Informe de Situación / nº 017-17/2007 de 25 de outubro Volver a TitularesVolver a Informe de Situación
Arxentina: Eleccións presidenciais 2007
 
 

  Cristina Fernández de Kirchner; clic para aumentar
A aberta polarización e fragmentación dentro dos diversos partidos de oposición aumentan a condición favorita de Cristina Fernández de Kirchner para vencer nunha primeira rolda electoral. As enquisas outorgánlle entre o 39% e o 50% dos votos. (Foto: Cristina Fernández de Kirchner durante un acto de campaña en San Carlos de Bolívar o 22 de outubro).
 
Sinopse

Arxentina celebrará eleccións presidenciais o próximo domingo 28 de outubro para o período 2007-2011 nun escenario caracterizado pola mais que probable vitoria de Cristina Fernández de Kirchner, esposa do actual presidente.

A consolidación desta fórmula política e electoral por parte do oficialismo no goberno e a aberta polarización e fragmentación dentro dos diversos partidos de oposición aumentan a condición favorita de Cristina Fernández de Kirchner para vencer nunha primeira rolda electoral. As enquisas outorgánlle entre o 39% e o 50% dos votos.

De darse este resultado, Cristina Fernández de Kirchner sería a primeira muller electa popularmente que ocupará a presidencia do goberno arxentino, garantindo a posibilidade de que a fórmula política dos Kirchner se prolongase no poder alén do 2011, no caso de que o seu marido e actual presidente se presente como candidato para eses comicios.


Análise

As 23 provincias arxentinas e a Cidade Autónoma de Bos Aires celebrarán eleccións presidenciais o próximo domingo 28 de outubro de 2007, confirmando a estabilidade dunha transición democrática que leva 25 anos de duración.

Actualmente, o panorama social e político arxentino está condicionado polos efectos da crise económica e financeira do “Corralito” de decembro de 2001 e das presións internas derivadas da necesidade dun cambio de orientación da política tradicional.

Precisamente, a actual conxuntura electoral estará marcada a última hora polos efectos desa crise, tomando en conta a decisión do xuíz arxentino Claudio Bonadío de procesar ao ex presidente Fernando De la Rúa, acusado de cinco homicidios culposos durante os enfrontamentos ocorridos o 20 de decembro de 2001 entre manifestantes e a policía federal preto da Praza de Maio de Bos Aires.

Visto dende a perspectiva electoral, a decisión penal de xulgar a De la Rúa pode constituír un aliciente máis para decantar a balanza electoral a favor da candidata oficialista Cristina Fernández de Kirchner. O próximo presidente da República Arxentina asumirá o seu mandato a partir do 10 de decembro de 2007.


Os candidatos

Dos 36.260.130 millóns de habitantes existentes na República Arxentina, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), cerca de 27 millóns están facultados para exercer o seu voto nas 17.640 mesas electorais en todo o país, tomando en conta que o sufraxio é obrigatorio na Arxentina.
Ademais da presidencia, os arxentinos elixirán a oito gobernadores provinciais, 24 membros dos 72 escanos no Senado e a metade dos 257 asentos da Cámara de Deputados.

En total, trece candidatos de sete partidos políticos e seis coalicións electorais acoden aos próximos comicios presidenciais:

Cristina Fernández de Kirchner (47 anos), “Alianza Frente para la Victoria”, agrupa a unha serie de partidos e movementos peronistas e xusticialistas de esquerdas.

Elisa Carrió (52 anos), “Alianza para Una República Igualitaria” (ARI) e Partido Socialista, que conforman a “Coalición Cívica”.

Roberto Lavagna (65 anos), “Unión Cívica Radical”, centrodereita.

Ricardo López Murphy (56 anos), “Propuesta Republicana” (PRO), centrodereita con tendencias peronistas, abertamente opositor a Kirchner. A esta plataforma política pertence o alcalde de Bos Aires, Mauricio Macri, de quen se especula poida ser candidato para o 2001.

Alberto Rodríguez Saá (58 anos), “Frente Justicialista por la Liberación”, peronista.

Luis Amman (65 anos), “Frente Amplio Latinoamericano”, conxunción dos Partidos Comunista e Humanista.

Raúl Castells (57 anos), “Movimiento Independiente de Jubilados y Desocupados”.

Vilma Ripoll (53 anos), “Movimiento Socialista de los Trabajadores” (MST).

Gustavo Breide Obeid (54 anos), “Partido Popular de la Reconstrucción” (PPR), ex militar golpista dos “carapintadas”, este partido agrupa a militantes de extrema dereita.

Fernando “Pino” Solanas (77 anos), “Partido Proyecto Sur”.

Néstor Pitrola (53 anos), “Partido Obrero” (PO).

Jorge Omar Sobichs (64 anos), Partido “Movimiento Popular Neuquino”, tendencia peronista, crítico con Kirchner.

José Alberto Montes (57 anos), “Frente de Izquierda de los Trabajadores Socialistas” (FITS), que agrupa ao Movimiento al Socialismo (MAS), o Partido de los Trabajadores Socialistas (PTS), de orientación trotskista, e a Izquierda Socialista (IS).


As enquisas

Segundo as empresas de sondaxes arxentinas “Centro de Estudos de Opinión Pública” (CEOP), “Hugo Haime e Asociados”, “Ricardo Rouvier y Asociados”, “OPSM”, “Carlos Fara y Asociados” e “Poliarquía”, a candidata do oficialismo Cristina Fernández de Kirchner obtería unha vitoria contundente na primeira volta, con índices de votación estimados entre o 39,8% e o 50,3%. En todo caso, a súa vantaxe sería de dez puntos porcentuais por riba da súa inmediata rival, Elisa Carrió.

No entanto, outras enquisas como “Opinión Autenticada” e a “Universidad Abierta Interamericana” identifican esa vantaxe de Fernández de Kirchner entre 36% e 38%.

Con esta tendencia electoral, por primeira vez na súa historia republicana, a presidencia arxentina estará disputada entre dúas mulleres. O factor feminino constitúe un importante avance dentro da política arxentina, debido a que o futuro goberno que saia destes comicios presidenciais deberá outorgar un mínimo do 30% dos seus cargos ministeriais a mulleres.

O sistema electoral considera que para ser considerado gañador nos comicios nunha primeira rolda, o candidato vencedor necesita superar o 45% dos votos ou ben obter un 40% sempre e cando a súa vantaxe sexa de dez puntos porcentuais por riba do seu rival mais inmediato.

Segundo as empresas demoscópicas antes mencionadas, Elisa Carrió tería unha intención de voto entre o 11,7% e o 17,5%, cifras lixeiramente superiores ás do candidato Roberto Lavagna, ex ministro de Economía durante a presidencia de Carlos Menem. Lavagna móvese nun espazo porcentual entre o 7,9% e o 19,8%.

Un factor que seguramente decantará a balanza entre Fernández de Kirchner e Carrió será a cifra de indecisos, calculada nun 22%, que pode propiciar ou ben o triunfo da candidata do goberno en primeira volta ou ben favorecer a Carrió na celebración dunha “ballotage” en segunda volta, a celebrarse o próximo 25 de novembro.


A prioridade da economía

Nunha campaña electoral marcada pola apatía social cara os programas dos respectivos candidatos, o tema da economía, especificamente da inflación, ocupa unha atención primordial, debido ás críticas desde diversos sectores públicos e privados cara as estatísticas oficiais emanadas do Instituto Nacional de Estatística e Censos (INDEC).

Os datos oficiais do INDEC calculan o Índice de Prezos ao Consumidor (IPC) por debaixo do 10% anual, mentres a oposición política, a Confederación General del Trabajo (CGT), e os sectores financeiros e empresariais consideran que o IPC está por riba do 18% e que diversos datos oficiais están manipulados. O INDEC considerou que a inflación experimentou en agosto pasado unha variación interanual do 8,7%.

Non obstante, Arxentina está experimentando un considerable crecemento económico, grazas principalmente ao avance no sector da construción, que lle permitirá ser, en 2007, o segundo país suramericano en crecemento tras Venezuela, cun índice calculado nun 9%. Coa chegada de Kirchner ao poder no 2003, Arxentina ven crecendo a un ritmo anual de 8%.

Tras anos de inestabilidade económica e, especialmente, trala crise do “Corralito” de 2001, o panorama económico constitúe probablemente o centro dos debates e dos programas electorais dos candidatos, especialmente no referente ao emprego. A taxa de desemprego logrou baixar ao 8,9% no terceiro trimestre de 2007, o cal supón un aliciente para a candidatura da súa esposa.

Non obstante, os datos socioeconómicos explican que gran parte da reactivación do emprego ven presentándose no sector informal, desasistido da seguridade social e onde os salarios son máis baixos. Incluso, recentemente, ven denunciándose casos de fame e pobreza extrema en rexións do interior como é o caso da provincia do Chaco, ao norte do país.

A pesar dos anteriormente reflectidos niveis de crecemento económico e da recuperación trala dura crise do “Corralito”, os servizos públicos, os investimentos públicos e privados e o sistema de saúde nacional están presentando crónicos problemas de abastecemento. A dependencia cidadán do sector público segue a ser considerable, especialmente ante o encarecemento dos servizos privados en áreas sensibles como a saúde. Tamén existe descontento social polos curtes de electricidade e gas durante o pasado inverno.


Epílogo dos partidos tradicionais

Un claro síntoma do actual proceso electoral na Arxentina se observa ante a clara ruptura cidadán co sistema tradicional dos grandes partidos políticos, derivando estes cara plataformas electorais principalmente centradas en liderados atractivos e populares mais que en bases programáticas e ideolóxicas.

Esta tendencia propicia unha aberta atomización do sistema político, así como un proceso que diversos analistas arxentinos consideran como a “banalización” da representatividade política. En diversos sectores da opinión pública arxentina temen que este fenómeno contribúa a recrear un panorama de inestabilidade política.

Esta crise dos partidos tradicionais na Arxentina se manifesta ante a confusión, persistente tanto nos medios como entre os cidadáns, sobre a identificación das candidaturas e dos partidos e movementos que os apoian. Na maioría dos casos, os espazos de promoción das candidaturas en Internet se identifican cos nomes dos candidatos e non coas páxinas oficiais dos partidos e plataformas políticas e electorais.

Neste sentido, os máis influídos por esta ruptura do sistema tradicional son o peronista Partido Justicialista (PJ) e a centrodereita Unión Cívica Radical (UCR), os cales alternaron no poder coa recuperación da democracia en 1983 e que actualmente amosan a súa debilidade como referencias da representación política cidadán.

Nos derradeiros anos, existe un proceso á inversa en ambos partidos. O PJ logrou constituírse nunha poderosa forza política que domina o escenario nacional. Caso contrario da UCR, que segue a funcionar pero cun impacto político e electoral cada vez menor.

Outro factor a tomar en conta é a desestruturalización de líderes e movementos dentro do amplo espectro político do “peronismo”. Neste sentido, existen tres liderados e candidaturas: a de Néstor Kirchner e a súa esposa Cristina Fernández de Kirchner, apoiada pola maioría do Partido Justicialista; o centrista Roberto Lavagna, que se postula coa agrupación “Una Nación Avanzada”; e o ex presidente provisional Alberto Rodríguez Saá, que se presenta na plataforma “Frente Justicialista Unión y Libertad”.

Incluso, en diversos casos, existe unha transversalidade do apoio “peronista”, como no caso de Cristina Fernández de Kirchner, cun candidato para vicepresidente, Luis Cobos, que pertence á Unión Cívica Radical (UCR), un grupo disidente dos Kirchner dentro do Partido Justicialista.

No caso dos partidos de oposición, as candidaturas de Elisa Carrió e Ricardo López Murphy logran asentarse tralos seus respectivos abandonos da UCR e a construción de sendas plataformas políticas electorais con figuras disidentes deste partido.

Pero tamén existen diverxencias e roces no seo de determinadas candidaturas opositoras, como é o caso da disputa interna entre López Murphy e o alcalde de Bos Aires, Mauricio Macri, quen criticara algúns aspectos programáticos do candidato de “Propuesta Republicana” (PRO).

Ante este panorama, e no caso de gañar a súa esposa a presidencia, o actual presidente Néstor Kirchner tentará no próximo período gobernamental a consolidación da súa plataforma política nun partido con gran alcance nacional, que permita incluír a diversos sectores do peronismo e do centroesquerda.

Dende diversos sectores consideran que Kirchner está tentando construír o “kirchnerismo” como substitución do “peronismo”, dotándose dunha ideoloxía propia e diferenciada do fundador do Partido Justicialista.

Pola súa banda, a oposición política acusa ao matrimonio Kirchner de deseñar unha estratexia que lles permita unha maior permanencia no poder mediante procedementos electorais e democráticos, consistentes na alternancia e reelección presidencial.

Neste sentido, son notorios os problemas de relacións entre os medios de comunicación e o matrimonio Kirchner, a tal punto que a candidata do oficialismo non outorga roldas de prensa nin mantén relacións directas cos medios arxentinos. Estes medios acusan ao actual presidente de tendencias autoritarias e caudillescas.


A fortaleza dos Kirchner

Resistida principalmente a súa candidatura nos sectores altos e de clase media alta, a base electoral de Cristina Fernández de Kirchner se centra principalmente nos sectores máis humildes e de menores ingresos, principalmente beneficiados polas políticas sociais do actual presidente e da reactivación e prolongado crecemento económico.

Nas grandes cidades como Bos Aires, Rosario e Córdoba, Fernández cae nas enquisas, incluso manifestando un empate con Carrió. Pero a fortaleza dos Kirchner está en provincias, principalmente nas empobrecidas provincias do noroeste e nordeste, así como nos distritos populares que circundan a capital federal.

O voto das clases medias e altas está máis atomizado nas diversas candidaturas de centro esquerda e centro dereita da oposición, cun voto máis ideolóxico, disuadidos polos diversos escándalos de corrupción do actual goberno de Kirchner.

En materia de política exterior, a vitoria de Cristina Fernández de Kirchner permitirá continuar co legado do seu marido, consistente en variar moderadamente a orientación pro-estadounidense de anteriores gobernos cara unha maior inclusión da Arxentina no espazo suramericano, especialmente no MERCOSUR e concretamente con Brasil.

O presidente Kirchner logrou cimentar unha relación bilateral moi directa co presidente venezolano Hugo Chávez. No caso de vitoria de Cristina Fernández, os vínculos entre Bos Aires e Caracas se manterán case inalterables pero ampliando algunhas perspectivas de maior acercamento cara Washington e Europa, especialmente no caso de que o Partido Demócrata logre a vitoria electoral nos comicios presidenciais en EEUU de novembro de 2008.

Candidatos opositores como Elisa Carrió, Roberto López Murphy e Roberto Lavagna, critican constantemente os eidos de orientación da política exterior de Kirchner, especialmente a súa directa relación con Chávez. Así, as prioridades en política exterior para o futuro goberno arxentino seguirán a ser Brasil, EEUU e Europa.

 
Volver a TitularesVolver a Informe de Situación



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 29/10/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta