Informe de Situación / nº 008-08/2007 de 27 de xuño Volver a TitularesVolver a Informe de Situación
Mauricio Macri: alternativa a Kirchner?
 
 

  Mauricio Macri e Gabriela Michetti; clic para aumentar
Nas eleccións da capital Bos Aires, Mauricio Macri (na foto), empresario de éxito e presidente do popular club de fútbol Boca Juniors (que uns días antes gañara a Copa Liberadores de América), alcanzou un 61% dos votos fronte ao ministro de Educación Daniel Filmus, candidato promovido directamente por Kirchner e o seu Partido Xusticialista, de inspiración peronista.
 
Sinopse

Tralo contundente triunfo electoral do empresario Mauricio Macri nas eleccións locais en Bos Aires e de Fabiana Ríos na provincia de Terra do Fogo, a fragmentada oposición política arxentina cifra as súas esperanzas na conformación dunha alternativa política unitaria e viable que permita derrotar ao presidente Néstor Kirchner nas eleccións presidenciais de outubro próximo.
No entanto, o escenario a curto prazo é inseguro para a posible conformación dunha oposición unitaria, debido á súa división en catro candidaturas presidenciais distintas e a aínda maioritaria popularidade do presidente Kirchner e a súa esposa Cristina Fernández, posible candidata oficialista. Con todo, a vitoria de Macri pode estar anunciando un escenario de cambio no panorama político arxentino.


Análise

O domingo 24 de xuño, o presidente arxentino Néstor Kirchner recibiu dúas importantes derrotas electorais. O candidato da coalición de centrodereita Proposta Republicana (PRO), Mauricio Macri, conseguiu un contundente triunfo nos comicios da cidade de Bos Aires. Paralelamente, a candidata de centroesquerda Fabiana Ríos, da Afirmación para Unha República de Iguais (ARI), alcanzou o triunfo electoral na provincia de Terra do Fogo.

Ambas derrotas supoñen unha repentina viraxe na política arxentina, que cuestiona a aparente imaxe de invencibilidade política de que fan gala o presidente Kirchner e a súa esposa, Cristina Fernández de Kirchner e que determinará as estratexias e candidaturas electorais do goberno e a oposición de cara ás eleccións presidenciais, previstas para o próximo 28 de outubro de 2007.

Nas eleccións da capital Bos Aires, Mauricio Macri, empresario de éxito e presidente do popular club de fútbol Boca Juniors (que uns días antes gañara a Copa Liberadores de América), alcanzou un 61% dos votos fronte ao ministro de Educación Daniel Filmus, candidato promovido directamente por Kirchner e o seu Partido Xusticialista, de inspiración peronista.

No caso da provincia de Terra do Fogo, rica en xacementos de gas natural, a candidata opositora Fabiana Ríos converteuse na primeira muller en ser electa como gobernadora polo voto popular, derrotando a outro candidato de Kirchner.

Pero as vitorias de Macri e Ríos non constituíron as únicas derrotas electorais para Kirchner. O pasado 3 de xuño, o candidato presidencial perdeu nas eleccións para a provincia de Neuquén, cunha variación de trece puntos porcentuais con respecto ao candidato opositor.

Anteriormente, en outubro de 2006, Kirchner obtivo o que se considerou a súa primeira derrota política desde que accedeu á presidencia no 2003, cando o seu goberno perdeu unha votación estatal para promover unha reforma constitucional na provincia de Misiones.


O “factor Macri”

Polo tanto, a vitoria electoral de Mauricio Macri en Bos Aires espertou as esperanzas da dividida oposición política arxentina na súa pretensión de derrotar ao “clan Kirchner” nas próximas eleccións presidenciais.

Esta vitoria non tivo precedentes desde que en 1996, unha emenda constitucional permitiu á capital arxentina celebrar eleccións populares para elixir ao xefe de Goberno da Cidade de Bos Aires. Anteriormente, este cargo era nomeado directamente polo presidente da República.

O categórico triunfo de Macri, incluso celebrado nalgúns medios informativos estadounidenses como unha “alternativa” ao poder de Kirchner, asentou unha proposta electoral baseada na “eficiencia e o sentido común”, que permitiu a inclusión de votantes tradicionais tanto de centrodereita como de centroesquerda, dentro dunha campaña electoral “desideoloxizada”, centrada na satisfacción das necesidades dos veciños bonaerenses e non na vinculación partidista co estilo de goberno de Kirchner.

Neste sentido, Macri afondou na necesidade de solucionar os problemas mais inmediatos e urxentes da cidadanía, como a inseguridade cidadán, os problemas no sistema de transporte público, o déficit en infraestrutura escolar e hospitalaria, o clientelismo político ou a ineficacia no sistema de aseo urbano.

Precisamente, a política oficial de recortes no subministro de gas e electricidade en Bos Aires durante o duro inverno austral e a frontal presenza de Kirchner a favor do candidato Daniel Filmus, minaron o apoio electoral do “peronismo” e posibilitaron a vitoria da candidatura de Macri.

Con isto, Macri evitou centrar a súa campaña na reacción aos ataques directos recibidos do “oficialismo” e, incluso, pola influínte Hebe de Bonafini, presidenta da Asociación das Nais da Praza de Maio, quen rompeu coa súa tradición non partidista ao apoiar a candidatura de Daniel Filmus e denunciar a Macri como “un ladrón” e un representante da “ditadura militar”.


É Macri a alternativa?

Non obstante, a principal incógnita agora consiste en se debemos considerar a Macri como unha alternativa real opositora para enfrontar as presidenciais de outubro próximo. Un día despois da súa vitoria electoral, o novo gobernador de Bos Aires considerou como “case imposible” a configuración dunha alianza política opositora unitaria, tomando en conta os prazos temporais que restan para as eleccións de outubro e a necesidade de facilitar unha “etapa de transición” na gobernación de Bos Aires, no caso de aceptar unha candidatura unitaria.

Ata o momento, existen catro candidaturas opositoras confirmadas: Ricardo López Murphy, aliado de Macri, no centrodereita; o ex ministro de Economía, Roberto Lavagna, que podería contar co apoio da conservadora Unión Cívica Radical (UCR); a centrista Elisa Carrió, do ARI, probablemente reforzada polo triunfo de Fabiana Ríos na provincia de Terra do Fogo; e o ex presidente Carlos Menem, a variante máis liberal do peronismo, unha candidatura que esperta mo escaso entusiasmo.

Paralelamente, Bos Aires non semella ser electoralmente representativa do pulso político no resto do país. Tradicionalmente, o Partido Xusticialista perde as eleccións na capital, tal e como aconteceu na elección presidencial de 2003 (que levou a Kirchner ao poder) e nos comicios lexislativos de 2005.

A fortaleza política de Kirchner é máis sólida na provincia que na capital, polo que esta circunstancia aumenta as incógnitas sobre as posibilidades electorais da oposición para derrotar a Kirchner.


Se desincha o “Fenómeno K”?

Non obstante, as vitorias de Macri e Ríos obrigan ao presidente e o seu equipo electoral a afrontar un novo mapa político e a tomar en consideración a sensación popular de que existe un certo desgaste na imaxe presidencial.

Ata agora, a evidente recuperación económica arxentina e a estabilidade gobernamental en torno a Kirchner permitían ao presidente traballar comodamente, tomando en conta as súas altas cotas de popularidade que, nalgúns períodos, incluso chegaron ao 70%.

Pero o “factor Macri” semella desafiar actualmente ao coñecido “Fenómeno K”, que engloba o estilo presidencial de facer política e os obxectivos do “clan Kirchner” de cara ao futuro da política arxentina.

Outros factores afectan a popularidade de Kirchner. Os cortes de electricidade e gas natural en Bos Aires e outras provincias irritaron á poboación en medio dun duro inverno, propiciando críticas ao modelo enerxético gobernamental, especialmente tomando en conta o acercamento de Kircher aos presidentes de Venezuela e Bolivia, os dous países con maiores reservas petroleiras e de gas natural no hemisferio occidental, e a utilización dos recursos fiscais produto da recente bonanza económica arxentina.

Paralelamente, escándalos de corrupción como os subornos aparentemente pagados por funcionarios gobernamentais á empresa construtora sueca Skanska e os manexos administrativos na empresa enerxética estatal ENARGAS, están minando a popularidade do goberno Kirchner.

Do mesmo xeito, as conflitivas relacións do presidente cos principais medios de comunicación e a aparición dun certo talante autoritario por parte de Kirchner á hora de solucionar determinados problemas, tales como a “rebelión civil” na provincia de Santa Cruz, contribuíron igualmenteá rebaixa do seu índice de popularidade.

Con este escenario, o gobernante Partido Xusticialista aínda non decidiu con que candidatura acudiirá ás eleccións presidenciais do próximo 28 de outubro. A opción que cobra maior forza é a de postular a Primeira Dama, Cristina Fernández de Kirchner, nunha fórmula electoral de centroesquerda denominada “Fronte para a Vitoria”, que englobaría a esquerda do peronismo.

Pero o desgaste presidencial, que algunhas enquisas cifran nunha baixa de popularidade do 35% para Kirchner nos derradeiros meses, tamén afecta directamente á imaxe de Cristina Fernández de Kirchner, polo que o seu marido e presidente podería comezar a especular con presentarse el mesmo como candidato presidencial.

Ante os recentes reveses electorais, a definición oficial da candidatura do peronismo converterase nun tema prioritario para Kirchner nas próximas semanas, polo que non se descarta un anuncio público neste sentido a curto prazo.

Na fórmula electoral oficialista, as estratexias da parella Kirchner estaban cifradas, presuntamente, na seguinte ecuación: presentar a Cristina Fernández como candidata no 2007, gañar electoralmente para un período de catro anos ata o 2011, e volver a postular a Néstor Kirchner para un ou dous períodos presidenciais. En total, os Kirchner proxectan gobernar ata o 2015 ou, incluso, o 2019.

Permitindo a reelección por un período, o sistema electoral presidencial arxentino outorga a vitoria en primeira volta ao candidato que alcance o 45% dos votos, ou máis do 40% se logra impoñerse por máis de dez puntos de diferencia con respecto ao seu mais próximo contendente.

No caso de presentar a Cristina Fernández, o presidente Kirchner e o seu equipo de goberno confían nunha vitoria en segunda volta. Pero a día de hoxe, as enquisas aínda amosan unha sólida vitoria presidencial en primeira volta no caso de que Kirchner decida finalmente postularse como candidato, axudado tamén polo mais que probable escenario de que a oposición política non presente candidato unitario.

 
Volver a TitularesVolver a Informe de Situación



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 28/06/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta