Informe de Situación / nº 007-07/2007 de 18 de xuño Volver a TitularesVolver a Informe de Situación
O Cumio da Unión Europea e o novo Tratado Constitucional
 
 

  Nicolás Sarkozy e Lech Kaczynski en Warsaw (Polonia); clic para aumentar
Unha semana antes do cumio, Sarkozy tamén reuniuse en París co primeiro ministro Kaczynski e o seu irmán e presidente Lech Kaczynski, a fin de evitar o presumible veto polaco. Polonia defende os preceptos constitucionais aprobados no cumio europeo de Niza (2000), por considerar que benefician os intereses polacos dentro da UE. (Foto: Nicolás Sarkozy (esquerda) e Lech Kaczynski en Warsaw (Polonia) o 14 de xuño de 2007).
 
Sinopse

O cumio de xefes de Estado e de goberno da Unión Europea a celebrarse o próximo 21 e 22 de xuño en Bruxelas non só finaliza a presidencia semestral alemá senón que permitirá presentar unha proposta destinada a reactivar o Tratado Constitucional e convocar a Conferencia Intergobernamental para a súa redacción definitiva. Non obstante, países como Gran Bretaña, Polonia, República Checa, Holanda e Francia amosan posicións diverxentes sobre a redacción do borrador definitivo, aumentando o nivel de incerteza sobre a viabilidade futura deste texto constitucional.


Análise

No final da presidencia semestral alemá na Unión Europea, a chanceler Ánxela Merkel espera consolidar a discusión dun texto constitucional definitivo, que debería aprobarse no próximo semestre de presidencia portuguesa na UE, para ser posteriormente ratificado nos distintos parlamentos nacionais ao longo do 2008.

O momento parece crucial: diversos analistas e dirixentes consideran que este cumio pode ser a última oportunidade para reactivar o texto constitucional.

Pero o cumio europeo do próximo 21 e 22 de xuño acolle posicións encontradas sobre a discusión do texto constitucional. Un quinteto formado por Gran Bretaña, Polonia, Holanda, Francia e República Checa discrepa sobre a serie de prerrogativas e mecanismos de negociación política que contén o novo texto constitucional, remodelado tralo fracaso na ratificación vía referendo do Texto Constitucional Europeo en Francia e Holanda no ano 2005.

Neste apartado, o primeiro ministro británico Tony Blair (quen deixará o seu cargo o próximo 27 de xuño), e o seu homólogo polaco Jaroslaw Kaczynski, lideran o grupo de países que manifestan as súas discrepancias coa proposta alemá, impulsada enerxicamente pola chanceler Ánxela Merkel nestes seis meses de presidencia de Berlín na UE.

Pola súa banda, o presidente francés Nicolás Sarkozy, que asiste ao seu primeiro cumio europeo, tamén amosa certas diverxencias co texto constitucional, se ben tenta nivelar estas discrepancias, incluso asegurando publicamente ter convencido a Blair da necesidade de aceptar este “minitratado” constitucional.

Unha semana antes do cumio, Sarkozy tamén reuniuse en París co primeiro ministro Kaczynski e o seu irmán e presidente Lech Kaczynski, a fin de evitar o presumible veto polaco. Polonia defende os preceptos constitucionais aprobados no cumio europeo de Niza (2000), por considerar que benefician os intereses polacos dentro da UE.

Probablemente, os esforzos de Sarkozy van dirixidos na pretensión de acercar posturas entre París e Berlín coa finalidade de consolidar un eixe franco-alemán capacitado para reactivar o proxecto constitucional europeo e propiciar un clima de consenso de cara á próxima presidencia semestral portuguesa, de xullo a decembro de 2007.


Un texto breve e remodelado

O novo texto constitucional europeo ven sendo redactado por un grupo de expertos integrado por 16 xuristas e políticos, denominado Comité de Acción para a Democracia, CADE, nomeados pola chanceler Ánxela Merkel e dirixidos polos xuristas alemáns Reinhard Silberberg e Uwe Corsepius.

A súa filosofía consiste en rescatar a esencia do texto constitucional anterior, pero remodelado en varias facetas, a fin de xerar un equilibrio e consenso entre os 18 países que ratificaron o texto anterior e os nove que non o fixeron. Neste sentido, este novo texto consta de 71 artigos, sumamente reducido en comparación cos 448 artigos do texto anterior.

Como reforma substancial, o documento estipula a modificación de máis de corenta materias, que poderán acordarse por maioría cualificada en lugar da aprobación por unanimidade. Estas materias están relacionadas con liberdades, dereito penal e relacións internacionais.

En canto á maioría cualificada, estaría definida nun dobre sistema de votación, composto polo 55% dos países membros (ou que comprenda alomenos 15 Estados) e unha representación do 65% dos cidadáns europeos. A minoría necesaria para bloquear esta maioría cualificada debería estar composta por un mínimo de catro Estados. Polonia é o país que máis se opón a este sistema e que maiores friccións internas causou en reunións pasadas.

Outros temas importantes da reforma son: o recoñecemento da personalidade xurídica da UE para concertar acordos internacionais; o mantemento da Carta de Dereitos Fundamentais, a traveso dunha cláusula vinculante que lle dará forza xurídica; a inclusión dos valores constitutivos da UE; o nomeamento dun presidente do Consello Europeo por dous anos e medio; a creación dun ministro de Asuntos Exteriores; e a supremacía do dereito comunitario sobre o dos Estados membros.

Sobre a exclusión temática con respecto ao documento anterior, cabe sinalar que no texto actual non se inclúen nin a palabra Constitución, denominándose Tratado da Comunidade Europea, nin os símbolos da UE, tales como a bandeira, himno ou divisa. Tamén se emenda o Tratado da Comunidade Europea, que ten a súa orixe no Tratado de Roma de 1957, e se exclúe toda modificación do sistema de voto, principal demanda polaca.

En total, a presidencia rotativa de Merkel dividiu en seis os puntos a discutir sobre o texto constitucional:

a) Os símbolos europeos: bandeira, himno, slogans e moeda común.

b) Cambios na terminoloxía: leis en lugar de directivas.

c) Carta de Dereitos Fundamentais.

d) Tratamento específico da política exterior e de seguridade común.

e) Delimitación de competencias entre os Estados e a Unión Europea: Gran Bretaña e Holanda manteñen posicións discrepantes nesta materia.

f) O rol dos parlamentos nacionais: Holanda espera que teñan poder para vetar calquera proposta da Comisión Europea.


As presumibles tensións

A posición polaca é a que provoca o maior nivel de tensión nas negociacións do novo texto constitucional europeo, ameazando incluso con bloquear este documento e facer fracasar a xuntanza de Bruxelas.

En principio, Polonia contaba coa comprensión de Gran Bretaña, Holanda República Checa e Francia, á hora de discrepar do documento elaborado pola “comisión de sabios” e defendido pola chanceler Merkel. Pero as negociacións realizadas nos días previos ao cumio de Bruxelas e, principalmente, a diplomacia adoptada por Merkel, Sarkozy e o presidente español José Luis Rodríguez Zapatero, permitiron moderar as posicións británica, holandesa e francesa e deixar ao goberno dos irmáns Kaczynski cun único aliado sólido: a República Checa.

O principal tema de fricción de Polonia co novo documento constitucional estriba na cuestión do sistema de votación. O goberno dos Kaczynski defende unha fórmula na que cada país tería un número de votos igual á raíz cadrada do número de habitantes, fórmula amplamente rexeitada polos demais membros da UE, salvo a República Checa.

Semella unha realidade a preocupación polaca polo posible peso político de Alemaña co novo sistema de votación cualificado. En Varsovia consideran que, con este sistema de dobre maioría, se favorecería politicamente a un país de 80 millóns de habitantes como Alemaña e non a un país de 40 millóns como Polonia ou, incluso, España. Velaí que o goberno dos Kaczynski centrara o seu interese en atraer a atención de Zapatero ás súas demandas.

O propio primeiro ministro Jaroslaw Kaczynski declarou que “non temo a unha Europa alemá. Temo unha Europa que xere conflitos entre aqueles que se atoparán en minoría”. A tal punto chegou a manifestarse este desafío polaco que a UE tardou varios meses en reactivar as negociacións con Rusia debido ao veto do goberno dos Kaczynski.

Tanto como o veto polaco ao sistema de votación, o tema de Kosovo e as negociacións entre Serbia e a UE poden cobrar unha importancia capital e constituír un posible punto de tensión non só no próximo cumio de Bruxelas senón na presidencia semestral portuguesa ata decembro próximo.

Trala xira do presidente estadounidense George W. Bush por Albania e Bulgaria e a súa petición unilateral dun Kosovo independente “o mais pronto posible”, xunto á case unánime posición común europea en apoiar a independencia da provincia serbia de maioría albanesa, o goberno serbio de Vojislav Kostunica esixiu a Bruxelas que recoñecera a Kosovo como parte do territorio serbio.

Serbia e a Unión Europea acaban de reactivar o Acordo de Asociación e Estabilización, paso previo á declaración de Serbia como candidato á integración na UE, principalmente pola activa colaboración de Belgrado na captura e extradición de criminais serbios das guerras balcánicas ao Tribunal Penal Internacional para a ex Iugoslavia, localizado na Haia, Holanda.

Pero o tema de Kosovo pode entorpecer e provocar unha crise entre diversas posicións internas na UE, así como nas relacións de Bruxelas con Serbia e Rusia. Con este panorama, a próxima presidencia portuguesa na UE, liderada polo primeiro ministro José Sócrates, pode confrontarse cunha dobre crise: a discusión dun novo texto constitucional e a adopción dunha política común para definir o estatuto final de Kosovo.

 
Volver a TitularesVolver a Informe de Situación



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 18/06/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta