Igadi Paper / nº 001-01/2009 de 31 de marzo Volver a TitularesVolver a Igadi Paper
Londres, 2 de abril de 2009
Cumio do G-20

Versión en PDFVersión para imprimir

 

  Cumio do G-20; clic para aumentar
No momento actual, a medida que máis relevancia adquire en boca dos líderes políticos e expertos económicos de cara ao cumio do G-20 ten que ver coa necesidade de regular os mercados financeiros, a fin de evitar futuras crises bancarias.
 
Introdución

A celebración en Londres o próximo 2 de abril do Cumio de Xefes de Estado e de Goberno incluídos no Grupo dos 20 (G-20), incrementa as expectativas sobre a necesidade dun consenso político destinado a afrontar con solucións conxuntas a actual crise económica mundial. Estas expectativas aumentan tralas promesas realizadas no anterior cumio, celebrado en Washington o pasado 15 de novembro de 2008, onde instouse a urxente necesidade de reformar o sistema financeiro internacional.

O G-20 é unha entidade creada en 1999 e conformada polas principais potencias económicas mundiais constituídas en torno ao G-8 (EEUU, Xapón, Alemaña, Gran Bretaña, Francia, Italia, Canadá e Rusia), das denominadas “economías emerxentes” (China, India, Brasil, Turquía, Indonesia, México, Australia, Arxentina, Sudáfrica, Arabia Saudita e República de Corea), así como dun representante da Unión Europea.

Para o cumio de Londres asistirán tamén o presidente de Etiopía, Meles Zenawi, como representante da Nova Asociación para o Desenvolvemento de África (NEPAD polas súas siglas en inglés) e o primeiro ministro de Tailandia, Abhisit Vejjajiva, en representación da Asociación de Nacións do Sueste Asiático (ASEAN).

Non obstante, un clima de pesimismo semella instaurarse os días previos á celebración do cumio. Un informe da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) do 30 de marzo, sinala que a situación económica mundial é mais pesimista do que se pensaba. A OCDE vaticina unha contración económica do 4,3% para os países membros do G-20 no 2009, así como unha “crise social con efectos devastadores” a curto prazo, motivada pola recesión económica global.

Paralelamente, este cumio estará determinado por recentes cuestionamentos sobre a solvencia e fortaleza do dólar como principal referente monetario a nivel global. Días antes da inauguración do cumio, China presentou unha declaración que xerou diversas polémicas, pedindo o final da era de supremacía monetaria do dólar estadounidense como referencia nos mercados financeiros e nas bolsas de valores. A piques de comezar este cumio, a inédita petición chinesa coloca nunha difícil posición á defensiva para a presidencia de Obama. Rusia suxire organizar unha conferencia internacional sobre o tema.


Os puntos clave

No cumio celebrado en Washington o pasado 15 de novembro de 2008, o G-20 adoptou unha serie de medidas destinadas a:

- Fortalecer a transparencia do sistema financeiro
- Reforzar a regulación financeira e a cooperación internacional
- Promover a integridade dos mercados
- Reformar as Institucións Financeiras Internacionais.

Este último punto, o relativo á reforma das institucións financeiras internacionais, ocupa o maior caudal de atención, ata o punto de considerarse como referencia histórica deste cumio a celebración da Conferencia de Bretton Woods (EEUU) en 1944, que deu paso á creación do Fondo Monetario Internacional (FMI) e o Banco Mundial e á configuración dun novo sistema financeiro internacional, con preponderancia do dólar estadounidense.

No momento actual, a medida que máis relevancia adquire en boca dos líderes políticos e expertos económicos de cara ao cumio do G-20 ten que ver coa necesidade de regular os mercados financeiros, a fin de evitar futuras crises bancarias. O presidente estadounidense Barack Obama, o primeiro ministro británico Gordon Brown, a chanceler alemana Ánxela Merkel e o presidente francés Nicolás Sarkozy, semellan formar a “entente” dos defensores da regulación financeira.

Pero existen ópticas diferentes a ambos lados do Atlántico. O cumio de ministros de Finanzas do G-20 celebrado a mediados de marzo en Gran Bretaña, evidenciou as diferenzas: en EEUU deféndese a idea de propiciar un maior gasto público para rescatar as economías; pola súa banda, en Europa prefiren observar o efecto das medidas de regulación para comprobar a efectividade dos programas aplicados.


Obama acapara a atención

A mediados de marzo, Obama, quen realizará a súa primeira xira europea a partir do cumio do G-20, presentou un plan de estímulo fiscal, calculado en 2% do PIB para o período 2009-2010, baixo a supervisión do Fondo Monetario Internacional, como mecanismo de axuda financeira.

Non obstante, xorden críticas ao plan de Obama. O Consello Europeo celebrado o pasado 20 de marzo rexeitou este plan de axuda, considerando mais conveniente aplicar unha política de regulación financeira e prazos concretos de cumprimento, en especial para premer aos denominados “paraísos fiscais” e derogar as leis de segredo bancario. Igualmente, a UE aprobou un plan de rescate valorado en $500.000 millóns, para ser xestionado polo FMI como axuda aos países en desenvolvemento afectados pola crise económica.

O cumio do G-20 ven precedido pola presentación do Plan de Recuperación Económica e do Programa de Investimentos Público-Privado en Washington, a instancias do secretario do Tesouro estadounidense Timothy Geithner, e as secuelas económicas e políticas derivadas en EEUU polo rescate estatal aplicado á aseguradora AIG.

As expectativas mundiais están igualmente concentradas na posibilidade de que este plan económico de Obama sexa finalmente aprobado no Congreso estadounidense e permita insuflar optimismo nos mercados internacionais. Pero existen visións diverxentes: se ben o “plan Geithner” foi ben recibido nos mercados financeiros, diversos analistas de peso, como os ex Premios Nobel de Economía Joseph Stiglitz e Paul Krugman, criticaron amplamente o contido deste plan.

Obama chegará así a Londres coa mente virada para o Congreso do seu país e coa esperanza de que o seu plan de rescate sexa finalmente aprobado. As sondaxes de opinión consideran que un 54% dos estadounidenses ven con optimismo este plan. Pero tendo en conta o preocupante cadro económico, a marxe política de manobra de Obama pode diminuír: se o Congreso non aproba o plan, a administración de Obama só contará con US$12.000 millóns herdados do goberno de George W. Bush, para acometer novos plans de rescate e pedir a aprobación lexislativa, en condicións agora adversas.

Paralelamente, a excesiva “monetarización” da débeda pública en mans da Reserva Federal estadounidense (FED) permite intuír un mais que probable proceso inflacionista a curto e mediano prazo, tendo en conta a constante emisión inorgánica de diñeiro. O balance monetario da FED é sumamente preocupante neste sentido, debido a que concentra US$ 4 billóns, correspondendo a un 30% do PIB estadounidense.

Coincidindo coa presenza de Obama e a súa posterior xira europea, o cumio do G-20 parece igualmente proclive a permitir unha aproximación indirecta cara determinadas cuestións diplomáticas, xeopolíticas e de seguridade internacional. Á marxe do peso da crise económica global, temas como a reconstrución de Afganistán; a aparición dunha nova etapa nas relacións entre Rusia e Occidente; o cambio climático; a seguridade alimentaria ou o programa nuclear iraniano, cobrarán importancia neste encontro.

Aproveitando a celebración do cumio, os movementos altermundialistas e diversos colectivos antiglobalización e anticapitalistas fixeron acto de presenza en varias capitais europeas, a fin de facer presión nas rúas polo cambio do modelo económico.


O estado da economía mundial

Un escenario determinado pola recesión económica global, o aumento do desemprego, o descenso do consumo e dos prezos das materias primas e a incerteza sobre a eficiencia dos plans económicos de rescate aplicados en EEUU e Europa, conforman un panorama sombrío para a economía mundial.

A débeda pública e o déficit fiscal están incrementando a preocupación dos gobernos europeos e estadounidense. Actualmente, o déficit orzamentario francés está calculado en 5,5% do PIB, mentres o británico é do 7,2% e o estadounidense do 12%. Estimacións do FMI consideran que, para o 2012, estes índices de débeda pública en relación ao PIB poden alcanzar o 97% en EEUU, o 80% en Francia, o 79% en Alemaña e o 75% en Gran Bretaña.

Desde América Latina, que enviará ao cumio do G-20 a tres representantes, Brasil, Arxentina e México, aumentan as preocupacións sobre o impacto social e político da actual crise económica, especialmente se derivan nun retroceso do crecemento económico experimentado no último quinquenio, precisamente en vésperas dun amplo ciclo electoral hemisférico.

Á delicada radiografía económica global engádese o caso do escándalo da aseguradora AIG en EEUU, que está propiciando un sórdido enfrontamento entre o goberno de Obama e o Congreso. A finais de marzo, Geithner aprobou o pago de US$ 165 millóns en primas aos altos directivos de AIG, o cal provocou unha forte reacción contraria entre os contribuíntes estadounidenses e os congresistas, que agora poderían negarse a aprobar maiores axudas adicionais ao sistema financeiro propostas por Geithner e o seu equipo económico. Este, pola súa banda, prometeu deducir eses US$ 165 millóns do último paquete de axuda a AIG, valorado en US$ 30.000 millóns.

O efecto expansivo do caso AIG en Europa está provocando reaccións similares ás ocorridas en EEUU. Entidades acusadas de provocar a crise financeira e rescatadas polas axudas estatais, como o británico Royal Bank of Scotland e o alemán Dresdner Kleinwort, viron como os seus directivos lograban embolsarse sumas millonarias en primas, ante a indignación da opinión pública dos seus respectivos países. A propia chanceler alemana Ánxela Merkel e o presidente Horst Köhler criticaron estes pagos, instando aos directivos a colocar ese diñeiro en “fondos de solidariedade”.

A industria automobilística tamén cobrou o seu protagonismo, tralas destitucións do director xeral de General Motors en EEUU e do director-xerente da empresa automobilística francesa PSA Peügeot, a escasos tres días de iniciarse o cumio.


Influirán as “economías emerxentes”?

Xunto á posibilidade de atopar marcos comúns de consenso para reformar o sistema financeiro internacional e propiciar os mecanismos de regulación dos mercados, outra das claves do cumio do G-20 está centrado na posibilidade de que as denominadas “economías emerxentes” cobren un peso esencial na toma de decisións.

Países como China (a terceira economía mundial, despois de superar a Alemaña), Brasil, India, Rusia, Turquía e Sudáfrica están ampliando o seu nivel de actuación nos foros internacionais, o cal incrementa as expectativas sobre as súas propostas, definidas tamén en torno a cómo lles afecta a caída dos prezos das materias primas e a recesión económica mundial. Outros países como Arxentina e Indonesia acoden a Londres con maiores dificultades económicas, incluso anteriores á crise global experimentada a partir de setembro de 2008.

O cumio do G-20 de Washington de novembro pasado discutiu a necesidade de ampliar os marcos de participación das “potencias emerxentes” nos organismos económicos internacionais, especificamente o FMI e BM. O próximo cumio de Londres moi probablemente permitirá ampliar estes espazos de actuación e decisión para economías en ascenso como Brasil, China e India. Pero ao igual que a esperada reforma das institucións financeiras internacionais, o papel das potencias emerxentes tamén transita por canais de incerteza.

 
Volver a TitularesVolver a Igadi Paper



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 10/04/2009
Fernando Pol Trigo


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta