Informe de Situación / nº 001-01/2007 de 9 de abril Volver a TitularesVolver a Informe de Situación
Venezuela: A revolución de Chávez e o seu impacto na emigración galega
 
 

  Farruco Sesto Novás e Hugo Chávez; clic para aumentar
A definitiva conformación do PSUV influirá decisivamente na situación política dos dous ministros de orixe galega que forman parte do gabinete de Hugo Chávez: a ministra do Poder Popular para as Industrias Lixeiras e de Comercio, María Cristina Iglesias, e o ministro do Poder Popular para a Cultura, Francisco “Farruco” Sesto Novás. (Foto: Farruco Sesto Novás é xuramentado polo presidente Chávez no Salón dos Espellos do pazo de goberno de Miraflores, o 10 de xuño de 2004).
 
Ao inaugurar o seu segundo período presidencial en xaneiro de 2007, cunha duración que se prolongará ata 2013, o presidente venezolano Hugo Chávez prometeu o “afondamento do socialismo do século XXI”, unha proposta que suscita opinións e sentimentos contraditorios en diversas capas da sociedade venezolana.

Entre os estratos sociais de clase media e alta está localizada a comunidade emigrante galega, cunhas estimacións estatísticas que segundo o Consulado Xeral español en Caracas ascenden a 500.000 persoas, entre emigrantes orixinarios e os seus descendentes.

A posibilidade de que o goberno de Chávez avance decididamente no proceso de “construción socialista revolucionaria”, así como a incerteza ante o futuro e a inseguridade cidadán existente en Venezuela, persuade a varios membros desta comunidade a propiciar o retorno cara Galicia ou ben o éxodo a outros países. Estímase en millón e medio as persoas que abandonaron Venezuela desde a chegada de Chávez ao poder en 1999.

Neste sentido, a presente radiografía centrará a súa análise en tres aspectos principais:

a) O avance do proceso revolucionario de Chávez, especialmente na conformación do “Partido Único” e o seu impacto sociopolítico;

b) As perspectivas dos galegos involucrados na situación política venezolana, especialmente os dous ministros de orixe galega do goberno de Chávez;

c) O impacto da situación socioeconómica cara a emigración galega en Venezuela, especialmente ante as recentes medidas gobernamentais.

Posteriormente, se presentarán unha serie de propostas de acción dende Galicia, a fin de propiciar actuacións encamiñadas a atender as necesidades da emigración galega en Venezuela e a posibilidade de propiciar alternativas que rebaixen o nivel de polarización existente.


a) Chávez e o Partido Único

En decembro de 2006, tras obter unha contundente reelección presidencial, o presidente Hugo Chávez adiantou o seu programa de “afondamento do socialismo do Século XXI” para o período 2007-2013, tendente a crear as condicións para a definitiva construción dunha “sociedade socialista” en Venezuela.

Neste sentido, a súa proposta inicial foi a unificación dos diversos partidos e movementos que forman parte do “chavismo”. A oferta foi a creación do Partido Socialista Unido de Venezuela, PSUV. Chávez pediu ás súas diversas formacións políticas a disolución e integración definitiva neste “Partido Único” que espera concretarse nunha asemblea nacional o próximo 15 de agosto.

Ata o momento, os únicos partidos e movementos que anunciaron a súa “irrestricta” disolución dentro do PSUV foron a Unión Popular Venezolana, UPV, e o “Movemento Revolucionario Tupamaro”, MRT. Este grupo fundado tralo intento de golpe “cívico-militar” de Hugo Chávez en febreiro de 1992, é considerado por fontes opositores como unha “milicia armada” a favor do presidente Chávez, politicamente forte e activa no populoso barrio caraqueño de Catia.


a.1) As novas medidas presidenciais

Pouco antes de asumir o seu segundo mandato presidencial, o presidente Chávez realizou unha significativa remodelación do seu gabinete gobernamental que diversos medios opositores consideraron unha viraxe cara o “chavismo duro”.

Deste xeito, Chávez prescindiu de dúas relevantes figuras, o vicepresidente José Vicente Rangel e o ministro de Educación Aristóbulo Istúriz, sendo substituídos por dúas persoas afectas ao presidente: o seu irmán Adán Chávez na carteira de Educación e Jorge Rodríguez na vicepresidencia.

Posteriormente, Chávez asumiu o seu segundo mandato solicitando á Asemblea Nacional (totalmente controlada polos partidos “chavistas” tralo boicot opositor ás eleccións lexislativas de decembro de 2005) a prerrogativa de gobernar por decreto durante 18 meses en once áreas clave, o que en Venezuela se coñece como “Lei Habilitante”.

En consecuencia, Chávez anunciou unha nova reforma constitucional para os próximos meses, que permitira instituír oficialmente a “República Socialista Bolivariana de Venezuela”, así como iniciar unha “reestruturación das institucións do Estado para permitir o poder popular”. Este paso estipula a supresión das alcaldías, gobernacións e distritos electorais por “consellos comunais” e “organizacións de masas”.

Finalmente, o presidente reafirmou a celebración dun referendo en 2010 para lexitimar a “reelección presidencial indefinida”, así como unha ampla campaña de combate contra “a corrupción e a ineficiencia administrativa”.

Outra polémica medida gobernamental foi o anuncio da retirada da concesión radioeléctrica e o subseguinte peche do canal televisivo “Radio Caracas Televisión”, RCTV (o mais antigo do país) previsto para o 29 de maio de 2007, por consideralo “violador de preceptos legais establecidos na Lei de Radio e Televisión” e acusalo de apoiar “o golpe do 11 de abril de 2002”.

En paralelo a estas medidas, Chávez anunciou a total nacionalización das empresas Compañía Anónima Nacional Teléfonos de Venezuela, CANTV, a Electricidade de Caracas, e de subministro de auga, que estaban privatizadas desde 1991. Igualmente, anunciou o impulso dun novo marco de asociación entre a petroleira estatal PDVSA e as multinacionais estranxeiras, con ampla marxe de control para o Estado venezolano.

Estas medidas, xustificadas por Chávez para lograr a “decisiva construción do socialismo”, aumentaron os temores e as inquietudes en diversas capas sociais e servizos informativos nacionais e internacionais, por unha posible deriva presidencial autoritaria, a excesiva centralización do poder e a limitación e control dos espazos de liberdade individual e pública.


a.2) Os debates internos sobre o PSUV

En febreiro pasado comezaron a realizarse os debates sobre a constitución do PSUV, provocando unha serie de disensións en tres movementos do “chavismo”: o Partido pola Democracia Social, PODEMOS, escisión do Movemento ao Socialismo, MAS; Patria para Todos, PPT, unha división do partido sindicalista La Causa R; e o histórico Partido Comunista de Venezuela, PCV.

Estes tres partidos suman 35 parlamentarios dos 167 da Asemblea Nacional. PODEMOS posúe 18 deputados, tres gobernacións e 48 alcaldes; PPT ten dous ministerios, 11 deputados, dúas gobernacións e 28 alcaldes; o PCV conta con 7 deputados.

En canto a resultados electorais, tomando como base os comicios presidenciais do 3 de decembro pasado, dos 7,3 millóns de votos para o presidente Chávez, uns 760.000 foron de PODEMOS, 600.000 do PPT e 340.000 do PCV. Pola súa banda, o partido do presidente Chávez, o Movemento V República, MVR, obtivo 4,8 millóns de votos.

As razóns das críticas destes partidos á conformación do PSUV estriban na súa intención de preservar a “pluralidade” política dentro do chavismo e o seu rexeite a “fórmulas políticas verticais” e de “signo soviético”, tal e como explicara o líder de PODEMOS, Ismael García. Este dirixente afirmou que a decisión final de PODEMOS se realizará nunha asemblea nacional prevista para o próximo 10 de abril.

Non obstante, e a pesar da apertura dun intenso e democrático debate político, existe unha sensación de conflitividade interna dentro do “chavismo”. Nun acto simbólico de presentación de 2.400 voluntarios para a creación do PSUV, o presidente Chávez dirixiuse aos partidos “rebeldes” sinalando que “os que queiran facer oposición, que se vaian, pero fágano coa fronte en alto”.

