| Informe de Situación /
nº 003-03/2007 de 9 de maio |
||||||||
| Arxentina: Situación política cara as presidenciais 2007 | ||||||||
|
A grosso modo, esta decisiva conxuntura política preséntase favorable para o presidente Néstor Kirchner, debido tanto á estabilidade gobernamental como á notable recuperación económica do país, golpeada trala crise financeira de decembro de 2001 e as posteriores tensións políticas e de cambios de goberno. Este balance permite a diversos analistas considerar como un necesario bálsamo a aparición na política arxentina do cualificado como “factor K”. Neste sentido, o presidente Néstor Kirchner e o gobernamental Partido Xusticialista (de inspiración peronista) afrontan o proceso electoral especulando cunha serie de fórmulas políticas que poderían incluso promover a súa esposa e actual senadora Cristina Fernández de Kirchner, como candidata electoral presidencial. En diversos sectores oficiais se anuncia con certeza este posible ascenso político da Sra. Kirchner como candidata oficial dentro da fórmula electoral “Alianza Fronte Xusticialista”, tomando en conta a renuncia de diversas candidaturas internas e un considerable apoio popular, que diversas enquisas sinalan en torno ao 50% de aceptación. Considérase que os Kirchner poderían oficializar en agosto próximo a decisión final sobre a candidatura. No entanto, o propio presidente Kirchner segue barallando a posibilidade de presentarse a un novo período. Segundo unha enquisa realizada en marzo pasado polo Centro de Estudos para a Opinión Pública, CEOP, Néstor Kirchner, de 57 anos, vencería nunha primeira volta electoral cun 61% dos votos. Independentemente de cal dos Kirchner se presente finalmente como candidato, as súas posibilidades electorais aumentan debido a que practicamente se atopan sen rivais dentro do seu partido e cunha oposición politicamente dividida. Na balanza de candidatos cabe sinalar ao ex ministro de Economía Roberto Lavagna, un dos artífices da recuperación económica arxentina, quen decidiu lanzar a súa candidatura independente, aínda que probablemente co apoio da opositora Unión Cívica Radical, UCR. Outro candidato en potencia era Mauricio Macri, líder do centrodereitista Proposta Republicana, PRO, quen renunciou a presentarse como candidato presidencial, para poder optar como Xefe de Goberno da cidade de Bos Aires nas eleccións de xuño próximo. Macri, empresario e presidente do popular club de fútbol Boca Juniors, obtivo uns excelentes resultados nas eleccións lexislativas de outubro de 2005 e avanzaba con forza como posible alternativa opositora a Kirchner. Finalmente, Elisa Carrió, líder da centroesquerda “Afirmación para unha República Igualitaria”, ARI, tamén renunciou á súa candidatura presidencial. Carrió obtivo o segundo lugar nas lexislativas de 2005 pola cidade de Bos Aires. Se a situación política ofrece un panorama favorable para a parella Kirchner, o desempeño económico permite visualizar unha situación basicamente estable, aínda que con non menos complicacións macroeconómicas e políticas. A política económica de Kirchner caracterízase por un esencial intervencionismo estatal, en contraste coas políticas de libre-mercado de corte neoliberal imperantes na “era Menem”. Neste sentido, desde a súa chegada ao poder no 2003, os programas económicos de Kirchner e a redistribución de diversos ingresos fiscais e investimentos públicos lograron unha notable diminución nos índices de pobreza. Tamén existe un óptimo balance de crecemento do PIB, que no 2006 foi do 8,5%, cunha previsión de entre un 5 e un 7,5% para o 2007. Desde o 2002, a economía arxentina ven rexistrando un crecemento medio anual do 9% e un aumento dos investimentos estranxeiros do 11 ao 21,4%. Non obstante, os temores se traducen nos niveis de inflación e o gasto público. En xaneiro pasado, o Instituto Nacional de Estatísticas, INDEC, calculou a inflación nun 1,1%. Pero a polémica xurdiu cando, días antes deste anuncio, Kirchner intervira no INDEC para substituír Graciela Bevacqua, responsable do cálculo do índice de prezos ao consumidor. Os medios de comunicación e a oposición política acusaron a Kirchner de manipular as cifras de inflación con fins claramente electorais. Fontes do sector privado e analistas económicos calcularon a inflación nun 2%, mentres as asociacións de consumidores estiman que este índice foi do 9,8%. Para o 2007 se estima unha inflación do 15%. Outro dos factores de preocupación para a oposición, as consultoras de investimentos e diversos medios de comunicación, se concreta na concentración lexislativa de poderes presidenciais, outorgada en agosto de 2006 polo Congreso a Kirchner, e destinados a reasignar os fondos do orzamento nacional. Diversos sectores acusan a Kirchner de dispor agora dun “cheque en branco” para utilizar estes fondos públicos con fins electorais. Estes comicios presidenciais na Arxentina e a nova era política posterior semellan confirmar unha tendencia oficial a “pasar páxina” de diversas e tráxicas etapas do pasado, principalmente ante os crimes e as violacións de dereitos humanos durante a ditadura militar (1976-1983), e o legado da “era Menem” (1990-1999), coas posteriores crises económicas e políticas. Para acabar coa impunidade da ditadura militar, resulta significativa a decisión da Xustiza arxentina de anular os indultos do ex presidente da Xunta Militar, Jorge Videla, e do almirante Emilio Massera, responsables da política de tortura e asasinatos contra a sociedade civil e beneficiados por unha amnistía decretada en 1990, durante a presidencia de Carlos Menem. No asunto do legado da “era Menem”, un dos elementos de maior impacto socioeconómico foi a decisión tomada en febreiro pasado polo Congreso arxentino, de acabar coa privatización obrigatoria do sistema de pensións, que Kirchner propón agora como un sistema mixto onde a previsión pública teña un papel decisivo. Neste esforzo por diminuír o impacto do amplo proceso de privatizacións iniciado nos anos noventa, o goberno de Kirchner decretou a intervención estatal da empresa Aerolíneas Arxentinas, a empresa de Aeroportos e as Augas Arxentinas. Paralelamente, se estima que nun segundo período electoral, poderían xurdir tensións entre a empresa petroleira Repsol YPF e o goberno de Kirchner, por controlar os xacementos ou ben por aumentar a carga impositiva. Non obstante, existen diversos planos da conflitividade, traducidos
en protestas e manifestacións públicas por diversos casos de corrupción administrativa (principalmente
en torno á empresa enerxética estatal ENARGAS); e de corte diplomático, relativo á
controversia fronteiriza entre Arxentina e Uruguai pola presenza das papeleiras da empresa ENCE, cun impacto ambiental
que está provocando roces diplomáticos entre Kirchner e o goberno de Tabaré Vázquez. Tamén existen críticas dun estilo presidencial cualificado de vertical e intolerante, así como da persistencia de prácticas políticas clientelares, especialmente na relación entre o goberno central e determinadas provincias. Neste apartado, resulta principalmente significativo o caso que actualmente se vive na rexión de Santa Cruz, un dos exemplos de eficiencia sanitaria e urbana presentados por Kirchner cando era o seu gobernador nos anos noventa, e que agora afronta unha especie de “rebelión civil” contra un estilo presidencial presuntamente autoritario. No plano exterior, e tomando en conta a persistencia de determinados altibaixos na relación bilateral entre Arxentina e Brasil, principalmente en torno ás políticas comerciais e os mecanismos de integración de MERCOSUR, o goberno de Kirchner está activando con entusiasmo o proxecto de integración sudamericana, impulsado polo presidente venezolano Hugo Chávez, e que inclúe tamén a Bolivia de Evo Morales. Este mecanismo de interacción das redes enerxética (a creación da Organización de Países Produtores e Exportadores de Gas de Sudamérica, OPPEGASUR) e financeira (Banco do Sur como substituto do FMI), así como o desenvolvemento de redes de distribución hidráulica dende o mar Caribe ata a Terra do Fogo, amplía tamén un novo marco de integración política rexional, denominado Unión de Nacións Sudamericanas, UNASUR, impulsado por Chávez en abril pasado, durante o cumio enerxético da illa de Margarita (Venezuela). Kirchner amosa a súa simpatía e apoio e estes mecanismos, probablemente por cálculos estratéxicos: unha alianza con Chávez dentro dun “eixe UNASUR”, con Arxentina, Venezuela e Bolivia como principais focos de interacción, permitiría balancear o ascenso de Brasil como potencia rexional, a traveso de MERCOSUR. No cumio de Margarita, Brasil amosou as súas reticencias cos proxectos de OPPEGASUR e o Banco do Sur. Neste apartado, a fluída relación entre Kirchner e Chávez permitiu no pasado recente que o Banco Central de Venezuela comprara a totalidade dos bonos da débeda externa arxentina, a tal punto que o goberno venezolano constitúe un efectivo aliado exterior para Kirchner. |
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 20/05/2007 |
||||||||
|
||||||||