Informe de Situación / nº 018-18/2007 de 7 de novembro Volver a TitularesVolver a Informe de Situación
Santiago de Chile, 8-10 novembro de 2007
XVII Cumio Iberoamericano
 
 

  XVII Cumio Iberoamericano; clic para aumentar
Santiago de Chile recibirá entre o 8 e 10 de novembro a 22 xefes de Estado e de Goberno de América Latina, España e Portugal, no marco da XVII edición do Cumio Iberoamericano, un activo foro de debate sobre aspectos políticos, económicos e de integración.
 
Sinopse

A capital chilena celebrará, entre o 8 e 10 de novembro, o XVII Cumio Iberoamericano, cun panorama rexional condicionado pola persistencia de determinadas crises políticas (Venezuela, Bolivia), novos presidentes electos (Arxentina, Guatemala), a celebración paralela dun Cumio dos Pobos Iberoamericanos, a persistencia de litixios fronteirizos (Arxentina e Uruguai) e as discusións sobre os modelos de integración rexional.

Esta edición do Cumio Iberoamericano evidenciará tamén unha maior implicación de Portugal nos asuntos latinoamericanos, a través da consolidación de Brasil como potencia rexional. Actualmente, o goberno portugués do socialista José Sócrates lidera a presidencia rotativa semestral da Unión Europea, cun logro notable tralo asinamento do Tratado de Lisboa que tentará ampliar a un maior interese cara América Latina.


Análise

Santiago de Chile recibirá entre o 8 e 10 de novembro a 22 xefes de Estado e de Goberno de América Latina, España e Portugal, no marco da XVII edición do Cumio Iberoamericano, un activo foro de debate sobre aspectos políticos, económicos e de integración.

É a segunda vez que Chile organiza este evento, trala celebración da súa VI edición en novembro de 1996, nas cidades de Santiago de Chile e Viña del Mar.

Baixo o lema “A cohesión social e políticas sociais para acadar sociedades máis inclusivas en Iberoamérica”, os países participantes nesta edición serán Andorra, Arxentina, Bolivia, Brasil, Chile, Colombia, Costa Rica, Honduras, Ecuador, El Salvador, España, Guatemala, Honduras, México, Nicaragua, Panamá, Paraguai, Perú, Portugal, República Dominicana, Uruguai e Venezuela.

A delegación española incluirá ao Xefe de Estado, quen viaxará directamente dende Ceuta e Melilla, así como o presidente do goberno quen, posteriormente, realizará sendas visitas oficiais a Arxentina e Uruguai.

Como país anfitrión, Chile ocupará a Secretaría Pro Tempore deste Cumio Iberoamericano, o cal tamén permitirá medir o impacto da Secretaría Xeral Iberoamericana (SEGIB polas súas siglas en castelán), actualmente ocupada polo uruguaio Enrique Iglesias. O evento servirá tamén para medir a capacidade de convocatoria da presidenta chilena, Michelle Bachelet.


Os focos de crise

O XVII Cumio Iberoamericano de Santiago de Chile acontece nunha conxuntura rexional determinada por escenarios específicos de convulsión (Venezuela e Bolivia), de transicións post-electorais (Arxentina e Guatemala), de escenarios decisivos de integración económica (TLC entre EEUU e Perú) e a persistencia de determinados litixios fronteirizos, como os problemas das papeleiras de celulosa da empresa ENCE entre Arxentina e Uruguai.

No marco das crises políticas, cobran especial importancia a actual situación en Venezuela e Bolivia, cuns presidentes que chegarán a Santiago de Chile inmersos en sendas e delicadas crises internas.

En Venezuela, o país se prepara para unha nova consulta electoral, un referendo sobre a reforma de 69 artigos da Constitución Bolivariana de 1999, previsto para o próximo 2 de decembro, dentro dun convulsionado ambiente político e social.

As rúas de Caracas e outras cidades venezolanas foron escenarios de diversas manifestacións a favor e en contra da reforma constitucional, retomando o nivel de confrontación e o delicado pulso político dos anos 2001 e 2004. Paralelamente, causan inquietude unha serie de problemas de desabastecemento de artigos de primeira necesidade.

Fortalecido por sólidos niveis de aceptación popular debido aos seus programas sociais e os elevados ingresos petroleiros, o goberno de Hugo Chávez impulsa a reforma constitucional para “alcanzar o socialismo” así como a construción dun Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV). Pero diversos partidos da plataforma “chavista” adoptan actualmente unha posición opositora á reforma constitucional e ao PSUV, como é o caso do influínte xeneral Raúl Baduel, artífice do retorno de Chávez ao poder tralo efémero golpe de 2002.

Pola súa banda, e a pesar do seu rexeite a unha reforma constitucional que acusan de “afondar o absolutismo de Chávez”, os sectores opositores, coa actual vangarda de acción nos movementos estudantís, manifestan tamén certa polarización interna entre os partidarios de ir a votar en contra ou a abstención.

No caso boliviano, a polarización política está relacionada coa convocatoria da Asemblea Constituínte e as tensións entre a capital, La Paz, e a rexión de Santa Cruz, rica en recursos petroleiros e gasíferos e que se opón ao proxecto constituínte do presidente Evo Morales, manifestando tamén a súa oposición polo reparto dos ingresos da explotación de hidrocarburos e gas natural, barallando a posibilidade de convocar a un referendo sobre a autonomía total desta rexión.

Tras máis dun mes de suspensión, a Asemblea Constituínte reuniuse a comezos de novembro en Sucre, capital da rexión de Santa Cruz, que tamén puxa polo seu dereito a ser nomeada como capital nacional. Antes de viaxar a Santiago de Chile, Morales realizou unha manifestación en Sucre para apoiar o seu proxecto, que contou co rexeite das autoridades das rexións de Santa Cruz, Tarija, Beni, Pando e Cochabamba, os cales opoñénse a que diminúan os seus ingresos debido ao Imposto Directo aos Hidrocarburos. Precisamente, as autoridades de Santa Cruz anunciaron para o mércores 7 de novembro a convocatoria dunha folga xeral e un plan de actuación para activar as accións de protesta contra a reforma de Evo Morales.

Previo a súa viaxe a Chile, Morales recibirá a José Sergio Gabrielli, presidente da empresa estatal petroleira de Brasil PETROBRAS, e ao ministro brasileiro de Enerxía, Nelson Hubner, coa finalidade de acordar un novo marco de relación enerxética entre Bolivia e Brasil. PETROBRAS foi a empresa máis afectada polo decreto de nacionalización dos recursos enerxéticos impulsado por Evo Morales no 2006.

Noutro contexto, probablemente o único presidente que non acudirá ao Cumio Iberoamericano por atopar un complicado panorama político no seu país é o mexicano Felipe Calderón, quen veuse na obriga de suspender unha importante xira preliminar por Colombia, Panamá e Perú, principalmente centrada na cooperación antinarcóticos e comercio rexional, así como a súa asistencia a Santiago de Chile, a fin de atender a magnitude da crise social desatada polas chuvias no estado de Tabasco.

En Tabasco existen 100.000 persoas atrapadas polas riadas, conformando unha crítica situación que pon en risco a capacidade de xestión da crise por parte de Calderón, coa consecuente baixa de sete puntos nos seus índices de aprobación e popularidade, dun 64% a un 57% nos derradeiros días. Paralelamente, un 33% dos mexicanos desaproba a xestión de Calderón.

Tanto como a traxedia de Tabasco, a atención en México estará enfocada na celebración o próximo domingo 11 de eleccións locais nos estados de Michoacán, Tamaulipas, Tlaxcala e Puebla, que serán vitais para medir a consolidación do gobernante Partido de Acción Nacional (PAN).


Momento de cambios

Noutra orde de ideas, o Cumio Iberoamericano permitirá o estreo inernacional da recen electa presidenta de Arxentina, Cristina Fernández de Kirchner, quen acudirá co seu marido e actual presidente Néstor Kirchner, no que será para este o seu último gran evento internacional antes de ceder a presidencia en decembro próximo.

Cristina Fernández de Kirchner xa viña desenvolvendo unha activa axenda de relacións internacionais como preludio da súa candidatura presidencial. O momento luce decisivo para medir a súa actuación en foros internacionais, para coñecer algo mais do seu programa de goberno, así como para especular sobre a orientación da súa política exterior.

Paralelamente, o pasado domingo 4 de novembro celebrouse a segunda rolda electoral en Guatemala, que permitiu a vitoria do candidato socialdemócrata Álvaro Colom, do partido Unidade Nacional da Esperanza (UNE), manifestando unha viraxe política neste país. A presenza guatemalteca en Chile será ostentada polo seu actual presidente, Oscar Berger, da centrodeita Gran Alianza Nacional (GANA), quen acudirá ao seu último evento hemisférico antes da transferencia do poder a favor de Colom.

Dentro deste pulso político latinoamericano, cobran importancia as recentes tentativas de diversos líderes como Hugo Chávez, o colombiano Álvaro Uribe Vélez e o brasileiro Lula da Silva, de acometer mecanismos constitucionais para ampliar os seus mandatos presidencias. Estas tendencias de reelección semellan tamén incluírse nas axendas do presidente nicaragüense Daniel Ortega, do uruguaio Tabaré Vázquez, do dominicano Leonel Fernández e do paraguaio Nicanor Duarte, neses dous últimos casos en países que celebrarán eleccións presidenciais no 2008.

Para Chávez resulta imprescindible a posibilidade da “reelección indefinida” proposta no referendo de reforma constitucional, a fin de afondar no seu proxecto socialista. Os seus pasos poden ser seguidos polo presidente ecuatoriano Rafael Correa, especialmente trala aprobación por referendo da Asemblea Constituínte.

Pola súa banda, Uribe Vélez e Lula da Silva están especulando coa posibilidade dunha ampliación dos seus mandatos, que expiran no 2010, a través da modificación constitucional vía lexislativa. En Bogotá, Uribe espera así conter o presumible avance electoral da plataforma de esquerda do Polo Democrático, especialmente tralo triunfo desta opción nas eleccións municipais do pasado 29 de outubro.

No aspecto da integración rexional, confíase en que o Congreso estadounidense vote o mércores 7 de novembro sobre a posibilidade de aprobar o Tratado de Libre Comercio con Perú, un aspecto político de gran importancia para o goberno peruano de Alan García. Precisamente, ese mesmo día, os sindicatos peruanos realizarán unha gran protesta a nivel nacional contra o goberno de García no relativo aos salarios laborais.

Paralelamente, o secretario xeral da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), Ángel Gurriá, presentará o informe sobre as Perspectivas Económicas para América Latina, documento que servirá de referencia para moitos dos aspectos a discutir no Cumio Iberoamericano.

Un tema que quedará de lado na axenda do cumio é a situación de Cuba ante a “cesión temporal de poderes” a favor de Raúl Castro e a súa eventual transición. O chanceler chileno Alejandro Foxley declarou que este non será un “tema prioritario”. Cuba asistirá ao Cumio Iberoamericano cunha delegación encabezada polo seu vicepresidente Carlos Lage.


O Cumio dos Pobos

En paralelo ao Cumio Iberoamericano, Santiago de Chile tamén presenciará a realización do “Cumio pola Amizade e a Integración dos Pobos Iberoamericanos”, organizada por Hugo Chávez, Evo Morales, Daniel Ortega e Rafael Correa.

Concibido como un cumio “alternativo”, esta convocatoria espera unir as súas prioridades políticas na concreción da Alternativa Bolivariana das Américas (ALBA), impulsada polo presidente venezolano, como marco de integración social de referencia para os pobos latinoamericanos, que permita crear unha alternativa á preponderancia económica liberal do ALCA impulsada dende Washington.

O “cumio dos pobos” espera reunir en torno a estes presidentes a un considerable número de organizacións civís altermondialistas, grupos indixenistas e movementos e partidos de esquerda, tal e como sucedera paralelamente ao Cumio das Américas celebrado no 2005 en Mar del Plata.

Na axenda do Cumio Iberoamericano se realizarán diversos encontros bilaterais entre presidentes e líderes iberoamericanos, que permitirán medir o estado das súas relacións diplomáticas.

Así como este alternativo cumio dos pobos, serán significativos os posibles encontros bilaterais entre diversos mandatarios, como son os casos do presidente boliviano Evo Morales e a chilena Michelle Bachelet, ante a posible reactivación das relacións diplomáticas entre Bolivia e Chile, suspendidas desde 1978.

Tamén é posible o encontro entre os presidentes arxentino Néstor Kirchner e o uruguaio Tabaré Vázquez, onde abordarían a resolución vía Tribunal Internacional da Haia, do polémico asunto da planta de celulosa no fronteirizo Río Uruguai, que motivou unha temporal ruptura das relacións entre Bos Aires e Montevideo entre 2006 e 2007.


A visión de Portugal

Un factor adicional de interese neste XVII Cumio Iberoamericano de Santiago de Chile terá que ver co deseño dunha estratexia de maior implicación portuguesa nos asuntos hemisféricos latinoamericanos e iberoamericanos, a fin de concretar un vehículo de transmisión do mundo lusófono co hispano.

O goberno do socialista José Sócrates ven de obter un notable logro político co asinamento do Tratado de Lisboa o pasado outubro, que permitirá desatascar temporalmente a crise política europea desatada trala desaprobación do texto constitucional europeo en Francia e Holanda no 2005.

A opción iberoamericana de Sócrates cifrase nunha maior atención aos asuntos políticos e económicos de América Latina, tendo en conta que Portugal mantén actualmente a presidencia rotativa semestral europea ata decembro. O eixe clave para Lisboa é Brasil, socio preferente comercial europeo, especialmente cara o área de MERCOSUR e os esforzos da Unión Europea por alcanzar un novo marco de cooperación entre ambos organismos.

 
Volver a TitularesVolver a Informe de Situación



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 10/11/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta