grupos talibán e islamitas na porosa fronteira entre ambos países. As rexións paquistanís de Baluchistán e Waziristán practicamente atópanse fora da autoridade do goberno central de Islamabad, acrecentando a proliferación de movementos radicais islamitas e do posible refuxio da rede terrorista global Al Qaeda. A posibilidade de expansión da espiral de violencia afgana e paquistaní tocaría igualmente a países veciños como India, China e Irán. A rexión occidental chinesa Uigur, con maioría musulmana, ven sendo escenario de revoltas contra a autoridade de Beijing, que acusa a elementos talibán en Afganistán, Paquistán e da rexión de Cachemira de ser os inspiradores. Finalmente, a posibilidade de espallamento da inestabilidade afgana e paquistaní tamén podería afectar ao veciño Irán, país que EEUU está tentando atraer á súa estratexia multilateral. Son coñecidas as rivalidades e diferenzas entre as milicias talibán e o réxime iraniano, que tamén reflíctese no contexto afgano nas confrontacións de carácter étnico entre a comunidade pashtún, da que se nutren principalmente os talibán, e a hazara de orixe persa; así como relixioso, conformada pola visión rigorista sunnita dos talibán contra a comunidade xiíta afgana, maioritaria na veciña Irán.
A estabilidade de Afganistán e Asia Central son escenarios que cobran importancia para a implicación militar española, provista dun continxente proveniente da base da Brigada Lixeira Aéreo Transportable (BRILAT), radicada en Figueirido (Pontevedra). España posúe actualmente 780 efectivos militares en Afganistán, asentados no Comando Rexional do Oeste, base militar de Qala-e-Naw na provincia de Herat. Segundo datos de Asia Foundation (2008), a rexión occidental de Afganistán está calculada en risco de inseguridade “alto”, especialmente o triángulo conformado por Herat, Faryab, Ghor e Bagdis. A ministra de Defensa, Carmen Chacón, anunciou o pasado 3 de abril o envío de 450 soldados españois para labores de cooperación coa poboación civil e na reconstrucción de infraestruturas, así como 9 millóns de euros para o apoio da seguridade nas eleccións presidencias do 20 de agosto e para o fortalecemento do Exército afgano. Deste modo, o compromiso do goberno de Zapatero está así claramente definido: manter a estratexia de Obama de propiciar maiores esforzos e investimentos ao plan de reconstrución civil, a fin de mellorar as condicións de vida da poboación afgana e asegurar maiores cotas de lexitimidade social para o goberno de Karzai, especialmente de cara aos próximos comicios presidenciais. |
||||||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 10/04/2009 |
||||||||||||
|
||||||||||||