| Informe de Situación / nº
019-19/2007 de 15 de novembro |
||||||||
| Venezuela: Referendo constitucional e tensións políticas | ||||||||
|
A cobertura polos medios de comunicación do enfrontamento verbal entre o presidente venezolano, Hugo Chávez Frías, e o presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero e o rei Juan Carlos I no pasado Cumio Iberoamericano de Santiago de Chile, acontece nun marco de incremento das tensións políticas e sociais en Venezuela de cara á celebración do referendo sobre a Reforma da Constitución Bolivariana de 1999, previsto a celebrarse o domingo 2 de decembro de 2007. Ao igual que o estado actual das relacións entre España e Venezuela e dos investimentos españois e galegos neste país suramericano, a preocupante conxuntura interna en Venezuela obriga a centrar a atención no pulso político que actualmente se está dilucidando entre o goberno de Chávez, os seus aliados políticos, a plataforma de movementos estudantís, a dividida oposición política e outros sectores, afirmados en canto á acción na rúa para dirimir este balance de forzas de cara ao referendo constitucional. Esta puxa política retorna aos niveis de confrontación vividos entre os anos 2001 e 2004, actualmente virada na discusión dos puntos cardinais que contén a reforma constitucional que impulsa o presidente Chávez. Consecuentemente, se observan específicas fisuras dentro da plataforma “chavista” á hora non só de aprobar o referendo constitucional senón da conformación do Partido Socialista Unificado de Venezuela (PUSV) e das tensións e disensións internas que xera a definición do proxecto “socialista” que Chávez propón para Venezuela. Paralelamente, a partir do próximo 1 de xaneiro de 2008, Venezuela estreará un novo signo monetario, o “Bolívar Forte”, que está a crear diversas perspectivas e posicións encontradas sobre a situación real da economía venezolana, actualmente determinada polos elevados prezos do petróleo e do gasto público estatal, pero que tamén presenta problemas máis agudos para a sociedade, como son os casos de diversos problemas de desabastecemento alimenticio e de artigos de primeira necesidade. Trala súa reelección en decembro de 2006 para un novo período de goberno de seis anos, ata o 2013, o presidente Chávez salientou dúas ideas básicas para consolidar o proxecto do “Socialismo do Século XXI”: a conformación do Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV) e a celebración dun referendo de reforma da Constitución da República Bolivariana de Venezuela, aprobada o 15 de decembro de 1999. Nese momento, Chávez presentou a súa proposta de realizar este referendo a finais do ano 2010, como mecanismo para afincar en Venezuela os preceptos da “democracia socialista” nunha “sociedade socialista, igualitaria e solidaria”, propiciando así unha reforma total das estruturas administrativas para acadar o “Estado Socialista Venezolano”. Non obstante, no primeiro semestre de 2007, comezaron a manifestarse diversas disensións de cara á conformación do PSUV e a celebración do referendo constitucional. Estas disensións se presentaron nalgúns dirixentes e sectores do seu partido político, o Movemento Quinta República (MVR), así como doutros movementos e partidos da súa plataforma electoral, principalmente o Patria Para Todos (PPT), o Partido pola Democracia Social (PODEMOS) e o Partido Comunista de Venezuela (PCV). Neste sentido, o líder de PODEMOS, Ismael García, converteuse no principal detractor tanto do proxecto de reforma constitucional como da creación do PSUV. En total, PODEMOS, PPT e PCV posúen 35 deputados dos 167 da Asemblea Nacional, así como cinco gobernacións estatais e 78 alcaldes. Non obstante, non todos os seus deputados e militantes seguen completa obediencia á disensión destes partidos. Este repentino aumento das disensións e o retorno da acción dos movementos opositores, especialmente por parte das asociacións de estudantes universitarios mobilizados en contra da non renovación estatal da concesión á canle privada RCTV en maio pasado, obrigaron a Chávez a actuar con rapidez e adiantar os prazos temporais para a celebración do referendo da reforma constitucional. O 15 de agosto pasado, durante o acto de apertura do congreso fundacional do PSUV, o presidente venezolano informou ao país da celebración deste referendo para o domingo 2 de decembro de 2007, sometendo a veredicto popular a reforma de 33 artigos da actual Constitución. Posteriormente, a Asemblea Nacional aprobou sancionar a modificación doutros 36 artigos, o cal elevou a 69 os artigos da actual Constitución que serán sometidos a plebiscito. Destes 69 artigos da proposta de reforma, os que maior polémica e discusión suscitan entre os sectores disidentes do “chavismo” e os medios de comunicación e partidos que conforman a súa oposición política, refírense á administración do poder central, o asunto das propiedades e o modelo económico e a presunta “ideoloxización” da Forza Armada Venezolana: • O artigo 16, que estipula a creación dunha nova “xeometría do poder” en torno á configuración política e territorial, coa creación das “Comunas populares” e da “Cidade Comunal” concibidas como “unidades políticas primarias” e “células xeo-humanas do territorio” que constituirán o “núcleo espacial básico e indivisible do Estado Socialista Venezolano”. • O artigo 70, referido aos “medios de participación e protagonismo do pobo” e que estipula a creación dos “Consellos de Poder Popular (consellos comunais, consellos obreiros, consellos estudantís, consellos campesiños), a xestión democrática dos traballadores e traballadoras de calquera empresa de propiedade social directa ou indirecta, a autoxestión comunal, as organizacións financeiras e microfinanceiras comunais, as cooperativas de propiedade comunal, caixas de aforro comunal, redes de produtores libres asociados, o traballo voluntario, as empresas comunitarias e demais formas asociativas constituídas para desenvolver os valores da mutua cooperación e solidariedade socialista”. • O artigo 112, sobre o desenvolvemento do modelo económico nacional, no que se estipula “o fomento e desenvolvemento de distintas formas de empresas e unidades económicas de propiedade social, tanto directa ou comunal como indirecta ou estatal”, así como “propiedades mixtas entre o Estado, o sector privado e o poder comunal”. • O artigo 115, onde “se recoñecen e garanten as diferentes formas de propiedade: a propiedade pública, aquela a que pertence aos entes do Estado; a propiedade social, que pertence ao pobo no seu conxunto e ás futuras xeracións, e que poderá ser de dous tipos: propiedade social indirecta, cando é exercida polo Estado en nome da comunidade, e propiedade social directa, cando o Estado a asigna baixo distintas formas e ámbitos territoriais, constituíndose así en propiedade comunal e en propiedade cidadán; a propiedade colectiva, que pertence aos grupos sociais ou persoas para o seu aproveitamento, uso ou goce en común; a propiedade mixta, conformada entre o sector social, o sector colectivo e o sector privado; e a propiedade privada, que pertence ás persoas naturais ou xurídicas”. • O artigo 167, referente aos ingresos do Estado, no cal se pretende “establecer os principios, normas e procedementos que propendan a garantir o uso correcto e eficiente dos recursos provenientes do situado constitucional”, que son os ingresos fiscais que reciben os diversos estados. • O artigo 230, que estipula “o período presidencial de sete anos (substituíndo ao actual de seis anos), no que o Presidente ou Presidenta da República pode ser reelixido ou reelixida de inmediato para un novo período”. Segundo a oposición a Chavez, este artigo contempla a posibilidade da figura da “reelección indefinida”. • O artigo 318, que estipula que “o Banco Central de Venezuela é unha persoa de dereito público sen autonomía para a formulación e o exercicio das políticas correspondentes e as súas funcións estarán supeditadas á política económica xeral para alcanzar os obxectivos superiores do Estado Socialista”. Este artigo tamén considera que “as reservas internacionais da República serán manexadas polo Banco Central de Venezuela baixo a administración e dirección do Presidente ou Presidenta da República”. • O artigo 328, que considera que “a Forza Armada Bolivariana (FAB) constitúe un corpo esencialmente patriótico, popular e antiimperialista”, mediante “o estudo, planificación e execución da doutrina militar bolivariana, a aplicación dos principios da defensa militar integral e a guerra popular de resistencia”. Neste sentido, a FAB estará conformada polo “Exército Bolivariano, a Armada Bolivariana, a Aviación Bolivariana, a Garda Territorial Bolivariana (substituíndo a actual Garda Nacional, que se converterá en “corpo esencialmente militar”) e a Milicia Popular Bolivariana”. • O artigo 337, o que maior polémica e oposición xera entre os sectores opositores ao presidente Chávez, debido a que estipula que “o Presidente da República, en Consello de Ministros, poderá decretar os estados de excepción e que poderán ser restrinxidas temporalmente as garantías consagradas na Constitución, salvo as referidas aos dereitos á vida, a prohibición de incomunicación ou tortura, o dereito ao debido proceso, o dereito á información e os demais dereitos humanos intanxibles”. Incluso, o Defensor do Pobo, Germán Mundaraín, amosou publicamente a súa preocupación e oposición a este artigo. Ademais dos artigos considerados pola oposición como “polémicos”, existen determinados aspectos interesantes deste proxecto de reforma constitucional, que propician avances principalmente en materia social, económica, urbanística e cultural: • O “Dereito á Cidade” concibido como o “beneficio equitativo que perciba cada un dos seus habitantes, conforme ao rol protagónico que a cidade articula, tanto no contexto urbano rexional como no Sistema Nacional de Cidades” (art. 18). • A actuación do Estado contra toda acción especulativa respecto á renda da terra (art.18). • A construción de pequenas e medianas “cidades satélites” ao longo dos eixes territoriais de expansión (art. 18). • O financiamento estatal das actividades electorais (art. 67). • O dereito e deber ao traballo (art. 87). • O recoñecemento oficial estatal á diversidade das expresións culturais en Venezuela, a valoración das raíces indíxenas, europeas e afrodescendentes, as culturas populares, dos pobos indíxenas e afrodescendentes, o respecto á interculturalidade baixo o principio da igualdade de culturas (art. 100). • As garantías estatais aos traballadores e traballadoras dun “sistema de seguridade social universal que lles permita unha vida digna” (art. 100). • A prohibición dos monopolios (art. 113) e latifundios (art. 307). • A distribución do Poder Público en poder popular, poder municipal, poder estatal e poder nacional, onde “o Pobo é o depositario da soberanía popular e a exerce a través do Poder Popular” (art. 136). • A elevación das “misións sociais” de alfabetización e sanidade, ao rango de “categorías de administración pública” (art. 141). • A construción dunha “democracia socialista” que permita “a participación protagónica do pobo” (art. 158). • A autonomía municipal e a súa constitución como “personalidade xurídica” (art. 168). • A soberanía enerxética estatal “no desenvolvemento e interese nacional, a actividade de explotación dos hidrocarburos líquidos, sólidos e gasosos, así como as explotacións, servizos e bens de interese público e de carácter estratéxico”, así como a defensa e preferencia no uso da tecnoloxía nacional para o procesamento de hidrocarburos líquidos, gasosos e sólidos (art. 302). • A promoción da agricultura sostible como base estratéxica do desenvolvemento rural integral e a defensa e promoción estatal da seguridade alimentaria (art. 305). • A confiscación dos fundos agrícolas que propicien a destrución ambiental e a produción de estupefacientes (art. 307). • A defensa da soberanía nacional, a través da Forza Armada Bolivariana que, no cumprimento da súa función, “estará sempre ao servizo do pobo venezolano en defensa dos seus sagrados intereses e en ningún caso ao de oligarquía algunha ou poder imperial estranxeiro” (art. 328). Dentro da actual plataforma contraria ao referendo de reforma constitucional, a súa vangarda de liderado semella estar actualmente dirixida polo movemento estudantil. Nas derradeiras tres semanas, os diversos grupos e movementos universitarios tomaron as rúas da capital, Caracas, para premer á Asemblea Nacional e o goberno a fin de defender a actual Constitución e evitar a celebración do referendo constitucional do 2 de decembro de 2007, e retrasalo ata febreiro de 2008, coa intención de analizar e estudar con menos presa a serie de cambios constitucionais previstos. Coa escalada da tensión política, a primeira semana de novembro foi especialmente prolífica en canto á efervescencia universitaria e a acción nas rúas. Cidades como Caracas así como Mérida, Valencia, Barquisimeto, San Cristóbal e Maracaibo, ao centro e occidente do país, provocaron violentos enfrontamentos entre os grupos de estudantes “opositores” e “chavistas”, así como a contundente actuación das forzas policiais e de seguridade, que provocaron ducias de feridos. Unha estudante morreu en circunstancias aínda confusas. Un elemento primordial que incrementa este clima de violencia política é a numerosa presenza de grupos armados nos recintos universitarios, sen que se coñeza en realidade a súa militancia política. Ademais dos enfrontamentos directos, estes grupos potenciarían casos de sicariato, secuestros ou actos de violencia contra infraestruturas e persoal universitario. Diversos analistas especulan que algúns destes grupos poden formar parte de elementos da esquerda radical simpatizante co “chavismo”, anteriormente incluídos dentro dos “círculos bolivarianos”, tales como o “Alexis Vive” e os “Tupamaros”. Outros tantos serían elementos radicais “antichavistas” infiltrados nos campus universitarios, tales como “Bandeira Vermella”, conformada por elementos guerrilleiros da década dos sesenta do século pasado, con notoria presenza nas universidades e que, inicialmente, apoiaron a Chávez para paulatinamente romper con el e pasar a formar parte da plataforma de oposición. Para aumentar o caudal de confusión nos sinais de violencia política universitaria, outros identifican a elementos da delincuencia común ou grupos específicos que loitan polo control gremial universitario. Organizados hai apenas uns meses, especialmente trala crise de RCTV, os movementos estudantís opositores utilizan slogans relativos á “liberdade de expresión” e “non á reforma”, marcando así un novo simbolismo de oposición ao “socialismo de Chávez” nun momento en que o goberno impulsa a súa campaña electoral pola aprobación do referendo constitucional. A plataforma universitaria semella estar centrándose nas figuras de dous dos seus principais dirixentes: Stalin González, presidente da Federación de Centros Universitarios de Venezuela (FCUV); e Jon Goicoechea, dirixente da sección da OTPOR en Venezuela, cun protagonismo que comezou a ser notorio trala crise de RCTV. Pola súa banda, o movemento estudantil que apoia ao presidente Chávez e a súa reforma constitucional está liderado polo dirixente Robert Sierra. Precisamente, dende o goberno consideran que os estudantes venezolanos forman parte dunha estratexia deseñada por Washington, concretamente dende a National Endowment for Democracy (NED), para formar movementos cívicos e estudantís que debiliten politicamente ao presidente. Neste sentido, o goberno acusa a estes dirixentes de estar na órbita de interese de diversos organismos internacionais opositores a Chávez, para fomentar rebelións e inestabilidade no país, propiciando actuacións parecidas ás realizadas polo Movemento estudantil OTPOR (“Resistencia”) en Serbia, que acabou co réxime de Slobodan Milosevic no ano 2000. De feito, OTPOR está oficialmente instalada en Venezuela baixo a dirección web: http://www.otporvenezuela.org, e as súas estratexias de actuación e protesta semellan calcadas do grupo orixinal serbio: constantes concentracións nas rúas, con elevada propulsión de símbolos pacifistas. O pasado 7 de novembro, nunha nutrida manifestación de estudantes, os seus dirixentes, Stalin González e Jon Goicoechea, levaron unha petición ante o Tribunal Supremo de Xustiza para retrasar a celebración do referendo de reforma constitucional, a fin de que a sociedade “teña máis tempo para analizar a información que supón este proceso de reforma”. Unha vez finalizada esta manifestación, ocorreron violentos enfrontamentos armados entre presuntos simpatizantes “chavistas” e estudantes opositores nas inmediacións da Universidade Central de Venezuela (UCV), con varios estudantes feridos por tiroteos e ampla destrución de facultades e material de infraestrutura. Para o próximo 26 de novembro está prevista unha gran manifestación universitaria a nivel nacional que, en opinión do goberno e diversas personalidades políticas, pode provocar unha situación de gran inestabilidade que dificulte a realización do referendo. A acción dos estudantes universitarios e a súa concreción cada vez mais como un posible movemento de escala nacional supón para os desprestixiados partidos políticos de oposición, actualmente concentrados na plataforma “Comando Nacional pola Resistencia” (CNR) un punto de inflexión para concretar unha eventual plataforma política de gran alcance que permita enfrontarse a Chávez, con relativas posibilidades de éxito. Os grupos opositores seguen a contar co apoio público da Conferencia Episcopal, diversos grupos empresariais e varios medios de comunicación. Pero no seu seo seguen a manifestarse fortes discrepancias nos mecanismos para “saír de Chávez”, basicamente determinadas pola súa evidente falta de liderado e estratexias unificadas. Neste sentido, uns sectores avogan por ir a votar no referendo para non permitir a súa aprobación; outros defenden a abstención como mecanismo para denunciar “o fraude das institucións electorais”. Pola súa banda, outros sectores cren na acción das rúas e a “rebelión nacional”, incluso en propiciar un alzamento militar contra Chávez. Como personalidade notoria deste aínda incipiente liderado opositor vense promovendo a figura do experto constitucional Hermán Escarrá, un dos principais artífices e promotores da Asemblea Constituínte de 1999 que, posteriormente, propiciara a aprobación en referendo da actual Constitución Bolivariana. A constante aparición de Escarrá como orador nos actos públicos da oposición incita a especular sobre a promoción da súa figura política. Á par da “rebelión estudantil” e dos dilemas da oposición, o país comeza a verse inmerso nunha serie de protestas e conflitos nas áreas de educación e saúde, prioritarias dentro dos amplos programas sociais de Chávez. Estes conflitos veñen derivados da aplicación dun novo programa educativo ao que se acusa de “ideoloxizado”, dos atrasos nos pagos de profesores e persoal sanitario, das tensións cara a propiedade privada e as protestas ante a alarmante alza da criminalidade cidadán. Un asunto significativo dentro desta conxuntura política pre-referendo consiste na declaración pública realizada o pasado 5 de novembro por parte do xeneral en retiro e ex ministro de Defensa Raúl Isaías Baduel, amosando o seu rexeite a esta reforma constitucional e ao rumbo do “socialismo” de Chávez. Nesta declaración pública, Baduel asegurou que a reforma da Constitución que impulsa Chávez “consuma na práctica un golpe de Estado”. Baduel cuestionou a necesidade real da reforma, considerando que a mesma non soluciona “os verdadeiros problemas do país: a pobreza, o desemprego, a inseguridade persoal, o desabastecemento e a escaseza". A importancia política e estratéxica de Baduel está enmarcada no seu decisivo papel nos sucesos acaecidos entre o 11 e o 13 de abril de 2002, unha vez ocorrera o golpe cívico e militar contra Hugo Chávez e se instalara de forma ilegal e anticonstitucional o goberno de Pedro Carmona Estanga. Durante o golpe de abril de 2002, e acolléndose aos preceptos constitucionais de defensa da autoridade lexítima presidencial de Chávez, o xeneral Baduel (entón á fronte da División de Paracaidistas da cidade de Maracay), desnivelou a balanza militar a favor do seu retorno ao palacio de goberno de Miraflores. Outro dato referencial é que Baduel se identifica como un dos aliados históricos de Chávez, xa que ambos crearon en 1982, xunto a outros militares, o Movemento Bolivariano Revolucionario (MBR 200), que actuou como grupo clandestino dentro das Forzas Armadas ata o intento de golpe militar de 1992. A oposición de Baduel ao referendo de reforma constitucional foi aproveitado polos sectores e partidos da oposición para ilustrar as presuntas incongruencias dos aliados políticos e militares de Chávez, así como para especular coa posibilidade dunha derrota electoral para o goberno que puidera propiciar fortes disensións internas e a conformación dun “chavismo sen Chávez”. En diversos medios se especula sobre a presunta emerxencia dun “sector disidente crítico” dentro do “chavismo”, que rexeita o PSUV e a reforma constitucional. Aínda que por causas diversas, chamou a atención a recente expulsión do PSUV do deputado Luís Tascón, autor dunha célebre lista de persoas que asinaron en favor do referendo revogatorio contra Chávez no 2004 e que, posteriormente, foi utilizada como elemento discriminatorio a nivel profesional, laboral e financeiro. Non obstante, polo de agora, o impacto da entrada de Baduel na escena política se limita a consecuencias principalmente mediáticas de gran calado na sociedade, pero que aínda resultan incertas no aspecto político real dentro da militancia chavista e nos círculos militares dentro das Forzas Armadas, onde Baduel conserva importantes cotas de referencia e respecto. O goberno, en palabras do vicepresidente Jorge Rodríguez, e o sector militar, con declaracións dos dous xenerais retirados e ex ministros de Defensa, Jorge García Carneiro e Orlando Maniglia, criticaron a posición política de Baduel, incluíndoo dentro dos sectores de oposición e, incluso, acusándoo de formar parte dunha “conspiración contra Chávez”. Este escenario de convulsión social e política se completa cun panorama económico contraditorio, determinado por elevados prezos do petróleo ($83 o barril venezolano), sólido crecemento económico (quince meses consecutivos de crecemento, no que se estima un 8,9% para o 2007, especialmente influído polo sector da construción) e elevados ingresos fiscais ($45.000 millóns só por exportacións petroleiras), pero que se manifestan xunto a problemas cada vez máis preocupantes como o desabastecemento e a incerteza sobre a adopción dun novo signo monetario. Para o próximo 1 de xaneiro de 2008, o sistema económico venezolano utilizará un novo signo monetario, o “Bolívar Forte” (BF), cunha táboa de reconversión que se utiliza restando tres ceros á actual moeda oficial. As dúas moedas se manterán nos seis primeiros meses de 2008, ata a total utilización do Bolívar Forte. Diversos analistas económicos sosteñen que o BF pode permitir unha especie de “disciplina fiscal”, condicionada polo desorde das finanzas públicas nos derradeiros quinquenios, a progresiva depreciación do signo monetario e os elevados niveis de inflación. Entre 1998 e 2006, a inflación acumulada en Venezuela alcanzou o 440%. A meta do goberno de Chávez era concluír o 2007 cunha inflación acumulada do 12% pero, en setembro pasado, esta inflación xa estaba no 10,9%. En canto ao mercado cambiario, existe un control de divisas estranxeiras desde marzo de 2003 que, na actualidade, se cotiza a 2.150 bolívares por dólar pero que, no mercado “negro” paralelo, supera os 6.000 bolívares por dólar. Pola súa banda, os sectores críticos coa adopción do BF consideran que propiciará o elevado gasto público gobernamental, probablemente reforzado pola centralización económica estatal estipulada na reforma constitucional, a eliminación da autonomía do Banco Central, o control presidencial das reservas internacionais e outras medidas cun impacto incerto, como a redución da xornada laboral a seis horas. Os sectores críticos aducen que a inflación seguirá en aumento tanto como a depreciación do BF con respecto a outras moedas, especialmente o dólar e o euro, o cal probablemente obrigará ao goberno de Chávez a adoptar reducións dramáticas do IVA, tal como indica a proposta de reducilo do 14% actual ao 9%. Tanto como o BF e a inflación, outros problemas agudos se presentan co desabastecemento de produtos básicos como a carne, o leite, os ovos, a fariña, etc, dos principais mercados. Comezan a ser notorias as extensas colas en diversos puntos de Caracas para conseguir estes produtos. Non existe consenso nos medios oficiais nin na opinión pública á hora de identificar as causas do desabastecemento. Diversos sectores culpan ao goberno de “ineficacia administrativa” e de “promover a incerteza” co seu modelo económico “socialista”, así como de minguar o tecido produtivo alimenticio nacional, favorecendo un elevado gasto público cara outros rubros como as importacións de bens de consumo e o gasto militar. Pola súa banda, os sectores vinculados ao goberno denuncian a existencia de especulación por parte dos produtores e, incluso, intereses políticos detrás deste problema. Esta sensación de incerteza sobre a situación venezolana e os seus escenarios a futuro se incrementan ante os altibaixos nos investimentos estranxeiros, determinados pola evolución das garantías xurídicas cara a empresa privada interna e externa e o excesivo peso estatal na economía. A indefinición do modelo económico venezolano permite que varias multinacionais comecen a observar outros mercados con maiores garantías, como Colombia, EEUU, o sudeste asiático ou Europa do Leste. No marco da actual crise nas relacións entre Venezuela e España, o presidente da Asociación de Empresarios Galegos de Venezuela (AEGV) e senador polo PSOE na emigración, Cándido Rodríguez, asegura que existen “relacións fluídas” co goberno de Chávez que, potencialmente, permitirá superar a actual conxuntura de confrontación. Non obstante, os gremios empresarias galegos con investimentos en Venezuela declararon ter “medo ás nacionalizacións” que presuntamente traerá consigo a reforma constitucional. A evolución dsta volátil situación dependerá, en gran medida, dos resultados do referendo de reforma constitucional. Pero tampouco existe consenso sobre a evolución do voto. Os sectores simpatizantes co goberno e outros aparentemente mais ponderados consideran que o triunfo do “Si” para a reforma constitucional rolda entre o 50-60%. Pola súa banda, segundo a enquisadora Hinterlaces e o seu director Oscar Schémel, a porcentaxe de rexeite da reforma subiu nas derradeiras semanas, cun índice do 31% a favor da reforma contra 41% de rexeite. Outra enquisa de Datanálisis, presentada polo seu director Luis Vicente León, aseguraba en agosto pasado que o índice de rexeite á reforma estaba no 49%, principalmente porque os enquisados identificaban a reforma coa reelección indefinida de Chávez. No entanto, a popularidade de Chávez, próxima ao 65% para Datanálisis nos sectores mais desfavorecidos, a solidez económica derivada dos prezos petroleiros que permiten financiar os programas sociais e a división na oposición entre acudir a votar ou propiciar a abstención, favorece a balanza a favor da reforma constitucional de Chávez e o triunfo do “Si”, un escenario altamente probable o próximo 2 de decembro. |
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 16/11/2007 |
||||||||
|
||||||||