Informe de Situación / nº 006-06/2007 de 13 de xuño Volver a TitularesVolver a Informe de Situación
A independencia de Cosova: Implicacións xeopolíticas para Europa, EEUU, Rusia e os Balcáns
 
 

  George Bush e Sali Berisha en Tirana; clic para aumentar
Durante a súa xira por Albania, o presidente estadounidense George W. Bush realizou unha directa declaración de apoio á “pronta” independencia de Cosova. (...) No caso de certificarse oficialmente a súa independencia, Cosova sería o país independizado número 23 dentro do proceso de desintegración territorial que experimentou o antigo espazo ex soviético e de Europa Oriental, coa desaparición da ex URSS, a ex Iugoslavia e a separación de Checoslovaquia, a partires de 1991. (Foto: George Bush e o primeiro ministro albanés, Sali Berisha, en Tirana o 10 de xuño de 2007).
 
Sinopse

O decidido apoio de George W. Bush á “pronta” independencia de Cosova e a relativa ambigüidade europea cara o seu estatuto definitivo, sitúan este tema no centro da atención internacional, tal e como puido observarse no recente cumio do Grupo dos Oito celebrado en Heiligenndamm, Alemaña. As discrepancias en torno ao seu estatuto definitivo están a provocar unha crise nas relacións entre Rusia, Serbia e os países occidentais, con importantes implicacións xeopolíticas para os Balcáns e Europa.


Análise

Durante a súa xira por Albania, o presidente estadounidense George W. Bush realizou unha directa declaración de apoio á “pronta” independencia de Cosova. No recente Cumio do G-8 en Heiligenndamm, Alemaña, o tema cosovar provocou fortes discrepancias entre EEUU, Europa e Rusia, a tal punto que o presidente francés Nicolás Sarkozy pediu retrasar seis meses a posible proclamación da independencia cosovar, a fin de moderar as posturas e negociar unha posición común no seo da ONU.

Paralelamente, os países balcánicos e, especialmente, Serbia, están tentando dixerir as consecuencias xeopolíticas que traerá a case segura independencia a curto prazo da oficialmente recoñecida como “provincia autónoma serbia” de maioría albanesa.

No caso de certificarse oficialmente a súa independencia, Cosova sería o país independizado número 23 dentro do proceso de desintegración territorial que experimentou o antigo espazo ex soviético e de Europa Oriental, coa desaparición da ex URSS, a ex Iugoslavia e a separación de Checoslovaquia, a partires de 1991.

Un Cosova independente podería servir de referente cara outros procesos independentistas, tales como Chechenia, Osetia do Sur, Kurdistán, Transniestra e o enclave armenio de Nagorni-Karabakh en Acerbaixán, así como nas comunidades albanesas en Macedonia e Montenegro e na república serbia de Bosnia-Hercegovina, alterando o mapa xeopolítico no espazo euroasiático. E mesmo en Europa occidental, activaría novamente as voces daquelas forzas políticas postulantes dunha “ampliación interna” da UE, especialmente daquelas que en realidades como a británica ou a española participan en labores de goberno.


Os actores e as súas posicións oficiais

Os principais actores involucrados na problemática de Cosova amosan diverxentes posicións oficiais sobre o estatuto da provincia albanesa que, oficialmente, forma parte da República de Serbia.

Neste sentido, o problema de Cosova semella constituír un tema primordial nas axendas de política internacional dunha serie de países e institucións globais, tal e como se resumen a continuación:

a) EEUU: a petición realizada polo presidente George W. Bush durante a súa xira por Albania, dunha “pronta independencia de Cosova”, reflicte o total resplado por parte de Washington do plan da ONU, encamiñado a resolver rapidamente esta cuestión, favorecendo un Cosova independente que debilite o eixe eslavo ruso-serbio nos Balcáns.

b) Rusia: O goberno de Vladímir Putin amosa unha frontal oposición ao plan do enviado da ONU a Cosova, Marti Ahtisaari, que postula unha paulatina independencia do enclave.

A diferenza da conxuntura durante a guerra de 1999, Moscova amosa actualmente unha posición de maior firmeza e forza no escenario internacional para premer polas súas demandas xeopolíticas en escenarios tan sensibles como o espazo euroasiático.

c) Serbia: A pesares da súa leve orientación pro-occidental, o goberno de Vladímir Kostunica oponse directa e abertamente á independencia de Cosova. A finais de 2006, o Tribunal Constitucional serbio considerou a Cosova unha “provincia autónoma indivisible do Estado serbio”.

O pasado 12 de xuño, Belgrado anunciou que anulará calquera decisión unilateral sobre Cosova e pediu un estrito cumprimento da legalidade internacional.

d) Unión Europea (Francia, Alemaña, Gran Bretaña): Desde unha perspectiva global, a UE amosa unha posición favorable á independencia cosovar.

Non obstante, o presidente francés Nicolás Sarkozy avogou no pasado cumio do G-8 por abrir un período de seis meses de reflexión e discusión para demorar a independencia de Cosova a fin de arbitrar contrapartidas que “calmen” a Rusia e Serbia.

Pola súa banda, a chanceler alemá Ánxela Merkel adopta unha posición similar á do presidente Bush, ao igual que o primeiro ministro británico Tony Blair, quen deixará o seu cargo o próximo 27 de xuño.

e) Os países balcánicos (Montenegro, Croacia, Eslovenia, Federación Croata-Musulmán de Bosnia Hercegovina): Manteñen unha política de apoio á independencia de Cosova, principalmente por existir similitudes entre os seus procesos independentistas e por manter unha especie de posición común tendente a evitar un reforzamento do Estado serbio e as súas posibles reclamacións territoriais futuras.

f) Macedonia: A preponderante presenza dunha comunidade albano-cosovar neste país e a necesidade de manter estables relacións diplomáticas con Serbia permiten comprender que o goberno de Skopje manteña unha posición prudente e moderada con respecto á eventual independencia de Cosova. Non rexeita completamente a opción independentista, pero prefire defender unha postura autonomista para Cosova.

g) Albania: Favorece absolutamente a independencia de Cosova, aliñándose coas teses de EEUU e a maioría da UE. Incluso, en determinados sectores nacionalistas albaneses, esperan recrear coa independencia de Cosova a idea histórica dunha “Gran Albania”, a unificación de todas as comunidades étnicas albanesas nos Balcáns, que podería provocar tensións con Macedonia e Grecia.

h) Grecia: Contraria á independencia de Cosova, por razóns históricas e culturais, mantén unha posición afín a Rusia e Serbia.

i) Turquía: Tradicionalmente favorece a independencia de Cosova. A presenza militar turca, a traveso da OTAN, foi esencial para pacificar esta provincia trala guerra de 1999.

l) China: O seu papel é destacado na votación final sobre o estatuto de Cosova no Consello de Seguridade das Nacións Unidas. Secundando tradicionalmente as demandas rusas, a finais de 2006 Beijing deu signos moderados dunha posible aprobación do estatuto de independencia de Cosova sen que isto implicara unha traslación automática a outros ámbitos territoriais, probablemente tomando en conta a situación de determinadas nacionalidades minoritarias en China que manteñen conflitos co poder central (Xinjiang, Tíbet).

m) Liga Árabe e os países musulmáns: Sensibilizados tralas matanzas de musulmáns bosnios e albano-cosovares por parte de milicias serbias durante as “guerras balcánicas” na década dos noventa, o mundo islámico amosa unha maior simpatía cara as demandas de independencia en Cosova e o tácito apoio á resolución da ONU dun estatuto independente.

n) ONU: O mediador da ONU en Cosova, o finlandés Marti Ahtisaari, no cargo desde outubro de 2005, ven realizando un traballo que é interpretado por Belgrado como “favorecedor da independencia de Cosova e dos intereses de EEUU e a UE nos Balcáns”.

O plan Ahtisaari, presentado a finais de 2006, estipula un Cosova independente, aínda que tenta moderar unha resolución que non implique unha frontal confrontación occidental con Serbia, relativa á preservación dos dereitos da minoría serbia en Cosova.


Kosovo e a xeopolítica global

Tralo cumio do G-8, resulta notorio sinalar que o asunto de Cosova está a provocar unha acentuada disputa entre Serbia e Rusia con EEUU e a Unión Europea, e exhibindo diversas implicacións xeopolíticas no espazo balcánico e euroasiático.

Os líderes cosovares están centrando os seus esforzos finais na reunión que manterán a finais de xuño en París os membros do Grupo de Contacto para Cosova: EEUU, Gran Bretaña, Alemaña, Francia e Italia, todos eles favorables á eventual independencia da provincia serbia de maioría albanesa.

Pero existen diversos intereses que permiten visualizar un pulso por espazos de poder entre Rusia e EEUU, dende Europa do Leste ata Asia Central. A declaración de Bush en Albania confirma a aposta de Washington por involucrar aos Balcáns occidentais nun área “atlantista”, cun Cosova independente como epicentro, tomando en conta a presenza de tropas da OTAN. A base de Camp Bondsteele, Cosova, servirá para protexer a ruta do petróleo do Caspio.

Neste sentido, Washington aspira a constituír unha especie de eixe xeopolítico do Mar Negro e Adriático ao Mar Caspio, que tamén posúe unha gran relevancia enerxética e estratéxica. Este eixe estaría respaldado por Alemaña, Francia e Gran Bretaña, influíndo nunha posición oficial da UE de apoio á independencia de Cosova.

Non obstante, Moscova espera utilizar o tema de Cosova como elemento negociador para obter ganancias en cuestións políticas globais, como evitar unha expansión do escudo antimísiles estadounidense e da OTAN no espazo ex soviético, contrapartida quizais ambiciosa en exceso. Rusia tamén debe reaccionar ante un posible ascenso político do ultranacionalismo radical serbio, tal e como se evidenciou nas derradeiras eleccións lexislativas en Belgrado, e a posible caída do goberno de Vojislav Kostunica.

Para Moscova, o asunto cosovar é un referente delicado para problemas internos como Chechenia, pero pode constituír unha referencia acertada ante as demandas rusas de defensa da autonomía das súas comunidades en Moldova (rexión de Transniestria) e Xeorxia (Osetia do Sur e Abxazia). Tanto para Rusia como para Occidente, o asunto cosovar pode constituír un arma de dobre filo.

Do mesmo xeito, Grecia, Macedonia e Turquía observan con cautela a resolución da ONU sobre o estatuto cosovar. As minorías albanesas en Grecia e Macedonia poderían premer aos gobernos de Atenas e Skopje en maiores demandas autonomistas ou, incluso, de unión cara Albania e Cosova.

No caso turco, o delicado problema do Curdistán supón un elemento de importancia para observar con suma atención cal será a resolución final sobre o estatuto de Cosova. Na actual conxuntura, o caso do Curdistán pode explotar ante os ollos de Occidente por mor da posible invasión militar turca do Curdistán iraquí, concibida oficialmente para acabar coa insurxencia kurda do Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK) pero que, en realidade, aspira a evitar a constitución dun Kurdistán independente.

Se a irresolución do asunto de Cosova provoca enfrontamentos diplomáticos a escala global entre as principais potencias, o asunto do Curdistán pode provocar un novo conflito armado en Oriente Medio, con directas repercusións no espazo euroasiático.

 
Volver a TitularesVolver a Informe de Situación



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/06/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta