Informe de Situación / nº 020-20/2007 de 28 de novembro Volver a TitularesVolver a Informe de Situación
Cuba: Panorama político e económico
 
 

  Miguel Ángel Moratinos e Felipe Pérez Roque; clic para aumentar
Resulta importante sinalar o asinamento na capital cubana a principios de outubro do Acta da Comisión Mixta de Cooperación ao Desenvolvemento, entre o ministro español de Relacións Exteriores, Miguel Ángel Moratinos, o seu homólogo cubano, Felipe Pérez Roque, e a secretaria de Estado de Cooperación, Leire Pajín, destinada a reiniciar a axuda oficial española cara Cuba, interrompida desde 2003 durante o goberno de José María Aznar, en represalia polo encarceramento de 75 disidentes cubanos. (Foto: Miguel Ángel Moratinos (esquerda) e Felipe Pérez Roque na Habana o 2 de abril de 2007).
 
Sipnose

Con motivo da primeira visita a Cuba do presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, resulta conveniente unha aproximación á situación política e económica cubana, enmarcada dentro dunha conxuntura particular tralo proceso de transmisión temporal de poderes a mans de Raúl Castro, realizada o pasado 31 de xullo de 2006.

Cuba presenta un cadro de aparente estabilidade na súa situación política, traducíndose nunha paulatina apertura nas súas relacións exteriores e a súa implicación nos foros internacionais. Así mesmo, se observan síntomas de recuperación do seu cadro económico, especialmente a resultas da cooperación enerxética con Venezuela e os investimentos e intercambio comercial con China. Paralelamente, a Unión Europea adianta unha nova rolda de negociacións coas autoridades cubanas, onde a temática dos dereitos humanos seguirá cobrando unha especial importancia.


Análise

A visita que realizará a Cuba o presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, prevista para o próximo 2 de decembro de 2007, supón un momento de inflexión significativo nas relacións entre Cuba e Galicia, establecidas dentro dun fluído marco de apertura e diálogo institucional, político, económico e cultural, igualmente determinadas dentro do contexto político e diplomático das relacións entre La Habana e Madrid.

Neste apartado, resulta importante sinalar o asinamento na capital cubana a principios de outubro do Acta da Comisión Mixta de Cooperación ao Desenvolvemento, entre o ministro español de Relacións Exteriores, Miguel Ángel Moratinos, o seu homólogo cubano, Felipe Pérez Roque, e a secretaria de Estado de Cooperación, Leire Pajín, destinada a reiniciar a axuda oficial española cara Cuba, interrompida desde 2003 durante o goberno de José María Aznar, en represalia polo encarceramento de 75 disidentes cubanos.


Galicia e Cuba en 2007

Dende a perspectiva galega, a visita institucional do presidente Touriño posúe un gran significado. A próxima celebración do centenario da composición do primeiro Himno Galego no Centro Galego de La Habana dará paso a unha maior vertebración da cooperación institucional e cultural entre Galicia e Cuba.

Esta cooperación terá unha importancia específica coa celebración en febreiro de 2008 da Feira Internacional do Libro de La Habana, evento que terá na súa próxima edición a Galicia e a súa literatura como “convidada especial” e centro de atención. Tras varios anos de ausencia, a edición contará con nutrida presenza editorial, cultural e musical galega. Outro foco de atención estará localizado na rehabilitación e impulso ás infraestruturas e axudas económicas para o Centro Galego da capital, como simbolo dos vencellos históricos directos entre Cuba e Galicia.

A visita do presidente da Xunta de Galicia culmina unha serie de eventos celebrados na illa caribeña en 2007 e que contaron con presenza galega. En xullo pasado, o secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, mantivo un encontro co viceministro cubano de Cultura e Relacións Internacionais, Fernando Rojas, coa finalidade de acordar os actos de conmemoración do centenario do Himno Galego e das axudas asistenciais aos emigrantes galegos na illa caribeña, entre outros.

Posteriormente, en novembro realizouse unha visita institucional por parte dos alcaldes da comarca de Barcala (Negreira, A Baña e Val do Dubra), con motivo da celebración do centenario da “Sociedade Cultural e Benéfica da Unión Barcalesa de A Habana”, asociación que naceu na capital cubana en 1907 e que actualmente agrupa a 315 emigrantes e descendentes de emigrantes barcaleses. Durante esta visita, a delegación barcalesa reuniuse co vicepresidente primeiro de Cuba, José Ramón Fernández.