Para gañar terreo, Chávez presentou o “comité táctico” do PSUV, integrado por fieis colaboradores do presidente baixo a dirección do seu irmán Adán Chávez. Aquí están incluídos o vicepresidente Jorge Rodríguez; o xeneral retirado Alberto Müller Rojas; a dirixente social da UPV, Lina Ron; o gobernador Diosdado Cabello; a ministra Érika Farías; e o parlamentario Roberto Hernández.


a.3) Escenarios a futuro

O escenario mais probable a curto prazo será unha marcada división política entre as bases e a dirixencia destes tres partidos, entre os que se queiran unir ao PSUV e os que prefiran preservar os seus respectivos partidos.

Diversos analistas especulan que este proceso podería conformar unha oposición política parlamentaria ao presidente Chávez, á que, hipoteticamente, poderían unirse a mediano prazo os diversos partidos que tradicionalmente conformaron a oposición e que actualmente atópanse politicamente debilitados e ausentes do parlamento.

Polo de agora, dous gobernadores e varios alcaldes de PODEMOS e o PPT anunciaron recentemente a súa definitiva integración no PSUV, así como cinco deputados de PODEMOS. Pola súa banda, os once deputados do PPT e do PCV aínda manteñen as súas posicións disidentes, pero a incógnita estriba en coñecer en qué momento poderían mudar cara o PSUV.


b) O PSUV e a presenza política galega

A definitiva conformación do PSUV influirá decisivamente na situación política dos dous ministros de orixe galega que forman parte do gabinete de Hugo Chávez: a ministra do Poder Popular para as Industrias Lixeiras e de Comercio, María Cristina Iglesias, e o ministro do Poder Popular para a Cultura, Francisco “Farruco” Sesto Novás.

Ambos son membros do PPT e representan cotas políticas de importancia nos oito anos que leva Hugo Chávez de goberno. Como ministra do Traballo, María Cristina Iglesias debeu afrontar as diversas folgas e momentos de tensión cos sindicatos ante as políticas laborais de Chávez entre 2001 e 2004, o período de maior tensión sociopolítica en Venezuela.

Pola súa banda, “Farruco” Sesto tivo un papel significativo como viceministro de Cultura no proceso de “revolución cultural” impulsado por Chávez a partir do 2001. A pesares das súas respectivas orixes galegas, ambos puideron formar parte do goberno de Chávez grazas á legalización da “dobre nacionalidade” estipulada na Constitución da República Bolivariana de Venezuela de 1999.

Con esta traxectoria gobernamental e dentro do PPT, ambos ministros atópanse cos mesmos dilemas que a dirección xeral do seu partido, a cargo de José Albornoz. Aínda non se coñece con certeza a posición real de María Cristina Iglesias e “Farruco” Sesto con respecto ao PSUV. Probablemente, nos seus cálculos, ambos ministros tentan balancear cal será a posición final do PPT e cales as súas posibilidades políticas, para finalmente decantarse por unha opción.

A significativa presenza do PPT no goberno de Chávez permite intuír que exercerá unha decisiva influencia no debate sobre a conformación do PSUV. Outros importantes membros do PPT que posúen cargos no actual goberno son Alí Rodríguez (ex ministro de Asuntos Exteriores, ex ministro de Enerxía e Minas, ex presidente de Petróleos de Venezuela, PDVSA, e actual embaixador en Cuba); Bernardo Álvarez (actual embaixador en Washington); e Aristóbulo Istúriz (ex ministro de Educación, defensor da revolución bolivariana e actualmente activista social polos dereitos das minorías étnicas).

Dun xeito global, existe unha significativa presenza galega en diversos ámbitos de actuación no actual goberno venezolano e o proceso de cambio: entre eles destacan Maricarmen Barca, concelleira dun municipio caraqueño; Gonzalo Gómez Freire, director da web “Aporrea” (http://www.aporrea.org), axencia informativa de contido popular afecta ao proceso revolucionario bolivariano, creada tralos sucesos do 11-14 de abril de 2002; e Óscar Noia, director do Instituto de Medicina Tropical de Venezuela.

Entre as personalidade relevantes, especialmente no sector financeiro, empresarial e político, debe mencionarse a Cándido Rodríguez, senador polo PSOE na provincia de Ourense, vicepresidente do Banco Occidental de Descuento, BOD, e presidente da Asociación de Empresarios Galegos en Venezuela.


c) A crise socioeconómica e a emigración galega

A pesares da mencionada presenza galega dentro do goberno de Chávez resulta evidente que dentro da comunidade galega en Venezuela, existe unha notoria posición contraria ao proceso impulsado polo presidente Hugo Chávez.

A presenza galega tamén foi notoria dentro da oposición política concentrada na desaparecida Coordinadora Democrática, especialmente por parte de Juan Fernández, ex directivo de PDVSA e ex presidente de “Gente del Petróleo”. Fernández actualmente se atopa fora de Venezuela, onde existen cargos xudiciais na súa contra por “incitación á rebelión social”.

Non obstante, o éxodo de galegos e os seus descendentes dende Venezuela a Galicia e outros países ven sendo unha realidade a tenor das derradeiras crises políticas e socioeconómicas de Venezuela: crise monetaria de 1983; explosión social de 1989 (o “Caracazo”); intentos de golpe militar de 1992; primeiro triunfo electoral de Chávez (1999); golpe e retorno de Chávez ao poder (abril de 2002); folgas petroleiras e tensión sociopolítica (2002-2003); triunfo de Chávez no referendo revogatorio (2004); e reelección presidencial e “afondamento da revolución socialista” (2006-2007).

Dende xaneiro pasado, o Consulado Xeral de España en Caracas informou da tramitación diaria, aproximadamente, de 1.000 pasaportes para emigrantes, descendentes e venezolanos, desexosos de abandonar o país.

Compre observar que con esta perspectiva de posible éxodo masivo de galegos e os seus descendentes nos próximos meses, as autoridades españolas e galegas deben asumir a responsabilidade de absorber unha emigración basicamente de notable nivel educativo e profesional e cunha considerable capacidade económica.

Con este panorama, a comunidade galega percibe como principais elementos de preocupación os seguintes problemas:

-Inseguridade cidadá e xurídica: Segundo a ONG “Asociación Civil Venezuela Segura”, ACVS, os índices de criminalidade en Venezuela foron calculados no 2005 en 57 por 1.000 habitantes, superando a un país como Colombia (38 por 1.000 hab.) e constituíndo o índice delictivo mais elevado de América Latina.

Segundo ACVS, desde 1999 faleceron en Venezuela máis de 60.000 persoas por sucesos delictivos. Tamén se observa un alarmante incremento dos secuestros (de 55,6 casos entre 1994 e 1999 a 183 casos no período 2000-2005) e a aparición do “sicariato” ou asasinatos selectivos, principalmente contra empresarios, latifundistas e líderes sociais defensores da reforma agraria proposta por Chávez.

Outro problema é o aumento do tráfico de drogas, utilizando a Venezuela como un país distribuidor cara EEUU e Europa. Non obstante, nos derradeiros anos as autoridades estadounidenses amosaron unha posición ambigua en canto á cooperación venezolana nesta materia.

Esta explosión da actividade criminal está relacionada coa baixa confianza cidadá nas súas institucións policiais e de seguridade, lastradas por problemas de corrupción e ineficacia administrativa.

Paralelamente, o proceso de polarización sociopolítica deu paso á aparición de grupos armados e milicias paramilitares, tanto afectos como contrarios ao proceso revolucionario. Neste apartado, fálase dunha “politización” da actividade criminal en Venezuela e a posible ampliación da “violencia social” cara fins de “violencia política”.

Diversas ONGs denuncian a actividade de grupos de extrema esquerda como os “Tupamaros”, o “Fronte Bolivariano de Liberación”, FBL, os “Carapaicas”; a posible presenza de elementos guerrilleiros (FARC e ELN) e paramilitares colombianos de extrema dereita, así como certos grupos de persoas vinculadas aos movementos armados anticastristas con base en Florida e contrarios á revolución de Chávez.

-Deterioro económico: Aínda que a economía venezolana medrou un 8,5% no 2006 favorecida polos altos prezos do petróleo (en torno aos $60/b) e que conta cun total de $55.000 millóns en reservas internacionais, a crise económica agudizouse en Venezuela nos derradeiros dez anos.

A inflación no 2006 foi a máis elevada de América Latina, calculada nun 17%. O elevado gasto público do 51%, principalmente destinado a programas sociais e rearmamento militar, crea distorsións a curto e mediano prazo no caso de que se produza unha caída dos prezos do petróleo.

O proceso de control monetario estatal, iniciado en febreiro de 2003, viuse complementado en xaneiro pasado tralos anuncios económicos gobernamentais.

Estes efectos foron principalmente notorios na compra e venda de divisas estranxeiras, elemento vital na viabilidade comercial e empresarial da comunidade galega: o dólar cotízase a un prezo fixo no mercado oficial (2.850 bolívares por dólar) mentres triplica o seu valor no “mercado negro”. Este proceso fomenta a especulación monetaria en divisas estranxeiras e a escaseza das mesmas.

Outros factores de inquedanza foron a caída da bolsa de valores de Caracas nun 18% e a depreciación da moeda nacional, o bolívar, nun 20%, tralos anuncios das nacionalizacións das consideradas “empresas básicas”.

-Tensións en relación á propiedade privada: O tema da propiedade privada e as presuntas “expropiacións” que podería levar a cabo o goberno de Chávez, causan preocupación na comunidade galega e foron obxecto de cobertura ao longo do 2007 en diversas reportaxes en diarios como La Voz de Galicia, El Mundo, El País, La Vanguardia, ABC e La Razón.

Non obstante, estas tensións non se manifestaron ata agora nun amplo proceso de expropiacións, tal e como explicara o embaixador español en Caracas, Raúl Morodo, salvo casos de confiscación de fincas e facendas negociadas polo Estado con determinados terratenentes de orixe galega, canaria e asturiana, como consecuencia da aplicación da Lei de Terras de 2001.

En oito anos, o goberno de Chávez interveu 1,9 millóns de hectáreas, un 28,7% dos 6,6 millóns de hectáreas que o goberno pretende intervir. Recentemente, Chávez anunciou a creación de “comandos” na súa loita contra o latifundio, para autorizar a próxima intervención de 200.000 hectáreas en 13 zoas agrícolas aínda non especificadas.

O proceso máis visible que afecta á comunidade galega, a tenor desta inseguridade económica oficial, ten que ver cunha marcada caída no valor real das propiedades privadas, dificultando as transaccións e alimentado a especulación.

-Temor á “cubanización” de Venezuela: Resulta común entre os membros da comunidade galega realizar unha comparación entre os procesos políticos de Cuba e Venezuela, á vista da estreita amizade e a alianza estratéxica entre Fidel Castro e Hugo Chávez, principalmente materializada no Acordo de Cooperación entre Cuba e Venezuela de outubro de 2000.

Estes vínculos, que se concentran principalmente nas áreas sanitaria e educativa, permiten aos galegos identificar unha posible “cubanización” da revolución bolivariana. Neste apartado, o sector educativo resulta ser o mais preocupante, tralo nomeamento de Adán Chávez, ex embaixador en Cuba, como ministro de Educación.

Este escenario aumenta o temor entre os galegos dun posible “adoutrinamento” socialista da educación pública, así como a paulatina eliminación da educación privada, principal sector onde estudan os descendentes de galegos en Venezuela.

Dentro dos comentarios e rumores sobre os plans futuros do goberno, tamén cobra forza a presunta aplicación legal da figura da “patria potestade” do Estado cara os menores de 18 anos.

O elevado gasto armamentístico do goberno de Chávez provoca tamén outro factor de preocupación, relativo á creación dunha Garda Territorial, exército de reservistas que espera alcanzar un millón e medio de efectivos totalmente baixo control do presidente. En consecuencia, é tamén evidente o temor á “politización revolucionaria” da Forza Armada Venezolana, dentro dun proceso de adoutrinamento socialista e bolivariano.

 
Volver a TitularesVolver a Informe de Situación



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 20/05/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta