Informe de Situación / nº 022-22/2007 de 20 de decembro Volver a TitularesVolver a Informe de Situación
Montevideo, 17-18 de decembro de 2007
XXXIV Cumio do Mercosur
 
 

  XXXIV Cumio do Mercosur, foto de grupo; clic para aumentar
O XXXIV Cumio do MERCOSUR apoiou o ingreso pleno de Venezuela como quinto membro do bloque, tentando axilizar unha serie de mecanismos de ratificacións tras varios meses de discusións e controversias. Neste sentido, o presidente Chávez obtivo un notable logro diplomático, especialmente de cara a concretar os proxectos enerxéticos comúns no espazo suramericano, evidenciándose cómo Arxentina supón o principal aliado venezolano no marco do MERCOSUR. (Na foto, de esquerda a dereita, Michelle Bachelet (Chile), Nicanor Duarte Frutos (Paraguai), Tabaré Vázquez (Uruguai), Cristina Fernández (Arxentina), Luiz Inacio Lula da Silva (Brasil), Hugo Chávez (Venezuela) e Evo Morales (Bolivia), en Montevideo o 18 de decembro de 2007).
Reinaldo Gargano e Joaquín Almunia; clic para aumentar
En Montevideo estivo presente o comisario europeo de Asuntos Económicos e Monetarios, Joaquín Almunia (dereita), para impulsar as negociacións bilaterais que comezarán unha nova fase a partir de maio de 2008. (Na foto, Reinaldo Gargano, ministro de Asuntos Exteriores de Uruguai, e Joaquín Almunia).
 
Sipnose

Nunha conxuntura caracterizada polas suspicacias de cara ao futuro do Mercado Común do Sur (MERCOSUR), así como por determinadas rivalidades internas e conflitos bilaterais, o XXXIV Cumio deste organismo celebrado en Montevideo amosou determinados avances tales como o apoio global ao ingreso pleno de Venezuela, a supeditación dos conflitos políticos internos de cara a solidificar a integración sudamericana, un novo impulso á negociación bilateral coa Unión Europea e a subscrición dun inédito acordo de libre comercio con Israel.


Análise

A celebración do XXXIV Cumio do MERCOSUR o 17 e 18 de decembro en Montevideo, estivo precedida por diversas crises internas entre algúns dos seus países membros, Arxentina, Brasil, Uruguai e Paraguai, incluída a futura adhesión de Venezuela e dos outros cinco asociados: Bolivia, Chile, Perú, Ecuador e Colombia que, finalmente, non repercutiron na positiva viabilidade do cumio.

En primeiro lugar, a presidenta arxentina Cristina Fernández de Kirchner, asumiu a presidencia rotativa semestral do MERCOSUR, ata ese momento en mans do anfitrión presidente uruguaio Tabaré Vázquez, co cal se imprimía non só un cambio de mando senón un novo enfoque ao proceso político do bloque.

Durante a súa investidura presidencial en Bos Aires o pasado 10 de decembro, Cristina Fernández de Kirchner imputou directamente a Tabaré Vázquez a responsabilidade do conflito bilateral suscitado pola presenza da papeleira ENCE no Río Uruguai, suceso que espallou as históricas rivalidades limítrofes entre ambos países.

Non obstante, en Montevideo, e no marco da súa primeira cita internacional, a sra. Kirchner asumiu xunto ao seu homólogo uruguaio unha relación bilateral mais fluída e amigable, deixando atrás as mutuas diverxencias entre Bos Aires e Montevideo, probablemente coa finalidade de iniciar unha nova era nas relacións bilaterais.

Un segundo aspecto tivo que ver co escándalo do presunto financiamento da campaña electoral da sra. Kirchner por parte do presidente venezolano Hugo Chávez Frías, ante as acusacións provenientes do Departamento de Xustiza estadounidense e do Federal Bureau of Investigation (FBI) en Washington, trala detención de tres venezolanos en Florida implicados nesta presunta operación financeira.

En Washington se acusaba a Chávez de entregar 800.000 dólares en agosto pasado á campaña electoral de Kirchner, suceso que ameazaba con entorpecer as decisións que se tomaran no cumio. Non obstante, o presidente venezolano recibiu un decidido apoio global do MERCOSUR ante este tipo de acusacións, respaldo que logrouse ampliar de cara á axilización dos mecanismos de integración plena de Venezuela no bloque, a falta da ratificación do Senado de Brasil e Paraguai.

Precisamente, en agosto pasado, esta tardanza por ratificar a adhesión venezolana provocou fortes ataques directos de Chávez aos respectivos Senados destes países, que afectaron seriamente non só ás relacións bilaterais de Caracas con Brasilia e Asunción senón á consolidación dun marco conxunto de relacións no MERCOSUR. Nese momento, Chávez suspendeu momentaneamente a concreción do Gasoduto do Sur, proxecto enerxético conxunto con Brasil e Arxentina.

Un terceiro aspecto tivo que ver coa crise política que vive actualmente Bolivia ante a ratificación da nova Constitución, os violentos enfrontamentos na cidade de Sucre e a rebeldía de sete rexións administrativas do Oriente do país contra o goberno de Evo Morales, incluso baixo a ameaza de secesión territorial.

Pouco antes do cumio de Montevideo, o presidente brasileiro Lula da Silva visitou Bolivia para fortalecer o seu respaldo á institucionalidade política en mans do presidente Morales, así como reforzar os investimentos e intereses enerxéticos da estatal brasileira PETROBRAS no país andino.

Este respaldo brasileiro serviu de referencia para que a totalidade do bloque de MERCOSUR elaborara unha declaración conxunta de apoio a Morales e de “respecto á vontade popular e democrática” boliviana, condenando a violencia en Sucre e noutros departamentos orientais considerados como “factores de desestabilización do lexítimo goberno de Morales”.

Esta declaración conxunta do MERCOSUR ía en clara alusión aos líderes políticos e empresariais das rexións “rebeldes” de Santa Cruz, Pando, Trinidad, Beni, Cobija, Tarija e Chuquisaca, que amosan unha frontal oposición á reforma constitucional e política impulsada polo actual goberno boliviano.

En Montevideo presentáronse outros aspectos conflitivos que servían de referencia para medir o impacto político rexional. Particularmente significativa era a crítica conxuntura bilateral entre Caracas e Bogotá ante a recente e aínda inexplicable cancelación por parte do presidente colombiano Álvaro Uribe Vélez da mediación de Chávez coa guerrilla das Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia (FARC), concibida para propiciar un intercambio humanitario de reféns.

O mesmo día da inauguración do cumio, as FARC anunciaron que entregarían a Chávez tres secuestrados, incluída Clara Rojas, compañeira política da ex candidata Ingrid Betancourt.


Entre Venezuela e EEUU

A pesar destas referencias conflitivas que ameazaban con escurecer o cumio do MERCOSUR, a cita en Montevideo serviu para outorgar un novo aire de confianza na viabilidade do bloque de integración así como na necesidade de concordar estratexias políticas conxuntas e co resto do mundo.

O XXXIV Cumio do MERCOSUR apoiou o ingreso pleno de Venezuela como quinto membro do bloque, tentando axilizar unha serie de mecanismos de ratificacións tras varios meses de discusións e controversias.

Neste sentido, o presidente Chávez obtivo un notable logro diplomático, especialmente de cara a concretar os proxectos enerxéticos comúns no espazo suramericano, evidenciándose cómo Arxentina supón o principal aliado venezolano no marco do MERCOSUR.

Tanto o ex presidente arxentino Néstor Kirchner como a súa esposa e actual presidenta son activos defensores do ingreso venezolano a tal punto que a Sra. Kirchner declarou que “asumía a presidencia do MERCOSUR co obxectivo de incorporar a Venezuela e configurar a estratexia de integración enerxética”.

En Montevideo, Chávez defendeu o ingreso venezolano aducindo que o seu país podería contribuír á “eliminación das asimetrías” entre os membros do MERCOSUR, tal e como se evidencia ante a enorme diferenciación na potencialidade económica de Brasil e Arxentina con respecto a Uruguai e Paraguai, elemento que provoca constantes críticas e demandas por parte destes dous países.

Non obstante, amosáronse determinadas diverxencias internas sobre a relación do bloque e dos seus respectivos países con EEUU, especialmente de cara á concreción de acordos bilaterais de libre comercio. Incluso, neste apartado, existiu un careo directo entre Lula da Silva e Cristina Fernández de Kirchner sobre a existencia de “inimigos internos e externos” dentro de MERCOSUR.

Por unha banda, existe un bloque interno entre países membros e asociados, con Brasil, Uruguai, Paraguai, Chile, Perú e Colombia, que amosan un maior pragmatismo e comprensión en defensa dunha relación viable con Washington.

Os gobernos brasileiro, uruguaio, paraguaio e chileno posúen actualmente acordos individuais de libre comercio con Washington, mentres Perú e Colombia están en plena negociación, a falta da aprobación do Congreso estadounidense que, de paso, está atopando maiores resistencias das esperadas. Incluso, o goberno de George W. Bush especula con aprobar o acordo con Colombia a cambio de maior asistencia antidrogas.

Pola súa banda, Arxentina, Venezuela e Bolivia amosan severas críticas ao que denuncian como “influencia estadounidense no MERCOSUR”, incluso determinando unha relación estratéxica entre Arxentina e Venezuela, solidificada trala compra por parte do goberno venezolano de bonos de débeda arxentina por valor superior aos 3.000 millóns de euros, o que permitiría nivelar a preponderancia de Brasil como o principal actor político e económico no MERCOSUR.

Paralelamente, as acusacións dende Washington sobre o presunto financiamento venezolano da campaña electoral da Sra. Kirchner, contribúe tamén á sincronización política entre Bos Aires e Caracas.


A relación coa UE

Neste contexto, o cumio de Montevideo aprobou tres iniciativas relevantes. A primeira, un apoio oficial á creación do Banco do Sur, evento celebrado o pasado 9 de novembro en Bos Aires, e que conta co impulso do presidente venezolano.

En segundo lugar, aprobouse unha iniciativa de cooperación coa Unión Europea, incluíndo unha achega de 50 millóns de euros non reembolsable ata o 2013, para o proceso de negociación dun Acordo de Asociación Interrexional MERCOSUR-UE, o fortalecemento institucional do Parlamento, a Secretaría Técnica e o Tribunal Permanente de Revisión do bloque suramericano e da súa normativa técnica, sanitaria e medioambiental.

En Montevideo estivo presente o comisario europeo de Asuntos Económicos e Monetarios, Joaquín Almunia, para impulsar as negociacións bilaterais que comezarán unha nova fase a partir de maio de 2008.

No seu discurso como presidenta pro tempore do MERCOSUR, Cristina Fernández de Kirchner defendeu como prioridades da súa xestión a incorporación definitiva de Venezuela, a revitalización das negociacións coa UE iniciadas en 1999, a solución no primeiro semestre de 2008 de diversas controversias aduaneiras e a atención ás demandas de Uruguai e Paraguai sobre as asimetrías económicas no seo do bloque.

Os presidentes dos países membros referíronse igualmente a outros elementos de integración a nivel hemisférico, tales como un acercamento do MERCOSUR ao Sistema de Integración Centroamericano (SICA) e a México como posible membro asociado.


O acordo MERCOSUR-Israel

Un terceiro aspecto de importancia, así como de carácter inédito, foi a subscrición por vez primeira dun tratado de libre comercio cun país non suramericano, neste caso Israel. Para o asinamento do acordo entre MERCOSUR e Israel estivo presente o ministro israelí de Industria, Comercio e Traballo, Eliahu Yishai.

O nivel de negocios entre os países membros de MERCOSUR e Israel é aínda moi reducido: entre xaneiro e outubro de 2007, as exportacións dende América do Sur a Israel foron valoradas en 440 millóns de euros con 630 millóns de importacións, dentro dun intercambio comercial no que se inclúen graos, maquinaria, calzado, proutos agroquímicos, software e tecnoloxía. En Arxentina, Uruguai e Brasil existen numerosos colectivos da diáspora xudea, factor que contribúe tamén a incrementar a cooperación noutros ámbitos.

Non obstante, este inédito acordo desata algunha controversia política. Aínda que Venezuela non é membro pleno do MERCOSUR, a estreita alianza de Chávez con Irán e o seu apoio ao programa nuclear iraniano provoca serios enfrontamentos entre Caracas e Tel Aviv. Chávez suspendeu temporalmente as relacións diplomáticas con Israel durante a guerra no Líbano en agosto de 2006.

Por non ser aínda membro pleno, Venezuela non asinou o acordo entre MERCOSUR e Israel pero, unha vez se materialice o ingreso oficial venezolano no bloque suramericano, Caracas terá un período de 270 días para analizar o tratado de libre comercio con Israel mentres o órgano político oficial do MERCOSUR consultará co goberno israelí se acepta a incorporación venezolana a este acordo.

Entre os distintos niveis de acordos e controversias políticas, aduaneiras e de relacións bilaterais, MERCOSUR iniciará inevitablemente unha nova fase a curto e mediano prazo, coa incorporación de Venezuela como quinto membro deste bloque creado en 1991.

 
Volver a TitularesVolver a Informe de Situación



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 19/12/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta