Informe de Situación / nº 012-12/2007 de 5 de setembro Volver a TitularesVolver a Informe de Situación
Marrocos, eleccións lexislativas 2007
 
 

  Fuad Alí El Himma; clic para aumentar
Unha carta política importante para Mohammed VI estriba na posibilidade de impulsar a candidatura de Fuad Alí El Himma, ex-ministro do Interior, quen renunciara en xullo pasado ao seu cargo tras revelarse unha trama de corrupción bancaria e do sector da construción entre 1985 e 1994 que involucra directamente á monarquía marroquí.
 
Sinopse

Marrocos acode o próximo venres 7 de setembro a unhas decisivas eleccións lexislativas baixo un clima enrarecido polo boicot anunciado por varios partidos políticos considerados “anti-sistema”, que denuncian a inutilidade da participación electoral nun réxime “corrompido”, así como da presumible elevada abstención por parte dun electorado desencantado coas fracasadas promesas de “reformas democráticas” realizadas polo rei Mohammed VI, da corrupción gobernamental e da posibilidade dun fraude electoral.

A clave electoral estará en coñecer se o Partido da Xustiza e o Desenvolvemento (PXD), considerado como “islamita moderado”, poderá cumprir coas súas expectativas de vitoria que, finalmente, poderían obrigar ao monarca marroquí a conformar un goberno de coalición.

Outro tema clave radica en determinar se o mapa político marroquí se modificará substancialmente con respecto ás eleccións de 2002 e cómo este escenario pode influír nas presións da oposición para reformar a Constitución nacional, co obxecto de equilibrar os ilimitados poderes da monarquía.


Análise

O próximo venres 7 de decembro, 16 millóns de marroquís estarán facultados para exercer o seu dereito ao voto nuns comicios lexislativos nos que se elixirán a 325 deputados da Cámara de Representantes (a koutla), dos que 30 asentos están reservados para mulleres. O seu mandato será de cinco anos.

Neste proceso electoral participarán 34 partidos políticos que deberán superar o límite do 8% dos votos para poder acceder ao parlamento. Non obstante, diversas formacións políticas denuncian que estas eleccións non posúen os mecanismos legais e lexítimos necesarios nin tampouco representan o verdadeiro espectro político marroquí, polo que realizan constantes chamamentos ao boicot e á abstención.

Para a monarquía de Mohammed VI, este proceso electoral constitúe un escenario clave para afianzar a súa lexitimidade política, social e relixiosa. Non obstante, tanto o boicot de varios partidos como a apatía e desencanto de milleiros de votantes poden propiciar un panorama político atomizado, que complique a formación dun goberno maioritario conforme ás expectativas electorais da monarquía alauíta.


Vencerán o boicot e a abstención?

Aínda que sen ofrecer cifras completamente fiables, diversas enquisas marroquís consideran que a abstención electoral superará o 50% da participación electoral. Nas eleccións lexislativas de 2002, a participación electoral foi do 51,61%.

O pantasma da abstención e a apatía do electorado evidencian cómo a cidadanía marroquí cuestiona non só a transparencia do proceso electoral e a utilidade de acudir ás urnas senón á propia monarquía e o seu sistema político. Nas eleccións de 2002 detectáronse determinados síntomas de posible fraude electoral, ante a excesiva tardanza das autoridades en dar os resultados e un mais que dubidoso desaxuste electrónico no reconto de votos.

Velaí que diversos partidos e movementos políticos que se consideran “anti-sistema” premen ao electorado a boicotear os comicios lexislativos para denunciar o que consideran é un “sistema político autoritario e antidemocrático” e a posibilidade dun “fraude electoral” o próximo 7 de setembro.

Precisamente, o rei Mohammed VI prohibiu realizar críticas a estas eleccións ata o punto de que diversos medios de comunicación críticos co réxime, tales como Nachine, Tel Quel e Al Watan, foron pechados xudicialmente o pasado mes de agosto. Paralelamente, se realizaron detencións de xornalistas acusados de “insultar á autoridade real” e de tentar “desestabilizar o país”.

Un dos partidos que máis propicia o boicot é o Movemento Xustiza e Caridade (Al Adl wal Ihsane, MXC), que ten por líder a Abdelasam Yassin. De tendencia islamita integrista, con gran mobilidade social e prohibido pola xustiza marroquí, o MXC defende o republicanismo e descoñece a autoridade da monarquía.

Yassin acusou ao rei Mohammed VI de “falsificar de antemán os resultados electorais” coa finalidade de “debilitar aos partidos políticos”, denunciando que “non existen condicións electorais” e que votar “é unha perda de tempo”.

Outro movemento pro-boicot é o partido Nahj Democrati, con tendencia política republicana e de esquerda radical e que defende os dereitos de autodeterminación do pobo saharauí. O seu secretario xeral, Habedla Harit, considera que “non existen condicións electorais transparentes” porque o parlamento posúe “poderes limitados fronte aos poderes do rei”.

Finalmente, un terceiro partido abstencionista é o Partido Democrático Amazigh, que representa os dereitos do pobo bérber. Este partido considera as próximas eleccións lexislativas como “insignificantes para o futuro do país” por marxinar a cultura bérber e non recoñecer oficialmente a súa lingua e aos partidos territoriais.

Estes partidos non só coinciden na necesidade de boicotear estes comicios senón en propiciar as vías políticas (incluso insurreccionais) para modificar a Constitución marroquí e limitar o “absolutismo da monarquía alauíta”. Neste sentido, o seu obxectivo político é a instauración dun sistema de goberno republicano.

Tanto como o boicot destes partidos e o seu electorado, a posibilidade dun elevado abstencionismo se incrementa ante a verificación, por parte das autoridades electorais, da tardanza do electorado en retirar a súa tarxeta electoral, imprescindible para depositar o voto. Ata comezos de setembro, un 60% dos cidadáns con dereito a voto non se inscribiran no censo electoral.


A clave PXD

Neste panorama pre-electoral enrarecido polas chamadas ao boicot e ao abstencionismo, cabe reflexionar sobre a conformación dun novo parlamento marroquí e a influencia que este escenario pode ter no seu futuro mapa político.

Neste hipotético tempo de cambios cómpre prestar atención ao Partido da Xustiza e o Desenvolvemento (PXD), de tendencia islamita moderada. O seu líder e secretario xeral, Saad Edine el Othmani, define este movemento como “un partido con referencias islámicas”, rexeitando calquera etiqueta integrista que o asocien a opcións máis radicais como a preconizada polo MXC.

O PXD é actualmente a terceira forza parlamentaria e as súas expectativas electorais, segundo diversas enquisas, se cifran nun 25-30%, afirmando unha posible supremacía política parlamentaria que aumentaría os seus actuais 42 deputados ata 70 ou máis parlamentarios.

Nas eleccións de 2002, o PXD só puido presentarse no 60% das circunscricións electorais, pero a súa evolución política e o seu ascendente social permitiu que nas actuais eleccións de 2007, este partido poida estar presente nas 95 circunscricións de votación.

Se ben non outorga excesiva prioridade á reforma constitucional, quizáis para evitar calquera tentativa de ilegalización xudicial, o PXD afronta no programa electoral a loita anticorrupción, unha maior inclusión social e unha educación xeral e de calidade, que lle permite presentarse como un partido moderno, interclasista e reformista.

Constantemente “demonizado” pola elite marroquí e politicamente seguido de preto para evitar que participe en todas as circunscricións, o PXD tenta non identificar completamente o seu discurso co islamismo político, probablemente a fin de evitar as acusacións de dominar o “voto relixioso”, tendendo a incluír maiores sectores de clase media urbana profesional, coa finalidade de constituírse nun partido alternativo e non exactamente anti-sistema.

Neste sentido, a evolución sociopolítica e, posiblemente, electoral do PXD en Marrocos amosa unha ineludible similitude co seu homólogo do Partido da Xustiza e o Desenvolvemento (AKP) actualmente gobernante en Turquía. Ambos ofrecen un programa político caracterizado pola síntese entre un “islamismo moderado” pero reformista e a adopción de valores laicos propios do sistema político imperante nestes países.

Non obstante, dentro do PXD tamén se experimentaron dúas escisións internas que aumentan o espectro dos partidos islamitas en Marrocos e que concorren electoralmente o próximo 7 de setembro. Son os casos do Partido do Renacemento e da Virtude (PRV), que participará en 60 circunscricións, e o Partido Alternativa Civilizada (PAC), que estará competindo en 37 circunscricións. Ambos partidos poden supoñer un desafío á posible hexemonía política do PXD.


A composición do parlamento actual

A configuración política do actual parlamento marroquí amosa a supremacía da Unión Socialista de Forzas Populares (USFP), con 50 deputados, e do partido nacionalista e conservador Istiqlal, con 48 parlamentarios. Estes dous partidos constitúen a base tradicional do sistema político marroquí, cun discurso máis conservador, defensor do sistema político e da figura do monarca e tendente a minimizar a discusión sobre calquera reforma constitucional.

Tras o USFP, o Istiqlal e o PJD, seguen a Unión Nacional de Independentes, RNI (41 deputados), o Movemento Popular, MP (27), o Movemento Nacional Popular, MNP (unha escisión do MP, con 18 deputados), a Unión Constitucional, UC (16), o Partido Nacional Demócrata, PND e a Fronte de Forzas Democráticas, FFD (doce deputados cada un), o ex comunista Partido do Progreso e do Socialismo, PPS (once deputados) e os restantes 48 escanos para outros partidos minoritarios.

Unha contundente vitoria do PXD no 2007 transformaría substancialmente non só a composición parlamentaria marroquí senón as alianzas políticas internas, que poderían dar lugar á formación dun goberno de cohabitación, co PXD como partido maioritario no parlamento e o posible aliñamento ao seu favor doutros partidos de oposición, como o PND e o FFD.

Este panorama deixaría a balanza política nas mans do rei Mohammed VI, que elixe directamente ao primeiro ministro e os titulares de Interior, Relacións Exteriores, Xustiza e Asuntos Islámicos e o responsable de Defensa.


As cartas de Mohammed VI

A punto de cumprir o seu noveno ano de reinado, iniciado en 1999 coa morte do seu pai Hassan II, as expectativas do monarca Mohammed VI consisten en consolidar a súa posición dentro da monarquía e o sistema político, dentro dun marco de lexitimidade social e electoral que lle permita evitar ou ben moderar calquera tentativa de reforma constitucional do réxime político e xurídico marroquí.

Polo tanto, e coa finalidade de evitar unha posible supremacía do PXD, o monarca marroquí tentará afincar as bazas políticas do USFP e o Istiqlal, xunto a outros tantos partidos con menor representación parlamentaria.

Non obstante, e a pesar da súa ilimitada marxe de manobra, Mohammed VI deberá afrontar un mapa político potencialmente atomizado e polarizado para os próximos cinco anos, cunha posible presión social que demande maior apertura democrática, tal e como prometeu infrutuosamente o actual monarca en 1999.

Con motivo da celebración monárquica do pasado 30 de xullo, Mohammed VI ofreceu un discurso no que cualificou ao Marrocos actual como unha “monarquía cidadán”, avogando pola “consolidación da normalidade democrática e dunha oposición fiel e construtiva”. Oficialmente, Marrocos constitúe unha “monarquía constitucional por dereito divino”, mentres o seu soberano posúe o título de “Comendador dos Crentes”.

Estas palabras, probablemente dirixidas para minorar as críticas desde diversos sectores e apuntalar aos partidos tradicionais, evidencian que a apertura democrática non será total e que o seu reinado está centrado en preservar a estrutura de poder tradicional.

Unha carta política importante para Mohammed VI estriba na posibilidade de impulsar a candidatura de Fuad Alí El Himma, ex-ministro do Interior, quen renunciara en xullo pasado ao seu cargo tras revelarse unha trama de corrupción bancaria e do sector da construción entre 1985 e 1994 que involucra directamente á monarquía marroquí.

El Himma, considerado o home de confianza do monarca marroquí e popularmente coñecido como “o virrei”, pode ser unha peza política de importancia no caso de que as eleccións lexislativas amosen un contundente triunfo do PXD e se propicie a necesidade de apostar por un goberno de cohabitación que equilibre unha eventual preponderancia da oposición islamita no parlamento.

Amplamente popular nas zonas rurais e nas clases baixas, El Himma preséntase como candidato na circunscrición de Benguerir, preto de Marrakech.

Con esta carta na súa man, Mohammed VI tentaría buscar un fiel substituto ao actual primeiro ministro Driss Jetou, un tecnócrata non partidista nomeado directamente polo monarca tralas eleccións de 2002 e que propiciou unha moderada apertura política principalmente cara partidos de esquerda revolucionaria, actualmente agrupados no Partido Socialista Unido (PSU). Baixo a promesa de celebrar unhas eleccións “limpas e transparentes”, nestes comicios, Jetou tamén pon en xogo moitas das súas cartas políticas e a súa propia crediblidade.

Para dar cabida a certa “apertura democrática”, o actual proceso electoral marroquí presenta a novidade da candidatura de Maguy Kakon, do Partido do Centro Social (PCS), primeira muller que se presenta nunhas eleccións en Marrocos. Esta histórica candidatura e a súa condición de muller e de relixión xudea nun país musulmán xera todo tipo de expectativas e polémicas.


A baza antiterrorista

Outro factor tendente a fortalecer a autoridade política de Mohammed VI radica na necesidade de apuntalar aos temibles servizos de seguridade marroquís cos elementos necesarios para combater o integrismo islamita e calquera tentativa de repetición de atentados terroristas por parte da organización “Al-Qaeda no Magreb”, como o ocorrido en abril pasado en Casablanca.

O “estado de alerta máxima” imperante en Marrocos desde os atentados de Casablanca non só se dirixe a evitar caer no espectro do terrorismo “yihadista” senón en entorpecer a actuación de grupos integristas locais e impedir o éxito da política de boicot preconizada polo MXC. Incluso, diversos sectores políticos e intelectuais acusaron ao PXD de estar detrás dos atentados terroristas de Casablanca.

Esta “política de seguridade antiterrorista” de Mohammed VI camiña paralela ao seu apoio exterior, principalmente dende EEUU e Francia. Nos derradeiros dous meses foron detidos diversos sospeitosos, acusados de “colaborar co terrorismo yihadista de Al-Qaeda” e de estar detrás do atentados en Casablanca.

Paralelamente, o monarca Mohammed VI apuntala o seu apoio exterior trala ampliación no 2007 do “acordo de cooperación estratéxica” e o “estatuto avanzado” coa Unión Europea, así como unha activa diplomacia comercial na África subsahariana, que permite ás empresas marroquís penetrar con vantaxe neses mercados.

 
Volver a TitularesVolver a Informe de Situación



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 05/09/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta