| Informe de Situación / nº
021-21/2007 de 28 de novembro |
||||||||
| México: Un primeiro balance da presidencia de Felipe Calderón | ||||||||
|
A crise social provocada polas recentes inundacións no estado mexicano de Tabasco supoñe un enorme reto político (con considerables custes sociais e económicos) para o presidente Felipe Calderón, que inaugura en decembro o seu segundo ano de goberno. Se ben existe consenso en aprobar moderadamente o seu primeiro ano de xestión, Calderón debe afrontar unha serie de retos nesta nova etapa gobernamental, tales como a inseguridade cidadá (que afecta considerablemente á emigración galega nese país); o impacto social da “militarización” da seguridade pública; o novo plan antidrogas con EEUU; o renacer político do outrora hexemónico Partido Revolucionario Institucional (PRI); e o pulso que aínda mantén un alicaído líder da esquerda Andrés Manuel López Obrador, considerado a si mesmo como “presidente lexítimo”. Todos estes factores corroboran a importancia que México, a segunda maior economía latinoamericana tras Brasil, ten para Galicia, na véspera da inminente visita a ese país do presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño.
A piques de cumprir o seu primeiro ano no goberno, o presidente Felipe Calderón Hinojosa, do centrodereita Partido da Acción Nacional (PAN), afronta unha conxuntura política e social determinada, principalmente, polo impacto social e humanitario das intensas choivas rexistradas no estado sudoriental de Tabasco, que lle obrigaron a suspender a súa participación no pasado Cumio Iberoamericano de Santiago de Chile. As inundacións en Tabasco anegaron o 80% da súa superficie (25.000 km2), provocando un millón de desprazados nun estado cunha poboación de 2,1 millóns de habitantes. As choivas provocaron danos en 200.000 das 467.000 vivendas e nun 60% das súas infraestruturas terrestres. Paralelamente, un total de 78.000 persoas vironse afectadas con enfermidades diarreicas, respiratorias e de pel. Incluso existen riscos de expansión de epidemias como cólera, paludismo, dengue, hepatites, etc., agravadas, especialmente, co clima húmido existente en Tabasco. En canto á axuda española aos damnificados en Tabasco, dous avións militares baixo a coordinación da Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI), trasladaron axuda de emerxencia por valor de 600.000 euros. A crise en Tabasco non supón o único reto que debe afrontar o presidente Calderón. O poder das redes criminais e o polémico plan de loita antidrogas coordinado con EEUU configuran un cadro político e social complexo para os próximos catro anos de presidencia. Non obstante, no seu primeiro ano de xestión, os resultados semellan favorecer ao actual presidente. O cuarto diagnóstico trimestral de 2007 da enquisadora mexicana Mitofsky sinala que o índice de aprobación da xestión presidencial de Felipe Calderón se sitúa no 62%, colocándose como o terceiro mandatario latinoamericano mellor valorado tralo presidente arxentino, Néstor Kirchner, e o colombiano, Álvaro Uribe Vélez, utilizando un marco de comparación rexional xunto á enquisadora Latinobarómetro. A enquisa de Mitofsky considera que neste primeiro ano de goberno de Calderón “existe unha sensación de certa estabilidade, non se albiscan crises políticas e económicas a mediano prazo e se observa a un goberno que exerce a súa autoridade e logra propiciar o diálogo e a negociación”. Entre estas negociacións destacan a reforma do réxime de pensións dos traballadores do Estado, a modificación constitucional de leis electorais e avances en cuestións de tributación financeira. En canto ao cadro económico, presenta un panorama moderadamente positivo. Existe estabilidade monetaria do peso mexicano con respecto ao dólar e as moedas estranxeiras; a inflación se estabiliza en torno ao 4% e o déficit público está en niveis manexables. Sen embargo, Calderón debe afrontar a enorme carga fiscal, e diversos problemas financeiros e de capacidade operativa dentro da estatal petroleira PEMEX. O crecemento económico mexicano está entre os máis baixos de América Latina, con estimacións para finais de 2007 do 3,5% de crecemento e do 2,9% para o 2008, afondando tamén na enorme dependencia mexicana da evolución da economía estadounidense, aínda sacudida polo impacto da crise inmobiliaria. Paralelamente, Calderón non logrou cumprir a súa promesa de crear 1,2 millóns de empregos no seu primeiro ano de goberno. A cifra sitúase en 825.000 empregos pero dende diversos sectores empresariais consideran que estes empregos xa existían e que non constaban nas estatísticas oficiais. De igual modo, se considera que un 54% dos novos empregos son precarios e de pouca duración temporal. En canto á loita contra a pobreza, Calderón centrouse en cumprir as metas trazadas nas derradeiras décadas de goberno en México: creación de programas de asistencia en alimentos, saúde e diñeiro; escolaridade infantil e capacitación produtiva e profesional. As estatísticas oficiais consideran que un 13,8% dos 104 millóns de mexicanos sofren pobreza "alimentaria", aquelas persoas que non poden cubrir as súas necesidades básicas de alimentación e que reciben 1,6 dólares diarios nas zoas rurais e 2,2 dólares diarios nas zoas urbanas. En canto á pobreza "patrimonial", está calculada en 42,6% da poboación que recibe ata 3,6 dólares diarios na área rural e 5,5 dólares nas cidades. As cifras oficiais indican que a poboación pobre diminuíu no período de presidencia de Vicente Fox (2000-2006) do 53,6% a 42,6%, un avance celebrado polo goberno de Calderón xa que constitúe unha cifra histórica: por vez primeira en 50 anos, a pobreza en México afecta a menos da metade da súa poboación. A pesar deste cadro globalmente favorable, o enorme impacto social das inundacións no estado de Tabasco obrigou ao presidente Calderón a adiantar un plan de recuperación valorado en 400 millóns de euros. Non obstante, os organismos sociais e humanitarios consideran que o cálculo dos danos supera en sete veces o monto oficial ofrecido polo goberno. A agricultura e a gandería de Tabasco, sostén económico do estado, están practicamente en ruínas. Ante este delicado panorama, os medios de comunicación acusaron a diversos dirixentes da utilización e manipulación política das axudas económicas aos afectados. Tabasco é un estado gobernado por Andrés Granier, do Partido Revolucionario Institucional (PRI), mentres a súa capital, Villahermosa, está baixo goberno do esquerdista Partido da Revolución Democrática (PRD) desde 1997. Precisamente, Tabasco é o estado natal de Andrés Manuel López Obrador, líder do PRD e da oposición a Calderón, quen segue a considerarse o presidente lexítimo de México tras perder ante Calderón en xullo de 2006 por menos dun punto porcentual, nunhas polémicas eleccións presidenciais. A comezos de novembro cumpriuse un ano da proclamación por parte de Obrador e os seus simpatizantes do “goberno lexitimamente constituído”, descoñecendo a vitoria de Calderón e a decisión do Instituto Nacional Electoral (INE). Francisco Ramírez, secretario da Gobernación, cargo similar a ministro do Interior en México, acusou ao PRI e o PRD de utilizar politicamente a traxedia humanitaria en Tabasco para facer propaganda e entorpecer o labor do goberno de Calderón. Precisamente, a crise de Tabasco sirve como pulso político para medir a realidade mexicana actual, especialmente ante o renacer electoral do PRI, vencedor en 10 das derradeiras 14 eleccións municipais a nivel nacional, incluíndo a polémica conservación do seu gobernador Ulises Ruiz no estado de Oaxaca, cunha rebelión popular dirixida pola Asemblea Popular dos Pobos de Oaxaca (APPO) que supuso un gran reto para a presidencia mexicana e para o PRI a partir de agosto de 2006. No caso de Oaxaca, tanto o ex presidente Vicente Fox como o actual mandatario Calderón e a dirixencia do PAN pactaron tacitamente co PRI para recoñecer a polémica vitoria electoral de Ulises Ruíz en xullo de 2006, suceso que provocou o espallamento da rebelión popular da APPO. A pesar de que existe certa sincronía política e lexislativa entre o PRI e o PAN, a recente renovación política e o renacer do PRI podería supoñer o principal reto político de Calderón nos próximos catro anos da súa lexislatura. O PRI segue a manter unha poderosa rede política organizada a nivel nacional, amosando unha recuperación do seu tradicional peso e influencia, así como tamén do poder en 17 gobernacións do país. O ascenso do PRI oriéntase a construír unha alternativa para as eleccións presidencias de 2011, mentres Calderón está á espera do que suceda con López Obrador e o PRD. Afastado do debate político nas institucións oficiais e da atención dos medios de comunicación, López Obrador tenta recuperar os seus espazos coa renovación do seu discurso de “defensa dos recursos estratéxicos nacionais”, tales como o petróleo e a electricidade. Non obstante, a “marxinalización” do PRD tralo pulso mantido por López Obrador co presidente Calderón e o fracaso do seu “goberno paralelo” iniciado en novembro de 2006, está a pasarlle factura. A emerxencia no seo do PRD dunha forza renovadora, a “Nova Esquerda”, dirimirá a súa forza política cos partidarios de López Obrador nas eleccións internas do PRD previstas para marzo de 2008. Incluso se considera que dende o PAN e o propio presidente Calderón, lograron minar o apoio interno a López Obrador dentro do PRD, mediante negociacións e apoios políticos a algúns sectores. O líder do PRD segue a impulsar as mobilizacións sociais, aínda que cada vez con menor impacto popular e informativo, mentres o seu partido está colleitando diversas derrotas en eleccións municipais, fracaso que en diversos sectores do PRD se atribúen á presunta intransixencia política de López Obrador por non recoñecer a lexitimidade do goberno de Calderón. Outro factor político que deberá afrontar o goberno de Calderón é a reaparición da guerrilla do Exército Popular Revolucionario (EPR), que dende agosto pasado desenvolve accións contra instalacións da industria petroleira Pemex, espertando a lóxica preocupación do goberno. Entre as reivindicacións do EPR figuran as críticas contra o poder político pola irresolución da problemática social e indíxena nos estados de Chiapas e Oaxaca. Tanto como a crise humanitaria en Tabasco e os seus efectos políticos, o goberno de Calderón afronta severas críticas internas pola activación, o pasado 22 de outubro, dun plan antidrogas coordinado con EEUU, a “Iniciativa Mérida”, e o seu impacto na loita contra as bandas narcotraficantes, a criminalidade e as acusacións de violacións de dereitos humanos por parte dos organismos de seguridade pública e o Exército. A “Iniciativa Mérida” naceu en marzo pasado, durante unha reunión de Calderón co presidente estadounidense, George W. Bush, neste estado mexicano. O plan, coloquialmente coñecido como “Plan México” polas súas constantes comparacións co Plan Colombia, prevé unha asistencia financeira de Washington calculada en 1.400 millóns de dólares nun período de tres anos, a comezar en 2008, a fin de loitar contra as mafias da droga, prever os controis migratorios na fronteira mexicano-estadounidense e posibilitar “estratexias de acción conxuntas contra o terrorismo”. En canto ao apartado migratorio, diversos sectores opositores a Calderón consideran que este plan aumenta as restricións para o ingreso a EEUU, onde habitan once millóns de mexicanos, seis millóns deles en estado de ilegalidade. Unha primeira porción desta axuda son 500 millóns de dólares para asistir ás Forzas Armadas mexicanas en labores de combate antidrogas. Este plan tamén inclúe a súa expansión cara outros países de América Central. Un 90% da droga que entra en EEUU pasa por México, xerando cifras que oscilan entre os 8 e os 23 mil millóns de dólares segundo o Centro Nacional de Intelixencia do Departamento de Xustiza en Washington. Só no 2006 ocorreron 2.100 mortes en México relacionadas co tráfico de drogas. Ademais de comparar a “Iniciativa Mérida” cos efectos perniciosos do Plan Colombia, a oposición política e diversos medios de comunicación acusan ao presidente Calderón de certo “secretismo” oficial na presentación do plan, dado que os principais elementos foron facilitados á prensa tras filtracións informativas dende o Congreso estadounidense e funcionarios do goberno de Bush. A “Iniciativa Mérida” provoca fortes reaccións nos partidos e medios opositores, por considerar que ata aínda máis ao goberno mexicano dentro da estratexia de seguridade hemisférica impulsada por Washington. Paralelamente, se acusa ao presidente Calderón de lexitimar e xustificar este plan antidrogas para a loita contra as bandas criminais en México. A fin de combater a criminalidade e o narcotráfico, o presidente Calderón activou en decembro de 2006 un plan de seguridade nacional que involucrou a 35.000 efectivos militares e policiais en doce estados conflitivos, principalmente Michoacán, Tijuana, Sonora, Guerrero, Sinaloa e Nuevo León. Pero a “militarización” da seguridade pública espallou diversas acusacións de violacións de dereitos humanos por parte do Exército e os organismos policiais. A corrupción policial e falta de preparación dos efectivos militares para as tarefas a desenvolver deron paso a todo tipo de arbitrariedades, allanamentos, detencións inxustificadas, abusos sexuais e violacións contra mulleres, roubos, torturas e asasinatos en diversos estados pobres, onde proliferan as mafias das drogas e criminais. A Comisión Nacional dos Dereitos Humanos (CNDH) presentou en setembro pasado catro acusacións de violacións de dereitos humanos ocorridas nos derradeiros anos e que involucran directamente a militares. Tres destes casos ocorreron no primeiro ano de goberno de Calderón, especificamente desde a activación da “militarización” da seguridade pública. Ao mesmo tempo, uns 400.000 efectivos policiais están sendo investigados por posibles actividades delictivas. Todo este panorama incrementa o seu risco social ante os elevados índices de criminalidade, que tamén afectan á numerosa emigración galega en México. Desde xaneiro de 2007, os índices de asasinatos en México se acercan aos 2.000 crimes, sendo un 85% causados por enfrontamentos entre bandas criminais, cifra similar á alcanzada en todo o 2006. No caso do impacto da criminalidade na emigración galega, un caso particular foi o secuestro en outubro pasado, e a posterior liberación tras 14 días de cativerio, do empresario ourensán Edelmiro Pérez Merelles, de 46 anos, radicado na capital, México D.F, aínda que o seu secuestro ocorreu no municipio de Nezahualcoyolt, na área metropolitana capitalina. As estatísticas sinalan que na derradeira década, un total de 20 emigrantes galegos foron secuestrados en México e Venezuela, os países con maiores índices de secuestros e criminalidade a nivel hemisférico. Desde o ano 2002, a presidencia de México dispón dun centro particular destinado á análise e diagnóstico dos índices de criminalidade. Pero estes estudos revelan a incapacidade e ineficacia das institucións estatais dedicadas a combater o delito, a falta dun proxecto integral para resolver os crimes e cómo a corrupción gangrena sensiblemente o labor estatal. O seu primeiro estudo (2002), revelou taxas de roubo e homicidios de 50 e 10, respectivamene, por cada 100.000 habitantes. Os estados con maiores índices de criminalidade son a capital México D.F (11,3%), Veracruz (7,7%) e o estado de México (7,3%) Os estados con maior número de delincuentes por cada 100.000 habitantes son Sonora, Baixa California Sur, Colima e Tamaulipas. Desde 1980, o número de delincuentes medrou un 123%, á par dun aumento da poboación do 46%. |
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 29/11/2007 |
||||||||
|
||||||||