| Informe de Situación /
nº 004-04/2007 de 16 de maio |
||||||||
| Portugal: A crise municipal de Lisboa | ||||||||
|
Un escándalo de corrupción urbanística que involucra ao presidente da Cámara Municipal de Lisboa, Carmona Rodrigues, deu paso á dimisión completa dos membros desta Cámara, deixando a administración do concello lisboeta nas mans dun ente xestor provisional ata a celebración dos comicios locais, previstos entre xuño e xullo. Esta crise política local constitúe igualmente un marcado pulso político a nivel nacional, tomando en conta que Portugal está gobernado por un presidente de centro-dereita, Aníbal Cavaco Silva (PSD), e un primeiro ministro socialista, José Sócrates. Este definitivo pulso de poder en Lisboa permite visualizar a tendencia do panorama político portugués de cara a futuros procesos electorais. A crise política na Cámara Municipal de Lisboa, motivada por un escándalo de corrupción urbanística, desatouse na madrugada do 9 de maio, coa total dimisión dos seus concelleiros, deixando a administración do goberno local nas mans dunha comisión administrativa limitada aos actos de xestión corrente, seguindo os procedementos legais de disolución dun órgano autárquico. O detonante desta crise foi o procedemento de corrupción urbanística na permuta de terreos no Parque Mayer que involucrou ao actual presidente da Cámara Municipal, Carmona Rodrigues (un independente que se presentou adscrito ao partido centrista de dereita PSD) coa empresa Bragaparques, da cidade de Braga. Anteriormente, este escándalo afectou aos dous principais colaboradores de Carmona Rodrigues, o seu segundo presidente Fontão Carvalho, independente do PSD; e a concelleira de Urbanismo, Gabriela Seara. Ambos suspenderon funcións en xaneiro pasado. Co desenvolvemento da crise ante as denuncias por parte da opinión pública, Carmona Rodrigues, que gañou sen maioría as eleccións locais en Lisboa no 2005, recibiu presións por parte do presidente do PSD, Marques Mendes, para que dimitira. Para deixar constancia da complexa situación, o propio Mendes declarou que “non existen condicións políticas para dirixir a alcaldía con eficacia. A situación é ingobernable”. Abandonado polo seu propio partido (Carmona é un independente e non está afiliado ao PSD, aínda que denunciou, na súa declaración de “non dimisión”, que “sectores do PSD non o apoiaron”), as constantes negativas de Carmona Rodrigues a renunciar, aducindo o seu propósito de “levar o seu mandato ata o final”, non só motivaron ás posteriores dimisións dos membros da Cámara Municipal senón que pode provocar unha crise interna no PSD. Consecuentemente, os partidos de oposición Centro Democrático Social-Partido Popular CDS-PP, Bloco de Esquerda, BE e Partido Comunista Portugués, PCP, criticaron as excesivas demoras de Carmona Rodrigues para presentar as dimisións ante a Asemblea Municipal. Obrigado polas circunstancias e seguindo os preceptos legais, Carmona Rodrigues debeu comunicar á Asemblea Municipal e ao Goberno Civil da Cámara Municipal lisboeta a disolución deste órgano, tralas renuncias aos mandatos realizadas polos partidos da oposición, Partido Socialista, PS; o Centro Democrático Social-Partido Popular, CDS-PP (demócrata cristiá); a Coligação Democrática Unitaria, CDU e o Bloco de Esquerda, BE, así como o Partido Social Demócrata, PSD. Tanto como a actual crise política, a alcaldía de Lisboa ven manifestando unha delicada situación financeira que complica a súa xestión, cunha débeda municipal que ascende a máis de 120 millóns de euros. Disolto este órgano de administración local, a lei prevé a celebración dunha campaña electoral nun prazo de entre 40 e 60 días que darían paso á realización de eleccións, en principio pautadas para entre o 8 e o 18 de xullo. O 14 de maio, o Goberno Civil de Lisboa anunciou a celebración destes comicios para o 1 de xullo, considerando que as listas de candidaturas deberán presentarse ata o 21 de maio e a campaña electoral comezará o 22 de xuño. Non obstante, o calendario electoral provocou fortes reticencias entre os posibles candidatos e partidos, que desexaban realizar canto antes as eleccións, debido ás vacacións de verán e ao feito de que a presidencia portuguesa dentro da Unión Europea comeza precisamente o próximo 1 de xullo. Polo tanto, se especulaba co posible adianto dos comicios a unha data situada entre o 17 e o 24 de xuño. Precisamente, a maioría dos partidos políticos de oposición ao PS e o PSD comezaron a realizar consultas e presións de cara o Goberno Civil e o Tribunal Constitucional, a fin de celebrar as eleccións en Lisboa entre o 1 e o 8 de xullo, tal e como estipularían os prazos legais. Quen deron este paso para recorrer a data do 1 de xullo foron os candidatos independente Helena Roseta e António Carlos Monteiro, do CDS-PP, defendendo a idea de celebrar os comicios o 8 de xullo, ao tempo que acusaron ao PS e o PSD da “crise de desgoberno na Cámara de Lisboa”. Neste período pre-electoral, a Cámara Municipal de Lisboa estará xestionada por unha comisión provisional. A primeira Comissão Administrativa (CA), provisional, está constituida por tres membros da Câmara Municipal que non renunciaron aos seus mandatos. Logo que o Governo Civil de Lisboa proceda á constitución da CA, definitiva, esta asegura a xestión corrente da autarquía, ata a toma de posesión do novo órgao eleito o 1 de xullo. Esta última CA está constituida por representantes nomeados polos partidos, respectando o método de Hondt, en consonancia cos resultados eleitorais anteriores, de 2005. Así, a CA, xa constituida inclúe 3 membros indicados polo PSD e 2 polo PS. O novo executivo que sairá das eleccións do 1 de xullo manterase ata a celebración das próximas eleccións autárquicas en Portugal, previstas para outubro de 2009. As presións políticas cara Carmona Rodrigues motivaron que o Partido Socialista o acusara de querer retrasar a celebración dos comicios en Lisboa, coa finalidade de celebralos no verán, a fin de especular cunha posible e masiva abstención como estratexia electoral, debido á chegada das vacacións estivais. Cos comicios electorais á volta da esquina, os partidos comezan a barallar as posibles candidaturas para a presidencia da Cámara Municipal lisboeta como punta de lanza que sirva de referencia para futuros procesos electorais en Portugal. Os dirixentes do Partido Socialista nomearon como candidato a António Costa, actual ministro de Estado e da Administración Interna e “Nº 2” no goberno de José Sócrates. Nomear a un candidato de peso como Costa confirma a firme aposta do PS por saír adiante nesta crise, illando ao PSD e afianzando a posición do primeiro ministro Sócrates a nivel nacional, de cara os comicios lexislativos e municipais de 2009 e presidenciais de 2010. O PSD anunciou dúas candidaturas que recusaron publicamente, Manuela Ferreira Leite e Ferreira do Amaral, recaíndo a elección en Fernando Negrão. Actualmente é Deputado na Assembleia da República, e Vereador na Câmara Municipal de Setúbal. Maxistrado, foi tamén ministro e director nacional da Polícia Judiciária, en gobernos do PSD. Pola súa banda, polo partido Coligação Democrática Unitaria, CDU, está confirmado Ruben de Carvalho mentres o Bloco de Esquerda terá a José Sá Fernandes como candidato. António Carlos Monteiro podería concorrer polo CDS-PP. O secretario xeral do Partido Comunista Portugués, PCP, Jerónimo de Sousa, anunciou que o seu partido integrarase á candidatura de Rubén de Carvalho e o CDU. Outra posible candidatura é a de Manuel Monteiro polo partido Nova Democracia, ND, mentres Helena Roseta confirmou publicamente que concorrerá como independente polo movemento “Cidadãos por Lisboa”. |
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 15/06/2007 |
||||||||
|
||||||||