Como evidencian estas visitas institucionais, as relacións entre Galicia e Cuba transitan con normalidade en diversos ámbitos da cooperación exterior, de apoio ao colectivo da diáspora e en materia de investigación e cooperación universitaria, sanitaria e cultural. Especial significado tivo a celebración en abril pasado na capital cubana do I Encontro Audiovisual de Galicia-Cuba e da Semana de Cine Galego, eventos que contaron coa presenza do secretario xeral de Comunicación da Xunta e presidente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Fernando Salgado.


O panorama político

Neste contexto de relacións fluídas, Cuba presenta un panorama marcado pola estabilidade, superada a inicial fase de incerteza trazada trala “cesión temporal de poderes” realizada o 31 de xullo de 2006 por parte do presidente, Fidel Castro Ruz (81 anos), a mans do seu irmán e ministro de Defensa, Raúl Castro Ruz (76 anos), seguindo os preceptos establecidos no artigo 94 da Constitución cubana e da súa ratificación durante as sesións do V Pleno do Congreso do Partido Comunista de Cuba (PCC) de 1997.

Tanto como “presidente provisional en funcións”, Raúl Castro ocupa tamén os cargos de presidente do Consello de Estado, da secretaría xeral do PCC e como comandante en xefe das Forzas Armadas Revolucionarias (FAR). Paralelamente, e a pesar da súa convalecencia por razóns de saúde, Fidel Castro segue a amosar unha poderosa influencia nos asuntos do país.

Dende entón, a evolución da situación política cubana non deixa lugar a dúbidas sobre a consolidación da autoridade de Raúl Castro e da actual dirección na cúpula do Estado, conformada polo primeiro vicepresidente, Carlos Lage; o presidente da Asemblea Nacional do Poder Popular, Ricardo Alarcón Quesada; o ministro de Asuntos Exteriores, Felipe Pérez Roque; do ministro da Secretaría, Carlos Valenciaga, e do histórico comandante das FAR, Ramiro Valdés, como ministro de Comunicacións.

Este traspaso temporal de poder en mans de Raúl Castro volveu a colocar sobre a mesa diversas análises sobre a posible materialización dun pulso político de alto nivel entre os sectores “duros” do sistema socialista cubano e os “reformistas e moderados”. No primeiro grupo, habitualmente se identifican aos líderes históricos da revolución, como o propio Raúl Castro e o comandante Ramiro Valdés. No apartado dos “reformistas”, poderían situarse a personaxes como Carlos Lage, Fabián Alarcón, Felipe Pérez Roque e, incluso, a filla de Raúl, Mariela Castro Espín, directora do Centro Nacional de Educación Sexual, cunha proxección pública actualmente en ascenso a través da súa defensa dos dereitos das parellas homosexuais.

A fin de propiciar un amplo debate nacional sobre as prioridades dos cubanos, Raúl Castro e a cúpula do PCC impulsaron en setembro pasado unha convocatoria de asembleas populares para que os cidadáns “expoñan con sinceridade os seus criterios sobre os problemas que azoutan a Cuba”, especialmente os relativos á situación económica, ou as deficiencias do sistema sanitario e de servizos públicos.

Este proceso ampliouse coa apertura, entre o 21 e 28 outubro pasado, de diversas eleccións municipais a nivel nacional, que renovarán por un período de dous anos e medio os órganos responsables do ámbito local e que se completará a comezos de 2008, coa elección dunha nova Asemblea Nacional do Poder Popular (ANPP), onde figurarán os representantes e deputados que posteriormente elixirán os membros dos dous corpos esenciais do Estado: o Consello do Estado e o Consello dos Ministros.

Precisamente, esta elección da ANPP e dos Consellos de Estado e de Ministros serán o momento clave para medir o pulso da situación política en Cuba, cunha importancia que foi remarcada publicamente polo propio Raúl Castro. O presidente da ANPP, Fabián Alarcón, anunciou que el mesmo volvería a postular a Fidel Castro como xefe do Estado.

Pero na evolución deste proceso electivo estarán contidas as claves non só da conformación do goberno cubano para os próximos cinco anos senón da posible consolidación dun relevo xeracional que propicie tamén maiores cambios no sistema. Ao menos a curto prazo, a apertura política cara os movementos disidentes non está na axenda de prioridades do goberno de Raúl Castro.


O debate para “repensar o modelo”

Tras ano e medio de traspaso de poder, as áreas prioritarias para Raúl Castro e o seu gabinete na xefatura do Estado semellan dirixirse a propiciar unha maior amplitude das relacións exteriores e da presenza cubana nos foros internacionais, así como a centrar os esforzos gobernamentais en facilitar o melloramento da situación económica dos cubanos e a apertura aos investimentos estranxeiros, incluso alentando específicos e substanciais cambios no modelo económico socialista.

O momento clave para sinalar este cambio de estilo foi o seu discurso do pasado 26 de xullo, en conmemoración do asalto ao Cuartel Moncada de 1953. Neste evento, Raúl Castro expuso determinadas claves sobre as prioridades que ten actualmente o goberno cubano, especialmente no sentido de dar cabida a específicos “cambios estruturais”.

Este discurso levantou grandes expectativas na sociedade cubana, espertando as especulacións sobre a preferencia de Raúl polo “modelo chinés” de apertura económica ao mercado sen completa apertura política. Dentro dun proceso de “autocrítica” e cun discurso menos doutrinario e máis pragmático, Raúl Castro anunciou a necesidade de realizar cambios no modelo económico, a fin de mellorar a calidade de vida dos cubanos.

O discurso de Raúl deu paso a un amplo proceso de debate popular nas células de base do PCC, nos barrios e centros laborais, dentro dos órganos da Juventud Comunista (JC), nos Comités de Defensa da Revolución (CDR), principal célula social de base do PCC, e nos sectores académicos e intelectuais, sobre a necesidade dos “cambios estruturais” e “de concepto” para “repensar o modelo”.

Como síntese do debate, os temas que se trataron con mais frecuencia estaban esencialmente centrados en aspectos económicos: á liberalización da iniciativa privada nos sectores non estratéxicos, a eliminación da dualidade monetaria, a entrega de terras ociosas aos campesiños e cooperativas, as reformas para incentivar a produción agrícola, a participación real popular nas decisións políticas, o fin das prohibicións constitucionais dos cubanos para acceder a hoteis, a entrada e saída libre do país e a decisión sobre a propiedade individual.

Precisamente, o inclusión do tema da “capacidade de propiedade privada” deu paso a un gran debate en diversos sectores, como as Juventudes Comunistas que, en boca do presidente da Federación de Estudantes Universitarios (FEU), Carlos Lage Codorniú (fillo do actual vicepresidente Carlos Lage), formulou a necesidade de “repensar o modelo socialista cubano” e propiciar a incorporación da “relación de propiedade dentro do socialismo”.

A actual preponderancia de Carlos Lage Codorniú e Mariela Castro Espín no escenario público cubano permite especular, dende diversos sectores, sobre o ascenso e a configuración dun relevo xeracional na dirección política do país.


O panorama económico

Tralos sorprendentes niveis de crecemento económico dun 10 e 12,5% respectivamente nos anos 2005 e 2006, segundo estimacións do goberno cubano e da Comisión Económica para América Latina (CEPAL), que foron posteriormente traducidos en índices lixeiramente inferiores (7-8%) para consultoras como Moody´s e a publicación británica The Economist Intelligence Unit, a economía cubana segue a manter determinados niveis de estabilidade no seu crecemento económico, cun índice estimado entre o 6-8% para 2007.

A asistencia enerxética de 92.000 barrís diarios de petróleo subsidiado e a prezos preferenciais dende Venezuela e os créditos comerciais e financeiros propiciados por China permiten á economía cubana un pequeno respiro tralos duros anos do “Período Económico Especial” da década noventa do século pasado.

Segundo o Instituto de Estudios Cubano-Americanos da Universidade de Miami, no apartado das importacións, Venezuela (24,7%) e China (11,8%) lideran este sector, seguidos de España (8,7%), EEUU (6,2%) e Canadá (4,4%). Holanda (30%), Canadá (21,95), Venezuela (12,1%), España (8,1%) e China (5%), están entre os principais socios comerciais de Cuba.

Non obstante, a dureza do embargo económico imposto consecutivamente por EEUU desde xuño de 1959 provoca, segundo o goberno cubano, un recrudecemento das condicións de vida dos seus cidadáns que afecta a sectores sensibles como a vivenda, a alimentación e a educación, así como ás relacións comerciais de Cuba con aproximadamente 30 países.

Un recente informe da ONU considera que desde o comezo do embargo comercial, Cuba sufriu perdas monetarias calculadas en 63.000 millóns de euros. Para o primeiro semestre de 2007, as estatísticas oficiais cubanas estimaban unha sensible caída do 13% no sector turístico, clave para a economía do país debido a que proporciona emprego a uns 300.000 cubanos. Tanto o turismo como as remesas dos emigrantes xeran ingresos calculados en 2.400 millóns de dólares anuais.

Estas precariedades e as carencias da vida cotiá dos cubanos acaparan a atención do goberno de Raúl Castro e xustifican o seu énfase na necesidade de situar a mellora da xestión económica como a prioridade nacional. Un estudo de xullo de 2007 elaborado pola Oficina Nacional de Estatística cubana revela que os salarios do 75% dos once millóns de cubanos non alcanzan para cubrir as necesidades esenciais e os gastos familiares. Un portavoz do Centro de Estudos da Economía Cubana (CEEC) considerou que un 75% dos ingresos mensuais dos cubanos se destinan á compra de alimentos.

A dureza da situación económica explica, en boa medida, a puxanza da “economía ilegal e paralela”, principalmente vinculada ao sector turístico e automobilístico. En consecuencia, son cada vez maiores as queixas dos cidadáns cubanos cara o seu goberno polo encarecemento da vida, agravada pola recente revalorización do 20% do peso cubano con respecto ás moedas estranxeiras e os gravames no uso de divisas.

Outros problemas crónicos son a elevada corrupción, especialmente no apartado da disciplina na contabilidade das empresas estatais. Un informe do Ministerio de Comercio Interior (MINCIN) estima en 15,6 millóns de euros as perdas estatais por “roubos de bens públicos”. Igualmente, son preocupantes os problemas vinculados coa vivenda (un 50% dos tres millóns de vivendas en Cuba están en estado regular ou malo), o deterioro das instalacións e servizos públicos e as carencias do transporte colectivo.

Para tentar paliar os efectos destes males sobre a economía, Raúl Castro ordenou o pago das débedas estatais cos campesiños, responsables do 60% da produción de alimentos, e elevarónse nun 250% os “prezos de acopio” que pagaba o Estado aos produtores de leite e carne. Outro elemento de importancia foi a flexibilización aduaneira na importación de electrodomésticos e outros bens de consumo.

Desde diversos sectores empresariais do exilio cubano están promovéndose programas de asistencia económica que permitan propiciar unha transición moderada cara unha economía de mercado e un sistema democrático en Cuba. Varios destes sectores empresariais ven con optimismo o “pragmatismo” económico de Raúl Castro e defenden o final do embargo comercial estadounidense.


As relacións exteriores

Se a economía é unha prioridade esencial do goberno de Raúl Castro, as relacións exteriores de Cuba ocupan un lugar inmediatamente posterior en canto ás súas preferencias.

Coa súa intención de propiciar unha apertura nas relacións con EEUU, expostas por Raúl Castro en dous discursos realizados en datas tan significativas para a revolución cubana como a conmemoración da creación das FAR (2 de decembro de 2006) e o discurso de xullo pasado (54 aniversario do asalto ao Cuartel Moncada), o actual presidente provisional tenta enviar unha mensaxe clara ao próximo goberno en Washington, especialmente ante a posibilidade de que o Partido Demócrata gañe as eleccións presidenciais de novembro de 2008.

Este eventual escenario corre en dirección completamente oposta aos plans do goberno de George W. Bush de non levar a cabo ningún diálogo co actual goberno cubano nin tolerar unha especie de “castrismo sen Castro”. A finais de outubro, nun acto cunha nutrida representación do exilio cubano en EEUU, Bush anunciou a creación dun fondo de axuda económica e outros incentivos económicos e políticos para os movementos disidentes na illa, a fin de propiciar a “transición cara a democracia” en Cuba.

Ante este escenario, Raúl Castro segue a manexar con alto nivel de pragmatismo as relacións exteriores de Cuba. Afondando nas relacións políticas, económicas e diplomáticas coa Venezuela de Hugo Chávez (incluso tanteando unha hipotética “mancomunidad política”), o actual goberno cubano asegura a alianza cun vital surtidor enerxético. Ao igual que Venezuela, China está a converterse nun actor clave nas relacións exteriores e comerciais con Cuba.

Secundando a Venezuela, Cuba defende o modelo de integración continental da Alternativa Bolivariana para as Américas (ALBA), impulsado polo presidente Chávez, que permite a Cuba continuar co seu proceso de inserción en América Latina e nos foros hemisféricos. A re-apertura de negociacións coa Unión Europea é tamén un tema prioritario, que facilitará unha maior coordinación en asuntos sensibles como a situación dos dereitos humanos e a eventual apertura política cara os movementos disidentes.

 
Volver a TitularesVolver a Informe de Situación



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 29/11/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta