Informe de Situación / nº 005-05/2007 de 1 de xuño Volver a TitularesVolver a Informe de Situación
Cumio do G-8: Novas perspectivas para as principais potencias económicas
 
 

  Sala de reunións do G-8 en Heiligendamm; clic para aumentar
A cidade alemá de Heiligendamm, localizada na costa báltica, celebrará, entre o 6 e o 8 de xuño próximos, o Cumio das Oito potencias económicas globais, que reunirá aos xefes de Estado e de goberno de EEUU, Gran Bretaña, Xapón, Italia, Francia, Alemaña, Rusia e Canadá, contando con China e India como convidados especiais. (Foto: Sala de reunións do G-8 no Hotel Kempinski en Heiligendamm, Alemaña. ©BPA).
 
Sinopse

A próxima celebración en Alemaña do Cumio das Oito principais potencias económicas mundiais prodúcese nun contexto determinado por diversas variantes: a apertura de negociacións para un hipotético e futuro ingreso de China; unha tensa axenda de relacións entre Rusia, a UE e EEUU; unha nova conxuntura política en Europa; a crise de liderado no Banco Mundial trala dimisión do seu ex presidente, Paul Wolfowitz; as tensións en Oriente Medio e a adaptación dos mecanismos da economía global, ante a persistencia das desigualdades socioeconómicas e o ascenso de potencias emerxentes como India, Brasil, China e África do Sur.


Análise

A cidade alemá de Heiligendamm, localizada na costa báltica, celebrará, entre o 6 e o 8 de xuño próximos, o Cumio das Oito potencias económicas globais, que reunirá aos xefes de Estado e de goberno de EEUU, Gran Bretaña, Xapón, Italia, Francia, Alemaña, Rusia e Canadá, contando con China e India como convidados especiais.

Anfitriona deste Cumio, Alemaña está a piques de rematar a súa presidencia rotativa semestral na Unión Europea, que finaliza en xullo, enmarcada nunha conxuntura política determinada polo triunfo electoral de Nicolás Sarkozy en Francia e as expectativas sobre a posible reactivación do debate constitucional.

Neste sentido, Sarkozy acudirá a esta súa primeira gran cita internacional e no marco da xuntanza do G-8 asistirá á despedida dun dos seus principais protagonistas, o primeiro ministro británico Tony Blair, quen deixará o cargo o próximo 27 de xuño.


Os temas relevantes

A chanceler alemá Ánxela Merkel deberá afrontar diversas temáticas nun encontro que non se limita a analizar as potencialidades e os riscos da globalización económica, senón a definir pautas de actuación ante problemas internacionais específicos.

Un dos temas a discutir será a dimisión do polémico ex presidente do Banco Mundial, Paul Wolfowitz, e a posible participación do G-8 na futura designación da figura sucesoria, o cal podería significar un cambio de rumbo e de estilo na conformación da cúpula deste organismo multilateral. Por parte de Washington, a rápida designación de Robert Zoellick como susbtituto pretende limitar este debate.

A crise de liderado no Banco Mundial dará paso á análise da situación da economía global e os desafíos aos que se enfrontan as potencias económicas e os organismos multilaterais, especialmente tomando en conta o recente informe da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico, OCDE.

Neste apartado, preocupan a desaceleración da economía estadounidense, produto da inflación e das previsións de modesto crecemento económico para este ano (2,1%), así como da perda de valor do dólar fronte ao euro. Para o período 2007-2008, o informe da OCDE prevé un forte crecemento en China (11%), India (9%), Rusia (7%) e Brasil (7%), e unhas expectativas de crecemento estable en Xapón (2,4%) e no índice global da zoa euro (2,7%), grazas ao comportamento das economías alemá e italiana, que pode posibilitar un pleno emprego na UE para o 2008.

Outro aspecto de gran importancia que pode provocar friccións será o tema ambiental, prioritario para o país anfitrión. Alemaña espera liderar unha posición crítica con EEUU, China e India ante a posible negativa destes países a asinar un compromiso vinculante destinado a deter as emisións de gases invernadoiro que provocan o cambio climático, tal e como se produciu nun encontro recente en Alemaña entre a Unión Europea e os 27 países asiáticos pertencentes á ASEAN.

A presenza de China e India no último día de celebración deste Cumio será decisiva para iniciar posibles mecanismos de discusión e negociación, destinados a medir o impacto a mediano prazo do posible ingreso chinés e indio no G-8, así como certificar a preponderancia de Asia na configuración do mundo do século XXI.

A mediados de maio, China e EEUU celebraron en Washington unha serie de xuntanzas enmarcadas no segundo “diálogo económico estratéxico” que incluíu unha ampla discusión do comercio bilateral, a cotización monetaria e as políticas ambientais.

Este hipotético ingreso chinés e indio seguramente influirá nun posible marco de actuación con países en ascenso no escenario económico global, tales como Brasil, África do Sur, Turquía, Australia, Corea do Sur e Singapur.


Enerxía, Rusia, Oriente Medio e Cosova

O mercado enerxético mundial terá un espazo primordial na discusión do G-8. Segundo estimacións da Axencia de Información de Enerxía de EEUU, o consumo mundial de enerxía se incrementará nun 57% entre o 2004 e o 2030, considerando que a actual alza nos prezos do cru influirá na busca de fontes enerxéticas alternativas.

Este informe igualmente prognostica que China superará no 2020 a EEUU como o principal consumidor de enerxía a nivel mundial.

Para calibrar as tensións no mercado enerxético, as potencias económicas estudarán a situación dos prezos e o subministro en rexións conflitivas como Oriente Medio, o mar Caspio e o Corno de África, así como as novas políticas enerxéticas de países produtores como Venezuela, Alxeria, Rusia e Irán.

O recente cumio entre Rusia e a Unión Europea en Samara ampliará a discusión sobre as relacións enerxéticas e políticas co goberno de Vladímir Putin. Será de gran importancia para as potencias occidentais medir o impacto político das tensións sobre o subministro de gas e petróleo ruso, principalmente ante o recente acordo de Putin con Kazajistán e Turkmenistán pola distribución por territorio ruso dos oleodutos e gasodutos dende o mar Caspio, así como o acercamento ruso-chinés na conformación dun eixe estratéxico alternativo a Occidente.

En consecuencia, o presidente Putin amosará a súa negativa ao plan de Washington de instalación dun escudo antimisís na República Checa e Polonia, que pode influír tamén na política occidental cara Ucraína e Moldova. Outros temas que influirán nas discusións entre Rusia e as potenciais occidentais serán a crise política en Ucraína e a polémica diplomática e de memoria histórica entre Rusia e as repúblicas bálticas, debido á retirada de símbolos soviéticos nestes países. O estatuto final de Cosova é outra das frontes de división nas que o acordo non semella factible no momento actual.

Finalmente, a crise en Oriente Medio obrigará aos líderes do G-8 a adoptar unha posición común. Ás renovacións das tensións internas no Líbano e Palestina, cómpre sumar o pulso polo programa nuclear iraniano e o ascenso xeopolítico de Teherán.

As conversas para a consecución dun marco de estabilidade para Iraq, trala histórica reunión de Bagdad entre os embaixadores estadounidense e iraniano, probablemente influirán nas discusións acerca da conveniencia de incluír a Irán e Siria, dous integrantes do polémico “eixe do mal” establecido polo presidente estadounidense George W. Bush no 2002, neste marco de cooperación en Oriente Medio.

A diplomacia europea, así como a de Rusia e China, poderían persuadir a Washington da necesidade de adoptar un urxente cambio de enfoque en Oriente Medio, que permita incluír relacións directas con Irán e Siria nun marco de cooperación rexional. Este escenario permitiría tamén influír nas relacións entre Israel e o mundo árabe e na reactivación dun necesario marco de negociación entre Israel e a Autoridade Nacional Palestina.


Cara un novo G-8?

Está por ver se este cumio do G-8 pode sentar as bases para un reordenamento deste organismo, adaptado aos cambios que se rexistran na configuración xeopolítica global.

Neste sentido, será especialmente significativa a presenza de China e India como invitados especiais. Ambas economías son as de maior crecemento global, con taxas de entre 8-9%, así como as de maior consumo enerxético e de nivel de exportacións cara Occidente.

Os prognósticos económicos e políticos dos principais centros de análise de tendencias estiman que, en 2035, China e India ocuparán o 1º e 3º lugar respectivamente na listaxe de potencias mundiais. Tanto Beijing como Nova Delhi veñen participando nos últimos tempos nos principais foros e xuntanzas globais.

Esta presenza chinesa e india ampliaría as perspectivas do G-8 non só no seu número de membros senón de demandas e na axenda de discusións. A diferenza da inclusión de Rusia en 1993, presentada entón como herdeira da ex URSS e aplicada como mecanismo para integrar a Rusia nos foros occidentais e nivelar a súa crise económica, unha ampliación do G-8 a China e India permitiría incluír a dous países capacitados para dar o salto cualitativo propio do despegue das economías en desenvolvemento.

Tanto como unha posible ampliación de membros, a xuntanza do G-8 integrará outras temáticas, demandas e preocupacións que necesariamente amplían a súa perspectiva económica e política. Neste sentido cobran importancia o cambio climático; o combate á pobreza e ás desigualdades socioeconómicas; a necesidade de preservar os dereitos humanos; o ascenso de países en desenvolvemento como Brasil, África do Sur, Irán, Nixeria e Turquía; o papel dunha sociedade civil globalizada; e as demandas dos movementos altermundistas, que poden significar desafíos ideolóxicos cara o discurso dominante e a dinámica da globalización económica e de mercado, así como fomentar unha ampliación da participación civil nas decisións de orde global.

Os futuros cumios do G-8 poderían afrontar un dinámico cambio de enfoque nos mecanismos de cooperación e de actuación dos organismos multilaterais.

 
Volver a TitularesVolver a Informe de Situación



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/06/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta