Informe de Situación / nº 002-02/2007 de 27 de abril Volver a TitularesVolver a Informe de Situación
Sáhara Occidental: Entre a autonomía e o conflito armado
 
 

  Protesta en Madrid pola autodeterminación no Sáhara; clic para aumentar
Non obstante, Crece o desencanto na poboación saharauí ante a irresolución do seu estatuto futuro. Un informe da ONU de outubro de 2005 alerta do empeoramento das condicións socioeconómicas do pobo saharauí e o deterioro dos dereitos humanos, produto da represión marroquí. Nestas condicións, en xuño de 2006, a Fronte Polisario anunciou oficialmente a súa intención de estudar a reanudación da “loita armada contra Marrocos”, en caso de persistir a indefinición da problemática saharauí por vías diplomáticas e políticas. (Foto: Protesta en Madrid pola autodeterminación do pobo saharauí o 21 de abril de 2007).
 
Sinopse

A recente presentación ante Nacións Unidas de dous novos plans para resolver o conflito do Sáhara Occidental anuncia un escenario que debería ser observado con detemento por parte da administración pública galega, tendo en conta o labor solidario de diversos concellos e colectivos sociais coa causa saharauí e dos intereses conxuntos entre Galicia e Marrocos, principalmente centrados no sector pesqueiro, pero tamén noutros (construción, etc).

Paralelamente, os recentes atentados terroristas en Alxeria e Marrocos obrigan tamén a seguir de preto conflitos aínda sen resolver que involucran a ambos países, como é o caso do Sáhara Occidental.

Non obstante, e a pesares da existencia desta nova vía de negociación, aumentan as demandas e expectativas, quizais soamente mediáticas, de reactivación da loita armada por parte da Fronte Polisario, derivadas da frustración pola aparente pasividade internacional ante o seu problema.


Análise

O pasado 16 de abril, o goberno marroquí e a Fronte Polisario, principal partido político e interlocutor da República Árabe Saharauí Democrática, RASD, presentaron ante a Asemblea Xeral das Nacións Unidas sendas propostas de definición sobre o estatuto do Sáhara Occidental.

Ambas iniciativas irrompen en escena ante a práctica paralización na resolución do conflito saharauí, principalmente trala recente confirmación da inviabilidade dos sucesivos “plans Baker I e II” (presentados a partires de 2001 polo ex secretario de Estado norteamericano James Bake), e que constituían o principal marco de referencia e negociación para os actores involucrados no conflito saharauí: a ONU, Marrocos, o Fronte Polisario, España, Alxeria, EEUU e Francia.


A visión de Marrocos

A proposta marroquí leva por nome “Iniciativa para a negociación dun estatuto de autonomía para a rexión do Sáhara”. Esta iniciativa promove a creación dunha “Rexión autónoma do Sáhara”, na que o Estado marroquí conservaría as responsabilidades de Defensa e Seguridade, Relacións Exteriores, Poder Xudicial, cuestións relixiosas e constitucionais que teñan que ver coa figura do Rei, así como a moeda e a bandeira.

Consecuentemente, esta iniciativa contempla a delegación nunha eventual “administración saharauí”, derivada do “Consello Real Consultivo para os Asuntos Saharauís”, con xefe de goberno e os seus ministros, así como con competencias en materias policiais, fiscais e económicas, de infraestruturas, educación, sanidade, culturais, medioambientais e, eventualmente, da explotación dos recursos naturais do territorio.

Tamén se estipula unha amnistía xeral para os dirixentes da Fronte Polisario presos nos cárceres marroquís, así como facilitar a repatriación e reinserción dos 180.000 saharauís refuxiados no campo de Tinduf (Alxeria).

Non obstante, esta iniciativa marroquí suprime calquera discusión sobre a soberanía saharauí do territorio, baseándose no principio de “soberanía, unidade nacional e integridade territorial” do reino marroquí, e evitando calquera mención sobre a posibilidade de celebrar un eventual referendo de autodeterminación.


A visión da Fronte Polisario

Paralelamente, a Fronte Polisario presentou a súa proposta, denominada “Proposición da Fronte Polisario por unha solución política mutua e aceptable sobre a autodeterminación do pobo do Sáhara Occidental”. Esta iniciativa conserva, a grandes trazos, o estipulado no “Plan Baker II”: un acordo para a celebración dun referendo de autodeterminación, cun período previo de cinco anos de autonomía que debería dar paso a unha consulta definitiva.

O referendo esixido polo Polisario contempla tres opcións: independencia, integración en Marrocos e autonomía. En caso da opción independentista, o Polisario garantiría unha política de “boa veciñanza” con Marrocos; a explotación común dos recursos naturais; a aceptación da nacionalidade saharauí “a todo cidadán marroquí legalmente establecido no territorio”; e “a renuncia a toda compensación pola destrución material ocorrida durante o conflito armado do Sáhara Occidental”.


A conxuntura política

A presentación de ambas iniciativas insírese nunha particular conxuntura internacional que, principalmente, favorece á estratexia marroquí de presentar unha proposición, oficialmente denominada como “non unilateral”, pero que busca adoptar un mecanismo de apertura co obxectivo de mellorar a súa imaxe internacional en materia de dereitos humanos, reforzar as súas alianzas políticas tradicionais con Francia, EEUU e España, e amortecer calquera deriva política interna, a traveso do ascenso dos partidos islamitas.

Neste sentido, o asinamento en marzo de 2007 dun acordo marítimo e pesqueiro entre Marrocos e a Unión Europea permitiu a Rabat afastar deste acordo a discusión sobre o “dossier saharauí”. Incluso, estipula a explotación dos recursos pesqueiros e a actividade de barcos europeos e españois no caladoiro do Sáhara Occidental “baixo a soberanía marroquí”, tal e como recoñecera oficialmente a mediados de abril o presidente do goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero.

Este acordo entre a UE e Marrocos contempla tamén a explotación conxunta dos recursos petroleiros e de gas natural e políticas de cooperación en materia de inmigración.

A posición do presidente Zapatero está tamén a incluír a problemática saharauí dentro da dinámica política actual que se vive en España, tomando en conta que o Partido Popular está subitamente apoiando as demandas saharauís de celebración dun referendo de auodeterminación.

Paralelamente, resulta imprescindible engadir que os recentes atentados terroristas en Casablanca e Alxer están persuadindo aos actores internacionais involucrados na resolución do conflito saharauí, sobre a urxente necesidade de atopar un consenso na negociación, a fin de evitar que este conflito se converta (como os casos de Palestina, Afganistán ou Chechenia) nun foco de inspiración militante dos grupos e células adscritas á “yihad” salafista impulsada por Al Qaeda, agora afincada na área do Magreb.

Neste sentido, e tralos atentados, o ofrecemento de cooperación en materia de seguridade realizada polo monarca marroquí Mohammed VI ao presidente alxerino Abdelaziz Bouteflika, a fin de propiciar un marco de seguridade conxunto no Magreb, permitiu un súbito achegamento nas delicadas e tensas relacións entre Rabat e Alxer, fortemente manifestadas no conflito saharauí.

Con esta iniciativa, Marrocos estaría obtendo un claro triunfo diplomático ao incluír dentro da axenda saharauí a problemática do terrorismo e o avance do islamismo radical no Magreb. A pesares de seguir a defender as demandas saharauís e das tensas relacións con Rabat, o presidente alxerino Bouteflika declarou nunha entrevista en marzo pasado que “o Sáhara non será motivo de guerra con Marrocos”.

Pola súa banda, a Fronte Polisario espera que o labor do novo secretario xeral da ONU, o surcoreano Ban Ki Moon, e o tradicional apoio alxerino á causa saharauí, poidan defender con mais firmeza as súas demandas dentro da Asemblea Xeral das Nacións Unidas, a fin de concretar un factor de equilibrio ante a evidente superioridade das alianzas marroquís.


A hora de reanudar as hostilidades?

Non obstante, crece o desencanto na poboación saharauí ante a irresolución do seu estatuto futuro. Un informe da ONU de outubro de 2005 alerta do empeoramento das condicións socioeconómicas do pobo saharauí e o deterioro dos dereitos humanos, produto da represión marroquí.

Nestas condicións, en xuño de 2006, a Fronte Polisario anunciou oficialmente a súa intención de estudar a reanudación da “loita armada contra Marrocos”, en caso de persistir a indefinición da problemática saharauí por vías diplomáticas e políticas.

Este posible escenario comprometería a situación da misión de paz da MINURSO (United Nations Mission for the Referendum in Western Sahara) enviada pola ONU en 1991 e prorrogada dende entón. Nos días anteriores á presentación das iniciativas en Nova York, a Fronte Polisario seguía a deixar entrever este posible escenario de reactivación da loita armada contra Marrocos.

Unha reanudación do conflito armado complicaría enormemente o escenario xeopolítico no Magreb, tomando en conta a superioridade militar marroquí (reforzada pola asistencia militar estadounidense e europea dentro da estratexia antiterrorista global) con respecto ás milicias do Fronte Polisario, con graves consecuencias na situación dos dereitos humanos da poboación saharauí.

Do mesmo xeito, o repentino rearme armamentístico de Alxeria, concentrado na perspectiva do goberno de Bouteflika e a súa casta militar de potenciar ao seu país como o principal polo de poder no Magreb, modificaría substancialmente o equilibrio militar no Magreb. Esta pretendida potencialidade alxerina, con Rusia como principal socio militar, ven manifestada polo aumento na fiscalización dos seus recursos en petróleo e gas natural, así como a dependencia europea neste apartado, que coloca a Alxeria como un socio enerxético clave e esencial.

Polo tanto, a potencialidade dun conflito entre Marrocos e Alxeria pola autodeterminación do Sáhara Occidental colocaría ao Magreb nunha delicada situación, incrementada ante o aumento do islamismo radical e o terrorismo “yihadista”.

 
Volver a TitularesVolver a Informe de Situación



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 20/05/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta