| Informe de Situación /
nº 009-09/2007 de 18 de xullo |
||||||||
| Tensións internas e perspectivas de futuro Crise no MERCOSUR? |
||||||||
|
O enfrontamento retórico entre o goberno de Hugo Chávez cos seus homólogos de Brasil e Paraguai ante os retrasos dos seus Congresos na discusión da admisión completa de Venezuela no MERCOSUR confirma unha conxuntura complicada para a operatividade do principal mecanismo de integración rexional en América do Sur. Este escenario ven tamén determinado por puntuais conflitos diplomáticos e comerciais internos e as expectativas causadas polas próximas eleccións presidenciais na Arxentina e Paraguai, que poden influír na orientación exterior do bloque a mediano prazo.
O pasado 3 de xullo, o presidente venezolano Hugo Chávez anunciou un ultimátum aos Congresos de Brasil e Paraguai, os únicos que aínda quedan por ratificar o protocolo de adhesión venezolana a MERCOSUR, presentado en xullo de 2006. Chávez deu como prazo o próximo mes de setembro para aprobar a admisión venezolana, caso contrario “nos retiraremos ata que se dean novas condicións”. De regreso a Caracas tras unha xira por Rusia e Irán, Chávez criticou o “vello MERCOSUR” que, na súa opinión, “favorece a integración das elites, das empresas, das multinacionais pero non dos pobos”. O presidente venezolano advertiu que se Venezuela non ingresa no MERCOSUR “os brasileiros teñen moito máis que perder”. Segundo as súas cifras, as exportacións de Brasil a Venezuela pasaron duns 400 millóns de euros a máis de 2.000 millóns de euros nos derradeiros anos. Dende Lisboa, onde atendía un cumio entre a Unión Europea e Brasil, o presidente Luís Inácio Lula da Silva ordenou á súa ministra da Presidencia, Dilma Roussef, responder con contundencia ao mandatario venezolano. “Ninguén vai impoñer prazos a ningún país. Ninguén nos imporá prazos a nós nin nós os imporemos aos demais”, foi a resposta de Brasilia ás críticas e advertencias de Chávez. Para reforzar esta posición, o secretario de Asuntos Internacionais do goberno brasileiro, Marco Aurelio García, declarou que “se o presidente Chávez cre que non paga a pena entrar, será unha declaración soberana del (...) nós logramos vivir ata agora sen Venezuela” dentro deste bloque de integración. As relacións diplomáticas entre Brasil e Venezuela veñen presentando síntomas de irritación desde que diversos senadores e deputados conservadores brasileiros criticaran a decisión do goberno de Hugo Chávez do pasado 27 de maio de 2007, de retirar a concesión estatal de transmisión por sinal aberta á canle de televisión Radio Caracas Televisión, RCTV, de marcado cariz opositor á xestión de Chávez. En consecuencia, o presidente venezolano reaccionou con virulencia, acusando aos senadores brasileiros de ser uns “papagaios” que “repiten as consignas do presidente estadounidense George W. Bush”. Precisamente, a canle RCTV retomou as súas transmisións o pasado 16 de xullo, en sinal de televisión por cable internacional. No entanto, as friccións entre Brasilia e Caracas tamén se manifestaran durante a celebración do cumio do MERCOSUR, realizada o pasado 19 de xaneiro de 2007 en Río de Janeiro. Chávez, quen viña de asumir o seu segundo mandato constitucional uns días antes e proclamar o seu proxecto de construir en Venezuela un “Socialismo do Século XXI”, criticou aos países que asinaron acordos de libre comercio con Washington, tales como Colombia, Uruguai e Perú. As palabras de Chávez foron defendidas polo mandatario boliviano, Evo Morales. A reacción de Lula, circunstancialmente apoiado polo presidente arxentino Néstor Kirchner, estivo destinada a aplacar as críticas de Chávez, emitindo unha declaración na que advertía ao presidente venezolano de que o MERCOSUR “non é o foro apropiado para difundir os principios do Socialismo do Século XXI nin para pelexarse con EEUU”. Neste sentido, Lula comunicou a Chávez que Brasil pensa recrutar capitais estranxeiros, principalmente estadounidenses e europeos, para fortalecer as industrias do MERCOSUR. Na actualidade, o MERCOSUR conta con catro membros plenos: Brasil, Arxentina, Paraguai e Uruguai, fundadores do organismo en 1991. Venezuela asinou en xullo de 2006 o seu protocolo de admisión, aprobado polos Congresos arxentino e uruguaio, á espera de aprobación brasileira e paraguaia. Actualmente, Venezuela participa nas sesións de MERCOSUR con voz, pero sen voto. Bolivia e Chile son membros asociados do MERCOSUR mentres Colombia, Perú, Chile e Ecuador asisten como invitados, na espera de formalizar as súas posibles peticións de admisión. O enfrontamento de Chávez con Lula da Silva pode augurar un choque de poderes interno no MERCOSUR. Brasil e Arxentina son as potencias económicas do bloque mentres a potencialidade enerxética venezolana outorgaríalle a Chávez unha chave de poder importante dentro da institución, incluso con pretensións de reformar internamente as súas estruturas. A raíz do enfrontamento retórico entre Venezuela e Brasil, o presidente do Congreso paraguaio, Miguel Abdón Saguier, considerou que o seu país entra nesta disputa “un pouco de rebote”, considerando que “a confrontación de fondo entre Brasil e Venezuela é un problema de liderado” dentro do MERCOSUR. En canto á posible aprobación nos Congresos brasileiro e paraguaio sobre a ratificación da condición de membro de pleno dereito para Venezuela, a discusión se torna complicada. Lula posúe maioría parlamentaria trala súa reelección en outubro de 2006, polo que tería considerable marxe de manobra no caso de que tente aplacar as posicións contrarias ao ingreso venezolano. Todo isto a pesar de que, en círculos políticos do palacio de goberno de Planalto en Brasilia, se asegura que o presidente brasileiro comeza a observar con incomodidade as posicións adoptadas recentemente por Chávez. As razóns non só están na retórica de Chávez e os seus ataques a Washington, aliado estratéxico brasileiro trala xira do presidente Bush por América do Sur e socio na estratexia de potenciar o etanol como enerxía alternativa. Un factor importante de preocupación para Brasilia son as compras de armamentos por parte de Chávez a Rusia e Irán, que poderían propiciar unha carreira de armamentos rexional na que se involucrarían Brasil, Colombia e Perú. En medios políticos de Brasilia considerase que Chávez animouse a criticar o Senado brasileiro fortalecido trala súa xira por Moscova e Teherán e os acordos de compras de armamentos a estes países. O caso paraguaio é diferente. O presidente conservador Nicanor Duarte non posúe a maioría parlamentaria do seu homólogo brasileiro. A presidencia paraguaia aínda non remitiu ao Senado a petición de ratificación da admisión venezolana, polo que este proceso pode tardar aínda varios meses, incluso superando o prazo outorgado por Chávez para setembro próximo. Outro factor a considerar a mediano prazo consiste na celebración de eleccións presidenciais en Paraguai en abril de 2008 e o ascenso do candidato Fernando Lugo, un ex bispo suspendido polo Vaticano de exercer o oficio relixioso e simpatizante do “socialismo bolivariano” de Chávez. Lugo marcha con contundencia nas preferencias electorais segundo varias enquisas, tras recibir o pasado mes de xuño o apoio total do principal partido de oposición, o Partido Radical Liberal, como candidato único da Concertación Nacional, un bloque que logrou unir a todas as formacións opositoras para competir contra o gobernante e conservador Partido Colorado, hexemónico no poder desde hai máis de seis decenios. No caso de integrar completamente a Venezuela, o MERCOSUR abarcaría 12,7 millóns de km2, cunha poboación de máis de 250 millóns de habitantes e un 75% do PIB suramericano, estimado nun billón de dólares. A potencialidade enerxética de Venezuela permitiría tamén fortalecer ao MERCOSUR, aínda que este apartado tamén provoca friccións internas. O pasado 26 de xuño celebrouse en Asunción, capital paraguaia, o cumio semestral do MERCOSUR, que permitiu traspasar a súa presidencia rotativa semestral a Paraguai e Uruguai, as dúas economías máis pequenas e que reclaman unha maior atención a Arxentina e Brasil. Este cumio contou coa ausencia de Chávez, ocupado na súa xira por Rusia e Irán, elemento que levantou todo tipo de especulacións sobre unha posible fricción interna. A necesidade de superar as asimetrías económicas entre os seus membros marcaron a discusión deste cumio, tomando como referencia a falta de acordo nas negociacións comerciais multilaterais do Grupo dos Catro, conformado por Brasil, India, a Unión Europea e EEUU, para desentrabar a Rolda de Doha da Organización Mundial do Comercio, OMC. Con esta referencia, o cumio do MERCOSUR amosou a súa disposición de avanzar nun acordo de libre comercio coa Unión Europea. Na súa visita a Lisboa, Brasil selou un convenio coa UE para aliarse contra o cambio climático, avanzar na cooperación económica e promover o comercio xusto. Para a actual presidencia semestral portuguesa na UE, o acordo con Brasil permitiu a este país obter o mesmo status de socio estratéxico que China, Rusia e India. Fortalecido por esta alianza coa UE, Brasil acordou con Arxentina o incremento do Fondo de Converxencia Estrutural creado no 2005, para promover o desenvolvemento e unha maior competitividade das economías de Paraguai e Uruguai. Este proxecto, cunha esencia que é similar aos fondos de cohesión da Unión Europea cara os seus países e rexións menos desenvolvidas, espera dotarse de 100 millóns de dólares en 2010. Pero o cumio de Asunción deixou este proxecto momentaneamente aparcado. Tamén está en discusión a creación do Banco do Sur, unha iniciativa de Venezuela lanzada no cumio enerxético de Margarita do pasado mes de abril, e que contou cunha leve oposición inicial por parte de Brasil e o apoio de Arxentina, Ecuador e Bolivia. O cumio de Asunción revelou tamén as carencias do bloque para acordar unha política unificada de unión aduaneira, con mecanismos efectivos de libre comercio interno e tarifas exteriores comúns. Outras diverxencias, xa manifestadas no cumio de xaneiro pasado se concretaron novamente coa disputa diplomática entre Arxentina e Uruguai pola papeleira de ENCE no Río Uruguai, fronteirizo entre ambos países. O goberno de Kirchner apoiou aos manifestantes arxentinos que bloquearon durante días a principal ponte sobre este río. Paralelamente, Kirchner apoiou tamén aos produtores arxentinos de bananas que protestaron pola importación deste produto, a prezos máis baratos, dende Paraguai. Existen tamén queixas contra Brasil por parte de Arxentina, Paraguai e Uruguai no marco da OMC debido ás exportacións brasileiras cara estes países e a posibilidade de “dumping”. Con todo isto, e tralo cumio de Asunción e as advertencias de Chávez contra Brasil e Paraguai, pódese estar estruturando un momento decisivo respecto da viabilidade futura do MERCOSUR, no que tamén influirán as próximas eleccións presidenciais de outubro de 2007 na Arxentina e en abril de 2008 en Paraguai. Unha hipotética retirada venezolana deste bloque de integración evidenciará tamén unha fractura política e ideolóxica entre dous modelos de esquerda e dous modelos de integración rexional. Por unha banda, o “Socialismo do Século XXI” e a Alternativa Bolivariana para as Américas, ALBA, defendidas por Chávez, cunha expansión rexional que xa abarcou a Bolivia, Ecuador e Nicaragua, pode erixirse como unha alternativa atractiva para outros movementos sociais en países como Paraguai ou incluso dentro de Brasil, ante as críticas recibidas por Lula de parte do Movemento dos Sen Terra, MST e outras plataformas de esquerda. Por outra banda, a perspectiva mais socialdemócrata liderada por Lula da Silva, posiblemente secundada polos seus homólogos uruguaio Tabaré Vázquez e o arxentino Néstor Kirchner, manifestaría unha orientación comercial do MERCOSUR cara EEUU, a Unión Europea e China. O posible triunfo de Cristina Fernández de Kirchner nas eleccións presidenciais arxentinas de outubro próximo pode variar paulatinamente a orientación mais sudamericana e de alianza con Chávez manifestada polo seu esposo e actual presidente, cara un maior entendemento con Washington e Bruxelas. No caso paraguaio, de triunfar o actual favorito Fernando Lugo, a orientación deste país podería dirixirse cara o modelo bolivariano de Chávez. Se a decisión dos Senados brasileiro e paraguaio permiten ratificar a admisión venezolana, o MERCOSUR incluiría a un membro con forte capacidade enerxética, tanto en petróleo como en gas natural, que permitiría cimentar unha serie de proxectos e infraestruturas como o Gasoduto do Sur, que abarca a Venezuela, Brasil e Arxentina e que ten previsto a súa inauguración no 2010. A posible admisión futura de Bolivia permitiría fortalecer este eixe enerxético suramericano. Pero as políticas enerxéticas sudamericanas tamén amosan as súas problemáticas dentro do MERCOSUR, con determinadas disputas entre Venezuela e Bolivia con respecto a Brasil e Arxentina, e Chile con respecto a Bolivia. A este escenario se deben engadir os vaivéns dos proxectos hidráulicos entre Paraguai, Brasil e Arxentina e os problemas de tráfico de armamentos e narcóticos na chamada “Triple Fronteira”. |
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 20/07/2007 |
||||||||
|
||||||||