Informe de Situación / nº 011-11/2007 de 23 de agosto Volver a TitularesVolver a Informe de Situación
As secuelas do terremoto e a situación social e política
Crise en Perú
 
 

  Alan García e Álvaro Uribe en Pisco; clic para aumentar
Tanto como a presunta “axuda propagandística” de Chávez a Humala e da “bondadosa” doazón de Evo Morales, se especula que a visita de Uribe a Alan García constitúe un “claro cálculo xeopolítico” destinado a reforzar unha posible alianza entre ambos mandatarios, destinada a contrarrestar os efectos rexionais dun presunto eixe Chávez-Morales-Humala. (Foto: Alan García e Álvaro Uribe percorren, o 19 de agosto, a cidade de Pisco devastada polo terremoto do mércores 15. ©Jack Ramón Morales/Agencia ANDINA).
 
Sinopse

O devastador terremoto que afectou o pasado 15 de agosto ás localidades de Pisco, Ica e Chincha, no sur de Perú e na costa do Océano Pacífico, identifica unha situación de preocupante gravidade social para o goberno de Alan García. A cidade de Pisco foi a principal afectada polo terremoto, con 335 dos 513 mortos oficialmente recoñecidos ata o 21 de agosto, así como unha destrución das súas infraestruturas calculada nun 70%.

Aínda que as autoridades oficiais amosaron unha inmediata reacción a esta situación, activándose un amplo plan de emerxencia nacional con apoio da comunidade internacional, en diversos sectores da oposición política denunciouse a lentitude e o excesivo protagonismo de determinadas figuras do goberno de García.

Un factor de controversia política interna e externa remite ás insinuacións do propio presidente García, de que o líder da oposición, o nacionalista Ollanta Humala, estea utilizando a traxedia con fins políticos, a través dunha presunta axuda exterior por parte do presidente venezolano Hugo Chávez.


Análise

Segundo datos ofrecidos o 21 de agosto polo Instituto Nacional de Defensa Civil (INDECI), o terremoto ocorrido o pasado 15 de agosto nas localidades de Pisco, Ica, Chincha e Huancavelica, na costa do Océano Pacífico no sur do país, e na rexión capital de Lima, que inclúe as localidades de Huarochiri, Yauyos, Cañete e Callao, tivo unha magnitude de 7,9 grados na escala de Richter, deixando un saldo de 513 mortos e 1.042 feridos, así como 35.000 familias e 90.000 persoas damnificadas.

Outros informes de axencias internacionais calculan en 503 o número de mortos, contrastando coas cifras adiantadas polas autoridades peruanas. Segundo un informe da cooperación española do 20 de agosto, os datos outorgados pola INDECI peruana resultan “incompletos” porque só “recollen información cuantitativa”, que “non permite coñecer o verdadeiro grao de cobertura de atención das necesidades”.

O departamento de Ica, onde se atopa a turística e pesqueira cidade de Pisco, foi o máis afectado polo terremoto, con 419 mortos e 32.310 vivendas destruídas. Pisco estima 335 persoas falecidas mentres as autoridades calculan que cerca dun 70% ou máis das súas infraestruturas están case ou completamente destruídas. O cru inverno que actualmente está a vivir Perú agrava este panorama de crise social.

Paralelamente, se rexistraron danos de gran magnitude ao longo das autoestradas e vías de acceso no departamento de Ica, especialmente na carreteira Panamericana Sur, obrigando a que a axuda humanitaria practicamente se realice por vía aérea. O goberno peruano estimou a posibilidade de realizar unha ponte aérea entre Lima e Pisco, incluso unha vía alternativa de acceso marítimo pola costa pacífica.


Crise social en Pisco

Ante a posibilidade de que se presentara un incontrolable caos social en Pisco e nas súas localidades mais próximas, produto da falta de auga, menciñas e víveres, dos problemas loxísticos de abastecemento e da lentitude na chegada da axuda humanitaria, o goberno de Alan García tomou a decisión, o pasado 17 de agosto, de recorrer ás Forzas Armadas para recuperar o control no sur do país.

O ministro de Defensa, Allan Wagner, declarou que na área de desastre se atopan 400 efectivos militares, que poderían aumentar a 600 efectivos nos próximos días. O interese estratéxico de Pisco está conformado pola presenza do gasoduto de Camisea, aínda que a empresa Transportadora de Gas do Perú non reportara danos de consideración.

Para dar conta da situación de crise social en Pisco e noutras localidades próximas como San Andrés, San Clemente e San Miguel, os medios de comunicación informaron que diversos condutores de camións que levan a axuda humanitaria víronse obrigados a ir armados e realizar disparos ao aire para evitar saqueos. Se estima que 8.000 familias das zonas rurais na periferia de Pisco aínda non recibiron algún tipo de axuda.

A falta dun centro de información oficial en Pisco que permita dinamizar os labores de abastecemento e informar efectivamente á poboación afectada sobre a situación de familiares e amigos, incrementa esta situación de desorganización e desconcerto no sur do país. O curte das comunicacións, especialmente telefónicas, aumentou a gravidade do problema.

Un lexislador do partido gobernante APRA en Pisco, Edgar Núñez, denunciou que de non revisarse o sistema de distribución de alimentos e artigos de primeira necesidade, é posible que aparezan actos violentos de saqueos. Núñez avogou por unha axuda oficial rápida: “A fame non espera e a xente non ten nada de comer. Existen persoas organizadas en San Andrés, San Clemente e San Miguel, lista para saquear os mercados, centros de abasto e puntos de almacenaxe da axuda humanitaria”.


A controversia política

As secuelas do terremoto e a crise social en Pisco e no sur do país pode constituír o principal desafío social e político para o goberno de Alan García, ata este momento só atenazado pola crise diplomática presentada recentemente con Chile por reclamacións e delimitacións marítimas e pola negativa do Tribunal Supremo chileno a extraditar ao Perú ao ex presidente Alberto Fujimori.

O martes 21 de agosto, o presidente García anunciou a creación do programa “Construíndo Perú”, destinado a dar traballo en labores de limpeza e remoción de escombros a 8.000 persoas damnificadas. No seu discurso, García afirmou que o terremoto “só custará 0,3 puntos porcentuais do crecemento económico peruano”. Este crecemento está previsto nun 7,6% en 2007, principalmente apoiado polo dinamismo do sector da construción, que pode revitalizarse dentro das tarefas de reconstrución no sur do país.

O problema será o impacto socioeconómico que o terremoto terá principalmente no departamento de Ica, o máis afectado e onde se experimentara un notable crecemento económico nos derradeiros anos debido ás exportacións agrícolas e a conformación dunha rede de empresas agroindustriais.

O goberno tamén prometeu axudas monetarias por valor de 6.000 pesos (2.000 euros) para as familias afectadas, mentres que o presidente do Banco da Nación, Enrique Cornejo, informou da creación dun fondo de previsión valorado en 96,7 millóns de dólares, para a reconstrución das cidades destruídas.

Neste sentido, o asunto da reconstrución de Pisco e doutras localidades pode converterse, a curto e mediano prazo, nun motivo de escándalo e controversia política entre o goberno de Alan García, os intermediarios e empresarios interesados na fase lucrativa da reconstrución, e a oposición política, principalmente encabezada polo líder do Partido Nacionalista de Perú (PNP), Ollanta Humala, rival electoral de García no 2006.

Humala denunciou a lentitude gobernamental na distribución da axuda humanitaria e o excesivo protagonismo mediático por parte do presidente García e varios dos seus ministros. Pola súa banda, a bancada da Alianza Parlamentaria, un bloque que reúne a diversos partidos como o Fronte do Centro, Perú Posible (liderado polo ex presidente Alejandro Toledo) e Restauración Nacional, presentou un proxecto de lei para formar unha “Xunta de Reconstrución Sur”, encargada de canalizar durante un ano a axuda humanitaria e a reconstrución no sur do país.

Precisamente, a crise social provocada polo terremoto en Pisco deu paso a un novo capítulo de confrontación política entre García e Humala. O diario peruano “Expreso” denunciou a existencia en Pisco de latas de atún coas fotografías de Humala e do presidente venezolano Hugo Chávez, presuntamente enviadas dende Caracas como parte da axuda venezolana e con mensaxe política incluída: “Ante os saqueos, desesperación e caos. Solidariedade cos nosos compatriotas”.

O presidente García insinuou a presunta “utilización política propagandística” por parte de Humala, aínda que rexeitando calquera posible intervención por parte de Chávez, probablemente a fin de evitar un serio problema diplomático entre Lima e Caracas.

Pola súa banda, a responsable de comunicación do PNP, Cynthia Montes, cualificou de “cobarde” esta insinuación de García cara Humala, quen denunciou como “unha canallada” a utilización do seu rostro e o de Chávez nestas latas de atún, aducindo a posible utilización por parte de “mans e intereses escuros”.

Dende Caracas, o ministro de Información William Lara e o director do corpo nacional de socorristas da Protección Civil, coronel Antonio Rivero, informaron que o seu goberno descoñecía a autoría do suposto reparto de latas, probando a inexistencia das fotos e da propaganda política na axuda humanitaria venezolana.


A axuda internacional

A cooperación internacional cara Perú está sendo xestionada principalmente por Brasil, Arxentina, Venezuela, Colombia, Chile, Bolivia e España, así como por parte da ONU e das súas axencias de cooperación internacional, tales como a Organización Mundial da Saúde (OMS), e outras entidades como a Organización de Estados Americanos (OEA), o Banco Interamericano de Desenvolvemento (BID) e diversas ONGs.

Bolivia é un membro activo desta cooperación. O seu presidente Evo Morales anunciou a doazón da metade do seu salario (aproximadamente mil euros) para as vítimas do terremoto, así como un 25% do salario dos seus ministros. Diversos efectivos de rescate bolivianos tamén foron enviados a Perú.

Polo de agora, Colombia achegou a maior cantidade de axuda exterior a Perú, con 35 toneladas de auga e víveres, así como efectivos da súa defensa civil. O propio presidente colombiano Álvaro Uribe Vélez anunciou unha “visita solidaria” ao Perú.

Pero en diversos medios de comunicación rexionais especulan que parte destas axudas exteriores posúen un marcado interese xeopolítico. Tanto como a presunta “axuda propagandística” de Chávez a Humala e da “bondadosa” doazón de Evo Morales, se especula que a visita de Uribe a Alan García constitúe un “claro cálculo xeopolítico” destinado a reforzar unha posible alianza entre ambos mandatarios, destinada a contrarrestar os efectos rexionais dun presunto eixe Chávez-Morales-Humala.

Uribe e García son directos aliados estadounidenses, especialmente en materia de libre comercio e de asistencia militar antidrogas e antisubversión conformada no Plan Colombia, que espera potenciarse en Plan Andino para o 2010, en clara contraposición aos proxectos de integración impulsados por Chávez e que teñen en Humala e Morales a dous estratéxicos aliados.

Pola súa banda, a diáspora peruana en EEUU recolleu un millón de euros mentres a Unión Europea anunciou unha doazón de dous millóns de euros. A axuda española está sendo canalizada a través da Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI), cun amplo envío de equipo humano en socorristas e persoal sanitario.

 
Volver a TitularesVolver a Informe de Situación



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 24/08/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta