| Informe de Situación / nº
013-13/2007 de 19 de setembro |
||||||||
| Guatemala, eleccións presidenciais 2007 | ||||||||
|
Precedidas por un preocupante nivel de violencia pre-electoral (40 políticos asasinados nos meses previos aos comicios), as eleccións presidenciais guatemaltecas do pasado 9 de setembro amosaron un escenario fortemente polarizado, que determinará unha confrontación en segunda volta o próximo 4 de novembro entre os candidatos Álvaro Colom, da centro-esquerda Unidade Nacional da Esperanza (UNE) e Otto Pérez Molina, candidato do dereitista Partido Patriota (PP). Tanto como a violencia pre-electoral, momentaneamente aparcada o día da votación, o proceso electoral guatemalteco estivo salpicado por diversas denuncias de fraude e corrupción nas mesas de votación en diversos municipios, así como dunha elevada abstención (40%). A resaltar tamén a histórica participación política da comunidade indíxena, a pesar da escasa votación alcanzada pola súa célebre representante, Rigoberta Menchú.
Guatemala celebrou o pasado 9 de setembro un proceso electoral presidencial que acaparou unha notable atención tanto dos organismos electorais e de defensa dos dereitos humanos como dos medios informativos, especialmente ante a inusual persistencia de actos de violencia e asasinatos políticos pre-electorais, que cobraron a vida de 40 líderes e candidatos nos meses previos á elección. Desde a fin do goberno militar en 1985 e a pacificación en 1996 tras catro décadas de guerra civil, Guatemala debía elixir ao seu sexto presidente da etapa democrática, quen substituirá ao actual mandatario, Óscar Berger. No que atinxe á participación, acudiron a votar un total de 3,3 millóns de cidadáns dos 5,6 millóns que conforman o padrón electoral, para elixir presidente, vicepresidente, 158 deputados ao Congreso Nacional e 332 alcaldes. Un trazo distintivo do proceso electoral do pasado 9 de setembro estivo na elevada abstención electoral, cifrada nun 43% de inasistencia ás urnas, un índice xa tradicional de abstencionismo político, evidenciado nos últimos catro procesos electorais. No restante 53% de cidadáns que acudiron a votar, rexistráronse un total de 9,42% de votos nulos ou papeletas en branco, síntoma que evidencia unha mestura de apatía e descontento cidadán cara a clase política guatemalteca e a oferta electoral actualmente existente. A ONG “Observatorio Electoral”, instrumentada pola Oficina do Procurador dos Dereitos Humanos, o Arcebispado Metropolitano de Guatemala e a Universidade San Carlos, recibiu 286 denuncias de irregularidades nos centros de votación, tales como anomalías no padrón electoral, falta de material nas mesas, proselitismo no día da votación e intento de compra de votos. Tamén causaron polémica determinadas reeleccións de alcaldes, como foron os casos de Manuel Castillo, no municipio de Juniapa, acusado de vínculos co narcotráfico e da responsabilidade no asasinato de tres deputados salvadoreños en febreiro pasado; Arnoldo Medrano, no municipio capitalino de Chinautlá, e Amílcar Rivera, en Mixco, acusados de corrupción, venda de votos e duplicación de carnés de identidade con fins electorais. Os resultados da primeira volta electoral configuran un escenario no que Álvaro Colom, candidato da oposición de centro-esquerda “Unidade Nacional da Esperanza” (UNE), sumou 895.513 votos (28,33%), ocupando o primeiro lugar. O seu rival, Otto Pérez Molina, un xeneral retirado que lidera o movemento dereitista “Partido Patriota” (PP), obtivo 751.620 votos (23,78%). Debido a que nin Colom nin Pérez Molina obtiveron maioría absoluta, unha segunda volta entre ambos candidatos deberá realizarse o próximo domingo 4 de novembro. Pola contra, os alcaldes electos, non precisan de maioría absoluta para ser elixidos. Pola súa banda, a composición política do Congreso Nacional estará determinado pola hexemonía de tres partidos: UNE, PP e a Gran Alianza Nacional (GANA), cun candidato, Alejandro Gianmmattei (obtivo un 18% dos votos), cualificado como unha alternativa seria ás candidaturas de Colom e Pérez Molina. Outros partidos que formarán parte do Congreso guatemalteco son o partido “Centro de Acción Social” (CASA), cun 12,43% dos votos; a Fronte Republicana Guatemalteca (FRP), partido do ex xeneral golpista Efraín Ríos Montt, acusado de innumerables violacións de dereitos humanos e xenocidio contra a comunidade indíxena entre 1982 e 1983, e o “Encontro por Guatemala”, da líder indixenista e Premio Nobel da Paz, Rigoberta Menchú. Axitando a bandeira da “esperanza”, Álvaro Colom cifra o seu programa político na tolerancia e na reconciliación nacional, así como na consecución de logros sociais nos eidos da saúde, a educación e a seguridade social, a reforma do sistema xudicial e a creación de “fondos sociais” para os pobres. Tomando como referencia o modelo de Lula da Silva en Brasil, Colom obtivo o voto das clases socieconómicas baixas, na área rural, nos votantes con baixa escolaridade e nun determinado segmento urbanizado. Pola súa banda, o seu rival, Pérez Molina, centrou o seu programa político na seguridade, tomando en conta os elevados niveis de criminalidade existentes na sociedade guatemalteca. O candidato do PP, formado en academias militares estadounidenses, pretende aplicar a “man dura” como base esencial do seu programa, incluso coa posibilidade de legalizar a pena de morte e o “estado de excepción” nas zoas con maiores índices de criminalidade. Estas ideas permitíronlle captar a maioría do voto urbano, especialmente nos sectores de maior escolaridade e con mellores ingresos económicos. Estes sectores tamén foron a base dos votos de Alejandro Gianmmattei, do GANA. Colom tenta devaluar o ascenso electoral de Pérez Molina considerando que o seu programa retorna aos postulados da era da represión militarista “que agora pretende regresar”, baixo outros argumentos políticos. Un dato significativo é o baixo nivel de votación alcanzado polos partidos da esquerda guatemalteca, principalmente atomizados ante a preponderancia dun amplo espectro de partidos de dereita e centro-dereita como PP, GANA, FRG, Unidade de Cambio Nacionalista (UCN), Partido de Avanzada Nacional (PAN) e o Partido Unionista (PU), actualmente dominantes no Congreso Nacional. A indixenista Menchú, cunha campaña que levantou grandes expectativas especialmente no exterior, apenas alcanzou un 3,05% dos votos, cifra similar ao alcanzado polo ex comandante guerrilleiro Pablo Monsanto, da “Alianza Nova Nación” (ANN). Outros partidos como a Unidade Revolucionaria Nacional Guatemalteca (URNG) e a Unión Democrática (UD), apenas lograron un deputado cada un. Un dato significativo é a alta participación da comunidade indíxena guatemalteca, que conforma a maioría social nese país. As ONGs “Mirador Electoral” e “Misión Indíxena” presentaron informes post-electorais nos que aseguraban cifrar esta participación electoral dos indíxenas entre o 85 e o 89% de asistencia ás urnas, especialmente por parte das mulleres. Non obstante, persiste unha marcada desigualdade en canto ás mulleres indíxenas electas: só 19 deputadas e 8 alcaldesas. Con este escenario, as esperanzas políticas da esquerda semellan estar cifradas na visión máis socialdemócrata reflectida na candidatura de Álvaro Colom e da UNE e o seu posible triunfo electoral na segunda volta. A incógnita radica en coñecer se a multiplicación do voto da esquerda ao seu favor lle permitirá a Colom superar unha eventual preponderancia política da dereita respecto á candidatura de Pérez Molina na segunda volta. A baixa votación rexistrada por diversos partidos e movementos de esquerdas que non lograron superar o mínimo do 1% de votación que lle permitiría ingresar no Congreso, alimenta a especulación arredor da posibilidade de desaparición deses partidos e movementos do panorama político guatemalteco. Unha das variables máis significativas do proceso electoral guatemalteco foi a persistencia dun ambiente de violencia social e política, inusual trala pacificación do país en 1996, tras décadas de guerra civil. Un informe do “Grupo de Apoio Mutuo de Guatemala” cifrou en 40 os asasinatos de políticos e candidatos antes do 9 de setembro. No día da elección, as denuncias estiveron vinculadas a disturbios violentos nos departamentos de Alta Verapaz, Santa Rosa, cidade de Guatemala e Sacatepéquez, así como nos municipios de Villa Nueva, Ixcán e Quiché. Nestes disturbios se rexistraron queimas de papeletas, intimidación política, agresións verbais e físicas, curte de estradas e instigación á desobediencia civil como mostra de non recoñecemento de determinados resultados electorais que favoreceron a seis candidatos da UNE, catro do GANA, dous do FRP, dous do PP e un do PU. As autoridades policiais detiveron a máis de 200 persoas. Coas secuelas aínda frescas das matanzas de indíxenas e civís durante a represión policial e militar nas décadas de guerra civil, Guatemala, un país de doce millóns de habitantes, rexistrou case 6.000 asasinatos no 2006, unha maior violencia sexista contra as mulleres (665 asasinatos no 2005), e o avance do narcotráfico e das mafias criminais nun país que oficialmente conta cun 52,6% de pobreza xeral. En abril pasado, a activista de dereitos humanos Helen Mack denunciou a infiltración do crime organizado na policía, os partidos políticos, o poder xudicial e varias institucións do Estado guatemalteco, mentres se aseguraba a existencia dunha “estrutura de poder criminal” dentro do Estado guatemalteco. Pero o caso de violencia máis relevante foi o secuestro e posterior asasinato en febreiro pasado de tres deputados salvadoreños tras unha sesión do Parlamento Centroamericano. As acusacións se dirixiron cara un grupo de elite da Unidade do Crime Organizado e o posteriormente elixido alcalde Manuel Castillo, como parte dunha guerra entre grupos narcotraficantes. Diversas ONGs guatemaltecas consideran que polas súas fronteiras pasa o 75% da droga que vai cara EEUU, principalmente amapola e heroína, a través de diversas redes. A persistencia das mafias e os elevados índices criminais por parte de organizacións como a “Mara Salvatrucha” obrigaron ao actual presidente Óscar Berger, a pedir en marzo pasado ao seu homólogo estadounidense George W. Bush, un apoio oficial fronte ao crime organizado, durante a visita que o mandatario estadounidense realizou a Guatemala. |
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 21/09/2007 |
||||||||
|
||||||||