| Informe de Situación / nº
014-14/2007 de 24 de setembro |
||||||||
| Xapón: A dimisión de Shinzo Abe e o novo escenario político | ||||||||
|
Sen finalizar o seu primeiro ano de goberno, a dimisión, o pasado 12 de setembro, de Shinzo Abe, do Partido Liberal Democrático (PLD), como primeiro ministro xaponés, semella abrir un escenario que rememora pasadas crises políticas neste país, determinadas por gobernos de corta duración. No caso de Abe, substituído en elección interna no PLD o pasado domingo 23 por Yasuo Fukuda, as razóns da súa caída débense a diversos escándalos de corrupción, polémicas declaracións dalgúns dos seus ministros, perda de credibilidade e apoio popular e unha humillante derrota política no Senado en xullo pasado, debido á oposición por renovar o seu compromiso antiterrorista con EEUU, especialmente en orde á asegurar a participación militar nipona en Afganistán.
Sen chegar a cumprir o seu primeiro ano no goberno (o próximo 26 de setembro), o ex primeiro ministro nipón Shinzo Abe, do gobernante Partido Liberal Democrático (PLD), anunciou o pasado 12 de setembro a súa decisión de dimitir e dar paso a un proceso de substitución e renovación no seu partido e no gabinete. Abe esgrimiu como principal razón da súa dimisión determinados problemas de saúde causados polo estrés e unha infección gastrointestinal. Ante esta situación, o PLD celebrou o pasado 23 de setembro un proceso de eleccións internas que permitiu designar a Yasuo Fukuda, de 71 anos, como sucesor de Abe no goberno, de xeito que Xapón poida contar cun primeiro ministro de cara á Asemblea Xeral da ONU, a celebrar a finais de mes, e para poder finalizar o actual período lexislativo, antes das eleccións xerais de 2009. A pesar da sólida vitoria de Fukuda nas eleccións internas no PLD, a dimisión de Abe corre o risco de reabrir un escenario de volatilidade e incerteza na política xaponesa, similar á existente nas décadas dos oitenta e noventa do século pasado. Paralelamente, a prolongada hexemonía política do PLD, gobernante en Xapón desde 1955, pode verse actualmente cuestionada e superada polo ascenso do opositor Partido Democrático de Xapón (PDX), cunha eventual vitoria electoral que propiciaría unha histórica viraxe na política xaponesa. Pertencente a unha familia da elite política do PLD, neto dun ex primeiro ministro e fillo dun ex ministro de Relacións Exteriores, Shinzo Abe chegou á xefatura do goberno xaponés con 52 anos, e foi entón considerado como o primeiro ministro máis novo desde 1945. Así, Abe substituíu no cargo ao carismático Junichiro Koizumi, que á fronte do goberno entre 2001 e 2006 foi o que máis durou en Toquio nos derradeiros anos. Con índices de popularidade estimados no 60% no momento de ocupar o seu cargo, en gran medida determinados pola popularidade do seu antecesor Koizumi, Shinzo Abe herdou unha folgada maioría parlamentaria para o PLD e unha sólida posición política no seu cargo, favorecido tamén pola recuperación dos principais indicadores da economía xaponesa, que empezaba a superar os estragos da crise financeira asiática de 1997 e a posterior recesión económica. No plano político, Abe centrouse en ofrecer unha orientación “nacionalista e patriótica” que contrastaba coa visión dos seus predecesores no PLD, manifestando unha gran paixón pola difusión dos símbolos nacionais nipóns e do “ensino escolar do patriotismo”. Deste xeito, Abe defendeu a necesidade de reformar de forma definitiva o carácter pacifista da Constitución xaponesa, especialmente establecida no artigo 9, que só permite actuar ao seu Exército en defensa propia e impide a súa participación en misións militares internacionais. Anteriormente, Koizumi rompeu esta prerrogativa constitucional ao acceder a enviar tropas niponas a Iraq e Afganistán, aínda que só como parte dunha “misión de observadores”, coa finalidade de estreitar os lazos entre Washington e Toquio. En sintonía con esta visión, Abe afondou na idea de que Xapón debía fortalecer a súa posición internacional, especialmente nos eidos militar, económico e de relacións exteriores. Velaí o seu reforzamento da estratéxica alianza con EEUU, considerada a base da defensa e seguridade militar do país asiático, que se ampliou coa sintonía de Abe coa loita antiterrorista levada a cabo por Washington. Abe calculou que a inclusión nipona nesta estratexia antiterrorista global liderada por Washington permitiría ao seu país ingresar cun peso político considerable no escenario internacional. Neste sentido, Abe afondou unha relación militar estratéxica entre Xapón, EEUU e Australia, que esperaba ampliarse cara a India. Para afianzar esta relación, as Forzas Armadas de Autodefensa de Xapón (FAAX) comezaron a asistir con combustible e apoio loxístico ás fragatas e portaavións estadounidenses, paquistanís e doutros países aliados apostados no Océano Índico, en concordancia co apoio de Toquio á misión estadounidense en Afganistán. Obviamente, este frontal e quizais excesiva viraxe pro-estadounidense na política exterior de Abe causou inmediatas reaccións de preocupación en China e Corea do Norte. Para aliviar esta posición, Abe visitou Beijing en maio pasado, nun intento por recompoñer as relacións sino-niponas tralas controversias bilaterais entre Beijing e Toquio, causadas polas frecuentes visitas do seu antecesor Koizumi ao santuario de Yasukuni, símbolo do nacionalismo imperial xaponés, onde están enterrados 14 criminais de guerra da II Guerra Mundial. Esta disposición de Abe a apoiar incondicionalmente a Washington espertou fortes reaccións contrarias e controversias na Dieta, o Parlamento nipón, especialmente ante a presión opositora por parte do Partido Democrático de Xapón, PDX, e creou certas tensións en determinadas filas do seu partido e goberno, entre eles, o seu ministro de Asuntos Exteriores e secretario xeral do PLD, Taro Aso. Neste sentido, Abe era partidario de prolongar a “Lei Especial de Medidas contra o Terrorismo”, que permitiría a asistencia das FAAX a Washington en Afganistán. Aso e o secretario en xefe do PLD, Kaoru Yosano, prepararon outra lei que obrigaba a suspender esas actividades. Esta situación levantou as suspicacias no PLD e na opinión pública dando a impresión de que Abe estaba illado e politicamente debilitado porque carecía da autoridade dentro do partido e do goberno. Precisamente, a discusión desta lei constituíu unha das claves da caída de Abe, tomando en conta o seu fracaso político por non conseguir o apoio do PDX para renovar o compromiso antiterrorista en Afganistán, unha misión militar na que participan tropas xaponesas eque finaliza o próximo 1 de novembro. O líder do PDX, Ichiro Ozawa, de 65 anos, abortou esta posible aprobación parlamentaria en xullo pasado, aducindo que o seu partido seguiría a opoñerse a esta misión exterior nipona aínda que caera o goberno de Abe e se nomeara un substituto. No relativo ás eleccións para renovar o Senado en xullo pasado, o seu resultado foi determinante para decidir o futuro político de Abe e o PLD. O Senado xaponés conta con 242 escanos, elixidos para un período de seis anos, debendo renovarse por metade cada tres. A vitoria do PDX, quen obtivo a maioría dos escanos no Senado, constituíu a peor derrota política e parlamentaria do PLD na súa historia, e ten a súa explicación na incompetencia do goberno de Abe para levar a cabo reformas sociais, na insistencia en aplicar un rigoroso programa económico neoliberal e no escandaloso caso dun fallo burocrático no sistema nacional de pensións, que derivou na perda dos rexistros laborais de 50 millóns de xaponeses que actualmente descoñecen onde se atopa o diñeiro das súas pensións. Pero a derrota no Senado, por si soa, non explica completamente as razóns da caída de Abe. Diversos escándalos de corrupción e as polémicas declaracións dalgúns dos seus ministros, coa súas posteriores dimisións, minaron a súa popularidade e credibilidade. En decembro de 2006 dimitiu o ministro de Reforma Administrativa, Genichiro Sada, por colaboración nun falso informe contable en relación cos gastos partidarios. Ao longo do 2007 foron catro as dimisións no goberno de Abe, dous deles na carteira de Agricultura, Silvicultura e Pesca, por acusacións de financiamento ilegal. Incluso Toshikatsu Matsuoka, o seu primeiro titular en Agricultura, suicidouse en maio pasado, poucas horas antes de comparecer ante o Parlamento para explicar os gastos do seu ministerio. Pouco despois da derrota do PLD nas eleccións no Senado, en agosto pasado dimitiu o segundo ministro desa carteira, Norihiko Akagi. O ministro de Defensa Fumio Kyuma, dimitiu en xullo pasado, dous días despois de declarar que as bombas nucleares contra Hiroshima e Nagasaki foron “algo inevitable para acabar coa II Guerra Mundial”. Unha situación comprometida viviuse cando o propio Abe non descualificou publicamente a Kyuma e, incluso, cando desaconsellou a súa dimisión. Pola súa banda, o ministro de Saúde, Hakuo Yangisawa, estivo a punto de ser destituído tras asegurar que as mulleres “son máquinas de facer fillos”. Yangisawa é considerado o máximo responsable do escándalo da perda de datos no sistema de pensións. O último caso de dimisión aconteceu a comezos de setembro. Takehiko Endo, substituto de Akagi no ministerio de Agricultura, dimitiu a causa da recepción ilegal de subvencións. Endo non notificou a Abe a súa renuncia, situación que evidenciou a debilidade política do primeiro ministro e deu paso a súa posterior dimisión no cargo. Un aspecto mais que explica a caída en desgraza de Abe estivo no manexo da crise de seguridade na central atómica de Kashiwazaki-Kariwa, en xullo pasado, provocada tras un breve sismo que afectou ás sete centrais nucleares e as súas instalacións, desatando os temores dun posible escape radioactivo e do estado real das instalacións nucleares en Xapón. A Axencia Internacional da Enerxía Atómica (AIEA) pediulle a Abe que informara “con claridade” sobre a dimensión dos danos e a posible fuga de gases mentres o malestar social e a oposición política culpaban ao seu primeiro ministro de “ambigüidade” e “incompetencia” na resolución do problema. Trala renuncia de Shinzo Abe abriuse un panorama crítico dentro da política xaponesa, que corre o risco de propiciar unha eventual etapa de gobernos débiles e de corta duración, con alta atomización parlamentaria, e que transiten con dificultades ata a celebración das próximas eleccións xerais no 2009. Entre o 19 e o 23 de setembro, o PLD celebrou unha serie de consultas internas para elixir como substituto de Abe a Yasuo Fukuda, un veterano deputado de 71 anos, estreito colaborador do ex primeiro ministro Koizumi e unha das personalidades políticas máis respectadas en Xapón. Fukuda venceu por 330 votos contra 197 a Taro Aso, de 66 anos, actual secretario xeral do PLD e ex ministro de Asuntos Exteriores. Fukuda reafirmou na votación a condición de favorito que lle precedía, co voto asegurado das nove faccións que dominan ao PLD, así como do influínte apoio directo do ex primeiro ministro Koizumi. O novo primeiro ministro será ratificado no seu cargo polo Parlamento o martes 25. No seu primeiro discurso, Fukuda prometeu unha reestruturación política da cúpula do PLD, nomeando ao ministro de Educación, Bummei Ibuki, como novo secretario xeral do partido en substitución de Aso. Outro posto clave dentro do novo PLD será a designación de Sadakazu Tanigaki, ex ministro de Finanzas, como presidente do Consello de Investigación política do partido. Está por ver cal será o papel que desempeñará Aso na nova cúpula do PLD, tomando en conta que obtivo un sorprendente 40% da votación, especialmente dos seus representantes territoriais, afectados pola reforma económica emprendida por Koizumi. Fukuda especula con incluír a Aso na próxima executiva do partido. Debido a súa gran experiencia política e imaxe favorable na opinión pública, diversos sectores do PLD consideran que a elección de Fukuda como substituto de Abe constitúe un acerto político para recuperar apoio popular trala “etapa Abe” e por ser un serio adversario electoral para o líder do PDX, Ichiro Ozawa, co cal dificultaría a este último a disolución do Parlamento e a convocatoria de eleccións anticipadas. En canto aos programas de goberno, Fukuda amosa importantes diferenzas con respecto a Abe e Aso, principalmente en materia de política exterior. Fukuda posúe unha visión menos pro-estadounidense, avogando por un maior equilibrio nas relacións entre Toquio e Washington e mais acorde con incluír a Xapón en sintonía cos seus veciños asiáticos. Con respecto ao asunto nuclear de Corea do Norte, Fukuda é partidario das solucións por medio do diálogo e a negociación. No plano interno, Fukuda defende a visión de reducir o impacto negativo da reforma estrutural das competencias do goberno central e as autoridades locais e as industrias. A discusión e aprobación desta reforma foi impulsada durante o goberno de Koizumi. Un momento particularmente decisivo e conflitivo para Fukuda será a discusión parlamentaria sobre a renovación do compromiso militar con Washington en Afganistán. Esta discusión pode posibilitar dous escenarios de cara ás eleccións do 2009: un decisivo ascenso do PDX como alternativa; ou ben unha eventual “renovación” dentro do PLD que lle permita elixir unha nova dirección para recuperar a credibilidade política e social. |
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 29/09/2007 |
||||||||
|
||||||||