| Informe de Situación / nº
016-16/2007 de 16 de outubro |
||||||||
| Ecuador: O proceso constituínte de Rafael Correa | ||||||||
|
O contundente triunfo do presidente Rafael Correa no referendo consultivo para crear unha Asemblea Nacional Constituínte encargada de redactar unha nova Constitucional Nacional que impulse o proceso de “refundación” do Ecuador, reafirma unha modalidade política e lexislativa iniciada por Hugo Chávez en Venezuela en 1999 e continuada por Evo Morales en Bolivia a partir do 2005, co obxectivo de reconstituír os poderes públicos para crear un novo modelo político, económico e social. Precisamente, a referencia do modelo de Chávez do “Socialismo do Século XXI”, co cal simpatiza Correa, xera unha constante presión sobre un proceso que, a todas luces, o presidente ecuatoriano defende como “propio e autóctono”, e lexitimado por mecanismos democráticos. O escenario político preséntase favorable para que Correa e a súa plataforma “Alianza País” leven a cabo este proceso constituínte. O obxectivo é constituír un marco legal que transforme estruturalmente o país e garanta a súa estabilidade política, finalizando unha convulsionada etapa iniciada en 1997 e que provocara a caída de tres presidentes por sucesivas rebelións populares.
O presidente ecuatoriano Rafael Correa, de 44 anos, xa posúe o aval político e legal necesario para impulsar a súa proposta electoral de “refundar Ecuador”. O domingo 30 de setembro, Correa alcanzou unha indubidable vitoria no referendo popular para a convocatoria dunha Asemblea Nacional Constituínte (ANC), obtendo un 71% dos votos, traducido en 70 asembleístas para a súa plataforma política Alianza País (AP), dos 130 escanos que posuirá a futura Asemblea Constituínte. A tenor dos resultados electorais, a contundente vitoria de Correa e a AP asesta un golpe case definitivo á lexitimidade sociopolítica dos partidos tradicionais ecuatorianos e dalgúns dos novos movementos políticos e sociais xurdidos nos derradeiros anos. A nova correlación de forzas políticas permitirá á ANC levar a cabo durante un período de entre 6 e 8 meses, un amplo debate que determine a promulgación dun novo texto constitucional, a terceira Carta Magna que terá Ecuador desde o seu retorno á democracia en 1978. Os labores da ANC comezarán na localidade de Montecristi, na costa do Océano Pacífico, ao oeste do país, elixida por Correa por ser a cidade natal do seu referente histórico, Eloy Alfaro, ex presidente liberal que modernizou Ecuador a principios do século XX. A proposta constitucional está sendo debatida por un equipo de 30 expertos académicos e un representante do goberno. A ANC terá que redactar a vixésima Constitución ecuatoriana desde que o país obtivera a súa independencia en 1830. Neste sentido, os principais eidos de discusión da reforma do texto constitucional afecta a catro grandes temas: a) Reelección e poder presidencial: se ben está prevista, non se coñece se será inmediata ou ben deberá pasar por un período gobernamental para volver a postularse. Está tamén en discusión a posibilidade dunha ampliación do mandato de goberno de catro a seis anos. Non obstante, tamén se estipula a creación dun sistema bicameral de Congreso e Senado que limite o poder presidencial. Correa impulsa a idea dun Congreso “ético e profesional”. b) Reestruturación territorial: dentro dunha posible reordenación e descentralización territorial, Correa tentará acabar coa histórica división entre selva (oriente do país), serra e costa, propoñendo unha mellor distribución da riqueza nacional en áreas produtivas que podan equipararse ao superior desenvolvemento de Quito, Guayaquil e Cuenca. c) Economía social: a creación dun Consello de Planificación Económica debe abrir paso a un modelo económico social, con forte presenza estatal na actividade produtiva e coas industrias petroleira e mineira baixo control público. Poderán revisarse as concesións ás empresas privadas en materia enerxética e de telecomunicacións. Contemplaríanse tamén novos tipos de propiedade “social”, a expropiación de empresas que non cumpran coa súa función social e a posible regulación estatal da actividade financeira. Se discutirá a non explotación, a cambio de compensacións internacionais por conservar o medio ambiente, do campo petroleiro Ishipingo-Tambococha-Tiputini, dentro do Parque Nacional Yasuni, unha das zonas con maior biodiversidade a nivel mundial. d) Costumes sociais: Nunha sociedade con forte tradición católica e conservadora, a ANC discutirá temas delicados como o matrimonio homosexual, a unión de parellas de feito e o aborto. O presidente Correa xa amosou a súa negativa a aceptar os matrimonios do mesmo sexo e o aborto. Este cronograma de actividades, tal e como explicou Correa pouco despois de coñecerse os resultados electorais, permitirá a disolución do actual Congreso nacional, a fin de evitar interferencias co traballo da ANC; a aprobación da nova Constitución por medio dun referendo popular; e a celebración de novas eleccións “cando menos para o Presidente e vicepresidente, así como as lexislativas”, reafirmando a lexitimidade dos novos poderes públicos establecidos pola ANC. A preponderancia da AP non se verá eclipsada polos outros partidos que forman parte da ANC: o Partido Sociedade Patriótica (PSP) do ex presidente Lucio Gutiérrez, obtivo un 9%, entre 15 e 17 escanos, mentres o Partido Renovador Institucional de Acción Nacional (PRIAN), do magnate bananeiro e candidato presidencial Álvaro Noboa, alcanzou un 4%, entre seis e sete escanos. O Partido Social Cristián (PSC), con 3,4% obtivo 5 escanos. Outros partidos que non puideron superar o límite do 2,5% dos votos que lles permitiría ingresar na ANC son: a Rede Ética e Democracia (RED), co 2% e o Movemento Popular Democrático (MPD), co 1%. Un total de 20 formacións políticas non terán representación na ANC. Xunto ao PSP e o PRIAN, outros movementos como o indixenista Movemento Pachakutik e a socialdemócrata Esquerda Democrática poden configurarse como novos marcos de oposición política a Correa. Pero tamén poden presentarse disensións internas nestes partidos sobre se apoiar ou non a proposta constituínte de Correa. Con este escenario de maioría electoral na ANC, Correa non ser verá afectado pola necesidade de impulsar pactos e negociacións cos demais partidos políticos que lle resten operatividade para poder levar a cabo a reforma constituínte, sen ser sometido a un constante bloque parlamentario. Neste sentido, e no apartado estritamente legal, Ecuador seguiría con exactitude os pasos establecidos por Hugo Chávez en Venezuela, coas disolución do Congreso Nacional e as eleccións á ANC (xullo de 1999); período de sesións da ANC (de xullo a novembro de 1999); referendo popular de aprobación da nova Constitución (decembro de 1999); e, por último, a celebración dunhas novas eleccións presidenciais (xullo de 2000). Este proceso permitiu a aprobación da Constitución da República Bolivariana de Venezuela e a reestruturación política e social do Estado venezolano coa promulgación, entre outras disposicións, de seis poderes públicos (Executivo, Lexislativo, Xudicial, Moral, Electoral e Cidadán); unha Asemblea Nacional unicameral; e posibilidade de reelección inmediata (Chávez gañou os comicios presidenciais de decembro de 2006). Actualmente, Chávez promove unha nova reforma constitucional que estipule a adopción do modelo socialista e a reelección indefinida, cun novo referendo popular previsto para decembro de 2007. Correa, simpatizante do modelo de “Socialismo do Século XXI” impulsado por Chávez e co seu proxecto de integración contido na Alternativa Bolivariana para as Américas (ALBA), posúe similar marxe de manobra política que Chávez, cunha contundente maioría na ANC que abortaría legalmente calquera tentativa opositora. Esta posibilidade de repetir en Ecuador o exemplo venezolano esperta preocupación nos sectores opositores acerca da presunta “deriva autoritaria” e excesivo poder presidencialista de Correa. O único inconveniente a salvar é o pulso político entre o Congreso ecuatoriano e Correa ante a próxima operatividade da ANC, debido a que diversos parlamentarios do Pachakutik, o PSC, a PSP e o PRIAN, rexeitaron a disolución do Congreso mentres anunciaban que denunciarían a Correa ante a ONU e a Organización de Estados Americanos (OEA), por pretender disolver a Cámara de Deputados. Se o pulso entre Correa e o Congreso se agudiza nas rúas e nos organismos internacionais, escenario que non semella probable, Ecuador pode correr o mesmo risco que a proposta constituínte que actualmente tenta levar a cabo o presidente Evo Morales en Bolivia. A radicalización política e territorial en Bolivia dificulta a promulgación dunha ANC que permita redactar unha nova Constitución, proceso que en principio se esperaba iniciar a partir de xullo de 2006. A rica rexión gasífera de Santa Cruz, así como outros partidos contrarios ao presidente, opóñense ás demandas constituíntes do gobernante Movemento ao Socialismo (MAS) do presidente Evo Morales, paralizando a discusión da reforma constitucional e fragmentando política e terrorialmente ao país. Aleccionado polo exemplo boliviano, a ANC que discutirá a nova Constitución en Quito poderá ser aprobada por maioría simple, a diferenza da necesaria aprobación das dúas terceiras partes que require o caso boliviano que, actualmente, estanca a aprobación dos artigos do novo texto constitucional que espera impulsar Evo Morales. Tan pronto como obtivo este triunfo electoral, Correa prometeu revisar os contratos petroleiros coas multinacionais enerxéticas, a fin de renegociar un novo marco de actuación que permita ao Estado ecuatoriano “recuperar a soberanía enerxética” e “acabar co saqueo, o entreguismo e o despilfarro”. Ecuador é o quinto produtor petroleiro en América do Sur, con 500.000 barrís diarios, mentres o petróleo constitúe o 34% do orzamento do Estado. Correa anunciou recentemente a súa intención de reingresar a Ecuador no seo da Organización de Países Produtores de Petróleo (OPEP), trala súa saída en 1993. Neste sentido, o xoves 4 de outubro, Correa anunciou a disposición do seu goberno de adoptar unha medida na que o Estado ecuatoriano se quede co 99% das ganancias petroleiras extraordinarias, quedando un 1% para as multinacionais, debido ao aumento dos prezos do cru. Actualmente existen 18 compañías internacionais que forman parte da Asociación de Industrias Hidrocarburíferas de Ecuador, das que a metade posúen concesións de explotación de cru na rexión da Amazonía ecuatoriana. Anteriormente, o ministro de Minas e Petróleo, Galo Chiriboga, anunciou unha reunión coas concesionarias Repsol-YPF (España), Petrobras (Brasil), Andes Petroleum (China), Perenco (Francia, con sede en Singapur) e City Oriente (EEUU), á que non acudiron aducindo que necesitaban consultar coas súas sedes centrais para adoptar unha posición ante a medida gobernamental. Algunhas destas multinacionais como Perenco están acusadas por diversas ONGs ecuatorianas de atentar contra comunidades indíxenas. Correa advertiu que nun máximo de 90 días se presentaría unha auditoría aos contratos das petroleiras, tomando en conta que, segundo estatísticas oficiais, as multinacionais deben ao Estado ecuatoriano un total de 257 millóns de dólares. O ministro Chiriboga declarou que o Estado ecuatoriano espera obter para finais de 2007 un total de 800 millóns de dólares en ingresos adicionais do petróleo. Aínda que multinacionais como Repsol YPF consideraron que a nova medida gobernamental de Correa non lles afecta en demasía, diversos críticos ao presidente ecuatoriano consideran que o seu goberno está a seguir os procesos de “renacionalización” e estatalización enerxéticas iniciados en Venezuela e Bolivia a partir do 2006. Non obstante, pese ás súas simpatías cara o socialismo de Chávez, Correa amosa un notable nivel de pragmatismo na súa política exterior, balanceándose entre o “eixe do ALBA” fraguado dende Caracas, La Habana e La Paz, tanto como co ALCA defendido dende Washington. Igualmente, Correa tenta estabilizar as relacións de Ecuador cos seus veciños Colombia e Brasil, principalmente en materia antidrogas, antisubversión e enerxética, e amosa un marcado interese por Europa e o seu modelo de desenvolvemento socieconómico. |
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 13/10/2007 |
||||||||
|
||||||||