| Informe de Situación /
nº 010-10/2007 de 23 de xullo |
||||||||
| México: Un ano de presidencia de Felipe Calderón | ||||||||
|
No seu primeiro ano de mandato como presidente de México, o conservador Felipe Calderón Hinojosa afronta unha situación política moderadamente estabilizada e favorable, principalmente tralo fracaso do desafío formulado polo líder opositor Andrés Manuel López Obrador, quen nin recoñeceu o seu triunfo electoral en xullo de 2006, conformando un débil “goberno paralelo”. Este escenario coincide coa visita a México do presidente do goberno español José Luís Rodríguez Zapatero, cunha axenda baseada na cooperación antiterrorista, os asuntos relacionados coa emigración e a conformación dunha relación política estratéxica. Non obstante, Calderón deberá acometer varios asuntos de gran importancia a curto prazo que poden complicar este panorama aparentemente favorable: o plan oficial de loita contra o narcotráfico e o crime organizado; a renovación do conflito político no estado de Oaxaca; a reaparición da guerrilla do Exército Popular Revolucionario (EPR); un polémico programa fiscal; e o impacto da nova lexislación inmigratoria de EEUU.
Un ano despois do seu polémico triunfo electoral do 2 de xullo de 2006 e oito meses despois de asumir o goberno, non semellan existir obstáculos de gran envergadura que afecten á gobernabilidade do presidente mexicano Felipe Calderón Hinojosa, considerado un líder moderado e pragmático dentro do conservador Partido de Acción Nacional (PAN), gobernante no país desde o triunfo de Vicente Fox no 2000. O desafío formulado polo derrotado candidato da oposición Andrés Manuel López Obrador, líder do centroesquerda Partido Revolucionario Democrático (PRD), de non recoñecer o goberno de Calderón e crear un “goberno paralelo”, amosa sinais de esgotamento, reforzando ao goberno de Calderón a nivel nacional e internacional. Tras denunciar un “fraude electoral” pola pírrica vitoria de Calderón (de apenas 233.381 votos, un 0,6% de vantaxe), López Obrador formou en novembro pasado un “goberno lexítimo” paralelo, composto por 12 ministerios, 12 asistentes, 12 subsecretarios e 12 administrativos, cun orzamento aproximado de 50.000 euros. Pero o “goberno paralelo” de López Obrador non semella supoñer un desafío serio á gobernabilidade de Calderón. Tras realizar unha serie de manifestacións nos meses pasados, incluíndo curtes de avenidas na capital, visitas a máis de 500 concellos e a publicación dun libro onde aseguraba ser vítima dunha “conspiración do poder” provocada polo ex presidente Vicente Fox e as “mafias empresariais”, López Obrador convocou o pasado 2 de xullo de 2007, a unha concentración na simbólica Praza do Zócalo para protestar polo “fraude electoral” do ano anterior. A pesar da masiva asistencia de simpatizantes, a concentración de López Obrador evidenciou síntomas de pérdida de vitalidade política e social. Cinco gobernadores nacionais do PRD non acudiron á cita, o cal semella demostrar sinais de cambio de rumbo en diversos cadros deste partido en relación á estratexia de López Obrador. Paralelamente, se consumaba a persistencia de diversos pactos políticos institucionais co goberno de Calderón por parte de varios membros do PRD e do Partido Revolucionario Institucional (PRI), en teoría aliado de López Obrador pola súa militancia esquerdista e socialdemócrata. O caso do PRI é significativo dentro do novo mapa político mexicano. Tras perder, nas eleccións de 2000, a súa hexemonía política exercida durante 70 anos e confirmar o seu declive electoral nos comicios do 2006, o PRI convocou en febreiro pasado a un congreso nacional para elixir a súa nova dirección, resultando elixida Beatriz Paredes como nova presidenta. Con 17 gobernacións no seu poder e amosando un inicial apoio a Calderón para formar goberno en decembro pasado, o PRI se concentrará a curto e mediano prazo nunha urxente renovación política, que se estima difícil tomando en conta a persistencia dos “baróns” e “caciques” rexionais. Non obstante, o obxectivo do PRI será buscar alternativas electorais de cara aos comicios de 2011, afastándose momentaneamente do intento de unir os seus esforzos aos obxectivos de López Obrador de denuncia da “fraudulenta” presidencia de Calderón. Incluso, a cooperación entre o PRI e o PAN resulta efectiva en determinados ámbitos, como o foi para apuntalar ao polémico gobernador Ulises Ruíz (PRI) no conflitivo estado de Oaxaca, durante a crise do pasado mes de agosto de 2006. En paralelo a este proceso político, esténdese na opinión pública e nos medios de comunicación, a idea de que López Obrador é un “perdedor político”, incluso comparando a súa figura coa do Subcomandante Marcos, líder da rebelión zapatista de Chiapas, cunha imaxe política que nos derradeiros anos amosa sinais de desprestixio e cansazo entre diversos sectores sociais. Esta caída na imaxe de López Obrador contrasta co aumento no respaldo popular para o presidente Calderón e as súas medidas de “man dura” contra o narcotráfico, o crime organizado e a impunidade fiscal. Diversas enquisas dan conta dun 65% de respaldo a Calderón, que posúe unha marxe de manobra importante para levar a cabo o seu programa de goberno. As visitas a México do presidente estadounidense George W. Bush en marzo pasado e do mandatario español José Luís Rodríguez Zapatero a mediados de xullo, confirman este recoñecemento internacional ao goberno de Calderón. Con estas cartas políticas no seu favor, Felipe Calderón adianta un ambicioso programa que sitúa a loita contra o narcotráfico e o crime organizado como a súa prioridade política gobernamental para este mandato. O impresionante poder económico e político do narcotráfico en México e a efectiva actuación dos carteis da droga na distribución de narcóticos cara o mercado estadounidense e europeo, propiciaron que Calderón realizara unha masiva purga policial a comezos de 2007, así como o desprazamento de 30.000 efectivos do Exército e a policía nacional mexicana naqueles estados como Tijuana, Sonora, Michoacán, Guerrero, Sinaloa e Novo León, onde a actividade do narcotráfico e o crime organizado é notoria e poderosa. Tanto na capital, México D.F, como en diversos estados mexicanos funciona a figura do “sicariato” ao servizo dos carteis da droga e das mafias criminais, e se levan a cabo numerosos secuestros e matanzas que definen a seguridade nacional como un tema imprescindible na axenda de Calderón. Velaí a decisión presidencial de despregar ao Exército mexicano, unha acción non exenta da crítica das ONGs por presuntas violacións dos dereitos humanos en diversos estados. Este escenario permite comparar as prioridades de Calderón coas do seu homólogo colombiano, Álvaro Uribe Vélez, o que da cabida ás especulacións da posible “colombianización” de México. Para Calderón resulta imprescindible crear un novo organismo policial a nivel nacional, estatal e local, así como abordar unha profunda reforma do poder xudicial que acabe coa corrupción e a ineficacia dos actuais organismos de seguridade. Máis de 400.000 axentes policiais están sendo investigados xudicialmente por posibles actividades delictivas. Do mesmo xeito, para Calderón resulta imperativa a activación da cooperación bilateral con EEUU para combater o narcotráfico e o crime organizado na fronteira común, medida prioritaria na axenda bilateral discutida con Bush en marzo pasado. Non obstante, resulta aínda difícil considerar se Washington aplicará un programa de asistencia militar a México para combater o narcotráfico e a guerrilla, similar ao existente “Plan Colombia”, subscrito entre Bogotá e Washington desde o ano 2000. As autoridades policiais e analistas políticos en México consideran que no seu país se libran dúas guerras paralelas: a que leva a cabo o Estado mexicano contra os carteis da droga e as mafias criminais, e as que realizan entre si os carteis e as mafias polo control de espazos territoriais de poder. Desde xaneiro de 2007, un total de 1.200 asasinatos evidencian a maior escalada de violencia interna en varios anos. Mentres, as estatísticas oficiais mexicanas confirman que o 85% das vítimas mortais ocorren por enfrontamentos entre bandas criminais e carteis do narcotráfico. Tanto como o narcotráfico e o crime organizado, o goberno de Calderón debe acometer outro problema político e de seguridade nacional: a reaparición do Exército Popular Revolucionario (EPR), unha guerrilla de inspiración proletaria e marxista creada en 1996 e que está reactivando os seus ataques ás instalacións petroleiras da estatal Petróleos de México (PEMEX), propiciando un importante colapso enerxético en estados como Querétaro e Guanajuato nos derradeiros meses. O desafío da guerrilla do EPR se traslada tamén ao conflito no estado de Oaxaca, o máis pobre do país, onde a elección de gobernador en agosto de 2006 provocou unha forte rebelión popular contra o gañador, Ulises Ruíz (PRI), que contou cun apoio tácito do entón presidente Vicente Fox. A rebelión en Oaxaca foi momentaneamente controlada pola forza en setembro de 2006, pero o EPR (cunha base principal de operacións situada nos estados de Guerrero e Oaxaca) foi factor clave na reactivación dos enfrontamentos contra as forzas públicas do gobernador Ruíz nas derradeiras semanas. A presenza do EPR en Oaxaca e as súas actividades contra instalacións de PEMEX noutros estados, amplía a marxe de descontento social cara o poder do gobernador Ulises Ruíz e do goberno central, a través da actividade da Asemblea do Poder Popular de Oaxaca (APPO), principal instigadora da rebelión social de agosto de 2006. Dentro da problemática social, outro factor de fricción e crispación entre o goberno e a sociedade foi a aprobación da legalización do aborto en abril pasado, por parte da Asemblea de Cidade de México. Nun país marcadamente católico como México, onde ata hai poucos anos era un tema tabú falar do aborto, esta histórica medida provocou un forte debate público e foi motivo de confrontación política entre o gobernante PAN, abertamente contrario á medida, e a oposición liderada polo PRD, cunha militancia de esquerda máis progresista que, xunto a diversas asociacións feministas, avalaron a decisión de legalizar o aborto. Con este panorama político e social, o presidente Calderón debe levar a cabo unha serie de medidas gobernamentais que medirán o seu impacto político e a súa, ata agora sólida, aceptación social. Un editor mexicano, Jorge Zepeda Patterson, cualificou a actual situación en México como “unha especie de efervescencia de conflitividade microcósmica”. A aplicación de seis novos programas sociais por parte do presidente Calderón, en principio destinados a paliar os elevados niveis de pobreza e desigualdade socioeconómica, coincide coa nova política fiscal que pretende aumentar a recadación tributaria, cuns niveis situados entre os máis baixos da rexión: entre o 12% e o 14%. Deste xeito, o presidente mexicano espera ampliar os ingresos fiscais e reactivar a creación de emprego, unha das súa promesas electorais. Non obstante, Calderón apenas modifica a ríxida estrutura monopólica da economía mexicana e a súa negativa influencia na falta de competitividade en diversos sectores, tal e como criticou un informe do Banco Mundial de xuño pasado. O goberno espera confirmar un crecemento económico do 3,3% para o 2007, por debaixo do 3,6% fixado a comezos de ano, principalmente afectado pola desaceleración da produción industrial estadounidense e do sector automóbil mexicano. Precisamente, durante a visita do presidente Zapatero o pasado 16 e 17 de xullo, os empresarios españois interesados en investir en México, especialmente no sector turístico, criticaron a aplicación do imposto Contribución Empresarial a Taxa Única, por considerar, segundo palabras de Javier Gómez Navarro, presidente do Consello Superior de Cámaras de Comercio español, que “non ofrece seguridade aos investimentos estranxeiros” e provoca “incerteza e inquedanza”. A reforma fiscal resulta unha prioridade en materia económica para Calderón que, segundo o seu ministro de Facenda, Agustín Carnsten, debe ampliarse á redución do poder monopólico e á reactivación da pequena e mediana industria. Este proxecto de reforma fiscal foi enviado ao Congreso mexicano para a súa discusión. Polo de agora, a única reforma aprobada foi a Lei do Instituto de Seguridade e Servizos Sociais dos Traballadores, que foi duramente criticada polos sindicatos, algúns deles afiliados ou escindidos do PRI, e que representaron un papel importante na aceptación da vitoria electoral de Calderón no 2006. Dentro do programa de reforma fiscal, un elemento de especial significación na estratexia de aumento da recadación tributaria auspiciada por Calderón, consiste en aliviar a carga financeira da estatal petroleira PEMEX, que proporciona o 40% dos ingresos fiscais gobernamentais. O problema é que PEMEX carece actualmente de grandes recursos financeiros para as tarefas de exploración. Segundo un informe da multinacional British Petroleum, as reservas de cru mexicanas poderían esgotarse en 10 anos, ao tempo que PEMEX ven perdendo ingresos en cinco dos seis últimos anos, cunha débeda de 53.400 millóns de dólares e unha excesiva plantilla cifrada en 150.000 empregados, moitos deles afiliados a un dos sindicatos máis poderosos do país. No 2006, PEMEX obtivo 3.900 millóns de dólares en beneficios, cuns ingresos de 97.000 millóns de dólares, pero debeu entregar ao goberno 54.000 millóns de dólares en impostos e regalías. As estatísticas auguran unha caída na produción petroleira mexicana, que podería baixar ata dous millóns de barrís diarios para o 2012, unha caída sensible comparada cos 3,8 millóns de barrís diarios contabilizados no 2004. Para aliviar este marco financeiro e operativo, PEMEX asinou no 2006 un convenio coa estatal petroleira brasileira PETROBRAS orientado á cooperación técnica e á explotación de recursos petroleiros no pozo de Cantarell, localizado no Golfo de México, onde se atopan o 60% das reservas mexicanas. Non obstante, o pozo de Cantarell ven caendo na súa produción a unha media do 20% anual. Os analistas consideran que a recuperación de PEMEX podería lograrse acordando unha joint venture con PETROBRAS, a fin propiciar a exploración e explotación a profundidades de 2.000 metros. Esta posibilidade debería dar paso a unha modificación constitucional que permita á estatal brasileira obter parte das ganancias do petróleo atopado nas novas exploracións. Un tema final de importancia na axenda de Calderón será aliviar o endurecemento lexislativo en EEUU cara a inmigración, tema sensible en México, especialmente ante a construción do muro de contención na fronteira entre ambos países. A proposta migratoria de Bush, en discusión actualmente no Senado de EEUU, pasou con pes de la durante a visita a México do mandatario estadounidense. Esta lei migratoria tamén está provocando fortes friccións en diversos sectores do Partido Republicano en Washington, polo que Calderón ten motivos para dubidar se este plan terá continuidade no caso de que o Partido Demócrata gañe as eleccións estadounidenses de novembro de 2008. En xuño pasado, Calderón esixiu con éxito a Washington a retirada dun muro metálico de cinco quilómetros instalado dentro da fronteira mexicana. Pero o goberno mexicano manifesta o seu frontal rexeitamento do muro metálico de 1.125 quilómetros que percorrerá unha fronteira común marcada polo deserto. Os deputados republicanos máis ultraconservadores foron os artífices da aprobación lexislativa deste muro, cuns primeiros 500 quilómetros que estarán construídos a finais de 2007. A estabilidade política e a inicial receptividade social ás súas medidas de goberno, principalmente en materia de seguridade, outorgan a Felipe Calderón un moderado balance positivo no seu primeiro ano de goberno. No entanto, o presidente Calderón deberá afrontar a curto e mediano prazo unha serie de problemas moi sensibles dentro da sociedade mexicana e de gran importancia nas súas relacións exteriores, principalmente cara EEUU. A irresolución ou ocultamento destes problemas, por razóns centradas no interese de Calderón en garantir o apoio político de determinados partidos, como é o caso do PRI, poden reactivar os considerables niveis de conflitividade existentes actualmente en México. |
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 23/07/2007 |
||||||||
|
||||||||